A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 30 de octubre de 2012

ELECCIÓNS21-O: MÁIS CRISE POLÍTICA E MOBILIZACIÓNS





Xulia Miron e Roberto Laxe
A importancia dunhas eleccións no cadro dun réxime burgués non están tanto no seu resultado -sexa o que sexa o seu resultado, vai ser un goberno ao servizo do capital-, mas tamén nas consecuencias que teñen nas organizacións políticas, nas que representan á clase traballadora e o pobo, e nas proprias da burguesía. Umhas eleccións son a visión desvirtuada da realidade social, mas reflicte esa realidade, e a súas consecuencias son lidas en profundidade por todos, mais que mais, nun tempo de crise, cando todas as institucións están postas en cuestión.
Este balance cínguese ás eleccións galegas, aínda que coincidiran no tempo coas bascas, e moitos dos elementos sexan comúns, nomeadamente dous, un, a debacle do partido que ate o de agora representaba ás clases medias e sectores da clase traballadora, o PSOE, segundo, a vitoria pírrica da burguesía, nun caso expresada no PNB, que non obtén a maioría absoluta, noutro o PP que perde 135 mil votos, malia grazas a antidemocrática lei D’Hont, teña a maioría absoluta (2-1=5, é o resultado que da a esa lei, segunda a cal tendo menos votos podes ter máis deputados).
En terceiro lugar a esquerda, Bildu con 21, BNG e AGE (entre estes dous acadaron 16 deputados, mais dos 12 que tiña o BNG só), aínda que en dous casos tiveron bos resultados, o de Bildu semella que non chegaron a cubrir as perspectivas que tiñan, e no caso galego asistimos o afundimento da organización que ate o momento era a expresión política maioritaria da esquerda social galega, o BNG. Pola contra, aparece un novo actor no escenario, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), que recolle non só un sector do voto do BNG e o PSOE, mas tamén de sectores da xuventude, do 15M e dos “indignados”.
Se a elo engadimos a abstención/voto nulo/branco, que chega o 40%, resulta que na Galiza o PP vai gobernar co respaldo de 1 de cada catro galegos; ou dito doutra maneira, 3 de cada 4 galegos non votaron ó PP. É certo que van gobernar con 41 deputados, mas que non se trabuquen, non teñen mais apoio social, o envés, perderon apoios; que cara á galería -e para consumo interno na batalla polo control do PP- e nos titulares sacan peito, e tentan que a realidade non lles estrague o titular da vitoria electoral.
Dos resultados xorden outras preocupacións para as forzas do réxime, un, a mencionada debacle do PSOE pon en cuestión o bipartidismo na pata pola que amplos sectores da clase traballadora integrábanse nas institucións do réxime, dous, Feijoo fixo campaña afastándose claramente das políticas de Rajoy e agochando no posible as siglas do PP, e aínda así perdeu votos. Diste xeito, e con diferentes ritmos, os partidos centrais do réxime, o PSOE e o PP, saen tocados das eleccións. Esta claro que as mobilizacións sociais non van parar cos resultados electorais, e malia a “virtual” maioría absoluta do PP, Rajoy sae debilitado mesmo dentro do PP, onde xa existe umha alternativa (Esperanza Aguirre dixit), Feijoo.
Os datos e a lei D’Hont
O PP acadou nas eleccións do 2009, 789 000 votos, o 46,68%, o PSOE 524 000, o 31.02 %, o BNG, 270 000, é dicer, o 16,01%, e tiñan 38, 25 e 12 deputados respectivamente. A suma dos dous últimos era do 47% dos votos, que, marabillas da lei D’Hont, dan menos representantes que o 46.68 do PP. Nestas eleccións o PP baixa aos 653.900 votos, é dicer, o 45.72, o PSOE a 293.600, o 20.53%, o BNG fica nos 145.300, 10.16%, e aparece un cuarto en discordia, AGE, con 200.100 votos e o 13.99%. Unha diferenza de 1.04%, e de 17 mil votos resulta nunha diferenza de 7 deputados.
Esa é a maxia da antidemocrática lei D’Hont, que fai que con menos votos e practicamente igual proporción saquen mais deputados e teñan maioría absoluta para facer o que lles pete. É obvio que a responsabilidade desta lei non é do PP, que ben lle ven, senon daqueles, o PSOE e o BNG, que tiveron nas suas mans ha catro anos de denunciala publicamente e non o fixeron, así como de derrogar o tope do 5% para entrar no Parlamento -tope que agora beneficia ó PP pois impide a aparición dunha forza burguesa que compita con el-. O problema é que a súa claudicación as normas electorais antidemocráticas permite que o PP, con toda a súa ristra de ataques á poboación, teña maioría absoluta.
