A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 22 de marzo de 2009

SOBRE A CRISE DO RÉXIME

Roberto Laxe


 A crise económica que tensa todas as relacións sociais, arruína burgueses, enfróntaos por mellorar a súa cota na explotación da clase obreira, etc., vén xuntarse á do PP, como reagrupamiento de todos os franquistas que como o mesmo rei, foron amnistiados coa lei do 76.


Os escándalos de corrupción nos que esta inmerso, e que o goberno esta utilizando para desviar a atención da situación económica, é a crise do partido que reagrupou a todos os herdeiros do franquismo arredor á figura do antigo ministro de Franco, Fraga Iribarne. A el incorporáronse, como administradores dos límites que o réxime do 78 impuxo ao movemento de masas, todos os franquistas, falangistas, opusdeístas, e demais axentes da ditadura, todos eles moi interrelacionados coas institucións básicas mantidas na Transición, a xudicatura e o exército.


Alen diso, o PP expresaba os intereses dun sector da burguesía, profundamente ligada ao ladrillo e o capital financeiro (non é casualidade que estale en Valencia e Madrid, dúas das zonas do estado con maior dependencia da burbulla inmobiliaria), que a crise económica veu a levarse por diante.


E nunha sorte de axuste de contas entre burgueses -nos EEUU, nin curtos nin perezosos, van a meter na prision a un dos especuladores máis grandes do mundo-, un sector do aparello xudicial con Garzón á cabeza asume a tarefa de “limpar” de corruptos e especuladores, coma se con iso, limpase ao sistema capitalista.


Mais pola sua interrelación co aparello xudicial, do que é prácticamente o seu portavoz político, o encarcelamiento de dirixentes do PP, o cuestionamiento de dirixentes de Comunidades Autónomas, etc., esta provocando unha crise moi seria nunha das institucións básicas de calquera réxime, o aparello xudicial e o seu órgano máximo, o Consello de Poder Xudicial.


Os enfrontamentos entre xuíces e fiscais, as denuncias e contradenuncias, xustifican o devandito popular de que “a xustiza é un cachondeo”. Pero as consecuencias son profundas, a principal fonte de legitimación da represión que é o “imperio da lei” e os seus ejecutores, os xuíces, están postos en cuestión por todos os sectores.


E no centro de todo, como case sempre, a Audiencia Nacional, a herdeira do franquista Tribunal de Orde Publico, que con esta guerra contra “a corrupción”, pretende lavarse a cara do seu verdadeiro papel, represora dos dereitos dos pobos e dos activistas independentistas vascos, cataláns e galegos. A exixencia de disolución da Audiencia Nacional é unha das reivindicacións democráticas básicas na loita contra o réxime da monarquía.


Un réxime cuxa institución fundamental, o monarca, esta prácticamente desparecido ante unha crise como a que esta sufrindo a clase traballadora do Estado. Esta claro que o pacto de silencio e amnesia colectiva sobre o que se sustenta o actual réxime, tralos recortes á lei de la “des”memoria historica, renovouse. A burguesía é consciente de que a medida que a loita obreira e popular se agudice e profundice, os choques coas institucións do réxime van estar á orde do día, e para iso é necesario contar coas súas institucións fundamentais intactas diante da poboación.


Por este motivo, xa pasou ao caixón dos esquecementos calquera proposta de reforma da constitución. A unidade en torno ao rei, como única institución aínda non desprestixiada diante da poboación, vai ser determinante no futuro.


Mais a crise, os sufrimentos das masas, o desemprego e a pobreza crecente, vai a abrir un abismo entre unha institución parásita como a monarquía e unha clase traballadora empobrecida por ese mesmo réxime; o que fai que a batalla pola ruptura coa monarquía, pola republica, váiase a poñer no centro do conflito, abarcando a cada vez máis sectores sociais.


21 de marzo de 2009


 



sábado, 7 de marzo de 2009

AUTONÓMICAS 2009. GANEN UNS OU OUTROS, SEMPRE PERDEN OS MESMOS

Carlos Dafonte




A pesares do “empantanamento electoral” do PP, subiu respecto das anteriores eleccións autonómicas un cativo feixe de votos, o bipartito foi derrotado con contundencia polos seus propios electores que lle deran hai catro anos a posibilidade de constituírse como goberno. Agora lle fan perder en conxunto aproximadamente 120.000 votos e dous deputados; un na circunscrición onde se presentaba o Presidente e outro na do Vicepresidente. ¡¡¡Máis claro auga!!! Cos nosos votos e os nosos devezos non se xoga, dixeron posiblemente sectores da vangarda política dos asalariad@s, sectores da esquerda, que votaron ó PSOE e BNG no ano 2005, “co dedo no nariz”, para botar fora da Xunta a Fraga, diante da ausencia dunha forza política que os representara.


