Xulia Miron e Roberto Laxe
A importancia dunhas eleccións no
cadro dun réxime burgués non están tanto no seu resultado -sexa o que sexa o
seu resultado, vai ser un goberno ao servizo do capital-, mas tamén nas
consecuencias que teñen nas organizacións políticas, nas que representan á
clase traballadora e o pobo, e nas proprias da burguesía. Umhas eleccións son a
visión desvirtuada da realidade social, mas reflicte esa realidade, e a súas
consecuencias son lidas en profundidade por todos, mais que mais, nun tempo de
crise, cando todas as institucións están postas en cuestión.
Este balance cínguese ás eleccións
galegas, aínda que coincidiran no tempo coas bascas, e moitos dos elementos
sexan comúns, nomeadamente dous, un, a debacle do partido que ate o de agora
representaba ás clases medias e sectores da clase traballadora, o PSOE,
segundo, a vitoria pírrica da burguesía, nun caso expresada no PNB, que non
obtén a maioría absoluta, noutro o PP que perde 135 mil votos, malia grazas a
antidemocrática lei D’Hont, teña a maioría absoluta (2-1=5, é o resultado que
da a esa lei, segunda a cal tendo menos votos podes ter máis deputados).
En terceiro lugar a esquerda, Bildu
con 21, BNG e AGE (entre estes dous acadaron 16 deputados, mais dos 12 que tiña
o BNG só), aínda que en dous casos tiveron bos resultados, o de Bildu semella
que non chegaron a cubrir as perspectivas que tiñan, e no caso galego asistimos
o afundimento da organización que ate o momento era a expresión política
maioritaria da esquerda social galega, o BNG. Pola contra, aparece un novo
actor no escenario, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), que recolle non só
un sector do voto do BNG e o PSOE, mas tamén de sectores da xuventude, do 15M e
dos “indignados”.
Se a elo engadimos a abstención/voto
nulo/branco, que chega o 40%, resulta que na Galiza o PP vai gobernar co
respaldo de 1 de cada catro galegos; ou dito doutra maneira, 3 de cada 4
galegos non votaron ó PP. É certo que van gobernar con 41 deputados, mas que
non se trabuquen, non teñen mais apoio social, o envés, perderon apoios; que
cara á galería -e para consumo interno na batalla polo control do PP- e nos
titulares sacan peito, e tentan que a realidade non lles estrague o titular da
vitoria electoral.
Dos resultados xorden outras
preocupacións para as forzas do réxime, un, a mencionada debacle do PSOE pon en
cuestión o bipartidismo na pata pola que amplos sectores da clase traballadora
integrábanse nas institucións do réxime, dous, Feijoo fixo campaña afastándose
claramente das políticas de Rajoy e agochando no posible as siglas do PP, e
aínda así perdeu votos. Diste xeito, e con diferentes ritmos, os partidos
centrais do réxime, o PSOE e o PP, saen tocados das eleccións. Esta claro que
as mobilizacións sociais non van parar cos resultados electorais, e malia a
“virtual” maioría absoluta do PP, Rajoy sae debilitado mesmo dentro do PP, onde
xa existe umha alternativa (Esperanza Aguirre dixit), Feijoo.
Os datos e a lei D’Hont
O PP acadou nas eleccións do 2009,
789 000 votos, o 46,68%, o PSOE 524 000, o 31.02 %, o BNG, 270 000, é dicer, o
16,01%, e tiñan 38, 25 e 12 deputados respectivamente. A suma dos dous últimos
era do 47% dos votos, que, marabillas da lei D’Hont, dan menos representantes
que o 46.68 do PP. Nestas eleccións o PP baixa aos 653.900 votos, é dicer, o
45.72, o PSOE a 293.600, o 20.53%, o BNG fica nos 145.300, 10.16%, e aparece un
cuarto en discordia, AGE, con 200.100 votos e o 13.99%. Unha diferenza de
1.04%, e de 17 mil votos resulta nunha diferenza de 7 deputados.
Esa é a maxia da antidemocrática lei
D’Hont, que fai que con menos votos e practicamente igual proporción saquen
mais deputados e teñan maioría absoluta para facer o que lles pete. É obvio que
a responsabilidade desta lei non é do PP, que ben lle ven, senon daqueles, o
PSOE e o BNG, que tiveron nas suas mans ha catro anos de denunciala
publicamente e non o fixeron, así como de derrogar o tope do 5% para entrar no
Parlamento -tope que agora beneficia ó PP pois impide a aparición dunha forza
burguesa que compita con el-. O problema é que a súa claudicación as normas
electorais antidemocráticas permite que o PP, con toda a súa ristra de ataques
á poboación, teña maioría absoluta.
