A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 16 de octubre de 2012

LIBERALISMO, DEMOCRACIA E PROCESO ELECTORAL EN GALICIA


Carlos Dafonte

Hai moitos anos o filósofo francés Voltaire sentenciou: “Se queredes amosarme a excelencia do voso sistema político, non me levedes a visita-las sés da vosas institucións, levádeme a visita-las vosas cárceres”.
Pois ben, nestes tempos que destacan pola perda de dereitos da maior parte da sociedade, de descenso do que chamamos “nivel de vida”, de deterioro de servizos sociais básicos, tempos no que unha parte da sociedade toma as rúas para defenderse da agresión que a minoría no poder leva a cabo contra a maioría da sociedade, parangonando ó filósofo francés poderíamos dicir, que a saúde da democracia, saída da constitución de 1978, pódese medir pola actuación do Ministerio do Interior e das forzas represivas.
O longo de todos estes anos, non percibín na actuación da policía, na represión das mobilizacións populares un cambio cualitativo ca época da ditadura. O único, que agora teñen máis preparación, máis medios, maior eficacia e polo tanto compórtanse nas rúas con maior violencia, con maior brutalidade, excluíndo cando disparaban, feito que na época da ditadura era cotián. E este feito, e penso non estar trabucado, merece unha reflexión que debemos levar adiante na sociedade.
As escenas de represión que vemos nos últimos anos nas rúas do estado español, son arrepiantes; moito maior no grao de violencia e a falla de respecto á cidadanía, que a que se produce en casos similares en países do noso entorno e cun sistema político homologable. A maior parte das veces os medios empregados para reprimir son desproporcionados en relación o que tentan evitar; do que parece que se trata e de aterrorizar, paralizar futuras mobilizacións, evita-lo dereito de manifestación, converter ese dereito nun constante perigo de sufrir golpes, humillacións e lesións graves. E non podemos atopar diferencias, aínda que pareza difícil de admitir, entre quen exercía nese momento a autoridade transferida sobre as forzas represivas; teño visto escenas de represión tremendas en Cataluña por parte dos “mossos” cun conselleiro de Iniciativa, Joan Saura, case idénticas ás da Policía Nacional cando no ministerio do interior “exercía” Rubalcaba do PSOE, e agora con ese ministerio en mans do PP. Non hai diferencias.
Os últimos “acontecementos” producidos a redor do 25 de setembro, do inicio da campaña electoral en Galicia ca protesta dos traballadores dos estaleiros, ratifican todas as anteriores apreciación. Se tivésemos que xulgar o sistema de liberdades no estado, teríamos que dicir que a vista do acontecido neses días, e os debates posteriores entre representantes de diferentes partidos, o noso sistema esta enfermo, nun estado de extrema gravidade. Pero non nos enganemos, a represión brutal, indiscriminada e un síntoma dunha enfermidade máis grave, non é a enfermidade. A enfermidade é a incompatibilidade entre capitalismo e democracia, que nos tempos de crise aguda, como son os actuais, sitúa a esta contradición nun primeiro plano, e con toda a súa crueza.
O capitalismo xa non ten, a quen vai enganar a estas alturas do proceso, discurso lexitimador, o que Lester Thurow chamou “lexítima historia”; e non existe pola razón de que non pode ser un sistema de conceptos racionais capaz de integra-los membros da sociedade nun plano etico-político, que non supoña ningún tipo de retroceso con respecto a ideais, que ata hai 40 anos, as sociedades capitalistas dicían defender. Hoxe todas esas ideas están arrumbadas, aínda que nun principio pensasen, algúns inxenuos, que os resultados ían ser outros, coa desaparición da URSS e o resto dos países, onde o capitalismo desaparecera e a burguesía fora expropiada, e ca derrota das forzas da esquerda que se concretou na disolución da maior parte dos partidos comunistas e a perda de influenza nas respectivas sociedades, das ideas de emancipación e cambios de estrutura polas que estes loitaran.
Do que o capitalismo nos fala agora e nos tenta impoñer, é da “democracia liberal”, un concepto que encerra unha forte contradición que o anula. Mentres a democracia sempre debe orientarse a supera-los intereses individuais e poñer en primeiro termo os colectivos, o obxectivo debe ser consegui-lo benestar para a maior parte da sociedade, o liberalismo exalta o interese individual, a busca do beneficio persoal; polo tanto sitúa nun primeiro termo a economía por enriba da política; teñen aversión á política, por iso tentan restrinxila acción política, sindical, etc, xa que consideran que esta, limita a liberdade individual, a liberdade para facer negocios e enriquecerse, a liberdade para explotar a forza de traballo, a liberdade para a desigualdade. Pero esta posición encerra tamén outra contradición, pois só por medio da política, poden os liberais acada-lo poder, que lles permite satisface-los seus obxectivos. Nesta perspectiva hai que analizar as posicións da presidenta da Comunidade Autónoma de Castela a Mancha, de non pagar ós deputados autonómicos, a redución do número de deputados en Galicia proposto polo PP, e o ataque constante contra os sindicatos, lanzados por Aguirre na Comunidade de Madrid.