A derrogación destas leis restritivas comeza a se converter numha necesidade para garantir un mínimo de democracia na Galiza e no Estado Español. A anterior restauración monárquica, a finais do séculos XIX, baseouse tamén numha democracia farsa dominada por dous partidos, o conservador e o liberal, que se sucedían no goberno, e un sistema electoral baseado no caciquismo que garantía esa alternancia. Mas era evidente para todos que era umha farsa de democracia, con pouco que ver cun réxime verdadeiramente democrático. O actual réxime monárquico tamén basease nunha farsa democrática, agora fundamentada na lei eleitoral que favorece o bipartidismo e dentro del, o partido mais forte. A denuncia desta farsa foi uno dos eixos do 15M de pasado ano e fai parte da importante crise que teñen as estruturas do réxime actual.
A Alternativa Galega de Esquerdas ou a Syriza Galega
A gran novidade, e dalgún xeito, o triunfador destas eleccións é a AGE, a alianza entre Esquerda Unida e Anova, que acadou uns resultados históricos para umha forza que non ten mais dun mes de vida, con 200 mil votos e 9 deputados. A AGE é resultado de tres elementos chaves, un, a alianza entre umha forza politica que xa viña recollendo a decepcionados do PSOE, EU, e outra en ruptura co BNG, ANOVA; dous, a presenza dun dirixente de gran calibre, Beiras, e terceiro, mas o decisivo para futuro, o xiro á esquerda dun amplo sector da sociedade, que rompe co institucionalismo do PSOE, e esgotado polo discurso “acartonado”, sen forza, do BNG, por moito que o presentar como de esquerdas, non deixaba de seren visto como umha forza institucional.
Foi Beiras quen definiu o seu obxectivo: son a expresión política da indignación social contra os recortes. Mas, é un experimento empirico, que agora ten que respostar ás expectativas que criou, especialmente en sectores da xuventude, do funcionariado, profesionais liberais e intelectuais. De feito a posición inicial de que era “só” un proxecto electoral, para estas eleccións, en palabras de Beiras, mudou e agora comezan a falar dun proxecto de futuro.
Baixo a caracterizacion da “emerxencia social” que vívemos, e utilizando a experiencia do apoio dos nacionalistas galegos, Castelao e Boveda, á Fronte Popular, afirman que é posible nunhas circunstancias excepcionais acordos entre nacionalistas e forzas españolas.
A AGE é, sen lugar a dubidas, un fenómeno progresivo. Romper o “tripartidismo” que dominou a política galega por dúas décadas, vehiculizar o debate político nun sector da xuventude, romper o “apoliticismo” de sectores do 15M,... son elementos que non se poden desprezar, senón que ha que telos moi en conta para o futuro.
Existe, alen diso, umha lectura estatal. O “experimento” da Syriza galega saíu ben, nomeadamente para EU, que de cero, e de que nas enquisas lle deran como moito 1 deputado, sacou 5. Canto tardarán en estender a idea o resto do Estado?
cal é na nosa opinión do carácter da AGE
O seu programa non é un programa de transformación socialista da sociedade, senon que é un programa electoral, que ten como obxectivo a “liberación social e nacional” da Galiza por medio do voto. A “revolución do voto”, chámanlle. A clase obreira non aparece por ningures, e as medidas anticapitalistas brillan pola súa ausencia.
É un programa socialdemócrata que non sae dos marcos do réxime capitalista nin nas formas, non o mencionan, nin nos medios; non se fala da folga xeral e da mobilización como alicerces do traballo e enfrontamento ente as clases. É claro que van facer umha oposición no parlamento máis dura da que hoxe existía, que van a ser “a voz dos oprimidos” no Parlamento, como dixeron o longo da campaña. Mas, no parlamento; a dinámica que eles defenden é “da sociedade ao parlamento”; isto é o que significa “ser a voz”, non o invés; os parlamentarios o servizo de organizar a loita da clase traballadora e o pobo. “Ser a voz” pon a mobilización o servizo dos parlamentarios,... é dicer, a orientación das loitas é cara á institución democrática da burguesía.
Esta no seu carácter o ser parte da reorganización politica, sindical e social da clase traballadora e o pobo. No Estado Español este proceso deu un salto de calidade o ano pasado, cando amplos sectores da xuventude romperan co PSOE no movemento do 15M. Mas na Galiza esta reorganización tiña umha outra mediación, o BNG. Os resultados destas eleccións puxeron branco sobre preto a gran crise que ten, e as forzas pode que liberar. A AGE é umha das expresións de esa liberación de forzas, que pola presenza que o BNG ten na clase traballadora a través da CIG, vaise trasladar o movemento obreiro.
As perspectivas, mais crise política e mobilizacións
Tras a borracheira electoral voltamos á realidade, e a primeira na fronte: o goberno vía descontar o IRPF aos funcionarios/as da Paga Extra de decembro que non van cobrar. E xa provocou as primeiras mobilizacións.
