PROCESO ELECTORAL E MEDIOS DE INFORMACIÓN.
Carlos Dafonte
En poucos días @s galeg@s votaremos para
elixi-l@s nos@s representantes provinciais nas Cortes do estado. Para o outono
elixiremos a quen nos represente no Parlamento de Galicia; se di de ese
momento, cando introducimos o voto na urna, que é o momento culminante nunha
sociedade democrática xa que co noso acto estamos en disposición de cambia-lo
rumbo da actividade política, modifica-las estruturas de poder, a situación
persoal, premiando a quen durante o tempo do seu mandato levou a cabo políticas
segundo o prometeu na campaña electoral e beneficiou cas mesmas á maioría da
sociedade, e castigando a quen enganou ós seus electores. Pero non nos
enganemos, para a grande maioría dos que votan, son as informacións dadas polos
medios os que lle crean a necesidade de votar a uns ou a outros. O longo da
miña vida política teño observado como moit@s votantes argumentaban a favor ou
en contra dunha opción política, segundo a liña editorial de determinados
medios, en grande medida son os responsables do voto emitido, aínda que cada
vez teñen menos influenza.
Os medios de información
están ó servizo da sociedade?
Polo tanto volve a estar de actualidade a información que durante o
período de tempo que vai dunha elección a outra teñamos recibido, pois só con
información honesta, non manipulada, ó servizo de crear cidadáns capaces de
decidir con liberdade, poderemos ter a capacidade de elixir libremente.
Senón é así, a democracia, como analizaron hai algúns anos sociólogos norteamericanos, convértese en
poliarquía.
Neste país existe o paradoxo de que un mesmo propietario teña dous
medios de comunicación, un considerado de “esquerdas” e outro de “dereitas”,
pero os límites da información sitúanse na defensa, en ámbolos dous, do
capitalismo; dentro do capitalismo se poden facer algunhas críticas, como
facelo máis “eficaz”, como máis “beneficioso” para quen o sofre, si debemos
defender o keynesianismo ou o neoliberalismo, pero defender dun xeito reiterado
outro sistema que sexa alternativa, non ten oco dentro de calquera dos medios.
Temos no estado español verdadeiramente liberdade de prensa?. Parto da
afirmación de que en ningún país existe, que esta como toda outra serie de
liberdades que se consagran nas Constitucións, está limitada pola defensa do
modo de produción que é hexemónico na formación social existente, neste caso
pola defensa do capitalismo e aínda máis, no caso español pola defensa dun
modelo capitalista particular, o neoliberal: a saída que o poder económico
impón, dende hai moitos anos, da crise que afectou a moitas partes do planeta
ata chegar a partires de 2007 ó centro do sistema. A liberdade de prensa está
en función da loita de clases e cal teña a hexemonía.
Hai pois elementos que limitan dun xeito moi determinante a liberdade
de prensa. En principio todos os cidadás podemos ser propietarios dun medio de
comunicación, pero os custos para materializar este feito son tan importantes
que só os economicamente moi poderosos os poden posuír. Ademais dende o inicio
da crise, así como o capital se concentra e centraliza, este proceso tamén se
ten producido nos medios de comunicación do estado e non é difícil atopar
algúns cuxo propietario é unha empresa transnacional.