A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.
G. Lukács
miércoles, 29 de agosto de 2012
A PROXIMIDADE DO PROCESO ELECTORAL E A CREACIÓN DA SIRYZA GALEGA"
Carlos Dafonte
O Partido Popular
anunciou o adianto das eleccións ó Parlamento galego para o día 21
de outubro, coincidindo coas eleccións no País Vasco. Dixeron que o
fan así, só pensando en Galicia e nos galegos e galegas, pero todos
pensamos que hai outras razóns para aprobar esta medida. En primeiro
lugar o deterioro social e económico producido polos acordos tomados
polo goberno central, que contaron co apoio incondicional da
organización de Galicia; temen que canto máis tempo pase e as
repercusións das políticas do PP, deterioren aínda máis a
situación d@s asalariad@s,
máis custoso lles vai ser obte-la maioría absoluta. Non teñen
confianza en que as medidas que aproba o seu partido desde o goberno
central, melloren a situación; teñen a certeza de que vai se-lo
contrario, e adianta-las eleccións, pensan, é un mal menor.
En segundo, para
aproveitar os problemas serios que están a pasar as dúas principais
forzas da oposición.
Un PSOE despois do
trompazo electoral nas eleccións xerais, sen proxecto e sen liderado
en Galicia, sen candidat@ á presidencia e ca maioría das
organizacións en plena controversia por acada-lo poder por parte de
diferentes sectores.
E o BNG tentando
recuperarse despois das disensións da última Asemblea Nacional, que
finalizou coa marcha de colectivos e personalidades moi importantes
para numeros@s elector@s da formación nacionalista.
Estas son entre outras,
razóns polas que o PP convoca anticipadamente as eleccións,
deixando sen resolver temas como o da banca galega, Alcoa, a redución
do número de parlamentarios, que hai pouco tempo parecíalles moi
importante, a situación do campo, as listas de espera na sanidade,
etc.
A proximidade de procesos
electorais, produce sempre unha reacción en numerosos militantes e
organizacións que Lenin cualificou de estupidez; na acepción de
confusión, que non ven nada moi claro. O dirixente bolxevique,
sabemos, era moi contundente nas súas afirmacións, eu que son
menos, direi que a proximidade a procesos electorais produce en
numerosos dirixentes e organizacións políticas reaccións curiosas,
cando non, fora de lugar.
Traio todo isto a
colación pola proposta de hai uns días de Esquerda Unida-IU, que
tivo maior repercusión nos círculos políticos que na sociedade e
nos medios informativos, de formar "unha Siryza galega" de
cara o próximo proceso electoral autonómico; non me parece unha
proposta moi pensada vindo de quen ven; paréceme froito da
improvisación, diante dun proceso político, no que están abocados
a presentarse cun pequeno bagaxe de traballo na sociedade, cando as
circunstancias, moi penosas para quen é o principal grupo de onde
debe saca-los votos EU-IU, esixía despregar unha grande iniciativa
na sociedade, nas institucións nas que se ten presencia e unha forte
política de oposición a todas as medidas que se están a tomar
contra os asalariados, contra a democracia, que aínda que deturpada
permite un certo grado de actuación, e contra o que podemos chamar
xenericamente, a cultura galega.
Como nestes catro anos se
fixo un traballo moi cativo na sociedade, parece que un xeito de
esconder uns resultados presumiblemente malos, vai ser dar un
salto ó baleiro, facendo un chamamento á creación dunha nova
organización, pero no fondo o que se esta a propor é formar unha
alianza electoral, pois non vai ser máis que iso, no caso de que se
chegue a algo concreto, o que verdadeiramente propón EU-IU.
Esta organización debía
ter unha certa experiencia das alianzas cos nacionalistas; pactou hai
anos con Esquerda Galega e hai poucos coa FPG, proceso que culminou
con grande rebumbio nun teatro de Compostela, que deu como froito
algunha candidatura municipal, e despois cada organización seguiu o
seu camiño, como se nada tivera pasado.
A proposta de pacto
electoral volve a ser cos nacionalistas, "non hai dúas sen
tres", con preferencia con algúns dos que se separan do BNG
despois da última Asemblea Nacional, e marcharon facéndolle, ata o
que eu sei, unha crítica, á organización que abandonaban, no senso
de xirar cara a esquerda, cara a unhas posicións alicerzadas no
pasado e fora da realidade, cando a percepción que moitos temos é
que o BNG se xirou, o fixo cara a dereita o que se plasmou nestes
anos no apoio nas Cortes ás políticas antisociais de PSOE a cambio
de "conseguir para Galicia" cousas que nunca se
concretaron; no "goberno bipartito de Galicia", que foi
como un "electrochoc" para moita xente que confiaba no BNG,
e que veu defraudada esa confianza e confirmaba o xiro a dereita que
xa se perfilaba nas políticas municipais destes últimos anos: Pero
tamén hai xiro á dereita por parte do BNG no abandono da rúa, da
mobilización social, para pecharse nas institucións, como se desde
as mesmas se puideran solucionar todos os problemas que hoxe teñen
@s galeg@s, esquecendo unha premisa que debe diferenciar a unha
organización de esquerdas de unha que non o é, a certeza de que o
estado burgués, e os Concellos, Deputacións e institucións
autonómicas son parte do mesmo, están deseñadas en función do
interese da clase dominante e moi pouco, non digo que nada, se pode
conseguir desde o mesmo en beneficio d@s traballador@s asalariad@s.
Pois ben con tod@s @s que
saen "pola dereita" do BNG, aí se sitúan el@s, é con
quen EU-IU tenta pactar, e van ser os que terán maior peso nesa
futura alianza electoral, aspecto que non me parece pouco relevante e
que significaría, aínda que o podan negar, un paso atrás moi
importante na necesaria reconstrución da esquerda en Galicia.
Unha forza de esquerdas
nos momentos actuais, onde o capitalismo amósase realmente como o
que é, un sistema de explotación desapiadado, que malgasta a
inmensa riqueza xerada polos traballadores, que a privatiza e cando
hai perdas, as socializa, que cas reformas que esta a tomar na
maioría dos países do centro do sistema, nós sitúa nos finais do
século XIX; unha forza de esquerdas repito, non se pode agochar,
camuflar, ten que dar pasos adiante, ten que orientar tamén a
aquel@s que non lles voten, ca elaboración dun proxecto alternativo
de creba co capitalismo, cas súas políticas e cas súas estruturas
institucionais, cun programa onde xunto cos obxectivos estratéxicos
a longo prazo, aparezan elementos tácticos e cun discurso adecuado,
para así conseguir que os votos que acade EU-IU, non sexan só de
castigo, de cabreo, froito do fraude que outras forzas cometen co seu
electorado, votos que chegan e marchan con moita facilidade, son moi
volátiles, senón que sexan votos froito do convencemento, da
aceptación dun proxecto distinto. Do que se trata é ser a vangarda
das loitas, e para iso non fai falla ter moitos militantes, só ter
un proxecto, un programa e un discurso adecuados, e levar a cabo un
traballo constante na sociedade.
Sería máis rendible
para EU-IU e a esquerda, facer unha análise sobre os resultados da
organización grega; de como unha forza que naceu como unha copia de
IU, iso afirmaron no seu momento moitos dos seus dirixentes, cun
programa moi parecido e con posicións seguidistas co PASOK, o
partido que se denomina en Grecia, como o PSOE, socialista, aínda
que como aquí non o sexa. A partires dos inicios da crise soubo
evolucionar e presentar un programa de rotura en moitos aspectos, a
Unión Europea, por exemplo, co PASOK, etc, e face-lo posible para
diferencia-lo campo do neoliberalismo do campo da esquerda; o que en
tempos chamábamos en IU, "as dúas orelas". No estado
español escolleuse outro camiño, que non conduce a ningures, o de
"facer xira-lo PSOE á esquerda", o que non é unha utopía,
que sempre se teñen acadado, senón unha quimera, algo
imposible de conseguir. As posicións de IU con respecto ó PSOE,
durante estes anos e a formulación dos pactos IU-PSOE como “pactos
de esquerda”, por exemplo en Andalucía, fan moi pouco a favor da
necesaria reconstrución da esquerda no estado español; tamén a
incapacidade de IU para dirixir nas actuais circunstancias, a loita
contra as políticas neoliberais, presa das súas posicións respecto
ó PSOE e as burocracias sindicais. Con moita benevolencia, pero sen
chamarlle as cousas polo seu nome, Julio Anguita dixo que IU estaba
“desbordada” e patrocina a creación dunha “fronte cívica”.