O PP, nun alarde de irresponsabilidade para coa sua clase social, o que lle vai enfrontar con sectores da propria burguesía, atrasou a petición de resgate e as medidas que acompañan para despois das eleccións. Por umhas contas electorais, puxeron en perigro as medidas que “teñen” que tomar acordadas coa UE, como o recorte das pensións e o desemprego, o anunciado desconto do IRPF, pisar a fondo nas privatizacións, a paralización cuasi total da negociación colectiva, a aprobación masiva de EREs, etc., etc.
Mas, como xa dixemos noutras ocasións, o que era umha crise económica e social, é xa umha crise política de gran calado e cun final imprevisible. Esta en crise o seu proxecto europeo, e de feito están refundando a UE baixo a nova correlación de forzas. A maioría absoluta do PP vai servir para profundar no sentido de manter a Galiza no seu papel de sempre, subministrador de man de obra e materias primas, co empobrecemento do conxunto da poboación traballadora.
Por outra banda, o réxime fica cada vez mas claramente diante da poboación como unha farsa de democracia. A confianza nesta lei electoral e nas vías electoralistas dentro do seu marco é cada vez mais pequena, a confianza nas institucións do réxime, rei incluído, disminue a pasos de xigante; e a resposta desde o réxime e o goberno de quenda á polarización social crescente non é outra que aumentar os seus trazos autoritarios, con reformas como a do Código Penal, que considera delitos formas de loitas social.
As propostas de loita contra os ataques aos direitos sociais van ir da man cada vez mais da loita contra os recortes nos direitos políticos da poboación, e porán as organizacións da esquerda na obriga de denunciar o réxime monárquico, base de todo elo.
Fronte a elo, os resultados electorais coa irrupción da AGE demostran que existe un amplo sector da sociedade que quere que lle falen claro, que digan con claridade os obxectivos. Beiras coa sua forma de falar galvanizou a moita xente, o “non respectar a Feijoo”, ó dicer que “coas suas políticas mataba tanta xente como as organizacións terroristas”,... dicia publicamente o que moitos e moitas pensan, e que o discurso “acartonado” e “diplomaticamente institucional” do BNG non recollía.
A nosa proposta
Debíamos encarar as eleccións cun eixo claro: goberne quen goberne, vamos ter que seguir loitando, e pola derrogación de todas as medidas do PPSOE. Esta claro que este obxectivo segue as ser central para a clase traballadora e o pobo se quere evitar que a crise segue caendo sobre as súas costas.
Nas circunstancias actuais isto non chega para enfrontar os duros ataques que desde a Unión Europea, a través do goberno e a Xunta están a aplicar, e que lévalles a cuestionar ou refundar as institucións e réximes políticos que lles serviron en tempos de crecemento e paz social. A clase traballadora e o pobo ten que ter claro que a crise económica e social solucionarase no eido político, na defensa das conquistas democráticas, ferramentas esenciais para a loita polos direitos sociais e laborais, e a construción doutras institucións verdadeiramente democráticas o seu servizo.
A crise do PSOE é a crise dumha “leal” oposición dentro do réxime, a crise do BNG é a crise dun discurso institucional, adornado con fraseoloxía nacionalista e de esquerdas, ... a AGE demonstra que existe un espazo para un discurso que enfronte os eidos políticos da crise. Mas a saída situase, primeiro, no recoñecemento que dentro destas institucións, a UE e o Tratado de Maastricht, e no réxime monárquico herdado do franquismo é imposible calquera saída obreira e popular á crise.
E segundo, a nosa perspectiva social é a da clase obreira, dos asalariados e asalariadas que sendo a maioría da poboación traballadora, vive da venda da sua forza de traballo por un salario. As propostas anticapitalistas que nos defendemos sintetizanse na “saída obreira e popular á crise” e na loita polo socialismo. Mas é un feito que no actual parlamento a clase traballadora fica fora de novo, ningún partido ou organización defende como centrais as suas reivindicacións, por iso, seguimos a defender a necesidade da organización política independente da Clase Traballadora, para en alianza co resto dos oprimidos, enfronte os planes do capital.
Neste sentido, o noso primeiro artigo remataba chamando aos Estados Unidos Socialistas de Europa. A crise da Unión Europea, a súa refundacion desde arriba, a confluencia dos ritmos económicos e sociais cada vez máis evidentes de todas as nacións europeas, e sobre todo a tendencia a unidade na resposta da clase traballadora, que xa ten umha data clara, o 14N, confirman a necesidade de que as organizacións da clase traballadora e o pobo recollan esta proposta como central.
Galiza, 25 de outubro de 2012


