A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 29 de abril de 2021

A XERACIÓN DAS ÚLTIMAS CRISES ECONÓMICAS E A SAÍDA DA QUE A PANDEMIA TEN AGRAVADO

Carlos Dafonte.

Para entende-lo que hoxe acontece non debemos esquecer que na década dos anos 90 do século pasado, todos os economistas defensores do capitalismo, dos intereses da oligarquía mundial, consideraban á economía dos EEUU como o motor do crecemento global e paradigma do capitalismo triunfante, ca creación do que denominaban a “Nova Economía”, baseada na alta tecnoloxía, que abría as portas, aseguraban, a un proceso de progreso que non ía ter fin.

Un simpático e transgresor Clinton ocupaba a Casa Branca e se consideraba que a xestión da súa equipa, era a que lle dera pulo a este proceso que aseguraría riqueza e innovación por un período sen final. Algo así como un “terceiro reich á americana”

Pero estaban a agromar algúns feitos ós que eses economistas, felices e propagandistas do seu país, non quixeron prestarlles atención; posiblemente decatáranse dos mesmos, pero as súas mente modeladas nas  escolas de economía das “mellores universidades do planeta”, pensaron, era o que lles ensinaran, que o mercado todo o arranxa, e preferiron calar á espera de solucións máxicas. Polo tanto non presentaron solución algunha ó que vían vir e que era consecuencia, como noutros tempos dun consumismo desatado, pero non baseado no aforro, o mesmo que aconteceu no estado español, senón en contraer débeda que se investía nunha burbulla bursatil, sobre todo nas empresas de carácter tecnolóxico, que subían e subían o que lles permitía ós compradores sobreinvestir e sobrendebedarse; como acontece moitas veces; souben as accións pero non o rendemento real da empresa.

Ata que chegou o ano 2000 e a burbulla pinchou e aquel simpático presidente, que interveu en Iugoslavia, que bloqueou e bombardeou sistematicamente Iraq, causando centos de miles de mortos, algunhas universidades norteamericanas calculan a cifra próxima á de 600.000, foi substituído por Bush fillo, e despois da queda das torres xemelgas, entramos noutra época marcada por un peso aínda maior do militarismo e da corrupción, que levaban tempo sendo consubstancial co sistema.

      Como ben sinala Beinstein, o capitalismo norteamericano tivo dende décadas anteriores, a tendencia a converterse nun “capitalismo parasitario”, ó que axudaron demócratas e republicanos, que ten consecuencias políticas, sociais e militares e moito que ver cun proceso que se produce a nivel planetario, que é o da “financierización” do capitalismo.

            Coñecemos que as economías capitalistas se reestruturan constantemente por razón diversas, unhas veces a causa da competencia, outras para poder manter o seu rendemento, pero hai algunha reestruturacións que non son o que acontece con normalidade, como o que se chama “financiarización”, onde as finanzas toman unha importancia enorme no desenvolvemento do capitalismo, que vai acompañado con outros procesos  como que as empresas multinacionais teñan pasado a dominar a produción e o comercio no planeta, que o centro de gravidade da produción se teña movido das economías centrais cara a China ou que se impoña a desregularización en mercados moi importantes como é o do traballo e o financeiro. 

          Para algúns economistas como Lapavitsas, o rasgo máis característico do período que comeza a partires de finais da década dos anos 70, é o crecemento das finanzas: “as tres décadas seguintes foron testemuña dunha expansión sen precedentes das actividades financeiras, dun rápido crecemento dos beneficios financeiros, da influenza das relacións financeiras sobre a economía e a sociedade e do predominio dos intereses do sector financeiro na política económica”. Mentres o sector produtivo nos países centrais do capitalismo, experimenta crecementos cativos e as taxas de ganancia permanecen por baixo das dos anos 50 e 60, o desemprego ten aumentado e se volve estrutural e o estudo dos  salarios reais non permite afirmar unha tendencia alcista dun xeito sostido. Polo tanto continúa, “se ten producido unha asimetría entre a esfera da produción e a da circulación”.

                Esta situación se viu favorecida polas modificacións introducidas polos EEUU no marco monetario internacional, nos anos 71-73 deixando sen efecto o acordado en Bretton Woods, onde se impuxera a convertibilidade do dólar en ouro a 35 dólares a onza. 

Sempre se ten caracterizado a crise dos anos setenta como unha crise enerxética, pero esta non se xera porque en 1970 o prezo do barril fora de 1,7 dólares e en 1973 tivera subido ata 11,25 dólares, de onde se pode sacar a conclusión, fácil conclusión, de que a suba provoca o alza en toda unha serie de produtos tanto nos producidos na industria e nos finais o que sería responsable da inflación e a depresión económica destes anos. 