E fronte á democracia burguesa tradicional, os liberais, aínda que non o expliciten, opoñen o mercado, o espazo onde se desenvolve perfectamente a desigualdade humana, algo inherente a natureza, pensan, síntoma e causa da liberdade, segundo eles. Esa é a verdadeira enfermidade que ataca nestes momentos ás sociedades capitalistas, o predominio do mercado sobre a sociedade e o estado.
Hai anos podían dicir que a democracia burguesa estaba asediada desde o exterior, por modelos sociopolíticos que lle disputaban o terreo. Hoxe non, acabouse o engano; a democracia burguesa keynesiana de despois da segunda guerra mundial, onde unha parte moi importante das sociedades do centro do sistema capitalista, gozaban de importantes servizos e privilexios, quen a puxo en perigo e acabou con ela, foron razóns obxectivas que xa teño explicado, e o acoso de forzas internas que a queren converter, en aras da preeminencia do mercado, nunha caricatura do que foi. A crise do keynesianismo, a consecuencia da queda da taxa de ganancia, permitiu a recomposición capitalista baixo a óptica do liberalismo e a expansión dos mercados. Co trunfo dos mercados, todo ten un prezo e de todo pódese sacar beneficio. Todo dereito e servizo público, convérteno en mercadoría e se alguén quere gozar deles, ten que mercalos e todo isto produce un enorme desequilibrio entre mercado, estado e sociedade, en beneficio do primeiro, poñendo en cuestión a propia democracia burguesa, tal como a coñecíamos ata o de agora.
Na democracia burguesa tradicional, aínda que moi manipulable, en teoría, é a base, a sociedade, a que decide por medio do seu voto; nela reside a soberanía de onde procede o poder político; no mercado é a cúpula onde se atopa o poder fundamental; lembremos Grecia e Italia e a substitución dos seus gobernos por ditado dos mercados, sen participación cidadá; tamén é un exemplo o caso da modificación da Constitución no estado español, polo PP e PSOE, para que o pago da débeda sexa prioritaria; os mercados mandan e a cidadanía non participa; ou cando se aprobou a Constitución europea sen referendos en numerosos países.
Este dominio dos mercados no estado español, tamén necesita, para afianzarse, do menoscabo da política e do público; e hai que recoñece-lo, algúns políticos, case sempre liberais e de dereitas, cas constantes corruptelas, roubos e falcatruadas, que fan, axudan moito ós mercados neste obxectivo. Cando coñecemos as enquisas e vemos que os políticos atópanse como un dos problemas máis importantes da sociedade, estamos a constata-lo trunfo ideolóxico dos mercados; os que os defenden, para afondar máis no menoscabo da política, falan sempre de “clase política”, curiosamente cando negan moitas veces a existencia de clases na sociedade e a loita entre as mesmas, co obxectivo de poñer os intereses dos políticos corruptos e dos que non o son, nun mesmo plano.
Ó sector público o tachan sempre de incompetente, con tendencia a malgastar, e polo tanto debe ser substituído pola xestión privada, que para estes voceiros do capital, é eficiente, coidadosa cos cartos de todos, etc. Nada que ver ca realidade, a experiencia nos permite afirmar todo o contrario, que o privado funciona mal, gastan máis e unha parte importante de ese gasto é beneficio para quen moitas veces acada os contratos dun xeito ilexítimo. Pero a realidade é que nestes anos numerosos servizos públicos, en mans de Concellos, Deputacións e Administracións Central e Autonómica, foron privatizados por numerosos partidos do arco parlamentar, moitos dos que se autodenominan de esquerdas e contrarios ó liberalismo.
Unha verdadeira democracia debe tender, como di Atilio Borón, á conversión do pobo en cidadanía dotada de dereitos. Nunha sociedade dominada polos mercados prevalece a lóxica contraria. O poder non ten interese algún na participación da maioría da sociedade; tenta pola contra, fragmentar, desunir, baseándose na competencia feroz entre individuos onde só os máis aptos, que sempre son os que teñen máis medios, deben sobrevivir. A nova lei de educación que anuncia o ministro Wert, e as reformas universitarias que se coñecen como Plan Bolonia, van nese camiño.