--

martes, 23 de octubre de 2012

A ÁRBORE DA MAIORÍA ABSOLUTA DO PP, NON NOS DEBE IMPEDIR VE-LO BOSQUE DA NOVA REALIDADE POLÍTICA GALEGA.



Carlos Dafonte.

O PP revalidou a maioría absoluta; é unha mala noticia para a maior parte da poboación, sobre todo para @s asalariad@s, non só de Galicia, polo que pode significar de reafirmar unha política de recortes de dereitos sociais, políticos, laborais, que se está a impor desde a administración central do estado español, pero sobre todo para @s galeg@s, que temos que seguir a sufrir, catro anos máis, a inoperancia dun partido fronte a crise, que a esconde cunha “contabilidade creativa”; falando en prata, “maquillou” as súas “contas de resultados” para poderse presentar diante do electorado como a Comunidade Autónoma que mellor fixo os deberes, a que primeiro vai saír da crise, e toda outra serie de falsidades que poden servir para enganar ó electorado nunha campaña electoral, pero que non aprobaría un exame fondo da realidade económica galega.
Do que non se dan conta os do PP, e se son conscientes de elo aínda é peor, que as economías dependentes, como a galega, entran máis tarde na crise, pero tamén saen máis tarde dela, e co que esta por vir a nivel de estado, falar de que para 2013 estaremos en condicións de crear emprego, penso, é unha estulticia.
Pero falemos con seriedade, alguén puido pensar que ca oposición que se fixo nestes anos, nas institucións e na rúa, cas constantes liortas internas das dúas forzas que se dicían opositoras no Parlamento, ca corrupción que as salpicou, ca lembranza do goberno bipartito aínda moi presente, repito, alguén puido pensar que había os vimbios necesarios para conforma-lo cesto dunha nova maioría?.
E Esquerda Unida, tamén ten a súa responsabilidade, polo abandono da mobilización, da loita social, en momentos nos que era necesaria a súa presencia, pero tamén por non ser capaz de abrir un proceso de loita ideolóxica, organizada, constante, contra a liña de flotación do neoliberalismo e por non vertebrar unha alternativa, que non sexa lavarlle a cara o capitalismo, buscarlle unha face máis humana. E non foron capaces en momento de debilidade ideolóxica e política do sistema, que aparece diante dos electores como o que é, un sistema baseado na explotación do traballo, co obxectivo de que uns poucos acaden os maiores beneficios.
O PP, aínda que se oculte, e non aparecera o dato nos comentarios da noite electoral, recibiu un severo castigo nestas eleccións, perdeu máis do 17% do seu electorado respecto ó 2009, 135.797 votantes para ser exactos, e 50.000 nas 9 cidades de Galicia con maior número de elector@s. @s galeg@s castigaron ó PP polas súas políticas, pola súa ineficacia e pola súa incapacidade para facer fronte a crise Salvárono da perda da maioría absoluta, tres elementos, unha maior abstención, unha lei electoral deturpadora dos resultados, que os amaña e premia a quen saca máis votos, rachando ca proporcionalidade, pero sobre todo o afundimento do PSOE que perdeu, respecto ás eleccións autonómicas anteriores, 230.958 votos e o Bloque que o fixo en 125.341. Entre os dous perderon, grazas á “estupenda política de oposición”, 356.299 votos. Polo tanto non hai un premio ó PP, senón un castigo á oposición parlamentar. Feijoo non debe sacar peito por estes resultados, aínda que renovara a súa maioría absoluta. As tres forzas ata o de agora parlamentarias, perderon 492.096 votos; pódese traducir isto como nunha perda de confianza na autonomía?
O panorama que se debulla despois do día 21, é de retroceso das forzas neoliberais, PP, PSOE, que perden un importante número de votos, exactamente 366.755, co-xestoras da crise, con medidas, tanto nos gobernos de Rodriguez Zapatero como de Rajoy, contra @s traballador@s, por medio das reformas laborais, conxelacións de salarios, aumento da idade de xubilación, conxelación das pensións, os que chamaron a aproba-la Constitución Europea, reformas fiscais en beneficio dos máis ricos e poderosos, etc.; e aínda que poda parecer anecdótico non o é, indica unha tendencia que é necesario que se consolide. Os labores de oposición nas institucións, pero sobre todo as mobilizacións, poden facela avanzar.
Por outra banda a campaña electoral e o período anterior, foron moi esclarecedores; fronte a política neoliberal non se abriu paso, con claridade, cun proxecto estratéxico e cun discurso apropiado, unha verdadeira alternativa. Como sempre, foi unha campaña de lemas electorais máis que de argumentos, de acusacións mutuas que non van a ningures e fronte a unha situación de crise como a actual, o máis que puiden albiscar foi algunhas receitas keynesianas, que nunha época de globalización, dominada polo neoliberalismo, son de moi difícil concreción.
Quen acadou un importante trunfo foi a Alianza Galega de Esquerdas (AGE); os seus máis de douscentos mil votos a sitúan como a terceira forza en Galicia, a segunda en cidades importantes e con posibilidades de acadar bos resultados nas próximas municipais; recolleu moito voto de PSOE e BNG, tamén conseguiu que lle votasen persoas da esquerda que non votaban ou escollían outras opcións de voto, e hai que recoñecer, que aínda que as perspectivas de Esquerda Unida xa tiñan mellorado antes do pacto, en todo o estado acontece, a inclusión de ANOVA e o seu promotor máis coñecido, Xosé Manuel Beiras, foi un elemento decisivo para a concreción deste importante avance. Pero non deben esquecer que tamén se pode “morrer de éxito”. Presentáronse como unha alternativa á sociedade capitalista, agora que recibiron un importante apoio a unha formulación moi abstracta, teñen responsabilidades que cumprir.
En primeiro lugar concretar a alternativa anticapitalista, que se ofertou na campaña dun xeito moi vago, quizais por falla de tempo, para que poda ser discutida e asumida por amplas capas da sociedade galega, que a liguen ás correstes estatais e internacionais de loita contra a crise e o capitalismo.
Un segundo aspecto e a responsabilidade que vai a sumir, de ser a única forza de oposición no Parlamento e na rúa, pola ausencia dos que debían compartir esa actividade; explícome, é posible unha certa paralización tanto do BNG como do PSOE cando comecen o seu debate interno, as reflexións sobre o sucedido na campaña e a súa derrota, o que levará posiblemente a enfrontamentos, que non propiciarán manter unha axeitada política de oposición. O que será moi importante, de darse estas circunstancias, para imprimir, por parte de AGE, carácter a un novo xeito de facer oposición.
Un terceiro aspecto no que AGE ten responsabilidade a partires deste momento, é o que podemos chamar xenericamente “de avanzar na reconstrución da esquerda galega”, a creación dun amplo movemento político cultural, froito da confluencia das esquerdas anticapitalistas, a internacionalista e a nacionalista.
En cuarto a responsabilidade de non deixarse engulir pola institución, hai que prima-lo traballo na sociedade, cos sindicatos, cas asociacións de veciños, cos gandeiros e o pequeno comercio, cas xentes da cidades e das vilas, etc..
Podemos dicir que unha esquerda emerxente aparece no panorama galego, mentres outra declina vítima dos seus propios erros. Pero iso non é certo en toda a súa dimensión; Esquerda Unida é herdeira dunha tradición de loita que entronca ca aparición das primeiras organizacións comunistas, aló polos anos vinte do século pasado; sempre presentes nas loitas sociais e políticas d@s traballador@s galeg@s, o 21 de outubro se deu a conxuntura que permitiu o cambio de ciclo, pero esta pode cambiar; e do mesmo xeito que se debe reflexionar a fondo e tentar non trabucarse nos momentos das derrotas, é necesario administrar ben os momentos dos avances. Trabucarse, pode deixar en “augas de fregar” todo o conseguido.

