A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 24 de abril de 2008

O DEBATE DE INVESTIDURA ABRE UN NOVO PERÍODO

Carlos Dafonte



Nestes meses estase a pechar un ciclo económico onde o modelo de explotación español amosou a súa eficacia; os traballadores, grazas ás condicións de explotación crearon grande cantidade de riqueza pero non houbo un proceso de redistribución da mesma. Goberno, sindicatos, oposición e outras estruturas do estado capitalista, encargáronse de que “a parte do león” fora para os mais poderosos economicamente.


O modelo de crecemento español entra en crise coincidindo cunha posible recesión a nivel mundial. ¿Entramos no estado español tamén nun novo ciclo político?.


Rodríguez, o presidente do goberno en funcións, acaba de formar novo goberno despois dun debate de investidura soporífero e onde todo parece camiñar a darme a razón na opinión vertida nunha tertulia de radio, onde analizábamos os resultados electorais, de que o PSOE gobernaría só coa anuencia do PP; debate de investidura onde o candidato á presidencia do goberno, quizás por medo ou incompetencia, foi incapaz de situar ós diferentes pobos do estado, diante da grave situación económica e explicar un programa claro de medidas; unha situación, que no económico se degradaba día a día camiño da recesión, que vai agravar a xa feble economía dunha parte importante da poboación, con máis paro, perda de poder adquisitivo, de dereitos sociais, suba das hipotecas, etc,; e onde se percibe un certo reponte da mobilización social. Estas circunstancias e os propios resultados electorais, facíanme pensar nun acercamento das posicións do PP e PSOE, prescindindo nos labores de goberno de todas as demais organizacións políticas. E foi ese o elemento clave do debate de investidura, dende o meu punto de vista.


Rodríguez prescindiu de todo tipo de apoios, tamén de contraer compromiso algún e compareceu no Congreso dos Deputados dun xeito do que que durante a lexislatura se acusou ó PP, illado de todos e incapaz de concordar con alguén.


Todo o seu discurso e o debate posterior estivo inzado de requirimentos ó PP para levar adiante acordos, recibindo por parte do partido conservador, replicas no mesmo senso. O que interpreto, con todas as prevencións que o caso require, é que nas condicións económicas, políticas e sociais polas que esta a pasar o estado español, os chamados poderes fácticos, os que verdadeiramente mandan, dan cretos e perdoan débedas, poñen os medios de comunicación ó servizo dos partidos, etc, apostan por unha recomposición do bloque oligárquico, evitar fisuras para facer fronte máis unido ós próximos anos de forte crise económica e social.


Do que se trata é de tomar medidas para recompoñer o antes posible a xeración de plusvalor dos grandes emporios económicos, cuxos intereses e investimentos hai que defender no mercado interior e no exterior. Ese obxectivo acádase mellor co apoio, nos parámetros básicos, do principal partido da oposición.


Os cambios acontecidos no PP van nese camiño e os nostálxicos dende os medios de comunicación, dos catro anos pasados, pronto serán convencidos da necesidade da nova realidade, onde vai seguir exercéndose unha oposición dura en determinados aspectos, ou principiará un proceso de marxinación.


Polo tanto é previsible que os enfrontamentos no próximo congreso do PP, de producirse, non van poñer en cuestión a nova etapa que abriu o debate de investidura.


Nesa mesma lóxica está a constitución do novo goberno, carente de personalidade, mal estruturado e onde os ministerios de Economía e Industria teñen un papel relevante e os demais a non poñer atrancos, a dicir a todo amen. E se o importante é que se recupere a taxa de lucro ¿para que un ministerio de medio ambiente?. Tampouco debemos esquecer que o novo ministro de Industria, Turismo e non se sabe cantas cousas máis, antes de ser asesor persoal do presidente Rodríguez, tiña un alto cargo no BBVA. En tempos de crise bancaria, todas as axudas son poucas.


Este tipo de acordo entre grandes partidos non é novo na UE de hoxe, exemplos témolos en Alemaña e no “revolto” partidario do que Sarkozy sacou o seu goberno.


Por último, verdade que o discurso de IU, de forza-lo “xiro a esquerda” e do BNG, da importancia dos seus votos en Madrid para “conseguir”, soan un pouco a...?


A burguesía apréstase ós vindeiros combates, a enfrontarse ó desenvolvemento da loita de clases neste novo período, nas mellores condicións posibles para impoñe-las solucións de acordo cos seus intereses; ¿como organiza-la loita dos asalariados, con que instrumentos? Ese é o grande reto da esquerda no estado e na Galicia.




Abril de 2008




 




No hay comentarios:

Publicar un comentario