Pero volvendo a proposta
feita en Galicia, penso que é contraditoria, pois EU-IU debíase
considerar a Siryza galega; e se non é así, explica-las razóns e
cales son os elementos a engadir, e non siglas, senón programáticos
e de acción, que lles aproximen á forza grega.
O que favorecería esta
construción sería entre outros aspectos, en primeiro lugar, abrir
un debate na sociedade galega sobre que significa hoxe a loita polo
poder, como conseguilo, como levantar un dobre poder, con quen; o
papel das institucións no mesmo. En segundo debía de estar aberto,
desde hai tempo, un debate sobre que modelo alternativo ó
capitalismo; a formulación dun programa de esquerdas, e non me veñan
co modelo socialdemócrata, de capitalismo de faciana humana e
algunhas outras cousas polo estilo, pois iso, por moita xente de
prestixio que o defenda, xa non vai ser posible, entre outras
razóns, por vivir nun mundo globalizado onde a libre circulación de
empresas e capitais é un feito, con toda a serie de privatizacións
que PSOE e PP levaron adiante, en plena derrota das forzas políticas
de esquerda, cunha construción europea imperialista, coa
desaparición dos países que servían de contrapeso ó capitalismo e
cunha crise xerada pola caída da taxa de ganancia, froito das
contradicións do capitalismo. Hai que aceptar que non hai “saída
de esquerdas” a actual situación dentro do sistema capitalista e a
partires desta premisa, aborda-las solucións.
En Galicia no mes de
Agosto de 2012
martes, 21 de agosto de 2012
O RESCATE DA BANCA: CRÓNICA DO ATAQUE Á POBOACIÓN
Grupo de
traballo do 15 M da ria (Cambre, Culleredo e Oleiros)
Retomando ós
inicios: A orixe da Débeda pública en Europa
Como primeiro punto deste breve análise do rescate á
banca, debemos falar de xeito resumido sobre cómo se chegou a esta situación:
cal é a orixe da débeda pública, e cómo esta se converteu nun problema tan
grande para nós.
Se queremos porlle unha data á orixe da especulación
coa débeda pública ou soberana, que hoxe está na boca de todos para avalar as
políticas de recortes sociais, temos que retroceder ao Tratado de Maastricht,
en 1992. Nel, por influencia da lexislación de Estados coma o francés, onde
este sistema téñeno dende 1973, prohibeselle expresamente ó Banco Central
Europeo darlle diñeiro directamente ós Estados nin á mesma Unión Europea.
Antes desa data, o mecanismo fundamental de
financiamento estatal era directo: o Estado, ou Tesouro Público, establecía as
prioridades de investimento, e pedía ós Bancos Centrais correspondentes, que
fabricasen o diñeiro que precisaban. Deste xeito directo non había débeda
pública importante, pois o Estado non se prestaba a si mesmo con xuros de
usura.
Mais coa aprobación do Tratado de Maastricht, este
xeito de se financiar desaparece, e imponse a prohibición de facelo dun xeito
directo. Agora, e a partir do Tratado, os Estados teñen que pedir os cartos que
precisen aos bancos privados -ou sacar á venda nos mercados financeiros- os títulos
de débeda pública, os bonos do tesouro. Son logo estes bancos privados os que
lle piden o diñeiro ao Banco Central Europeo. Créase aquí un negocio perfecto
para os “donos do capital”:
O Banco Central Europeo fixa os tipos de xuro dos
cartos que entrega á banca privada a través do Euribor, que hoxe está nos
mínimos (o 0,75%). Estes cartos, que non podemos olvidar que son PÚBLICOS, son utilizados en
parte polos bancos para comprar débeda pública dos Estados, a un tipo de xuro
que ven determinado polos mercados, polas axencias de calificación (que son
parte dos propios mercados e polo tanto beneficiarios), e polas condicións
políticas e sociais en cuestión. Estes cartos públicos son prestados nalgúns
países a intereses moitísimo maiores. No caso de España, actualmente en torno a
un 7%. En Grecia, xa por riba do 18%. Un interese que ademáis sube
continuamente, de xeito forzado, polos propios mercados. É polo tanto un
negocio perfecto, os bancos privados fináncianse con cartos públicos, para
obter suculentos beneficios de cartos tamén públicos. Se os sumamos ós rescates aos
bancos, temos que nós pagamos os beneficios da banca, e tamén pagamos as súas
perdas. É unha máxima capitalista, privatizar os beneficios e socializar as
perdas.
A isto chámaselle usura, e deste xeito, o
endebademento convírtese nunha soga no pescozo dos Estados, e por extensión das
clases traballadoras deses Estados afectados, que ven todas as súas conquistas
sociais desmanteladas para pagar os xuros usurarios da banca e os grandes investidores.
Tamén destacar que nesta Europa, non existe unidade
nin igualdade, xa que hai un claro beneficiario de momento cos problemas dos
países do sur de Europa principalmente, e é Alemaña. A prima de risco, que
levamos tempo vendo como non para de subir polos ataques especultativos, é un
parámetro que mide a diferencia entre un bono, e bono de referencia, que é o
alemán. Polo tanto, Alemaña estase actualmente financiando case gratis, á costa
de que os países do sur cada día o fagan a un maior interese. De ahí que non
teña de momento moita iniciativa por mudar a situación, na que ademáis os
bancos do seu país están a facer un grande negocio no resto de países.
Da débeda privada á debeda pública: a socialización
das perdas
Falemos agora de cómo con estas condicións se chegou a
trasladar unha débeda que era na súa maioría privada, ás contas dos Estados, e
polo tanto a repercutila na súa poboación.
Destacar aínda así, que cando no verán do 2007
prodúcese o comezo da crise actual, a débeda pública do Estado español non
pasaba do 54% do PIB, mentres que a débeda privada, dos bancos, das empresas e
das familias, multiplicaba por tres o PIB, nunha situación non moi diferente de
outros estados similares ó español. E tamén que aínda hoxe, a débeda pública de
España é moito máis baixa que a de outros países que non están pasando polos
mesmos apuros. Dous exemplos, o Reino Unido, e EEUU, que é o país coa débeda
pública máis alta do mundo (falando non en termos globais, senón en relación ó
PIB).
Ó longo do
2008 e 2009, os gobernantes do mundo, salvo contadas excepcións, das que
falaremos despois, saíron ó rescate dos bancos e grandes empresas. Mentras
falaban de “refundar o capitalismo”, adicaron cifras de diñeiro mareantes para
sacalos da crise que eles mesmos, coa súa cobiza, crearan. De onde saiu ese
diñeiro para tapar os buratos de bancos e grandes empresas?
No 2008, cando entidades como Lehman Brothers, Merril
Lynch, Goldman Sachs, nos EE UU, o Nothern Bank, en Gran Bretaña, o franco
holandés Fortes, as inmobiliarias españolas como Fadesa ou Colonial, etc., é
dicir, todos os que ó longo dos anos estiveron vivindo sobre a base de
productos financieros, hipotecas, e préstamos non cobrables sumaban, segundo o
propio FMI, un burato de 1,3 BILLÓNS de euros.
A verdade é que ninguen coñece, nin coñecía o
verdadeiro alcance desta “estafa” a nivel mundial, Por iso, aínda que o goberno
norteamericano aprobou daquela un rescate á banca, aseguradoras e grandes
empresas, de 1,5 BILLÓNS de dólares, a crise non se freou. Era coma un campo
minado, onde se tapaba unha mina e saltaba outra, ameazando o conxunto do
sistema, de tal xeito que pouco despois, tiveron que emitir 900.000 millóns de
dólares máis.
