A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 26 de marzo de 2021

A "XUDICIALIZACIÓN" DA POLÍTICA

Eusebio López

Aínda que non é un fenómeno exclusivamente español, senón que o atopamos en moitos outros estados, como o caso brasileiro e o enjuiciamiento do expresidente Lula, é no estado español onde a política está a ser sistematicamente substituída pola súa resolución vía xudicial, a súa “xudicialización”.

“A política é a guerra con palavras” dixo o filósofo grego; e as palabras dos discursos políticos convértense en armas de guerra cando se traducen a leis que aplican os “soldados” do poder xudicial, os xuíces e fiscais. Porque non falamos de meros consellos de actuación persoal, senón de sentenzas que afectan duramente ás persoas e as súas vidas enviándoos aos cárceres, desahuciándolos, despedíndoos ou multándoos.

Como o réxime do 78 ten uns límites democráticos moi estreitos, calquera asunto político pode ser “xudicializado”; desde o exercicio da liberdade de expresión até as críticas á policía ou aos nazis (poden ser delitos de odio, que xa ten bemoles como unha lei pensada para protexer ás minorias, convértese en protección dos agresores), pasando pola corrupción. Todo é “xudicializable” demostrando que a crise do réxime é moi profunda: o súa lexitimación ante a poboación só sostense pola forza xudicial, enviando ao cárcere a raperos

Un poder xudicial burgués e neo franquista

Cando o chat dos militares dixo que habería que “fusilar a 26 millóns”, estaba a expresar os soños nostálxicos dun sector do réxime para resolver a súa crise, como fixeron no 36 do que son herdeiros directos.

A súa contradición é que a derrota do fascismo en Europa tivo e ten un gran calado e percorrido, posto que foi acompañada da revolución social en estados centrais como Francia ou Italia. Iso está na memoria das poboacións, polo que ningún sector da burguesía europea, nin tan sequera a que apoia a Le Pen ou Salvini, apoiaría un golpe ao estilo do 36.

O que hoxe vive Europa, e o mundo, non é un ascenso do fascismo como foi nos 30, un amplo movemento das masas da pequena burguesía empobrecida, armada e financiada polo gran capital para enfrontar a revolución obreira e destruír até a raíz ás súas organizacións. A burguesía non necesita, neste momento, entregar o poder a advenedizos da pequena burguesía para salvar a propiedade privada, porque hoxe ninguén, conscientemente, cuéstiona-o.

É importante diferenciar entre fascismo e extrema dereita do réxime democrático burgués, para entender o papel da xustiza en todo este proceso político, que no caso español ten un carácter excepcional: aquí non se derrotou ao fascismo, senón que as institucións e as persoas franquistas transmutaron en “demócratas” co aval dos partidos da esquerda e obreiros (o PSOE e o PCE).

O poder xudicial é parte do aparello represivo, é unha das patas esenciais do estado burgués, sexa o réxime que sexa, democrático ou ditatorial; de feito, o que define o carácter democrático ou tiránico do réxime non é outra cousa que a cristalización da correlación de forzas entre as clases, que se manifesta na preeminencia dunhas institucións sobre outras, as democráticas (parlamentos, partidos, etc.) ou as represivas non electas (poder xudicial, forzas militares, etc.).

Este é un dos motivos centrais da crise do réxime do 78, a correlación de forzas sobre a que se construíu hai 40 anos non é a mesma. A forza do movemento obreiro, a súa organización masiva, fixo á burguesía ter que negociar certas concesións para manter o edificio. O 23F foi o primeiro paso para retomar a iniciativa, que até ese momento tiña a clase obreira e os pobos.

Agora, tras o estalido da crise do 2007/8, a dimisión do “rei á fuga” no 2014 e as consecuencias que vai ter a pandemia, todo está nun profundo cambio. Como o seu sentido é impredicible -a teoría da conspiración sempre actúa a posteriori, cando os acontecementos xa se deron, e os conspiranoicos din: “vedes, xa estaba todo decidido pola CIA, o club Bilderberg ou o que sexa”- e o capital sabe-o desde hai tempo, é que veñen afiando as armas “legais” para utiliza-las na “guerra con palavras” (as sentenzas xudiciais) contra os pobos e a clase obreira.

Todas as reformas laborais, de pensións, das leis de arrendamento e as modificacións que queren introducir, as do Código Penal, leis mordaza, lei de “saúde” en Galicia aumentan o “arsenal” que o poder xudicial, burgués, ten nas súas mans para ser utilizadas contra a poboación en todos os terreos. Pero as leis son palabras que precisan de seres humanos que as apliquen, e aquí entra de cheo o carácter neo franquista do aparello xudicial español, incólume tras a Transición.