En Galicia no mes de outubro de 2012

viernes, 19 de octubre de 2012

EN DEFENSA DOS DEREITOS POLÍTICOS E SOCIAIS. POR UMHA FRONTE DA CLASE TRABALLADORA E O POBO

Xulia  Mirón e Roberto Laxe

O PP convocou as eleccións do 21 -O para desviar as constantes mobilizacións da poboación cara o xogo electoral onde pouco ou nada vaise resolver, e tentar avaliar nas urnas o que é rexeitado na rúa, as políticas de recortes e privatizacións.
O goberno de Rajoy, e con el a Xunta de Feijoo, esta atrapado entre as presións da UE para desenvolver mais ataques á poboación traballadora, e as mobilizacións. Na sua desesperación esta adoptando a liña da represión e criminalización da resposta social, como o 25 S ou coa detención e agresión o Secretario Xeral da CIG Ferrol. Os ataques aos direitos sociais e laborais da clase traballadora levan da man o recorte nos direitos políticos para frear á poboación.
Estes recortes traducense nun proceso de “recentralización” do estado, cun ataque frontal ás CC AA e nomeadamente ás nacións oprimidas, que ven cercenados os seus direitos nacionais para engordar mais o capital central. Este proceso ten efectos demoledores nunha nación como Galiza, que históricamente ten sufrido nas suas carnes a lacra da emigración, a causa dumha desindustrialización planificada desde o Estado.
O rexime da Monarquia estase a descoser polas costuras das nacións, que desde a Diada Catalá é un dos buratos polos que entra a mobilizacion de sectores da poboación; mobilizacion que cada dia mais vai confluindo coas da clase traballadora e os pobos do resto de Europa contra as mesmas políticas.
Nestas condicións chega o dia das eleccións, onde ademáis dos partidos do xogo do bipartidismo, presentanse duas formacións que disputan ser a alternativa de esquerdas, o BNG e a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Ambas suliñan que vivemos nunha situación de “emerxencia” social e procuran o voto como a saída, a “revolución polo voto” como din AGE, para despois non profundizar no que significa esas palabras frente á Union Europea e o rexime do 78.
A situación de emerxencia social, política e económica ven definida por unha Unión Europea capitalista, que so serve para destruir as conquistas sociais dos pobos; e un rexime monárquico que desde a súa institución mais elevada ate o poder xudicial, estan implicados na corrupción, nas políticas de axuste e nos recortes de direitos.
Unha verdadeira alternativa ten que partir do rexeitamento da Unión Europea e do rexime da Monarquía, alem dos gobernos que aplican as suas políticas, é dicer, que só derrotando ao Goberno de Rajoy e rachando a Union Europea se pode avanzar na verdadeira transformación da sociedade, na Europa dos Traballadores/as e os pobos.
Para elo, mais alo dos resultados electorais, hai que defender un verdadeiro programa que situe as bases dunha Saida Obreira e Popular contra a Crise que parta do non pagamento da debeda, da súa auditoria, da nacionalización da banca e as industrias chaves e as privatizadas baixo control obreiro, da reducción da xornada sen reducción de salario para traballar todos/as, da recuperación dos servizos privatizados baixo control social, dumha política fiscal progresiva na que “pague quen mais ten”,...
Para CV a alternativa so pode vir da unidade da clase obreira e o pobo, da construcción dumha Fronte Clasista para a Defensa dos seus Direitos Sociais e Políticos, que fortaleza a sua autoorganización pola base, baixo tres eixos fundamentais: un, a exixencia da derrogación de todas as medidas de guerra social desatadas polo PPSOE, dous, a defensa de todos os direitos da poboación traballadora, en especial o direito á autodeterminación da Galiza como expresión da sua soberania, tres, a confianza que só a mobilización unitaria e sostida da clase traballadora pode derrotar os planes dos gobernos e a Union Europea.
Non esta en xogo um mero “recambio” na Xunta, senon o futuro das vindeiras xeracións, hoxe abocadas o paro e a emigración. A alternativa para superar a situación de “emerxencia” non colle na perspectiva na que todos se moven, dumha reactivación económica baixo parámetros da propriedade capitalista dos medios de producción, senon da sua expropiación, que é o que significa o berro anticapitalista: “a crise ca pague quen a criou, o capital”. Por iso, novamente a clase obreira, os asalariados/as, van ficar sen representación no parlamento.
Porque sabemos que a abstención é umha resposta pasiva á gravidade da situacion, é que chamamos nestas eleccións tramposas a manifestar o rexeitamento co voto nulo e a preparar as mobilizacions que, de seguro, van vir nos vindeiros meses.

