A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 2 de junio de 2026

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE O CICLO ELECTORAL AUTONÓMICO RECÉN FINALIZADO

Carlos Dafonte.

As eleccións en Andalucía pecharon este ciclo electoral autonómico celebrado en catro Comunidades Autónomas, Estremadura, Castela-León, Aragón e Andalucía. No conxunto o Pp perdeu 4 deputados, o Psoe 15, os mesmos que gañou Vox e a esquerda, se consideramos á Chunta de Aragón como esquerda, gañou 11, acadando 27 deputados en total, un número ridículo que debe servir para abrir un fondo debate nestes sectores.

Se o que tentaba o PP era deixar a Vox ao marxe dos gobernos e conseguir maiorías absolutas que lle permitiran gobernar en solitario, hai que recoñecer que o partido que dirixe Feijoo ten fracasado e sobre todo este fracaso faise máis evidente cando a maioría absoluta que tiña en Andalucía perdeuna. 

Polo tanto o grande triunfador destas catro xornadas é o partido neofranquista Vox  que a pesares das divisións, das purgas internas e non ter un programa, resiste e vai seguir influenciando, non so as políticas nesas catro comunidades, senón seguir exercendo un control ideolóxico sobre o Pp a nivel de todo o estado, pois estes resultados indican que en caso de derrotar ao Psoe, cando sexan as próximas eleccións xenerais e non acadar unha maioría para gobernar como a que hai na actualidade, con toda seguridade haberá un goberno Pp-Vox; hai que recoñecer que esta situación é resultado da torpe política do Pp que foi asumindo ao longo destes últimos anos non só aspectos salientables das propostas, poucas, dos neofranquistas, senón permitíndolles entrar nos gobernos de Comunidades e dándolles postos de relevancia.

É posible que Feijoo non analizara ben o que ía atopar dentro do Pp estatal e a influenza de Faes sobre o Pp madrileño, pero debía ter moi claro o que aconteceu co seu antecesor no cargo, cando denunciou os casos de corrupción da presidenta madrileña e polo tanto preferiu conservar o posto, aceptar a liña ideolóxica que Madrid marca e tentar chegar á presidencia do Goberno. Coa boca pequena penso, é a miña opinión, Feijoo atópase máis cómodo na posición ideolóxica actual que defendendo “posturas de centro”.

A realidade é que o Pp vai ter que seguir cedendo a nivel ideolóxico e práctico e seguir apoiando temas que para eles son próximos pero non levados ao extremismo que os neofranquistas os levan: desmantelamento do “estado de benestar”, o que precisa seguir destruíndo a sanidade e ensino públicos, poñerlle atrancos ao avance do feminismo e as “políticas verdes”,  avance o racismo e a xenofobia, e que a política non sexa un intercambio de programas con discursos ben elaborados, senón un conxunto de insultos, mentiras e medias verdades que cada vez máis degradan a vida política e afastan a aquelas persoas para quen a política é proxecto de sociedade, programa e discurso. Hoxe dende Pp e Vox todo resúmese en “goberno criminal”, “Pedro Sánchez fillo de puta” e “sacar a Sánchez do Goberno”, a calquera prezo. 

O grave que indica o deterioro do clima social e da propia sociedade, é que con tal programa podan gañar unhas eleccións xenerais.

O PSOE retrocede en todas as Comunidades.

Retroceso previsto, supoño que doloroso pero era unha “crónica anunciada”. O que estaba por ver era se o retroceso tiña categoría de descalabro ou un “retroceso contenido”; á vista dos números indicados, penso que foi un descalabro, e as razóns non creo que a culpa a teñan completamente as políticas propostas ou aprobadas polo Goberno, senón por dúas razóns moi sinxelas. 

A primeira, tanto o progresismo como a esquerda atópanse nun momento de derrota ideolóxica a nivel mundial e moita xente que foi beneficiada  polas políticas do Goberno, polo tanto pertencentes á clase traballadora, votan convencidos que toda unha serie de mentiras que Pp-Vox ten lanzado á sociedade dende hai un tempo son realidade, como todas as referentes aos emigrantes, a ruptura de España ou as consecuencias brutais para o home do avance do empoderamento da muller, por só citar tres.

