Carlos Dafonte
Hai moitos anos o
filósofo francés Voltaire sentenciou: “Se queredes amosarme a
excelencia do voso sistema político, non me levedes a visita-las sés
da vosas institucións, levádeme a visita-las vosas cárceres”.

O longo de todos estes
anos, non percibín na actuación da policía, na represión das
mobilizacións populares un cambio cualitativo ca época da ditadura.
O único, que agora teñen máis preparación, máis medios, maior
eficacia e polo tanto compórtanse nas rúas con maior violencia, con
maior brutalidade, excluíndo cando disparaban, feito que na época
da ditadura era cotián. E este feito, e penso non estar trabucado,
merece unha reflexión que debemos levar adiante na sociedade.
As escenas de represión
que vemos nos últimos anos nas rúas do estado español, son
arrepiantes; moito maior no grao de violencia e a falla de respecto á
cidadanía, que a que se produce en casos similares en países do
noso entorno e cun sistema político homologable. A maior parte das
veces os medios empregados para reprimir son desproporcionados en
relación o que tentan evitar; do que parece que se trata e de
aterrorizar, paralizar futuras mobilizacións, evita-lo dereito de
manifestación, converter ese dereito nun constante perigo de sufrir
golpes, humillacións e lesións graves. E non podemos atopar
diferencias, aínda que pareza difícil de admitir, entre quen
exercía nese momento a autoridade transferida sobre as forzas
represivas; teño visto escenas de represión tremendas en Cataluña
por parte dos “mossos” cun conselleiro de Iniciativa, Joan Saura,
case idénticas ás da Policía Nacional cando no ministerio do
interior “exercía” Rubalcaba do PSOE, e agora con ese ministerio
en mans do PP. Non hai diferencias.
Os últimos
“acontecementos” producidos a redor do 25 de setembro, do inicio
da campaña electoral en Galicia ca protesta dos traballadores dos
estaleiros, ratifican todas as anteriores apreciación. Se tivésemos
que xulgar o sistema de liberdades no estado, teríamos que dicir que
a vista do acontecido neses días, e os debates posteriores entre
representantes de diferentes partidos, o noso sistema esta enfermo,
nun estado de extrema gravidade. Pero non nos enganemos, a represión
brutal, indiscriminada e un síntoma dunha enfermidade máis grave,
non é a enfermidade. A enfermidade é a incompatibilidade entre
capitalismo e democracia, que nos tempos de crise aguda, como son os
actuais, sitúa a esta contradición nun primeiro plano, e con toda a
súa crueza.
O capitalismo xa non ten,
a quen vai enganar a estas alturas do proceso, discurso lexitimador,
o que Lester Thurow chamou “lexítima historia”; e non existe
pola razón de que non pode ser un sistema de conceptos racionais
capaz de integra-los membros da sociedade nun plano etico-político,
que non supoña ningún tipo de retroceso con respecto a ideais, que
ata hai 40 anos, as sociedades capitalistas dicían defender. Hoxe
todas esas ideas están arrumbadas, aínda que nun principio
pensasen, algúns inxenuos, que os resultados ían ser outros, coa
desaparición da URSS e o resto dos países, onde o capitalismo
desaparecera e a burguesía fora expropiada, e ca derrota das forzas
da esquerda que se concretou na disolución da maior parte dos
partidos comunistas e a perda de influenza nas respectivas
sociedades, das ideas de emancipación e cambios de estrutura polas
que estes loitaran.
Do que o capitalismo nos
fala agora e nos tenta impoñer, é da “democracia liberal”, un
concepto que encerra unha forte contradición que o anula. Mentres a
democracia sempre debe orientarse a supera-los intereses individuais
e poñer en primeiro termo os colectivos, o obxectivo debe ser
consegui-lo benestar para a maior parte da sociedade, o liberalismo
exalta o interese individual, a busca do beneficio persoal; polo
tanto sitúa nun primeiro termo a economía por enriba da política;
teñen aversión á política, por iso tentan restrinxila acción
política, sindical, etc, xa que consideran que esta, limita a
liberdade individual, a liberdade para facer negocios e enriquecerse,
a liberdade para explotar a forza de traballo, a liberdade para a
desigualdade. Pero esta posición encerra tamén outra contradición,
pois só por medio da política, poden os liberais acada-lo poder,
que lles permite satisface-los seus obxectivos. Nesta perspectiva hai
que analizar as posicións da presidenta da Comunidade Autónoma de
Castela a Mancha, de non pagar ós deputados autonómicos, a redución
do número de deputados en Galicia proposto polo PP, e o ataque
constante contra os sindicatos, lanzados por Aguirre na Comunidade de
Madrid.
E fronte á democracia
burguesa tradicional, os liberais, aínda que non o expliciten,
opoñen o mercado, o espazo onde se desenvolve perfectamente a
desigualdade humana, algo inherente a natureza, pensan, síntoma e
causa da liberdade, segundo eles. Esa é a verdadeira enfermidade que
ataca nestes momentos ás sociedades capitalistas, o predominio
do mercado sobre a sociedade e o estado.