No informe presidencial dos USA de 1980 se sinalaba con claridade, que da suba de 35 centavos do galón nos catro trimestres de 1979, a redor de 14 se debía a suba dos produtores e o resto ós márxenes brutos dos refinadores, os minoristas e os distribuidores; é dicir á estrutura oligopolista dos mercados e como xa explicou Nardhause hai moitos anos, a suba do petróleo só explica un 6 % da queda da taxa media de crecemento do PNB, un 11 % da taxa de inflación, un 10 % da taxa de desemprego e un 6 % na redución da taxa de de crecemento do rendemento. O que nos indica que as causas da crise hai que buscala noutros lugares. Para algún se atopa na enorme concentración existente nos mercados, unha maioría, se decantan pola grande presencia do Estado e a xeración de déficit público; pero a realidade é que nos estudos da OCDE estes déficit se xeran fundamentalmente na década dos anos 80, e por último os que consideran que a escaseza de capitais foi quen de xerar a crise; pero tanto esta posición como a anterior son máis ben resultado da crise e non quen a xera. As análises feitos dende un punto de vista do marxismo, establecen que a queda da taxa de ganancia é o resultado da competencia intercapitalista e da substitución de “capital vivo” por “capital morto”

A realidade é que nos anos sesenta se vai forxando a crise que ten como resposta todas as mobilizacións que se foron producindo no ano 68 e nos seguintes. O sistema creado en Bretton Woods, o Sistema Monetario Internacional era a garantía do dominio dos Estados Unidos pero con algunha condicións que senón se cumprían podía entrar en crise; se compraba máis do que vendía ó exterior e dicir se producía déficit comercial; se as súas empresas de fora do país baixaban os beneficios repatriados, ou si realizaba grandes investimentos no exterior, por exemplo para financiar aventuras militares. Non debemos esquecer que segundo os datos de diferentes manuais de economía, isto foi o que aconteceu nos anos sesenta; segundo Gauron e Billaudot en “Crecemento e Crise”, as empresas europeas e xaponesas aumentaron a súa produtividade o que lle permitiu avanzar nos seus mercados internos e no internacional competindo cas norteamericana; así mentres que en 1950 as exportacións dos EEUU supuñan o 18,4 do total mundial, 20 anos despois descendera ó 15,5 e a súa balanza comercial presentaba déficit.

Se os beneficios que se repatriaban de fora eran cada vez menores e se vía involucrado nas guerras de Corea e Vietnam, todos estes déficit tiña que financialos co ouro da súa reserva, que descendeu en vinte anos de 24.000 billóns de dólares ata situarse en 1970 nos 11.000 billons. Diante desta situación, nacións que antes acumulaban dólares agora prefiren ter ouro como é o caso da Francia do xeral De Galle, que o 4 de agosto de 1971, converteu en ouro, 191.000 millóns de dólares das reservas francesas, o que vai debilitar cada vez máis ó dólar producíndose unha etapa de especulación que obriga ó presidente Nixon a suspende-la súa convertibilidade en ouro e máis tarde tivo que devalar. 

A continuidade do sistema aprobado en Bretton Woods estaba clara, xa non servía para os EEUU e se pon fin ó mesmo, con consecuencias graves como son o crecementos dos mercados financeiros servidos por bancos de negocios ou o principio do fin do contrato social e o comezo da demolición do chamado “estado de benestar”, das políticas económicas de corte keynesiano e a substitución polas de carácter liberal.

Hai que sinalar que a sucesións de crises importantes que nos afectan todas xorden nos EEUU e despois se van expandindo polo resto do planeta; do elo máis forte da cadea imperialista se vai transmitindo polo resto de elos centrais ata chegar ás colonias e semicolonias, países dependentes.

Nos USA, despois da burbulla tecnolóxica, aconteceu a burbulla inmobiliaria e a gora nos atopamos noutra de carácter financeiro, que a pandemia ten en certa medida tapada, pero que tamén ten moito que ver cas aventuras militares en Afganistán e Iraq emprendidas pola primeira potencia militar do mundo os seus enormes déficit e débedas e un darlle á maquina de sacar novos dólares, sen respaldo algún, nin de ouro nin de creación de riqueza; o que se veu en chamar a “economía de casino”. 

E chegados a este punto podémonos facer unha pregunta: que razóns existen para que os outros elos fortes da cadea imperialista no deixen caer ós USA e sigan aceptando dólares e mercando bonos do tesouro estadounidenses, mercando na bolsa accións da súas empresas ou propiedades no seu territorio e axudando así á primeira  potencia mundial?. Accións que tamén leva a cabo China que en principio aparece como o seu competidor. Necesitan soster ó primeiro cliente do planeta e si se afunde se afunden as exportación dos países exportadores e onde colocar os excedentes financeiros.

@s traballador@s do planeta, ó marxe da saúde, de conseguir poñer fin o antes posible a esta pandemia, deben forza-los gobernos a explica-la situación real das economías respectiva e deben ser variadas as preguntas que se deben facer nestes momentos nos que realidade indicaba que sin pandemia, estabamos a punto de entrar noutra crise que esta  veu a agravar. Con qué nos imos atopar cando a brétema da pandemia desapareza e teñamos que enfrontarnos ca realidade? Que instrumentos van ter os traballadores para enfrontarse ó reto de facer fronte ó que vai acontecer? Estamos en disposición de coñecer todos os datos sobre a situación do imperialismo para enfrontarnos ó mesmo e os seus intentos unha vez máis, de cargar sobre as costas d@s traballador@s a crise?. 

A realidade vai ser que con dificultades, o capital vai impor unha saída coordinada da crise actual e @s traballador@s se van ter que defender da agresión sen unha resposta unitaria, en principio en cada país e segundo a nivel mundial. 


En Galicia no mes de abril de 2021

 

                 

               


No hay comentarios:

Publicar un comentario