En Europa o BCE, e bancos centrais como o xaponés ou
australiano, seguiron o mesmo camiño. A finais do 2010 levaban investidos en
rescates ás entidades privadas unha cifra entre 13 e 15 BILLÓNS (12
ceros!!) de euros, o que significa entre o 21 e 25% do PIB mundial.
Nesta cifra o Estado Español puxo a súa parte alícuota para salvar ós bancos e
ás caixas de aforros, afundidas pola xestión irresponsable de xestores
políticos e dos empresarios que estaban á súa fronte. Axudas que tamén chegaron
a grandes empresas como as do automovil.
Deste xeito, o que ate o de agora era un burato nas
contas de entidades privadas, salvo no caso das Caixas de Aforro, transformouse
nun problema de todos. Roubaron o que quixeron, e agora témolo que pagar todos
e todas. Esto é o que significa socializar as perdas, pasar a débeda privada a
pública, e así xustificar todos os recortes nas conquistas sociais que en toda
Europa veñen facéndose dende hai décadas.
A trampa neoliberal: Cómo
chegaron aquí
A partir dun feito da chamada
economía real, é dicir, a compraventa dun producto, sexa unha vivenda, un
terreo, ou un investimento a través da bolsa nunha empresa supostamente
rendible (moi coñecidas hoxe polas “preferentes” que teñen arruinado a miles de
pequenos investidores), a combinación letal entre a banca, aseguradoras e
axencias de calificación, dependentes daqueles, permitiu a construcción dunha
pirámide investida.
Sobre ese feito económico
construíron unha morea de productos financeiros, a cada cal máis enganoso e
tóxico, avalado sempre polas siniestras axencias de calificación. Estas deron o
visto e prace por exemplo ás subprime (chamadas tamén hipotecas basura) nos EE
UU, cando era evidente que eran préstamos incobrables. Avalaron a Lehmann
Brothers días antes da súa creba. Anos antes tiñan apoiado á Enron
norteamericana, a maior eléctrica do mundo, dándolle a máxima calificación
pouco antes da súa supensión de pagamentos. Actuaban e actúan ó servizo desa
estafa masiva.
A simple dúbida de que os investimentos feitos na
bolsa non ían dar a rendabilidade que se esperaba, ou que, como aconteceu coas
subprime, o préstamo non sería cobrable, desmoronou todo o edificio construido.
Cando a simple dúbida sobre a queda dos beneficios empresariais non é “dubida”,
senón certeza, de que a industria non xera os beneficios que ten que xerar para
xustificar os investimentos, a crise é sistémica.
Segue o
efecto dominó: O rescate da banca española
E xa, falando do caso actual de España, como o burato
dos nosos bancos (e antiguas caixas, coa complicidade ou ineptitude do Banco de
España e dos Órganos de Administración nos que estaban tamén partidos políticos
de distintas cores e incluso cúpulas dalgúns sindicatos), é moi grande, e xa o
Estado nas súas condicións actuais non é quén de cubrir todas as súas perdas,
optouse por recurrir ó Fondo de Rescate europeo, que aínda que se dicía que ía
ser só á banca, a realidade é que pasa a engrosar as contas do déficit do
Estado, e polo tanto seremos nós os que suframos as consecuencias, como
comentaremos de seguido.
As
consecuencias do rescate: a onda expansiva que destrúe o modelo social
Unha vez analizado de xeito máis ou menos sinxelo qué
é a débeda, as causas, e cómo se transformou de privada a pública, ata chegar ó
rescate, toca baixar o concepto á terra e ás nosas vidas, e analizar as
consecuencias que ten para nós este rescate.
Hai un problema fundamental, e é o feito de que o
verán pasado o PSOE e o PP pactaron unha reforma da Constitución, en tan só uns
días e a espaldas do pobo. Con esta reforma, puxéronse os cimentos da nosa
ruina, xa que se recolleu nela explícitamente que “o pago da débeda terá
prioridade absoluta sobre calquera gasto”. Só por iso, os responsables
deberían ser xulgados por alta traición.
Por iso agora, co rescate xa acordado, vémonos na
obriga de aforrar moito máis aínda do que nos esixía Alemaña, xa que cada vez
temos que pagar máis intereses, como consecuencia dos ataques continuos dos
mercados, que buscan lóxicamente cantos máis beneficios mellor.
Todos sabemos cómo aforrar. Ou ben aumentas os
ingresos, ou ben reduces os gastos. E aquí entramos nós. Para aumentar os
ingresos, xa coñecemos as medidas que se foron tomando, e seguirán en adiante:
aumento da idade de xubilación, subida do IRPF, subida do IVE, supresión do IVE
reducido en moitos productos, Repagos en sanidade e no ámbito xudicial,
privatizacións de organismos públicos que podan xerar beneficios a empresas
privadas, subidas de impostos especiais, ... E logo, pola outra banda temos o
de reducir os gastos. Aquí chegamos ós tristemente famosos recortes:
eliminación da lei de dependencia, despido de funcionarios, reducción de
salarios, recortes nas pensións, diminución drástica dos orzamentos destinados
ó modelo social, con especial incidencia en educación e sanidade, reducción das
prestacións por desemprego, expulsión do sistema sanitario de parte da poboación...
Pero temos un serio problema con
todas estas medidas. Non funcionan. Por unha parte, porque tanto recorte
deprime a economía, e recórtanse os gastos, pero caen máis os ingresos, polo
que non se consegue aforrar. E por outro que os mercados, independentemente dos
recortes que se fagan, seguen a súa estratexia, e forzan a suba da prima de
risco. Polo tanto, suben os intereses para financiarse, e os cartos que hai que
destinar para pagar a débeda son cada vez maiores. Entón, a débeda é ese
monstro que se alimenta a sí mesmo: os recortes alimentan a débeda, e a débeda
alimenta os recortes. Por iso este non é o primeiro paquete de reformas, como
lles gusta máis chamarlle. E tampouco será o último deste ano, iso seguro. Será
o pesadelo interminable.
Pero entrando máis en detalle nalgunha das medidas,
temos unha que nos quita o sono estes días, e é a tan temida subida do IVE. Un
imposto que ataca especialmente á clase traballadora. E que como todos xa
sabemos, non vai facer senón empeorar as cousas. Pero é que ademáis de
machacarnos, ríense directamente de nós. O señor Montoro, para explicar a
necesidade de subilo IVE, dixo que é porque en España é máis baixo que noutros
países. Casi mellor non entrar en comparacións, señor ministro! E que tamén se
debía a que moita xente non o paga. Que quere dicir, que como moita xente non o
paga, os que sí o fan, teñen que pagar polo resto tamén. Pero é que ademáis hai
un detalle que o señor Montoro non quere contar. E é precisamente quén non o
paga, e por qué non se persegue máis. Ademáis de ser algo “cultural” en España
o de defraudar a Facenda, non o podemos negar, resulta que o mesmo Sindicato de
Técnicos de Facenda estima que a fraude fiscal neste país cada ano ronda os
88.000 millóns de euros. Casi o rescate á banca completo. Pois resulta que
sobre o 80 % desa fraude fiscal cométena os bancos, as grandes empresas, e as
rentas superiores.
Temos entón que os que máis gañan, e ademáis menos
impostos pagan, aínda por riba son os que máis defraudan ó fisco. E como non
hai que ser rencorosos, o Goberno vai e lles ofrece fai pouco unha amnistía
fiscal. Eso sí, subvencionada por nós, polo que vemos hoxe. A verdade é que a
desfachatez dos nosos políticos parece que xa non ten límites.