A derrogación destas leis
restritivas comeza a se converter numha necesidade para garantir un mínimo de
democracia na Galiza e no Estado Español. A anterior restauración monárquica, a
finais do séculos XIX, baseouse tamén numha democracia farsa dominada por dous
partidos, o conservador e o liberal, que se sucedían no goberno, e un sistema
electoral baseado no caciquismo que garantía esa alternancia. Mas era evidente
para todos que era umha farsa de democracia, con pouco que ver cun réxime
verdadeiramente democrático. O actual réxime monárquico tamén basease nunha
farsa democrática, agora fundamentada na lei eleitoral que favorece o
bipartidismo e dentro del, o partido mais forte. A denuncia desta farsa foi uno
dos eixos do 15M de pasado ano e fai parte da importante crise que teñen as
estruturas do réxime actual.
A Alternativa Galega de Esquerdas ou
a Syriza Galega
A gran novidade, e dalgún xeito, o
triunfador destas eleccións é a AGE, a alianza entre Esquerda Unida e Anova,
que acadou uns resultados históricos para umha forza que non ten mais dun mes
de vida, con 200 mil votos e 9 deputados. A AGE é resultado de tres elementos
chaves, un, a alianza entre umha forza politica que xa viña recollendo a
decepcionados do PSOE, EU, e outra en ruptura co BNG, ANOVA; dous, a presenza
dun dirixente de gran calibre, Beiras, e terceiro, mas o decisivo para futuro,
o xiro á esquerda dun amplo sector da sociedade, que rompe co institucionalismo
do PSOE, e esgotado polo discurso “acartonado”, sen forza, do BNG, por moito
que o presentar como de esquerdas, non deixaba de seren visto como umha forza
institucional.
Foi Beiras quen definiu o seu
obxectivo: son a expresión política da indignación social contra os recortes.
Mas, é un experimento empirico, que agora ten que respostar ás expectativas que
criou, especialmente en sectores da xuventude, do funcionariado, profesionais
liberais e intelectuais. De feito a posición inicial de que era “só” un proxecto
electoral, para estas eleccións, en palabras de Beiras, mudou e agora comezan a
falar dun proxecto de futuro.
Baixo a caracterizacion da
“emerxencia social” que vívemos, e utilizando a experiencia do apoio dos
nacionalistas galegos, Castelao e Boveda, á Fronte Popular, afirman que é
posible nunhas circunstancias excepcionais acordos entre nacionalistas e forzas
españolas.
A AGE é, sen lugar a dubidas, un
fenómeno progresivo. Romper o “tripartidismo” que dominou a política galega por
dúas décadas, vehiculizar o debate político nun sector da xuventude, romper o
“apoliticismo” de sectores do 15M,... son elementos que non se poden desprezar,
senón que ha que telos moi en conta para o futuro.
Existe, alen diso, umha lectura
estatal. O “experimento” da Syriza galega saíu ben, nomeadamente para EU, que
de cero, e de que nas enquisas lle deran como moito 1 deputado, sacou 5. Canto
tardarán en estender a idea o resto do Estado?
cal é na nosa opinión do carácter da
AGE
O seu programa non é un programa de
transformación socialista da sociedade, senon que é un programa electoral, que
ten como obxectivo a “liberación social e nacional” da Galiza por medio do
voto. A “revolución do voto”, chámanlle. A clase obreira non aparece por
ningures, e as medidas anticapitalistas brillan pola súa ausencia.
É un programa socialdemócrata que
non sae dos marcos do réxime capitalista nin nas formas, non o mencionan, nin
nos medios; non se fala da folga xeral e da mobilización como alicerces do
traballo e enfrontamento ente as clases. É claro que van facer umha oposición
no parlamento máis dura da que hoxe existía, que van a ser “a voz dos
oprimidos” no Parlamento, como dixeron o longo da campaña. Mas, no
parlamento; a dinámica que eles defenden é “da sociedade ao parlamento”;
isto é o que significa “ser a voz”, non o invés; os parlamentarios o servizo de
organizar a loita da clase traballadora e o pobo. “Ser a voz” pon a
mobilización o servizo dos parlamentarios,... é dicer, a orientación das loitas
é cara á institución democrática da burguesía.
Esta no seu carácter o ser parte da
reorganización politica, sindical e social da clase traballadora e o pobo. No
Estado Español este proceso deu un salto de calidade o ano pasado, cando amplos
sectores da xuventude romperan co PSOE no movemento do 15M. Mas na Galiza esta
reorganización tiña umha outra mediación, o BNG. Os resultados destas eleccións
puxeron branco sobre preto a gran crise que ten, e as forzas pode que liberar.
A AGE é umha das expresións de esa liberación de forzas, que pola presenza que
o BNG ten na clase traballadora a través da CIG, vaise trasladar o movemento
obreiro.
As perspectivas, mais crise política e mobilizacións
Tras a borracheira electoral
voltamos á realidade, e a primeira na fronte: o goberno vía descontar o IRPF
aos funcionarios/as da Paga Extra de decembro que non van cobrar. E xa provocou
as primeiras mobilizacións.