Pero estes catro anos de “bipartito” deixoulles claro, que fronte á crise e ás políticas neoliberais estaban indefensos, que @s traballador@s asalariados non tiñan voz no Parlamento galego nin nas institucións que PSOE e BNG xestionaban e seguen a xestionar. E non só iso, que as que levaron adiante desde a Xunta eran políticas continuístas das levadas a cabo polo “PP da boina” e ó servizo dos intereses da burguesía, a do despido libre e a desestruturación do mercado laboral, a dos ERES, a das inxentes ganancias nos pasados anos que agora se apresta a recibir fondos públicos sen que se lles pregunten onde están os beneficios, a que pide a redución dos salarios, cotizacións á seguridade social e rebaixas fiscais para empresas ; por iso milleiros de galeg@s ficaron na casa ou votaron branco e nulo.


Pero o 1 de marzo debe ser tamén o día no que se abra unha nova etapa para a sociedade galega, a da reconstrución da esquerda a cabalo da posición de importantes sectores sociais que dixeron ¡¡basta!! á chantaxe do chamado voto útil, que estes catro anos amosaron que era inútil, e a quen converten a acción política nunha constante farsa, abandona a rúa e os movementos sociais, non fai caso das reivindicacións populares e pensan que con esmolas e bailes de salón, poden gañar votos; en resumo dixeron basta a quen, viñamos denunciando xa hai tempo, pensan que favorece-los sectores burgueses da nosa sociedade é a única forma de crear emprego e conseguir riqueza. No fondo convertéronse en organización políticas da burguesía.


Nestes catro anos o bipartito, ensimesmado na xestión dunhas institucións que só serven ós intereses dunha clase social minoritaria, baleiradas de contidos por Bruxelas e enlamadas na herdanza do fraguismo, foi incapaz de rachar coa dinámica anterior e toda unha serie de proxectos demagóxicos e despilfarradores e dar un xiro, con outra política máis próxima ás necesidades reais do país. E apoiar eses proxectos se que é despilfarro, aínda que a extrema dereita se empeñe en sinalar a reforma duns despachos e a merca dun automóbil, como o exemplo máis salientable do “desmadre” da Xunta bifronte. É curioso ninguén fala nestes tempos de crise, dun gasto que aparece nos orzamentos aprobados en Madrid, “camuflado” entre varias partidas que representan 68 millóns de euros diarios: os gastos militares. Orzamentos que PSdeG e BNG aprobaron para conseguir esmolas con que continuar as políticas neoliberais en Galicia.


Para que queremos un AVE a Madrid, cando temos unha rede ferroviaria obsoleta, sen electrificar nunha grande parte, sen dobre vía, incompleta para a vertebración de Galicia e con tres aeroportos?. Repetimos os erros da Lei de Ferrocarrís de 1855; si, dixen ben 1855, no chamado Bienio Progresista, na que o tendido do camiño de ferro reflictía a estrutura dun estado centralista en que todo tiña que pasar por Madrid. Pero agora estamos nun proceso de descentralización do estado e ¿non sería máis eficaz, no caso de que houbera que construír un AVE, facelo cara Euskadi, a Rioxa, o val do Ebro, Cataluña e Francia, onde se atopa unha parte da economía máis activa do estado? ¿Como non paralizaron a “come cartos” da Cidade da Cultura? Ou ¿como con dous portos exteriores próximos en construción, Ferrol e Coruña, agora establécese Vigo como punto de almacenamento da autopista atlántica en dirección Francia? ¿E como se van sacar todas esas mercadorías coas deficiencias do noso ferrocarril?¿Por estrada cando o que se tenta con esta autopista do mar e libera-las estradas de camións?


Plan acuícola e eólico, canteiras no Courel, etc. Toda Galicia ó servizo dos intereses capitalistas. Carencia de planificación, falla de transparencia na xestión, privatización de numerosos servizos públicos, consolidación das Deputacións, tamén onde as gobernan, alonxamento do administrado, da veciñanza, son entre outros, elementos que axudan a comprende-lo voto do 1 de marzo.


Pero que ninguén se deixe enganar por este “novo PP”, o do “birrete”, segundo a denominación acuñada hai anos, para diferenciar o PP dos baróns provinciais, do “de Madrid”, do de Rajoy. Coñecémolo ben despois dos anos do fraguismo. Tra-la renovación das persoas, como non podía ser doutro xeito, seguen as mesmas ideas de facer paga-l@s traballador@s a crise do capitalismo, de recorta-las liberdades, de ataca-las singularidades dos pobos do estado, de privatizalos servizos, etc. Coñecémolos o suficiente para saber que non cambiaron.


Nunca se debe deixar de loitar por unha sociedade máis xusta. Nesta perspectiva hai que converte-lo voto de castigo ós farsantes, nun voto pola reconstrución da esquerda; sempre é o momento, pero agora o camiño se vai clarexando, de abrir un debate entre os que queremos transforma-la sociedade, poñerlle fin ó capitalismo depredador, para atopar estruturas organizativas comúns que pulen este devezo. E abandonade toda esperanza de rectificación do PSOE e BNG, da posibilidade dun “xiro a esquerda”.




En Galicia no mes de Marzo de 2009