Galiza 19 de outubro de 2012



martes, 16 de octubre de 2012

LIBERALISMO, DEMOCRACIA E PROCESO ELECTORAL EN GALICIA


Carlos Dafonte

Hai moitos anos o filósofo francés Voltaire sentenciou: “Se queredes amosarme a excelencia do voso sistema político, non me levedes a visita-las sés da vosas institucións, levádeme a visita-las vosas cárceres”.
Pois ben, nestes tempos que destacan pola perda de dereitos da maior parte da sociedade, de descenso do que chamamos “nivel de vida”, de deterioro de servizos sociais básicos, tempos no que unha parte da sociedade toma as rúas para defenderse da agresión que a minoría no poder leva a cabo contra a maioría da sociedade, parangonando ó filósofo francés poderíamos dicir, que a saúde da democracia, saída da constitución de 1978, pódese medir pola actuación do Ministerio do Interior e das forzas represivas.
O longo de todos estes anos, non percibín na actuación da policía, na represión das mobilizacións populares un cambio cualitativo ca época da ditadura. O único, que agora teñen máis preparación, máis medios, maior eficacia e polo tanto compórtanse nas rúas con maior violencia, con maior brutalidade, excluíndo cando disparaban, feito que na época da ditadura era cotián. E este feito, e penso non estar trabucado, merece unha reflexión que debemos levar adiante na sociedade.
As escenas de represión que vemos nos últimos anos nas rúas do estado español, son arrepiantes; moito maior no grao de violencia e a falla de respecto á cidadanía, que a que se produce en casos similares en países do noso entorno e cun sistema político homologable. A maior parte das veces os medios empregados para reprimir son desproporcionados en relación o que tentan evitar; do que parece que se trata e de aterrorizar, paralizar futuras mobilizacións, evita-lo dereito de manifestación, converter ese dereito nun constante perigo de sufrir golpes, humillacións e lesións graves. E non podemos atopar diferencias, aínda que pareza difícil de admitir, entre quen exercía nese momento a autoridade transferida sobre as forzas represivas; teño visto escenas de represión tremendas en Cataluña por parte dos “mossos” cun conselleiro de Iniciativa, Joan Saura, case idénticas ás da Policía Nacional cando no ministerio do interior “exercía” Rubalcaba do PSOE, e agora con ese ministerio en mans do PP. Non hai diferencias.
Os últimos “acontecementos” producidos a redor do 25 de setembro, do inicio da campaña electoral en Galicia ca protesta dos traballadores dos estaleiros, ratifican todas as anteriores apreciación. Se tivésemos que xulgar o sistema de liberdades no estado, teríamos que dicir que a vista do acontecido neses días, e os debates posteriores entre representantes de diferentes partidos, o noso sistema esta enfermo, nun estado de extrema gravidade. Pero non nos enganemos, a represión brutal, indiscriminada e un síntoma dunha enfermidade máis grave, non é a enfermidade. A enfermidade é a incompatibilidade entre capitalismo e democracia, que nos tempos de crise aguda, como son os actuais, sitúa a esta contradición nun primeiro plano, e con toda a súa crueza.
O capitalismo xa non ten, a quen vai enganar a estas alturas do proceso, discurso lexitimador, o que Lester Thurow chamou “lexítima historia”; e non existe pola razón de que non pode ser un sistema de conceptos racionais capaz de integra-los membros da sociedade nun plano etico-político, que non supoña ningún tipo de retroceso con respecto a ideais, que ata hai 40 anos, as sociedades capitalistas dicían defender. Hoxe todas esas ideas están arrumbadas, aínda que nun principio pensasen, algúns inxenuos, que os resultados ían ser outros, coa desaparición da URSS e o resto dos países, onde o capitalismo desaparecera e a burguesía fora expropiada, e ca derrota das forzas da esquerda que se concretou na disolución da maior parte dos partidos comunistas e a perda de influenza nas respectivas sociedades, das ideas de emancipación e cambios de estrutura polas que estes loitaran.
Do que o capitalismo nos fala agora e nos tenta impoñer, é da “democracia liberal”, un concepto que encerra unha forte contradición que o anula. Mentres a democracia sempre debe orientarse a supera-los intereses individuais e poñer en primeiro termo os colectivos, o obxectivo debe ser consegui-lo benestar para a maior parte da sociedade, o liberalismo exalta o interese individual, a busca do beneficio persoal; polo tanto sitúa nun primeiro termo a economía por enriba da política; teñen aversión á política, por iso tentan restrinxila acción política, sindical, etc, xa que consideran que esta, limita a liberdade individual, a liberdade para facer negocios e enriquecerse, a liberdade para explotar a forza de traballo, a liberdade para a desigualdade. Pero esta posición encerra tamén outra contradición, pois só por medio da política, poden os liberais acada-lo poder, que lles permite satisface-los seus obxectivos. Nesta perspectiva hai que analizar as posicións da presidenta da Comunidade Autónoma de Castela a Mancha, de non pagar ós deputados autonómicos, a redución do número de deputados en Galicia proposto polo PP, e o ataque constante contra os sindicatos, lanzados por Aguirre na Comunidade de Madrid.