A segunda, que dentro do Psoe aínda non están pechadas as feridas da derrota que Sánchez infrinxiu  á xeración que acadaron a vitoria electoral de 1982, como constantemente nos recorda Felipe González, que leva a súa xenreira acumulada pola derrota, a aceptar algunhas das posicións que manteñen Pp-Vox.

É certo que aínda que teñas unha política de goberno aceptable, dun certo reparto da riqueza producida, que no caso de España é moi pequeno, o exercicio do poder, queima, desgasta a quen o exerce, máxime cando algúns dos teus socios están convencidos que o Goberno actual vai ser imposible de reproducir despois das próximas eleccións; polo tanto se busca unha certa distancia o que produce derrotas parlamentarias e máis desgaste do Goberno.

A pesares de isto, considero que son as outras dúas causas as responsables da baixada electoral constante do Psoe.

A desaparición da esquerda do panorama político.

Distinguiría entre a esquerda que representaba o Partido Comunista de España e os seus partidos autónomos PSUC en Catalunya, EPK no País Vasco e PCG, aquí, en Galicia, e o resto da esquerda situada, por dicilo dalgún xeito para entendernos aínda que non o considere acertado, á esquerda do PCE.

O PCE foi o grande partido de oposición á ditadura e como xa relatei en varios artigos deste blog, había dentro del unha parte importante marxista, revolucionaria, comunista, pero tamén se nutría doutra que acollía e funcionaba como unha fronte antifranquista que vai facer moito dano cando entremos no proceso democrático e sobre todo cando os resultados das primeiras eleccións celebradas no ano 1977, o PCE non acade os previstos e no interno do PC tome corpo a unidade e apoio ao Psoe.

Tamén terá un flanco aberto coa posición do PCE fronte ao post stalinismo que cifro en tres etapas, á condena a intervención do Pacto de Varsovia en Checoeslovaquia en 1968; a condena á intervención da URSS en Afganistán en 1979 e sobre todo o movemento creado polos partidos comunistas de Francia, Italia e España ao que a prensa denominou “eurocomunismo”, que concitou a condena da URSS e dos partido comunistas que se atopaban na súa órbita e creou nos partidos das tres nacións problemas internos moi importantes e divisións que en España tiveron, pola debilidade dun partido que saíra dun período de clandestinidade e aínda non estaba asentado plenamente na sociedade, graves problemas que se reflicten na catástrofe electoral de 1982.

É certo que a traizón do Psoe  no referendo sobre quedar ou non na OTAN de 1986 e a constitución de Izquierda Unida, parecía que a esquerda estaba para remontar a nivel electoral o ano 1982, pero cando o conseguiu a campaña desatada nos medios contra a organización e sobre todo contra Julio Anguita, acusándoo de pinzas co Pp contra o Psoe, e o apoio ás faccións internas partidarias de pactar cos socioliberais, volveron a afundir á organización.

Analicei, aínda que dun xeito moi sinxelo neste blog o que dignificou  a desaparición da URSS e a “derrota histórica” para a grande maioría das forzas de esquerda e polo tanto non vou repetilo; só dicir que axudou moito ao que estamos analizando.

Haberá que esperar ata 2015 co movemento de tomar as prazas públicas e o “non nos representades”, resultado da fonda crise económica que padeceu a sociedade española, para que sectores de esquerda volvan ter un importante pulo sobre todo electoral, Podemos no Goberno de coalición e hoxe comezamos a coñecer como acabou o proceso. Dende dentro, divisións internas e dende fora, prácticas mafiosas do goberno do Pp, levaron a Podemos case á desaparición, a non xogar un papel relevante e ao resto da esquerda a acompañalos no camiño.

Non se debeu ligar a esquerda, PCE-IU, nunha situación de crise económica moi fonda que golpeou @s traballador@s, ás saídas económicas do Psoe. Creo que foi unha política desacertada, a de apoio ás políticas de Zapatero, e que a esquerda diante da crise debeu plantear un programa propio. Entrar despois no Goberno tampouco pareceume adecuado.