Pero xa que falamos de medidas para reducir o déficit,
vemos que todas elas van na mesma dirección, coma se tivésemos unha diana
pintada na fronte. Pero existen moitas outras sobre as que se segue sen querer
oír unha soa palabra: a eliminación das SICAV, instrumentos fiscais españois
polos que os realmente ricos tributan sobre os seus beneficios un mísero 1 %
(cando unha pequena empresa por exemplo paga o 30 % no imposto de sociedades).
Perseguir e eliminar dunha vez os paraísos fiscais, onde según foi publicado
recentemente, os ricos desviaron entre 17 e 26 BILLÓNS de euros en só cinco
anos. Nacionalizar e poñer baixo o control ciudadano todo banco ou caixa que
recibira cartos públicos e non os poda devolver de inmediato. Introducir
impostos ás transaccións financieiras, que ata o de agora non pagan un só euro
a pesares dos grandes beneficios que obteñen con elas. Eliminar o Senado, os
privilexios da clase política, como as súas pensións vitalicias, e moitas
outras que se poderían mencionar. Estas medidas, xunto cunha maior persecución
da fraude fiscal, pero comenzando polos máis poderosos para que se poda falar
de xustiza, terían un potencial de recaudación tremendamente superior a tódolos
recortes que nos levan aplicado e que se lles irán ocurrindo en adiante. Pero
obviamente esto non interesa.
Dúas parecen ser as consecuencias finais de todas
estas medidas: o empobrecemento da poboación, a través dunha fuga continua de
cartos dende toda a clase traballadora, ata uns poucos elexidos do poder
financieiro. E as privatizacións, onde os mercados conseguirían por fin, e moi
especialmente, meterlle o dente a eses “nichos de negocio”, como eles dirían,
tan suculentos, como son a educación, e sobre todo as pensións e a sanidade.
Lembrar tamén que todo isto non é algo de agora, nin
de Europa. Algo semellante se viviu en Arxentina por exemplo, onde estas
medidas as impulsaba o FMI. E todos coñecemos unha das gravísimas consecuencias
que tivo alí levar adiante estas políticas. Que foi o famoso “corralito”. Pois
ben, aquí xa estamos comenzando a vivir tamén “corralitos”. O caso das
participacións preferentes tócanos moi de cerca. E esta misma semana acábase de
liquidar a CAM, e acaban de dicir, que as participacións que quedaban da mesma,
xa non valen absolutamente nada. Os cartos directamente
esfumáronse.
Alternativas: nin aceptamos a situación nin nos rendemos
A Unión Europea, os gobernos estatais e o FMI veñen
afirmando que, diante desta situación de endebamento publico, non colle outra
solución que aplicar duros recortes sociais, e que isto permitirá a
estabilidade orzamentaria que sentará as bases para a saída da crise.
Nada mais lonxe da realidade, como acabamos de dicir.
Estas politicas só teñen un obxectivo, e é procurar novos ou maiores “nichos de
negocio”.
Por iso, rexeitamos a afirmación de que somos
culpables por vivir por riba das nosas posibilidades (xa vimos de explicar cómo
chegamos ata aquí e quén se beneficia, e quén sufre, as consecuencias), e sobre
todo de que non hai alternativa posible. Teremos por tanto que falar dalgunhas,
que existen e xa son visibles, ademáis das que podamos ir creando entre todo o
pobo organizado.
A primeira delas acabamos de comentala. e é
precisamente combater o déficit utilizando algo tan simple como a xustiza
económica e fiscal.
A segunda delas, que non nos cansamos de lembrar, é o
caso de Islandia. Sabemos que a comparación é compricada, xa que Islandia é un país diminuto
en comparación con España. Pero amosou que hai outro xeito de facer as cousas. Por se alguén
non o sabe todavía (xa que non lles interesa publicitalo moito), en Islandia
ante unha situación semellante, deixouse caer á banca. O pobo islandés mobilizado, cando
viu que os seus tres bancos principais tiñan xerado unha débeda privada que
provocaba a creba de todo o Estado islandés, rexeitou salvalos: rexeitou o traslado
da débeda dos bancos ás contas públicas, e suspenderon o pagamento da débeda. E mediante a
presión popular conseguiron forzar a dimisión do Goberno en bloque. Hoxe, os
responsables da crise e a súa xestión, tanto políticos coma económicos, están
sendo xulgados por elo. Incluso o pobo elexiu libremente a un grupo de persoas
que se encargarían de redactar unha nova Constitución. Dende organismos como o FMI ou o BCE
pronosticaron unha catástrofe económica ós seus habitantes. Sen embargo,
actualmente Islandia non só está crecendo, senón que se estima que o próximo
ano crecerá o triple do promedio da UE. Para qué dicir máis.
Un último punto que queremos
introducir hoxe, é o da auditoría ciudadana da débeda. Seguindo un pouco
o exemplo islandés, en diversos estados europeos como Grecia, Italia, Francia e
España, teñen xurdido movementos dentro da sociedade para esixir unha auditoría
da débeda pública. Partimos dunha base, e é que vivimos nun oscurantismo total. Ocúltansenos
as contas, os gastos, míntese, despilfárrase, encúbrese, estáfase. E logo
pagamos nós as consecuencias. Parece isto a Idade Media, na que nós matámonos a
traballar (se podemos) para recaudar cartos para pagarlle impostos ós “señores
feudais”. Por exemplo, cando se comezou a falar do burato de Bankia houbo un
baile de cifras diario coma se contásemos céntimos, e non millóns de euros. E
incluso tiveron que vir auditores de fora que cobraron moitos cartos por
aclarar as perdas que tiña. Esto non se pode permitir. Hai que esixir unha
apertura total das contas públicas. Se son os nosos cartos, e eles din ser
os nosos representantes, temos que coñecer a onde vai parar cada euro. E a
partir de alí, dispoñer de mecanismos onde decidir e controlar en qué se
invirte e en qué non.
Esto sería para un contexto
normal. Pero nun
contexto como o de agora, hai que falar doutro concepto, que é o da débeda
ilexítima. Unha débeda pode considerarse ilexítima, cando se contrae en contra
dos intereses do pobo, e que polo tanto lle perxudica. E ante esa
débeda ilexítima podería rexeitarse o seu pago. Entón, o levar a cabo co tempo
unha auditoría ciudadana das contas, podería permitir aclarar cánto se debe, a
quén se lle debe, e por qué se lle debe. E logo distinguir entre a débeda que
sexa lexítima, e que haberá que pagar, e a débeda ilexítima, que sería
rexeitada.
Esto sería para nós, unha auditoría ciudadana da débeda:
Unha auditoria non é que as empresas auditoras como
Arthur Andersen controlen as contas do Estado, (sería como poñer “a raposa
gardando o galiñeiro”), senón que ten que ter un obxectivo ben claro: que a
sociedade coñeza as contas do Estado, que se acaben cos acordos comerciais e
financeiros segredos, coas partidas orzamentarias opacas, coas subvencións a
bancos e empresas a costa do erario publico, etc...
En segundo lugar, esta auditoria pública ten que
servir para determinar qué parte da débeda ten que ver cos gastos sociais
necesarios, e vixiar que non estean inflados, e o que é debeda imposta polo
rescate á banca, ás empresas, macroconstruccións sen unha finalidade, etc. É
dicir, o que si sería pagable, e o que non se pagaría de ningunha das
maneiras.
Neste sentido, a auditoria tería como obxetivo, tamén,
delimitar as responsabilidades políticas e penais dos xerentes públicos
e privados das institucións, caixas de aforro, bancos, grandes empresas, e as
dos políticos que permitiron, avalaron e xustificaron por activa ou por pasiva
o desastre.
En cuarto lugar, esta auditoria
non é unha auditoría ó uso, non se encargaría a unha empresa a súa realización.
Tampouco
consideramos que teña que ser unha auditoría consultiva, como fixeron no caso
portugués ou irlandés, onde grupos de intelectuais independentes fixeron un
estudo do desastre.