Coa imposición das súas normas, algúns, unha minoría, gaña e outros, a grande maioría perde; son os que non souberon, afirman cun cinismo inaudito, aproveita-las oportunidades, a culpa a teñen eles mesmos, a sociedade nada debe facer para soluciona-los seus problemas. E entramos noutro aspecto do sistema político que é fundamental, o tema da xustiza; sen ela non pode haber democracia; nas sociedades onde as diferencias entre ricos e pobres son enormes, non existe; de pouco vale o voto se a riqueza en mans duns poucos, impón os seus criterios. Pode existir xustiza nunha sociedade na que se carga o peso da crise económica sobre as costas dos que menos teñen, en beneficio dos que monopolizan a riqueza producida por toda a sociedade?. A existencia da xustiza e incompatible cos mercados, paralizaría a súa acción, cando “campan as súas anchas” é a maior evidencia de que non existe.
As conclusións deben ser sacadas despois de reflexionar sobre estes e outros temas, sobre todo cando nos atopamos nun proceso electoral, inmerso na intensificación da loita de clases e coa clase dominante utilizando todos os medios ó seu alcance para acada-los seus fins. Non hai hoxe unha institución do estado, empezando polas “forzas de seguridade”, ca súa actitude brutal, que non se atope xogando o seu papel ó servizo desa minoría explotadora e aínda que pode haber moit@s que pensedes o contrario, as eleccións do día 21, son outro chanzo máis na escada que leva a afondar máis na derrota d@s traballador@s; en ausencia de discurso lexitimador, boas son unhas eleccións e os seus resultados. Todos os días nos restregan pola face que o PP acadou un enorme apoio electoral e iso lle permite aprobar calquera medida, estivera ou non, no seu programa
Nin PP, nin PSOE deberan recibir apoio, nin os partidos e organizacións políticas que estean dispostos a apoiar, despois do día 21, calquera alternancia no poder que pase por estes dous partidos.
Os tempos son chegados e diante dunha situación de emerxencia, os electores deben tomar medidas de emerxencia; hoxe é fundamental dicirlles ós representantes políticos da clase dominante e os seus monaguillos, que non entramos no seu xogo, que o seu proxecto de democracia só serve para afianzarlles máis no poder, un poder ilexítimo; que nas actuais circunstancias, un home unha muller un voto, non nos conduce cara a nosa liberación.

En Galicia no mes de outubro de 2012

1 comentario:

  1. Unha reflexión útil, mesmo despois de celebradas as "eleicións". Concordo practicamente ao 100% con esta entrada e tuiteeina.. Saúdos, cda. (Xosé Collazo Castro)

    ResponderEliminar