Na
democracia burguesa tradicional, aínda que moi manipulable, en
teoría, é a base, a sociedade, a que decide por medio do seu voto;
nela reside a soberanía de onde procede o poder político; no
mercado é a cúpula onde se atopa o poder fundamental; lembremos
Grecia e Italia e a substitución dos seus gobernos por ditado dos
mercados, sen participación cidadá; tamén é un exemplo o caso da
modificación da Constitución no estado español, polo PP e PSOE,
para que o pago da débeda sexa prioritaria; os mercados mandan e a
cidadanía non participa; ou cando se aprobou a Constitución europea
sen referendos en numerosos países.
Este
dominio dos mercados no estado español, tamén necesita, para
afianzarse, do menoscabo da política e do público; e hai que
recoñece-lo, algúns políticos, case sempre liberais e de dereitas,
cas constantes corruptelas, roubos e falcatruadas, que fan, axudan
moito ós mercados neste obxectivo. Cando coñecemos as
enquisas e vemos que os políticos atópanse como un dos problemas
máis importantes da sociedade, estamos a constata-lo trunfo
ideolóxico dos mercados; os que os defenden, para afondar máis no
menoscabo da política, falan sempre de “clase política”,
curiosamente cando negan moitas veces a existencia de clases na
sociedade e a loita entre as mesmas, co obxectivo de poñer os
intereses dos políticos corruptos e dos que non o son, nun mesmo
plano.
Ó sector público o
tachan sempre de incompetente, con tendencia a malgastar, e polo
tanto debe ser substituído pola xestión privada, que para estes
voceiros do capital, é eficiente, coidadosa cos cartos de todos,
etc. Nada que ver ca realidade, a experiencia nos permite afirmar
todo o contrario, que o privado funciona mal, gastan máis e unha
parte importante de ese gasto é beneficio para quen moitas veces
acada os contratos dun xeito ilexítimo. Pero a realidade é que
nestes anos numerosos servizos públicos, en mans de Concellos,
Deputacións e Administracións Central e Autonómica, foron
privatizados por numerosos partidos do arco parlamentar, moitos dos
que se autodenominan de esquerdas e contrarios ó liberalismo.

Coa imposición das súas
normas, algúns, unha minoría, gaña e outros, a grande maioría
perde; son os que non souberon, afirman cun cinismo inaudito,
aproveita-las oportunidades, a culpa a teñen eles mesmos, a
sociedade nada debe facer para soluciona-los seus problemas. E
entramos noutro aspecto do sistema político que é fundamental, o
tema da xustiza; sen ela non pode haber democracia; nas sociedades
onde as diferencias entre ricos e pobres son enormes, non existe; de
pouco vale o voto se a riqueza en mans duns poucos, impón os seus
criterios. Pode existir xustiza nunha sociedade na que se carga o
peso da crise económica sobre as costas dos que menos teñen, en
beneficio dos que monopolizan a riqueza producida por toda a
sociedade?. A existencia da xustiza e incompatible cos mercados,
paralizaría a súa acción, cando “campan as súas anchas” é a
maior evidencia de que non existe.

Nin PP, nin PSOE deberan
recibir apoio, nin os partidos e organizacións políticas que estean
dispostos a apoiar, despois do día 21, calquera alternancia no
poder que pase por estes dous partidos.
Os tempos son chegados e
diante dunha situación de emerxencia, os electores deben tomar
medidas de emerxencia; hoxe é fundamental dicirlles ós
representantes políticos da clase dominante e os seus monaguillos,
que non entramos no seu xogo, que o seu proxecto de democracia só
serve para afianzarlles máis no poder, un poder ilexítimo; que nas
actuais circunstancias, un home unha muller un voto, non nos conduce
cara a nosa liberación.
En Galicia no mes de
outubro de 2012
Unha reflexión útil, mesmo despois de celebradas as "eleicións". Concordo practicamente ao 100% con esta entrada e tuiteeina.. Saúdos, cda. (Xosé Collazo Castro)
ResponderEliminar