Para nós, esta auditoría ten que ter consecuencias
prácticas, ten que ser parte dunha loita pola mundanza de fondo das
estructuras das sociedade que nos levou a esta situación, ao borde do
precipicio, e que está empobrecendo á maioría da sociedade, mentres algúns
poucos enriquécense coma tolos.
Por iso, a auditoría ten que ser feita pola poboación
traballadora autoorganizada, a través das asembleas populares, das súas
organizacións sindicais, sociais e políticas, apoiados en técnicos e
intelectuais independentes.
Entón, a súa conquista ten que ser resultado da
mobilización social contra a Unión Europea e os Gobernos que xustifican unhas
políticas de axuste e recortes, para unha débeda que foi creada polo sistema
capitalista.
Este parécenos un punto
importante no que traballar de aquí en adiante.
Agosto 2012
miércoles, 8 de agosto de 2012
EFEMÉRIDES MES DE AGOSTO
Carlos
Dafonte
Día 1.
1919.
Finaliza a experiencia da
República dos Consellos Obreiros en Hungría presidida por Bela Kun,
un dos dirixentes da futura Internacional Comunista, afogada pola
intervención dos exércitos checo e rumano e os erros tácticos e
estratéxicos dos grupos de obreiros revolucionarios e do Partido
Comunista de Hungria fundado o ano anterior. Un dos erros máis
importantes, foi a fusión ca socialdemocracia que xogaba un papel
contrarrevolucionario e non tiña interese algún en que trunfara a
revolución. Esta experiencia iniciárase o 21 de marzo.
1927.
Créase o “exército
vermello” chinés. Sublévanse os comunistas do exército do
Kuomitang na cidade de Nanchang; estas forzas eran comandadas por He
Long e Zhou Enlai e foi un intento de facerse co control da cidade
unha vez que se rompeu o pacto entre o partido nacionalista burgués
e o Partido Comunista. O 5 do mesmo mes, retíranse da cidade cara as
montañas de Jing Gang en Jiang Xi, onde máis tarde se establecería
un soviet, baixo a dirección de Mao Zedong. O exército vermello ó
mando de Zhu De, converteuse nunha importante forza guerrilleira en
loita contra o Kuomitang e os xaponeses.
Día 2.
1909.
Finaliza a insurrección da
cidade de Barcelona e provincia, que se coñece como “Semana
Tráxica”, cun saldo de numerosos mortos, feridos e detidos. As
causas atópanse nunha confluencia de procesos, por unha banda o
acrecentamento da influenza de Solidariedade Obreira entre os
traballadores da industria téxtil e o peche de empresas, por parte
de numerosos empresarios, deixando a miles de traballadores na rúa;
por outra a chamada ós reservistas do exército para envialos a
Marrocos, despois da derrota do “barranco do lobo”, decretada
polo goberno Maura o 10 de xullo, con Barcelona como punto de
embarque. Esta medida é respondida en Madrid tentando o bloqueo dos
convois cargados de soldados, onde se producen numerosos feridos e
manifestacións contra da guerra en Barcelona, por parte de mozos e
familiares dos chamados a filas. O problemas das “quintas” era
moi sentido pola maioría da poboación, posto que os fillos dos
ricos eludían ir ás guerras coloniais.
O
24 de xullo fórmase un comité de folga, constituído só por
diferentes sectores anarquistas de Solidariedade Obreira e a
federación socialista catalá, diante da negativa dos radicais,
republicanos e os catalanistas de esquerda a participar. Na madrugada
do 26 convócase a folga que é total ó día seguinte e declárase o
estado de guerra. Na provincia de Barcelona, en numerosas vilas a
folga toma un carácter insurreccional. Pero se a dirección do
Partido Radical é contraria á mobilización non sucede o mesmo
entre os sectores da súa esquerda, que clausurado o seu local,
comezan a incendiar centros relixiosos, o primeiro en Poble Nou. En
Barcelona levántanse barricadas para defenderse da acción do
exército, e nas vilas da provincia os comités obreiros administran
as cidades.
A
falla de dirección política e polo tanto de obxectivos claros a
conseguir, permite a elementos demagogos e incontrolados, convertelo
nun movemento anticlerical, que produce o incendio de máis de 80
establecementos relixiosos.
A
represión posterior foi moi dura, máis de 200 consellos de guerra e
cerca de 2000 encartados; ditáronse 17 condenas de morte e
executáronse 5, entre elas a de Francisco Ferrer i Guardia, famoso
pedagogo anarquista, creador da Escola Nova, na que a Igrexa veía
unha competencia para o seu monopolio na ensinanza, considerado como
“autor e xefe da rebelión”, inspirador ideolóxico, polas
ensinanzas impartidas nos seus establecementos. Maura, que era o
presidente do goberno, negouse a que o rei lle concedese o indulto.
A campaña contra Antonio Maura, dentro e fora do estado, foi moi
importante e Maura e o seu goberno dimiten os poucos días do
fusilamento de Ferrer.
Entre
as consecuencias destes feitos, destacan a formación da Conxunción
republicano-socialista, que se establece o 7 novembro no frntón
Jai-Alai, que lles vai permitir a estes últimos sacar o primeiro
deputado en 1910; o nacemento da CNT e dun movemento catalanista
republicano de esquerdas, tamén en 1910, o descabezamento do partido
conservador cuxo máximo dirixente era Maura e a formación en 1912
do Partido Reformista de Melquiades Álvarez; sinais todas elas da
crise na que se precipitaba o coñecido como “sistema da
restauración”, instaurado por Cánovas a partires de 1876.
Día 4.
1964.
Pierre Mulele, antigo Ministro
de Educación no goberno de Patrice Lumumba, forma na cidade de
Kisangani un goberno revolucionario e proclama a República Popular
do Congo. Despois do asasinato de Lumumba marchara a China e de volta
en 1963, inicia o que chamaba a “segunda independencia”, a loita
polo socialismo, ca formación do Consello Nacional de Liberación,
xunto con Soumialot e Gebenyé e dun exército que lles permite o
dominio sobre un amplo territorio. A intervención masiva de
mercenarios europeos, surafricanos, israelitas, británicos,
franceses, o exército belga, etc asesorados polos EEUU, na chamada
Operación Dragón Vermello, leva a caída do goberno revolucionario
en novembro dese mesmo ano e o inicio da guerra de guerrillas xunto
con Laurent Kabila, que controlaba un amplo territorio no norte de
Katanga. Che Guevara pasará cerca dun ano nas selvas do Congo
tentando consolida-lo movemento guerrilleiro. En setembro de 1968,
diante do estancamento da loita guerrilleira se acolle a unha
amnistía decretada por Mobutu. O 2 de outubro de 1968 é detido,
cóntase que descuartizado en vida e os seus restos tirados no rio
Congo. Tiña 49 anos o día da súa morte. A súa nai foi aforcada en
1978, polo exército.
Día 5.
1895.
Falece en Londres Federico
Engels, teórico, revolucionario e comunista; o fiel compañeiro de
Marx desde o momento que se coñeceron en París, en agosto de 1844.
Despois da morte de Marx, converteuse na figura máis salientable do
proxecto revolucionario. Polo seu desexo, o enterro foi moi sinxelo,
pouca xente, camaradas e amigos íntimos; Liebknechet, Babel,
Lafargue e algún outro dixeron algunhas verbas. As súas cinzas
foron deixadas no mar preto de Eastbourne, o seu lugar favorito para
descansar.
1919.
Turquía. Prodúcese a
sublevación de Kemal Attaturk contra o sultán, acontecemento que se
considera o inicio da modernización do país, pero tamén do férreo
control do exército sobre o mesmo.
1951. O
político cubano Eduardo Chibás, líder do Partido do Pobo Cubano
(Ortodoxo), por non poder presentar probas da súa inocencia despois
de ser acusado falsamente de corrupción, se suicida dun disparo
mentres falaba na radio CMQ, nunha intervención contra a política
corrupta do presidente Prio Socarrás. As súas últimas verbas
foron, ¡Pobo de Cuba, levántate e anda! ¡Pobo cubano desperta!
