Roberto Laxe
“Mover
ficha”, o programa que deu orixe á candidatura de Podemos, abriu
varios debates na esquerda, desde o organizativo/lideranza, pola
forma na que apresentou-se na sociedade, ao redor dunha figura
mediática, até o programático/político pola maior ou menor
ambigüidade nas súas alternativas, ou o teórico/de proxecto social
coa proposta “por un novo modelo produtivo”, baseado nunha
reconvención ecolóxica, a nacionalización e socialización das
empresas enerxéticas e a soberanía alimentaria.
Todo o que
se diga sobre o organizativo, o político ou o programático non só
é importante, é decisivo posto que aí é onde morren as palabras.
Que política, que programa e que organización se desenvolve para
conseguir o que nos une a todos, a transformación da sociedade, é o
que dá forma á loita por un proxecto social; e non nos confundamos,
a forma política e organizativa é determinante para alcanzalo,
porque é a maneira de expresar eses obxectivos sociais nun momento
histórico concreto.