A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 29 de abril de 2021

A XERACIÓN DAS ÚLTIMAS CRISES ECONÓMICAS E A SAÍDA DA QUE A PANDEMIA TEN AGRAVADO

Carlos Dafonte.

Para entende-lo que hoxe acontece non debemos esquecer que na década dos anos 90 do século pasado, todos os economistas defensores do capitalismo, dos intereses da oligarquía mundial, consideraban á economía dos EEUU como o motor do crecemento global e paradigma do capitalismo triunfante, ca creación do que denominaban a “Nova Economía”, baseada na alta tecnoloxía, que abría as portas, aseguraban, a un proceso de progreso que non ía ter fin.

Un simpático e transgresor Clinton ocupaba a Casa Branca e se consideraba que a xestión da súa equipa, era a que lle dera pulo a este proceso que aseguraría riqueza e innovación por un período sen final. Algo así como un “terceiro reich á americana”

Pero estaban a agromar algúns feitos ós que eses economistas, felices e propagandistas do seu país, non quixeron prestarlles atención; posiblemente decatáranse dos mesmos, pero as súas mente modeladas nas  escolas de economía das “mellores universidades do planeta”, pensaron, era o que lles ensinaran, que o mercado todo o arranxa, e preferiron calar á espera de solucións máxicas. Polo tanto non presentaron solución algunha ó que vían vir e que era consecuencia, como noutros tempos dun consumismo desatado, pero non baseado no aforro, o mesmo que aconteceu no estado español, senón en contraer débeda que se investía nunha burbulla bursatil, sobre todo nas empresas de carácter tecnolóxico, que subían e subían o que lles permitía ós compradores sobreinvestir e sobrendebedarse; como acontece moitas veces; souben as accións pero non o rendemento real da empresa.

jueves, 8 de abril de 2021

DEIXEMOS A UN LADO AS FALSAS DICOTOMÍAS E FALEMOS DA LIBERDADE

Carlos Dafonte.

Con motivo das eleccións para a Asemblea de Madrid, os máis ultras do PP que son os que gobernan hoxe ese organismo, formulan como unha cuestión fundamental dentro do seu programa, o tema da liberdade e a enfrontan, descoñezo se alguén lles pode facer caso e votalos por esa dicotomía, co socialismo, supoño se referirán ó tenebroso programa presentado polo señor Gabilondo, actor durante estes dous anos dunha enconada oposición a favor da nacionalización de todo o nacionalizable, de secuestrar ós fillos dos madrileñ@s e metelos en campos de adoutrinamento separados da familia ou o peche de todas as igrexas e centros de culto.

Outras veces a dicotomía é liberdade -comunismo, é de supoñer que un xiro táctico diante da presenza de Pablo Iglesias nunha candidatura. En calquera caso, como o todo o mundo coñece, para eles, socialismo e comunismo, e senón o saben Díaz Ayuso llo explica, son a mesma cousa.