¡Este é o meu último aldabonazo!. Fidel Castro e unha parte
importante da mocidade revolucionaria cubana, pertencían ó partido
de Chibás.
Día 7.
1920.
Finaliza o IIº Congreso da
Internacional Comunista.(ver efemérides mes de xullo).
Día 11.
1923.
Folga xeral en Berlín en
solidariedade cos tipógrafos. As condicións de suba dos prezos e de
aumento acelerado do paro e degradación nas condicións de vida dos
traballadores alemás, situación que se acrecentou despois da
ocupación do Ruhr polas tropas franco-belgas en febreiro e a folga
xeral decretada polos traballadores nesa zona industrial, é o inicio
dun novo movemento de folgas como a de Berlín que foi un éxito, e
levan á IC e o KPD, a facer a valoración de que as condicións
están maduras para un novo proceso revolucionario, que estalará
poucos meses máis tarde.
1936. É
asasinado en Carmona, polos falanxistas, o notario e político
pequenoburgués “andalucista”, Blás Infante Pérez, chamado o
“pai da patria andaluza”. O seu pensamento é unha mistura de
republicanismo e federalismo considerando a necesidade de que
Andalucía fose unha rexión diferenciada do resto do estado. As súas
ideas foron expostas na súa obra de 1915 “Ideal Andaluz” e en
toda outra serie de escritos, moitos publicados en vida e outros dun
xeito póstumo.
1965. En
Watts, un dos arrabaldes de Los Angeles, EEUU, onde se lles permitía
vivir ós negros, prodúcese unha sublevación popular a causa da
discriminación racial, a alta taxa de desemprego, a carencia de
hospitais e escolas públicas e o trato brutal da policía,
maioritariamente branca. Despois dunha semana de disturbios e
tiroteos, o balanzo oficial foi de 34 mortos, 1032 feridos atendidos
en centros sanitarios, máis de 10.000 detidos e de 600 edificios
estragados. Ningunha democracia esixiu investigación algunha, nin se
defenderon diante de organismos internacionais, os dereitos das
minorías raciais nos EEUU, seriamente conculcados.
Día 12.
1888.
Nace en Barcelona a Unión
Xeral de Traballadores (UXT). 26 delegados que representaban a 44
sociedades de oficio; xúntanse no local do Circulo Socialista na rúa
Talleres número 29 de Barcelona e crean, a proposta do tipógrafo
Pablo Iglesias o sindicato Unión Xeral de Traballadores de España,
sendo elixido como secretario xeral, Antonio García Quejido,
secretario da Federación Socialista Madrileña. Organizouse a base
de Sindicatos de Oficio a nivel local e en Federacións a nivel
estatal.
No
congreso do PSOE celebrado poucos días despois, aprobouse como
requisito para a militancia no partido, a afiliación ó sindicato.
1936.
Nace Mario Roberto Santucho, en
“Santiago do Esteiro”, Arxentina. Era fillo dun procurador
xudicial e dunha mestra, nunha familia de dez irmáns. Desde moi novo
gustáballe discutir de política e formou parte do Centro de Estudos
e Investigacións de Santiago do Esteiro, participando na revista
“Dimensión”, que dirixía o seu irmán Francisco René,
secuestrado e desaparecido no ano 1974, na época do goberno de
Isabel Perón. Estudou Ciencias Económicas en Tucumán e militou no
Movemento Independente de Estudantes sendo elixido representante ó
Consello Académico. Graduouse de Contador Público e exerceu como
asesor de sindicatos pertencentes á FOTIA . A comezos de 1961
inicia unha viaxe por diferentes países de América, incluídos os
EEUU, onde imparte varias charlas en universidades, finalizando o
percorrido en Cuba nos momentos da IIª Declaración da Havana, pola
que se converte nunha república socialista, o que lle leva ó
marxismo e o leninismo. A volta a Arxentina afiliouse á Fronte
Revolucionaria Indoamericano e Popular (FRIP), defensor dos
asalariados e as etnias oprimidas. Cando a Fronte se estendeu por
Tucumán, Santucho traballou entre os obreiros da azucre na defensa
dos seus postos de traballo e das melloras salariais. Nesta época
escrebe o ensaio “Catro teses sobre o norte arxentino”, onde
establece a necesidade da alianza do proletariado da azucre cos
campesiños pobres e medios e a importancia de neutralizar a outros
sectores da pequena e media burguesía, para illa-la grande burguesía
da azucre.
En
1963 a FRIP e a agrupación Palabra Obreira constitúen o Partido
Unificado da Revolución, que o 25 de Maio de 1965, en Avellaneda,
adopta o nome de Partido Revolucionario dos Traballadores(PRT), un
partido da clase obreira para loitar polo socialismo.
En
1966 instaurase a ditadura do xeral Onganía, sendo despedidos miles
de traballadores das explotacións agrícolas ós que Santucho axuda
a organizar e levar adiante, toda unha serie de loitas
reivindicativas e cortes de estradas.
Xunto
con outros compañeir@s analizan a situación nacional e
internacional no documento “O único camiño cara o poder obreiro e
o socialismo” ; faise nel, unha reflexión histórica sobre o
marxismo e a cuestión do poder; revalorízase o papel de Trotski
como dirixente revolucionario, incorpóranse aspectos do pensamento
de Mao Zedong e asúmese como perspectiva estratéxica o documento de
Che Guevara “Crear dous, tres, moitos Vietnam”; caracterízase a
situación arxentina como pre-revolucionaria, e ponse o énfase na
construción do partido revolucionario e a formación dos primeiros
destacamentos insurxentes. Este documento será debatido e aprobado
no IVº Congreso do PRT celebrado en 1968.
En
1969 prodúcense en Arxentina dous grandes mobilizacións de masas, o
chamado “cordobazo” en maio, e o “rosariazo” en setembro, que
confirman dúas das apreciacións do PRT, a aparición dun
sindicalismo de clase, non burocratizado, ó marxe das mafias e a
resposta armada, fronte a represión e a falla de democracia. En
outubro é detido en Tucumán e desde a cárcere teoriza sobre a nova
situación, critica as desviacións economicistas e reformistas e se
reafirma na loita polo poder e a formación dun goberno
revolucionario, obreiro e popular. Estes documentos serán a base das
discusións do Vº Congreso do PRT do mes de xullo de 1970, que crea
o Exército Revolucionario do Pobo, e cuxo Comité Central o elixe,
en outubro, como Secretario Xeral. O PRT inicia a explicación en
fábricas mediante boletíns, das súas posicións conseguindo
aumenta-la súa afiliación entre os obreiros.
O
15 de marzo de 1971 participa activamente no segundo “cordobazo”
e se opón a idea do xeral Lanusse do Acordo Nacional, propoñendo
unha “Fronte Electoral Obreira e Popular”, remarcando a
necesidade de combinar diferentes formas de loita. Dirixe o operativo
para liberar presas da cárcere de Córdoba e nese mesmo ano publica
o folleto “O Peronismo” severa crítica o movemento encabezado
por Perón que remata facendo un chamamento a unidade cas forzas
armadas peronistas, FAP, Montoneros e FAR. Nese mesmo ano é detido e
torturado en Córdoba xunto con numerosos compañeiros o que non
permite a plasmación do proxecto electoral. O 15 de agosto de 1972
nunha operación conxunta con Montoneros e FAP, escapa da cárcere de
Rawson; o día 22 son asasinados na base de Trelew 19 militantes
revolucionarios entre eles a súa compañeira, Ana María Villarreal.
Santucho
denuncia a volta de Perón á Arxentina como un intento de frear a
confluencia do movemento obreiro cas organizacións revolucionarias.
O 19 de febreiro de 1973 o ERP toma o cuartel do batallón 141 de
Córdoba apropiándose de todo o armamento. A Triple A organización
terrorista formada por elementos militares e da policía, comeza a
actuar contra militantes de esquerda, levando a cabo a matanza do
aeroporto de Eceiza, o día que regresaba Perón.
