A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 18 de enero de 2026

A NOVA ESTRATEXIA DE SEGURIDADE NACIONAL DOS USA. UNHA VOLTA Á "POLÍTICA DAS CAÑONERAS".


Carlos Dafonte.

A finais do ano pasado a nova administración norteamericana aprobou a súa Estratexia de Seguridade Nacional (NSS), que ven substituír a anterior aprobada no ano 2022 pola administración demócrata. A nova estratexia cambia completamente os obxectivos da anterior á que define como trabucada, que non pasaba de ser unha lista de desexos sen entrar  no que tiñan que facer. Na nova redefinen os intereses vitais dos USA fronte a anterior que falaba de intereses nacionais e que, segundo este novo documento, levou a numerosas guerras, perdidas a maioría, que foron moi custosas. 

Na nova estratexia, só os intereses vitais deben guiar a política exterior. Intereses  que son en primeiro lugar, a protección da soberanía e fronteiras; defensa da poboación e integridade territorial; seguridade económica, enerxética e industrial; preservación do xeito de vida e a identidade cultural estadounidense.

Destes catro grupos de intereses é fácil sacar a conclusión que van pechar as fronteiras dun xeito drástico, se van a expulsar a unha parte importante dos inmigrantes e para iso creáronse os ICE, encargados de perseguilos pois alteran a unidade cultural e social do país, e que detrás da seguridade económica e enerxética débese empregar calquera método que o permita, golpes de estado, quedarse con Groenlandia, obrigar a Canadá a converterse nun novo estado dentro dos USA e xa veremos si despois do resultado con Groenlandia, non establecen o seu interese por Islandia, que non pertence á OTAN.

Pero en realidade non fala moito do que van facer, estaría bastante feo dicir os cambios que se van producir, o que a maioría dos aliados dos USA deben facer para beneficiar o “América primeiro”, os cambios que deben facer nas súas economías. Por exemplo si os USA impoñen un sistema moi coercitivo ao comercio, a industria a inversión e as finanzas, haberá países como Alemaña, Xapón e Corea que trasladarán algunhas industrias e comezará un proceso de reindustrialización. 

De acordo co anterior establécense tres espazos e para cada un apróbanse os obxectivos a acadar: 

En primeiro lugar O Hemisferio Occidental, que así nomea a América Latina, onde se volve a  unha nova doutrina Monroe como a establecida en 1823 polo presidente con ese apelido, resumida no “América para os americanos”; é dicir, toda América ao servizo exclusivo dos USA a todos os niveis, xeopolíticos, económicos, etc. Unha mostra desa nova política é o obxectivo da exclusión de China, Rusia e Irán de todo o continente, onde sobre todo China ten investimentos moi importantes resultados de acordos comerciais asinados coa maioría dos países que a integran. 

Os métodos para conseguir os obxectivos poden ser variados, entre eles accións totalmente contrarias ao dereito internacional,  accións de piratería, que non son outra cousa que é secuestro do presidente de Venezuela e a súa esposa e o intento de administrar o país e quedarse con todos os seus recursos. Ou as ameazas contra Colombia, Cuba, México e Brasil

Un segundo espazo é a Unión Europea, que considera atoparse en múltiples perigos, como o da perda de identidade polo tratamento dado a inmigración; a perda de valor económico pasando do 25 % do PIB mundial en 1990, ao 14 % na actualidade o que fai a esta zona como irrelevante e resultado das políticas intervencionistas tanto nacionais como supranacionais da UE. Outro aspecto que destaca o documento é a perda de valores democráticos pola censura á liberdade de expresión e a persecución das forzas opositoras. Fai tamén referencia á queda da natalidade. Todo o anterior conduce ao perigo no que se atopan os coñecidos como valores occidentais atopándonos nunha perspectivas de “borrado civilizacional”, que de non tomar medidas, se consolidará  dentro de dous décadas.

Establece tamén a necesidade de poñer fin á guerra en Ucraína, tratar de normalizar as relacións con Rusia, abrir os mercados europeos aos USA, que os países europeos sexan capaces da súa defensa e poñer termo unha vez por todas ao expansionismo da OTAN.

O terceiro espazo é o Indo -Pacífico, é dicir o enfrontamento con China do que non analizo pois xa o fixen en dos artigos neste blog non hai moito tempo.

En resumo, vólvese á política de áreas de influenza cunha particularidade, ninguén pode penetrar  na dos USA e eles estarán presentes nas dos demais. Fácil é pensar que entramos nun período onde os conflitos están garantidos.

En Galicia no mes de xaneiro 2026


No hay comentarios:

Publicar un comentario