Toda esta serie de contradicións é o que unha vez máis puxo en evidencia o ciclo electoral que rematou coas eleccións andaluzas.

Galicia no mes de xuño 2026.




lunes, 25 de mayo de 2026

A TRANSICIÓN DA DITADURA FRANQUISTA Á DEMOCRACIA ACTUAL, DENDE O PUNTO DE VISTA DUN MILITANTE DA ÉPOCA (e II)

Carlos Dafonte

A creación de organismos de oposición unitarios.

O PSOE que non quixo participar en ningún organismo unitario no ano 1974, divide ás forzas democráticas e no mes de xuño de 1975 constitúe con Izquierda Democrática, Organización Revolucionaria de Trabajadores, Movimiento Comunista, Partido Carlista, Partido Nacionalista Vasco, Acción Nacionalista Vasca, Reagrupament Socialista i Democratic de Catalunya, Convergencia Democrática de Catalunya, Esquerra Republicana de Catalunya, Unión Democrática do País Valenciá, Federación Popular Democrática, Unión Socialdemócrata Española, Partido Galego Socialdemócrata, UGT, CNT e ELA-STV a Plataforma de Convergencia Democrática, que en marzo de 1976 fusiónase coa Junta Democrática creándose Coordinación Democrática, onde impoñen que todos os acordos tiñan que tomarse por unanimidade e rexeitan que nas futuras negociacións co Goberno, se celebren nun marco de mobilizacións. En novembro do mesmo ano constitúese a chamada “Comisión dos nove” encargada de negociar nun clima de paz social, que favoreceu os intereses da dereita e do goberno e tamén hai que ter en conta que trunfaron as teses do PSOE e os seus aliados da dereita, que foron evolucionando, da “ruptura” á “ruptura pactada” para terminar en “reforma negociada”. Era beneficioso para alguén ficar ao marxe de todo o proceso?

martes, 12 de mayo de 2026

A TRANSICIÓN DA DITADURA FRANQUISTA Á DEMOCRACIA ACTUAL, DENDE O PUNTO DE VISTA DUN MILITÁNTE DA ÉPOCA. (I)

Carlos Dafonte.

A finais do ano pasado cumpríronse 50 anos da morte do ditador e como para moitas persoas esa data é do inicio da transición cara a democracia, o proceso volveu ser obxecto de debates e ata realizouse unha miniserie en TV sobre o mesmo.

Por outra banda,  moitos dos problemas que temos hoxe, buscamos a súa orixe  nunha transición da ditadura franquista á democracia na que non fomos capaces de impor a “ruptura democrática” e polo tanto ficaron importantes elementos do franquismo, como foi manter a monarquía, non limpar a fondo as forzas represivas e as máis altas instancias da xudicatura, entre outras.

miércoles, 15 de abril de 2026

A CLASE TRABALLADORA E A ACTUAL SITUACIÓN POLÍTICA MUNDIAL.

Carlos Dafonte.

Se algo debe preocupar aos sectores da esquerda, e cando digo esquerda non identificar cos sectores progresistas a quen os medios de comunicación dominados polas grandes empresas, cualifican de “esquerda” nun intento de confundir aos sectores populares e a propia clase traballadora, é que nunha situación tan complexa como a actual, derivada dun cambio na hexemonía e dunha guerra de agresión máis dos USA e os sionistas, no complexo taboleiro de oriente próximo e medio, a actitude da clase traballadora sexa non ter unha posición propia, non xa a nivel internacional, senón a niveis nacionais onde aparece completamente desdibullada  e apoiando aos sectores da pequena e media burguesías nacionais, que por moi progresistas que sexan, nunca defenderán os intereses estratéxicos d@s traballador@s.

As xentes de esquerda nunca deben esquecer o que esquecen a maioría dos progresistas, que atopámonos en sociedades capitalistas que non van durar para sempre, divididas en clases sociais onde o papel da clase traballadora que non é propietaria de medios de produción, que vende a súa forza de traballo a cambio dun salario no que non percibe o que lle correspondería polo producido, acción que permite o beneficio de quen a explota; clase traballadora que é mediante o seu traballo a única que crea a riqueza da que outros se apropian e debe  producir para soster a toda a sociedade nas súas necesidades materiais, culturais, de protección, etc.

jueves, 2 de abril de 2026

NOTAS SOBRE A GUERRA EN IRÁN E ORIENTE PRÓXIMO: A GUERRA DO PETRODOLAR.