Santucho
plantea unha nova estratexia internacionalista, abandonando a IVª
Internacional e é un dos fundadores, en febreiro de 1974, da Xunta
de Coordinación Revolucionaria, co Movemento de Esquerda
Revolucionaria de Chile, o Movemento de Liberación Nacional
-Tupamaros de Uruguai e o Exército de Liberación Nacional de
Bolivia; e a primeira experiencia dunha Internacional a nivel
rexional, seguindo as propostas do Che Guevara.
No
1974 o ERP ocupa o cuartel de Azul e un golpe fascista derroca ó
goberno de Córdoba; en maio o ERP ocupa a cidade de Acheral en
Tucumán. As loitas sociais son violentamente reprimidas e á morte
de Perón o 1 de xullo de 1974, Santucho propón unha tregua militar
que as autoridades non aceptan. A partires dese momento a Triple A
asasina a decenas de dirixentes sindicais, deputados e xentes da
esquerda revolucionaria. Nestes meses de 1974, escrebe “Poder
burgués e poder proletario”. O 20 de agosto de 1975 o ERP, ocupa o
centro da cidade de Córdoba e propón a creación dunha fronte
antifascista con todas as forzas de oposición á ditadura civil, que
é rexeitada.
O
23 de decembro ocupan o cuartel Monte Chingolo en Lanús.
O
24 de febreiro de 1976 os militares toman o poder. O 19 de xullo son
sorprendidos en Villa Marteli, caendo feridos Santucho e Benito
Urteaga e son detidos catro compañeir@s máis. Tod@s
son asasinados con posterioridade e os seus cadáveres desaparecidos.
Santucho marchaba o día seguinte para Cuba, Benito Urteaga sería o
titular interino no organismo de dirección, durante a súa ausencia.
Día 13.
1917.
Folga xeral revolucionaria no
estado español. A maioría dos traballadores asalariados, en maior
numero os do campo que os da cidade, viron baixa-lo seu nivel de
vida, desde primeiros de ano, pola enorme suba dos prezos dos
produtos de primeira necesidade, mentres os empresarios agrícolas
sobre todo, pero tamén os industriais beneficiábanse do
desenvolvemento da Iª Guerra Mundial, pois convertéronse en
subministradores de numerosos produtos alimenticios, industriais e
minerais. Como sempre, os salarios non subiron, polo que ó longo do
ano as mobilizacións foron constantes por toda a xeografía do
estado; desde primeiros de xuño estalan folgas de albaneis en Bilbao
e San Sebastián, de metalúrxicos en Beasaín, dos obreiros do
arsenal de Cartaxena e dos agrícolas de Huelva, na construción de
Zaragoza, dos mineiros de Penarroia e os panadeiros de San Sebastián,
movementos que axudan á dimisión do goberno do liberal García
Prieto, enfrontado á presión que representan as Xuntas Militares
formadas en diversas gornicións. Ca formación do goberno
conservador de Eduardo Dato, a Lliga catalá lanza a campaña pola
autonomía e a convocatoria dunha asemblea de parlamentarios para
protestar polo peche das Cortes. As folgas continuaron no mes de
xullo e agosto, cos metalurxicos de Biscaia e os tranviarios e
ferroviarios de Valencia, que se transforma en xeral o 20 do mes.
Diante
da situación a UXT convoca unha folga xeral revolucionaria, con
apoio da CNT, formándose un comité de folga formado só por
uxetistas, Largo Caballero, Saborit, Anguiano e Besteiro. O manifesto
era moi pouco revolucionario, contentábase con solicitar un goberno
provisorio que asumise os “poderes executivo e moderador” e
convocase eleccións libres a Cortes Constituíntes. Este acordo
tamén era apoiado polo PSOE e partidos republicanos e, segundo
Tuñón, o proxecto era unha “sorte de revolución burguesa e
democrática” ca finalidade de acabar co “sistema canovista”
instaurado a partires de 1876, que só permitía a alternancia no
poder de dous partidos, o conservador e o liberal.
O
día 13 a actividade estaba completamente paralizada en Madrid,
Biskaia, Asturias, Barcelona, Sabadell, Terrasa, Valencia, Zaragoza,
A Coruña, concas mineiras de León, Huelva, Cartaxena...
En
Barcelona había un comité de folga dirixido por Pestaña, no que
participaban os membros da CNT, Salvador Seguí e Vidiella entre
outros.
Pola
tarde declárase o estado de guerra e o 14 e 15, prodúcense choques
moi violentos entre os folguistas e o exército e a policía; foi
perdendo forza durante os días 16, 17 e 18 e o 20 finalizou en todas
partes menos en Asturias que seguiu na conca mineira ata o 31.
A
lista oficial da represión establecía 71 mortos, 37 en Barcelona e
provincia, 150 feridos e máis de 2000 detidos, aínda que as fontes
non oficiais, falaban de cifras moito máis elevadas. Pero esta
“crise do 17” como se lle coñece na historiografía española,
abriu un período de “gobernos de concentración”, pola
imposibilidade de gobernos de partido, no que por primeira vez
entraron os catalanistas da Lliga.
Esta
crise foi un cravo máis no ataúde do sistema canovista, que seguirá
funcionando, con grandes dificultades ata a implantación da ditadura
do xeral Primo de Rivera
1925.
Fundación do Partido Comunista
de Cuba. Diversas agrupacións comunistas cubanas xúntanse nunha
casa da rúa Calzada no Vedado, e fundan o partido, que se adhire á
III ª Internacional. Únense na nova organización, dúas xeracións
de revolucionarios, a de Juan Antonio Mella, a dos estudantes e dos
sectores máis revolucionarios da mocidade e a de Carlos Baliño, a
xeración dos vellos loitadores da clase obreira e o independentismo,
que participaran na fundación do Partido Revolucionario Cubano por
José Martí.
O
primeiro secretario xeral foi José Miguel Pérez, quen anos máis
tarde fundará o Partido Comunista de Canarias e será asasinado en
Tenerife en 1936.
Día 19.
1936.
Asasinato de Federico García
Lorca. Non se coñece con certeza se foi na noite do 18 ou na
madrugada do 19 cando o mataron xunto ó mestre Dióscoro Galindo e
os banderilleiros Francisco Galadí e Joaquín Arcollas, na estrada
que une Viznar e Alfacar. Foi un dos máis de cinco mil asasinados
pola vesanía fascista na provincia; O xeral Queipo de Llano, xefe
Capitanía de Sevilla, impuxo unha tremenda violencia sobre os
territorios andaluces onde trunfou a sublevación contra a democracia
republicana; en Granada foi fusilado o xeral Campins xefe da
Comandancia, por non ser felón, así como o alcalde, o presidente da
Deputación, numerosos concellais, o rector da universidade,
deputados, sindicalistas e moit@s polo
sinxelo feito de ser simpatizantes da república.
O
día 9 Lorca, que estaba na casa de verán da súa familia, a Horta
de San Vicente, foi golpeado e humillado cando unha banda de
fascistas foi buscar ós irmáns do caseiro; refuxiouse na casa dos
Rosales, amigos pero falanxistas, onde o detivo o día 16 o antigo
deputado da CEDA, Ruiz Alonso. Nos tres días que pasou detido, nada
se fixo por parte das súas amizades que apoiaban a sublevación,
para salvarlle a vida.
Día 20.
1940.
León Davidovich Bronstein,
máis coñecido polo alcume de Trotski,
revolucionario bolxevique, creador do Exército Vermello e un dos
teóricos marxistas máis importante, é ferido gravemente cun piolet
de alpinismo, por Ramón Mercader, comunista catalán, personaxe ó
servizo das ideas de Stalin, que lograra introducirse no seu círculo
íntimo en Coyoacán, México. Morrerá ó día seguinte.
Día 23.
1917.
