A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 8 de abril de 2021

DEIXEMOS A UN LADO AS FALSAS DICOTOMÍAS E FALEMOS DA LIBERDADE

Carlos Dafonte.

Con motivo das eleccións para a Asemblea de Madrid, os máis ultras do PP que son os que gobernan hoxe ese organismo, formulan como unha cuestión fundamental dentro do seu programa, o tema da liberdade e a enfrontan, descoñezo se alguén lles pode facer caso e votalos por esa dicotomía, co socialismo, supoño se referirán ó tenebroso programa presentado polo señor Gabilondo, actor durante estes dous anos dunha enconada oposición a favor da nacionalización de todo o nacionalizable, de secuestrar ós fillos dos madrileñ@s e metelos en campos de adoutrinamento separados da familia ou o peche de todas as igrexas e centros de culto.

Outras veces a dicotomía é liberdade -comunismo, é de supoñer que un xiro táctico diante da presenza de Pablo Iglesias nunha candidatura. En calquera caso, como o todo o mundo coñece, para eles, socialismo e comunismo, e senón o saben Díaz Ayuso llo explica, son a mesma cousa.

A señora Díaz Ayuso e os que a aconsellan, deben ser uns grandes estudosos do marxismo na versión stalinista; coñecido é o debate e a controversia que Stalin mantivo contra a opinión de Engels, Lenin, Trotski, Kamenev, Zinoviev, Bujarin (aínda que neste caso as desavinzas están máis no “socialismo” que “nun só país”), é dicir a plana maior do bolxevismo e dos seus inspiradores, na cuestión da posibilidade do “socialismo nun só país”, que os anteriores negaban e Stalin dixo haber levado adiante e ata nun momento determinado do seu goberno, formulou o tema de ter chegado a un estado superior, o comunismo. Pois ben a señora Díaz Ayuso afirma ser posible supera-lo marco “do país” e a posibilidade de levar a cabo o socialismo ou o comunismo, que para ela tanto ten, nunha soa comunidade autónoma, rodeada no territorio do estado de capitalismo e iste, a súa vez, tamén rodeado dentro do planeta terra, dun mar capitalista. Esta voceira do máis ultra da sociedade, aínda que aborreza, sen coñecer moi ben de que se trata, o socialismo e o comunismo, cre despois, supoño dun detido e concienzudo análise, que se non combate estas tendencias e non gaña ela as eleccións apoiada polo neofranquismo, se poden poñer en práctica inmediatamente.

Estou ansioso por escoitar as verbas desta señora nos debates televisados e ler as súas reflexións nos xornais e outros medios onde lle fagan entrevistas.

Abandonando a ironía, a realidade é que posiblemente o PP de Madrid se atope máis cómodo discutindo sobre estas falsas dicotomías, que facéndoo da súa xestión da pandemia, da dependencia, dos servizos públicos ou de si vai gobernar co neofranquismo, con Vox, que ise si é un perigo para @s que viven na Comunidade e un perigo real, que dentro dun mes pode materializarse.

Pero xa que formulan o tema da liberdade como algo moi prioritario, me vou permitir facer unha sinxela reflexión sobre a mesma e que debemos de entender, considero eu, cando dicimos esa verba.

Falemos sobre a liberdade.

Os liberais en xeral, utilizan a verba liberdade constantemente, o que se entende por ese concepto é moi querido por aquel@s que cos feitos cotiás, a denigran constantemente. 

Como acontece en toda sociedade dividida en clases, onde a que é hexemónica e controla os aparellos do estado, consegue a riqueza explotando a quen a crea co seu traballo e esforzo, as visóns filosóficas, económicas, etc., sobre o que acontece, son visón encontradas, antagónicas, que non se poden conciliar, entre as diferentes clases da sociedade, aínda que a maioría das veces @s explotad@s, dada a cantidade de medios que a minoría ten para conseguir que o seu xeito de pensar sexa aceptado tamén por unha parte dos que se lle debían opor; o tema da liberdade é un deles. Para que se me entenda dun xeito fácil, hai unha visión da mesma burguesa e outra visión proletaria, dos traballadores, dos explotad@s. Toda opción política di aspirar á liberdade, pero non se trata da mesma liberdade á que aspiran as forzas conservadoras, a dereita á que deben aspirar as forzas de esquerda e ata as progresistas; a primeira é unha visión negativa, individualista que se concreta na frase moi manida, empregada ata por quen non debía facelo, de que “a liberdade persoal acaba onde comeza a liberdade do outro”.

Se observamos con atención aqueles países onde o capitalismo foi sempre o dominante e aqueles outros onde se está a levar un proceso de volta ó capitalismo, creo que se pode afirmar que a realidade nos indica que o estadio acadado polo capitalismo é incompatible ca liberdade, ata co concepto de liberdade que as forzas conservadoras e de dereita din soster. 

Para elo é imprescindible ver como Marx se distanciou do pensamento liberal, segundo o cal, como xa dixen con anterioridade, ten unha connotación negativa. Esta concepción ten a súa orixe na revolución levada a cabo en Francia a partires de 1789 e que aproveitou a burguesía para impor o seu dominio; en particular no artigo 6 da Constitución de 1793, onde se define a liberdade “como o poder que o home posúe para levar a cabo todo o que non prexudica ós dereitos dos outros”.

Marx leva a cabo unha inversión conceptual, que coido é a que deben ter as persoas de esquerda, establecendo a idea dunha liberdade positiva, “a liberdade do outro se converte na condición para que poda existir a miña liberdade”. O outro é o elemento fundamental na construción da liberdade de cada un de nós, de todos, e polo tanto non seremos libre se o outro non o é, pero tamén no senso de que é necesario construír unha comunidade, unha nova sociedade, para concebir e organiza-la liberdade individual. 

E a crítica á concepción burguesa de liberdade, Marx a une a un cambio na concepción que ata ise momento se tiña do traballo que considera o cerne da explotación e da alienación; a redor do traballo se establece a relación entre o home e outros homes e entre home e natureza e si o traballo e explotación e alienación é o que empurra ó home a expresa-las súas necesidades fora do contexto laboral, polo que a conclusión debe ser que a verdadeira liberdade se debe atopar nunha transformación do traballo; na súa obra “A cuestión xudía” se amosa moi claro, cando afirma que a falla de liberdade reside na propiedade e en particular na propiedade privada dos medios de produción. O que encadea ó outro e non permite o libre desenvolvemento de cada un, son as relacións sociais de produción capitalista. Polo tanto a revolución que Marx formula é, non unha revolución que redistribúa a actividade, o traballo asalariado, senón que o suprima como tal, polo que se debe suprimir a división en clases da sociedade. O traballo non vai desaparecer, pero nunha nova sociedade debe ser esta a que dun xeito diferente o organice: non baixo o prisma de propietario por un lado e quen vende a súa forza de traballo, polo outro. 


En Galicia no mes de abril de 2021.


No hay comentarios:

Publicar un comentario