E fronte á democracia burguesa tradicional, os liberais, aínda que non o expliciten, opoñen o mercado, o espazo onde se desenvolve perfectamente a desigualdade humana, algo inherente a natureza, pensan, síntoma e causa da liberdade, segundo eles. Esa é a verdadeira enfermidade que ataca nestes momentos ás sociedades capitalistas, o predominio do mercado sobre a sociedade e o estado.
Hai anos podían dicir que a democracia burguesa estaba asediada desde o exterior, por modelos sociopolíticos que lle disputaban o terreo. Hoxe non, acabouse o engano; a democracia burguesa keynesiana de despois da segunda guerra mundial, onde unha parte moi importante das sociedades do centro do sistema capitalista, gozaban de importantes servizos e privilexios, quen a puxo en perigo e acabou con ela, foron razóns obxectivas que xa teño explicado, e o acoso de forzas internas que a queren converter, en aras da preeminencia do mercado, nunha caricatura do que foi. A crise do keynesianismo, a consecuencia da queda da taxa de ganancia, permitiu a recomposición capitalista baixo a óptica do liberalismo e a expansión dos mercados. Co trunfo dos mercados, todo ten un prezo e de todo pódese sacar beneficio. Todo dereito e servizo público, convérteno en mercadoría e se alguén quere gozar deles, ten que mercalos e todo isto produce un enorme desequilibrio entre mercado, estado e sociedade, en beneficio do primeiro, poñendo en cuestión a propia democracia burguesa, tal como a coñecíamos ata o de agora.
Na democracia burguesa tradicional, aínda que moi manipulable, en teoría, é a base, a sociedade, a que decide por medio do seu voto; nela reside a soberanía de onde procede o poder político; no mercado é a cúpula onde se atopa o poder fundamental; lembremos Grecia e Italia e a substitución dos seus gobernos por ditado dos mercados, sen participación cidadá; tamén é un exemplo o caso da modificación da Constitución no estado español, polo PP e PSOE, para que o pago da débeda sexa prioritaria; os mercados mandan e a cidadanía non participa; ou cando se aprobou a Constitución europea sen referendos en numerosos países.
Este dominio dos mercados no estado español, tamén necesita, para afianzarse, do menoscabo da política e do público; e hai que recoñece-lo, algúns políticos, case sempre liberais e de dereitas, cas constantes corruptelas, roubos e falcatruadas, que fan, axudan moito ós mercados neste obxectivo. Cando coñecemos as enquisas e vemos que os políticos atópanse como un dos problemas máis importantes da sociedade, estamos a constata-lo trunfo ideolóxico dos mercados; os que os defenden, para afondar máis no menoscabo da política, falan sempre de “clase política”, curiosamente cando negan moitas veces a existencia de clases na sociedade e a loita entre as mesmas, co obxectivo de poñer os intereses dos políticos corruptos e dos que non o son, nun mesmo plano.
Ó sector público o tachan sempre de incompetente, con tendencia a malgastar, e polo tanto debe ser substituído pola xestión privada, que para estes voceiros do capital, é eficiente, coidadosa cos cartos de todos, etc. Nada que ver ca realidade, a experiencia nos permite afirmar todo o contrario, que o privado funciona mal, gastan máis e unha parte importante de ese gasto é beneficio para quen moitas veces acada os contratos dun xeito ilexítimo. Pero a realidade é que nestes anos numerosos servizos públicos, en mans de Concellos, Deputacións e Administracións Central e Autonómica, foron privatizados por numerosos partidos do arco parlamentar, moitos dos que se autodenominan de esquerdas e contrarios ó liberalismo.
Unha verdadeira democracia debe tender, como di Atilio Borón, á conversión do pobo en cidadanía dotada de dereitos. Nunha sociedade dominada polos mercados prevalece a lóxica contraria. O poder non ten interese algún na participación da maioría da sociedade; tenta pola contra, fragmentar, desunir, baseándose na competencia feroz entre individuos onde só os máis aptos, que sempre son os que teñen máis medios, deben sobrevivir. A nova lei de educación que anuncia o ministro Wert, e as reformas universitarias que se coñecen como Plan Bolonia, van nese camiño.