Sublevación obreira en Turín,
Italia; as noticias que chegaban de Rusia, tiveron un grande impacto
nos milleiros de obreiros turineses, vangarda do proletariado
italiano; durante cinco días os traballadores loitaron cas armas na
man contra o imperialismo e o militarismo italiano; chegaron a
apoderarse de varios arrabaldes da cidade e tentaron, sen éxito
ocupa-lo centro onde se atopaban as institucións de goberno e a
comandancia militar. O pobo levantou barricadas, cavou trincheiras,
rodeou algúns arrabaldes de aramados electrificados e rexeitou
durante cinco días todos os ataques do exército e da policía.
Morreron máis de 500 obreiros, máis de 20.000 quedaron feridos
e moitos dos dirixentes
arrestados e afastados da cidade
1927.
Despois dun xuízo amañado,
prodúcese o “asasinato legal”, en Denham, Massachusetts, na
cadeira eléctrica, dos traballadores revolucionarios anarquistas
Nícola Sacco, zapateiro, e Bartolomeo Vanzetti, vendedor de peixe;
ámbolos dous emigrantes italianos, acusados de roubo a man armada e
asasinato de dúas persoas. Posiblemente foran seguidores do
anarquista italiano Luigi Galleani, que era partidario da acción
violenta contra o estado e as súas institucións, pero nunca se
chegou a demostrar.
A
súa condena levantou unha enorme onda de solidariedade e protestas
dos traballadores asalariados en todo o mundo e a súa morte,
producíronse importantes disturbios desde os EEUU ata Xapón pasando
por América Latina e Europa.
En
1977 o Estado da Unión onde foron xulgados e asasinados, proclamou
a súa total inocencia e pediu desculpas por como se levou a cabo o
proceso.
No
xuízo Nícola Sacco afirmou: “Non hai xustiza para os pobres en
América!
...¡Oh, compañeiros meus, continuade vosa gran batalla! Loitade pola gran causa da liberdade e da xustiza para todos! Este horror debe rematar! A miña morte axudará á gran causa da humanidade. Morro como morren todos os anarquistas, altivamente, protestando ata o último contra a inxustiza...Por iso morro e estou fachendoso diso! Non palidezo nin me avergoño de nada; o meu espírito é aínda forte. Vou á morte cunha canción nos beizos e unha esperanza no meu corazón, que non será destruída... “
...¡Oh, compañeiros meus, continuade vosa gran batalla! Loitade pola gran causa da liberdade e da xustiza para todos! Este horror debe rematar! A miña morte axudará á gran causa da humanidade. Morro como morren todos os anarquistas, altivamente, protestando ata o último contra a inxustiza...Por iso morro e estou fachendoso diso! Non palidezo nin me avergoño de nada; o meu espírito é aínda forte. Vou á morte cunha canción nos beizos e unha esperanza no meu corazón, que non será destruída... “
As
súas figuras, durante moitos anos foron un símbolo da loita de
clases e do que é a democracia burguesa, unha ditadura que utiliza
todos os medios, case sempre ilegais, para eliminar os seus
adversarios.
Día
25
1935.
Finaliza o VII º Congreso da
Internacional Comunista.
Foi o último congreso celebrado pola IC. Estiveron presente 65
países das 76 seccións cas que contaba a internacional. Celebrouse
nun contexto moi difícil para os traballadores, en plena crise
económica cas súas secuelas de paro e miseria, o ascenso e
consolidación do fascismo en Alemaña e derrota dos traballadores
onde tentaban opoñerse ó seu avance, febreiro de 1934 en Viena e
outubro do mesmo ano en Asturias, cando entra no goberno a CEDA, co
seu programa de reforma da Constitución de 1931, que pon en perigo
todas as conquistas sociais e democráticas acadadas.
O
Congreso aprobou o informe elaborado por Jorge Dimitrov, onde se
plasmaba a idea da unidade d@s traballador@s
e a creación de Frontes Populares Antifascistas. No informe
afirmábase “o fascismo non é un mero cambio de goberno, senón a
substitución oficial dunha forma da soberanía da clase burguesa -a
democracia burguesa- por outra forma desta soberanía: a ditadura
terrorista declarada” e tamén “a grande burguesía necesita o
fascismo para poder descargar a crise económica sobre os
traballadores, buscar un novo reparto do mundo por medio da guerra e
ataca-la URSS”.
Día
28.
1920.
Comeza a ocupación de fábricas en Turín, movemento que se vai
estender por toda Italia, iniciando o que se coñece como “Biennio
rosso”. O motor deste movemento é a creación dos “consellos de
fábrica”, organismos sobre o que non vamos debater quen os pulou e
teorizou; para moitos historiadores son de carácter anarquistas para
outros moitos, ten bastante que ver ca á esquerdista do PSI, futuros
dirixentes do Partido Comunista, na que se atopaban Antonio Gramsci,
Palmiro Togliatti, Ángelo Tasca e Terracini, que fundan o periódico
“L'Ordine Novo”
en Turín é, despois da experiencia dos soviets na revolución rusa,
inician a discusión sobre a tradición “soviética” na clase
obreira italiana e chegan a conclusión que as “comisións
técnicas” existentes podían se-lo xermolo do órgano de poder
proletario. A idea de Gramsci era que, ó contrario desta comisión,
todos os obreiros, todos os técnicos, todos os empregados, todos os
campesiños e en curto tempo, todos os elementos activos da
sociedade, tanto estiveran sindicados como non, pertenceran ou non a
un partido, só polo feito de ser obreiro, campesiño, etc, tiñan
que converterse de sinxelos executores, en dirixentes do proceso
produtivo. Ó contrario que a “comisión técnica”, que era
elixida polos traballadores afiliados a un sindicato, para discutir
co empresario, os consellos,
elixidos desde abaixo nas fábricas, nos talleres, nos barrios, etc,
non tiña que discutir co capitalista, senón substituílo para
regular de arriba a baixo a vida da fábrica, taller, etc e
substituír tamén a quen o capitalista poñía nas institucións.
Esta
discusión non foi “académica”, levárona ás fábricas, a
maioría das veces a petición dos propios traballadores e tivo unha
ampla repercusión na cidade de Turin e concretouse no artigo de
“L'Ordine Novo” do 21 de
xuño de 1919, titulado Democracia Operaia;
desde o mes de maio do ano
1919, iníciase a eleccións de consellos
que se consolidan en setembro, co da Fiat- Brevetti; os da
Fiat-Centro os imitaron despois dunha grande campaña publicitaria.
Seguíronse formando nas fábricas da Fiat, da Lancia, etc, a pesares
da indiferenza do congreso do PSI que non lle adicou o movemento
ningunha sesión. A primeira acción coordinada dos Consellos lévase
a cabo o 3 de decembro de 1919, cando en menos dunha hora mobilizan a
máis de 120.000 traballadores en Turin. Pero un movemento tan
importante tiña que chocar cos industriais e se vai producir a
finais de marzo de 1920 a causa da introdución en Italia da “hora
legal”. Moitos traballadores solicitaron que o horario laboral fora
pola hora solar; o non ser aceptado estalou a folga e os empresarios
responderon co peche das fábricas e a toma das mesmas polo exército.
A partires dese momento se van producir en Italia folgas constantes e
mobilizacións, posto que os empresarios, na negociación manteñen
unha postura moi dura e introducen o tema dos consellos,
esixindo poñer fin ó proceso; no mes de agosto néganse a
discuti-la suba salarial. En todo o país iníciase unha etapa de
mobilizacións proletarias que consistía en entrar nas fábricas e
non traballar ou facelo a un ritmo baixo, para que se producira o
arbitraxe do goberno; pero esta acción puramente demostrativa,
enmarcada dentro do que pode ser unha política sindical reformista,
se convirte en revolucionaria, sobre todo en Turín, cando os
obreiros entran nas fábricas e os consellos
asumen todos os poderes, iniciándose a ocupación das mesmas.
A
creación dos consellos
de fábrica, vai aguza-las contradicións no seo do PSI e tamén no
grupo de L'Ordine Novo,
que se dividirá pola cuestión das relacións consellos-sindicatos.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)