Roberto Laxe

Para entender umha guerra é preciso analizar, antes de nada, o contexto xeo político no que se produce, que forzas entran en loita, e o contexto histórico que levou o conflito baixo a pregunta de “porqué agora” é que desatouse a guerra de alta intensidade?.

O terceiro elemento, e decisivo para o desenvolvemento da guerra, é o interno, tanto na potencia agresora como na nazón agredida. Mas, se non ha forzas no terreo calquera afirmación que fagamos hai que colle-la con moito coidado. Son isos elementos da realidade interna, a loita de clases dentro do estado en cuestión, a que determina a orde do noso programa. Desde fóra é imposible medir “(…) as condicións actuais e a conciencia actual das amplas capas da clase obreira (...)”, que permita precisar o sistema de consignas transitorias que leven a “conquista do poder polo proletariado”, como marcaba Trotski para a elaboración do programa de transición.

miércoles, 18 de marzo de 2026

OS USA NON ACEPTA DEIXAR DE SER O HEXEMÓN E ACTÚAN PARA IMPEDILO (e V)

Non albisco como pode acabar todo o complexo conflito desatado polo ataque dos USA e Israel, contra o pobo de Irán.

Pero teño, segundo avanza o proceso algunha certeza: a primeira, que os USA non teñen unha estratexia clara sobre a propia guerra que provocaron e da que non teñen idea de como saír. Está moi claro nas narrativas que chegan dende o outro lado do Atlántico, cambio de réxime, despois de descabezalo dos seus dirixentes e da sublevación do pobo; poñer fin ao programa nuclear que segundo Trump xa estaba completamente destruído polos bombardeos de xuño pasado; defender ás mulleres e o pobo iraní da ditadura á que estaba sometido; provocar a guerra pois Israel atacaba e eles serían atacados, etc. Non existe na propia administración republicana unha narrativa unitaria.

Sen unha estratexia clara aprobada dende antes da intervención, vai ser moi difícil ter unha saída, hai que destacar que non segue o aprobado no documento sobre Estratexia Nacional a finais de 2025; os USA non son fiables. Todo está centrado en provocar o caos na rexión que é o planeado por Israel, o que certifica que é o sionismo quen dirixe e “leva do narigón” á administración republicana.


jueves, 5 de marzo de 2026

OS USA NON ACEPTAN DEIXAR DE SER O HEXEMÓN E ACTÚAN PARA IMPEDILO (IV)

Que é previsible no futuro?

Depende en grande medida de varios acontecementos posibles; en primeiro lugar das intencións dos USA e Israel respecto a Irán, pero hoxe 28 de febreiro todo ficou claro, atacaron a Irán conxuntamente, agora co obxectivo dun cambio de réxime. Xa non hai a desculpa do programa nuclear ou, despois do fracaso do intento de golpe con persoas infiltradas, que aproveitaron manifestacións pacíficas de hai dous meses, hai a posibilidade de que os dous agresores sacaran conclusións erradas deses feitos e os levaron a pensar que un ataque sobre o cumio político e relixioso do réxime, eliminando parte da súa cabeza, precipitaría a situación e o réxime caería. 

Aínda que se o pensas ben, moita esperanza os agresores non teñen, pois non presentan alternativa algunha, sólida, fiable, como non sexa a monárquica na figura do fillo do Sha, o ditador que sumiu Irán en 27 anos de saqueo das súas riquezas e nunha das etapas máis negras da súa historia.


viernes, 27 de febrero de 2026

OS USA NON ACEPTAN DEIXAR DE SER O HEXEMÓN E ACTÚAN PARA IMPEDILO (III)

Carlos Dafonte

O chamado “arco de crise ou de conflitos” que os USA promoven contra Rusia e China.