O PP, nun alarde de
irresponsabilidade para coa sua clase social, o que lle vai enfrontar con
sectores da propria burguesía, atrasou a petición de resgate e as medidas que
acompañan para despois das eleccións. Por umhas contas electorais, puxeron en
perigro as medidas que “teñen” que tomar acordadas coa UE, como o recorte das
pensións e o desemprego, o anunciado desconto do IRPF, pisar a fondo nas privatizacións,
a paralización cuasi total da negociación colectiva, a aprobación masiva de
EREs, etc., etc.
Mas, como xa dixemos noutras
ocasións, o que era umha crise económica e social, é xa umha crise política de
gran calado e cun final imprevisible. Esta en crise o seu proxecto europeo, e
de feito están refundando a UE baixo a nova correlación de forzas. A maioría
absoluta do PP vai servir para profundar no sentido de manter a Galiza no seu
papel de sempre, subministrador de man de obra e materias primas, co empobrecemento
do conxunto da poboación traballadora.
Por outra banda, o réxime fica cada
vez mas claramente diante da poboación como unha farsa de democracia. A
confianza nesta lei electoral e nas vías electoralistas dentro do seu marco é
cada vez mais pequena, a confianza nas institucións do réxime, rei incluído,
disminue a pasos de xigante; e a resposta desde o réxime e o goberno de quenda
á polarización social crescente non é outra que aumentar os seus trazos
autoritarios, con reformas como a do Código Penal, que considera delitos formas
de loitas social.
As propostas de loita contra os
ataques aos direitos sociais van ir da man cada vez mais da loita contra os
recortes nos direitos políticos da poboación, e porán as organizacións da
esquerda na obriga de denunciar o réxime monárquico, base de todo elo.
Fronte a elo, os resultados
electorais coa irrupción da AGE demostran que existe un amplo sector da
sociedade que quere que lle falen claro, que digan con claridade os obxectivos.
Beiras coa sua forma de falar galvanizou a moita xente, o “non respectar a
Feijoo”, ó dicer que “coas suas políticas mataba tanta xente como as
organizacións terroristas”,... dicia publicamente o que moitos e moitas pensan,
e que o discurso “acartonado” e “diplomaticamente institucional” do BNG non
recollía.
A nosa proposta
Debíamos encarar as eleccións cun
eixo claro: goberne quen goberne, vamos ter que seguir loitando, e pola
derrogación de todas as medidas do PPSOE. Esta claro que este obxectivo segue
as ser central para a clase traballadora e o pobo se quere evitar que a crise
segue caendo sobre as súas costas.
Nas circunstancias actuais isto non
chega para enfrontar os duros ataques que desde a Unión Europea, a través do
goberno e a Xunta están a aplicar, e que lévalles a cuestionar ou refundar as
institucións e réximes políticos que lles serviron en tempos de crecemento e
paz social. A clase traballadora e o pobo ten que ter claro que a crise
económica e social solucionarase no eido político, na defensa das conquistas
democráticas, ferramentas esenciais para a loita polos direitos sociais e
laborais, e a construción doutras institucións verdadeiramente democráticas o
seu servizo.
A crise do PSOE é a crise dumha
“leal” oposición dentro do réxime, a crise do BNG é a crise dun discurso
institucional, adornado con fraseoloxía nacionalista e de esquerdas, ... a AGE
demonstra que existe un espazo para un discurso que enfronte os eidos políticos
da crise. Mas a saída situase, primeiro, no recoñecemento que dentro destas
institucións, a UE e o Tratado de Maastricht, e no réxime monárquico herdado do
franquismo é imposible calquera saída obreira e popular á crise.
E segundo, a nosa perspectiva social
é a da clase obreira, dos asalariados e asalariadas que sendo a maioría da
poboación traballadora, vive da venda da sua forza de traballo por un salario.
As propostas anticapitalistas que nos defendemos sintetizanse na “saída obreira
e popular á crise” e na loita polo socialismo. Mas é un feito que no actual
parlamento a clase traballadora fica fora de novo, ningún partido ou
organización defende como centrais as suas reivindicacións, por iso, seguimos a
defender a necesidade da organización política independente da Clase
Traballadora, para en alianza co resto dos oprimidos, enfronte os planes do
capital.
Neste sentido, o noso primeiro
artigo remataba chamando aos Estados Unidos Socialistas de Europa. A crise da
Unión Europea, a súa refundacion desde arriba, a confluencia dos ritmos económicos
e sociais cada vez máis evidentes de todas as nacións europeas, e sobre todo a
tendencia a unidade na resposta da clase traballadora, que xa ten umha data
clara, o 14N, confirman a necesidade de que as organizacións da clase
traballadora e o pobo recollan esta proposta como central.
Galiza, 25 de outubro de 2012
--