Coa imposición das súas normas, algúns, unha minoría, gaña e outros, a grande maioría perde; son os que non souberon, afirman cun cinismo inaudito, aproveita-las oportunidades, a culpa a teñen eles mesmos, a sociedade nada debe facer para soluciona-los seus problemas. E entramos noutro aspecto do sistema político que é fundamental, o tema da xustiza; sen ela non pode haber democracia; nas sociedades onde as diferencias entre ricos e pobres son enormes, non existe; de pouco vale o voto se a riqueza en mans duns poucos, impón os seus criterios. Pode existir xustiza nunha sociedade na que se carga o peso da crise económica sobre as costas dos que menos teñen, en beneficio dos que monopolizan a riqueza producida por toda a sociedade?. A existencia da xustiza e incompatible cos mercados, paralizaría a súa acción, cando “campan as súas anchas” é a maior evidencia de que non existe.
As conclusións deben ser sacadas despois de reflexionar sobre estes e outros temas, sobre todo cando nos atopamos nun proceso electoral, inmerso na intensificación da loita de clases e coa clase dominante utilizando todos os medios ó seu alcance para acada-los seus fins. Non hai hoxe unha institución do estado, empezando polas “forzas de seguridade”, ca súa actitude brutal, que non se atope xogando o seu papel ó servizo desa minoría explotadora e aínda que pode haber moit@s que pensedes o contrario, as eleccións do día 21, son outro chanzo máis na escada que leva a afondar máis na derrota d@s traballador@s; en ausencia de discurso lexitimador, boas son unhas eleccións e os seus resultados. Todos os días nos restregan pola face que o PP acadou un enorme apoio electoral e iso lle permite aprobar calquera medida, estivera ou non, no seu programa
Nin PP, nin PSOE deberan recibir apoio, nin os partidos e organizacións políticas que estean dispostos a apoiar, despois do día 21, calquera alternancia no poder que pase por estes dous partidos.
Os tempos son chegados e diante dunha situación de emerxencia, os electores deben tomar medidas de emerxencia; hoxe é fundamental dicirlles ós representantes políticos da clase dominante e os seus monaguillos, que non entramos no seu xogo, que o seu proxecto de democracia só serve para afianzarlles máis no poder, un poder ilexítimo; que nas actuais circunstancias, un home unha muller un voto, non nos conduce cara a nosa liberación.

En Galicia no mes de outubro de 2012