As diferentes administracións dos USA consideraron sempre que teñen dereito a intervir en calquera parte do planeta e teñen establecido o que o antigo xefe de gabinete do secretario de Estado Collin Powell, Lawrence Wilkerson, definiu como “arco de crise” que eu prefiro chamarlle de “conflictos”, que están dispostas a crear aos seus inimigos e que abrangue un conxunto de territorios, que de crebar a súa estabilidade nos eidos da política e sociedade, representan importantes problemas para a Federación Rusa e China, aínda que máis para a primeira aínda que un obxectivo moi importante sexa tamén frear a “franxa e o roteiro”, promovido por China e na que participan máis de 60 países. Os dous países fundamentais nesta xeopolítica de crise, son Ucraína e Irán. O primeiro por onde debían pasar parte dos subministros de enerxía a Europa e o segundo, a entrada desde China do camiño de ferro. Non debemos esquecer que este xa chegou dende Beijin a Teherán e este país é un punto nodal no seu desenvolvemento.


domingo, 15 de febrero de 2026

OS USA NON VAN ACEPTAR DEIXAR DE SER O HEXEMÓN E ACTÚAN PARA IMPEDILO (II).

Carlos Dafonte

A posición da Unión Europea.

Esta organización supranacional parece actuar sen conciencia de atoparse nunha nova etapa política a nivel planetario, a da multilateralidade e superación  da hexemonía que dende a queda da URSS exerceron os USA. E parece tamén, estar disposta a seguir aos USA no camiño emprendido, a pesares de todos os análises negativos que a administración norteamericana fai da UE e ao trato denigrante ao que somete aos representantes das súas institucións, actitude   belixerante con todos os países que non acepten as súas normas, que pode levarnos a unha guerra nuclear.


martes, 3 de febrero de 2026

OS USA NON ACEPTAN DEIXAR DE SER O HEXEMÓN E ACTÚAN PARA IMPEDILO. (I)

Carlos Dafonte


En primeiro lugar, debemos destacar que todas as actuacións levadas a cabo pola administración norteamericana actual,  non sei se dicir republicana, “trumpista”, “maga” ou “neocon”, son resultado de dous vectores,  a desesperada situación económica na que se atopa hoxe a ata hai uns anos a primeira potencia mundial, o hexemón que gobernou ao seu antollo o planeta dende o final da II ª Guerra Mundial, e os avances de China en todos os ámbitos, comercial, político, tecnolóxico, militar, etc. Hoxe China e o maior socio comercial do planeta, mantén relacións comerciais coa maioría dos países sen utilizar métodos coercitivos, pola razón de que ambas partes sacan beneficio do intercambio.

Entender como os USA chegaron á situación actual require facer unha análise aínda que sexa superficial dos últimos oitenta anos. 

Cando finalizou a IIª Guerra Mundial, estableceuse o patrón ouro, é dicir o dólar tiña un equivalente  en ouro, a Reserva Federal tiña que darlle ao país que o pedira o ouro que correspondera polos dólares que quixeras cambiar. 

domingo, 18 de enero de 2026

A NOVA ESTRATEXIA DE SEGURIDADE NACIONAL DOS USA. UNHA VOLTA Á "POLÍTICA DAS CAÑONERAS".


Carlos Dafonte.

A finais do ano pasado a nova administración norteamericana aprobou a súa Estratexia de Seguridade Nacional (NSS), que ven substituír a anterior aprobada no ano 2022 pola administración demócrata. A nova estratexia cambia completamente os obxectivos da anterior á que define como trabucada, que non pasaba de ser unha lista de desexos sen entrar  no que tiñan que facer. Na nova redefinen os intereses vitais dos USA fronte a anterior que falaba de intereses nacionais e que, segundo este novo documento, levou a numerosas guerras, perdidas a maioría, que foron moi custosas. 

Na nova estratexia, só os intereses vitais deben guiar a política exterior. Intereses  que son en primeiro lugar, a protección da soberanía e fronteiras; defensa da poboación e integridade territorial; seguridade económica, enerxética e industrial; preservación do xeito de vida e a identidade cultural estadounidense.