A non ruptura co franquismo

O armazón xudicial español ten un nome propio: a Audiencia Nacional que foi creada o 4 de xaneiro de 1977 (BOE de 5 de xaneiro), o mesmo día en que se suprimía o Tribunal de Orde Pública, franquista. A maioría dos seus xuíces pasaron á AN, e outros, ascendidos ao Tribunal Supremo.

A AN é un tribunal de xurisdición única, é dicir, aplicable a todo o estado rompendo unha das normas da xustiza democrática burguesa, o “achegamento” dos tribunais ás contornas sociais das persoas. Ten sede en Madrid, e alí van todos os casos que atenda. É, en fin, un tribunal de excepción, herdeiro directo do principal tribunal político do franquismo, o TOP, continuador, á súa vez, do Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo creado tras a guerra civil.

Poden adornalo como queiran, en que só ve “delitos contra o terrorismo” ou como lles dea a gana, pero a realidade é que é unha xurisdición de excepción para a persecución de delitos políticos, rompendo outro dos principios da xustiza democrática burguesa, a unidade xurisdiccional, é dicir, non hai tribunais especiais ou de excepción.

Nunha democracia burguesa suponse que non existe ningún tipo de delito político, que a loita entre as clases e os partidos canalízanse a través dos mecanismos parlamentarios e democráticos. A xudicialización da política é impensable -iso din os teóricos da política burguesa- nun réxime democrático burgués.

É obvio que isto é falso, até os sistemas democrático capitalistas máis asentados como os EEUU ou Gran Bretaña, recorreron, recorren e recorrerán á xustiza para enfrontar conflitos políticos, desde os afroamericanos encarcerados nos USA até a represión do pobo de Irlanda do Norte; pero o grao de xudicialización do estado español ligase directamente ao carácter neofranquista do réxime.

Esta non ruptura co réxime ten unha perspectiva non só de continuidade institucional e de obxectivos (a AN como tribunal político e de excepción), senón nas mentes das persoas que aplican as leis.

A ideoloxía dominante no franquismo non só foi a burguesa, senón un espécime moi particular, “carpetovetónico” que diría o fascista de Camilo Jose Cela, o “nacionalcatolicismo”. Unha mestura moi “española” de rancio catolicismo anti luterano e anti xudeu, valores morais medievais, dos que xa se rise Cervantes no Quixote, cando enfronta os valores de “honra e caballerosidade” ao practicismo protoburgués de Sancho Panza, nostalxia dun pasado que nunca existiu (“España é a nación máis antiga do mundo”, dixo non fai moito M.Rajoy), todo pasado polo tamiz dunha misoxinia enfermiza e unha aporofobia de manual.

Pois ben, esta ideoloxía “carpetovetónica” segue instalada no poder xudicial español até o punto de que se calcula que 1/3 do escalafón xudicial é dunha seita católica (así a cualifica a lexislación belga e francesa) que baixo o franquismo chegou a dominar a política nos anos 60 e parte dos 70, o Opus Dei. É obvio, que canto máis se suba nese escalafón, até chegar ao Consello Xeral do Poder Xudicial, esa porcentaxe aumenta.

Non basta con limpar o aparello xudicial

Coma se as institucións fosen alleas ás persoas que as ocupan todo o mundo di que hai que limpar de xuíces reaccionarios a xudicatura cando os xuíces emiten sentenzas machistas como as que libran do cárcere a violadores como a Manda, son parte de montaxes xudiciais como o caso Altsasua, actúan como a Inquisición respecto dos presos do “proces”, que entran e saen do cárcere dependendo do seu “arrepentimento” do que fixeron, lembrando os antigos autos de fe contra herexes, xudeus ou bruxas, ou encarceran a raperos por dicir a verdade do Borbon “á fuga”.

A “xudicialización” da política, a sucesión de sentenzas delirantes, o carácter reaccionario da xustiza non só é un problema de persoas; até o mesmo presidente do CGPJ dixo no 2014 que a Lei de Enjuiciamiento Criminal (LeCrim) está "pensada para o rouba galiñas, non para o gran defraudador".

O aparello xudicial, os tempos xudiciais nos procedementos -di unha máxima que unha xustiza lenta é inxusta-, a lexislación básica sobre as que se sostén,... non só son herdeiros do franquismo, como se viu no caso da AN, senón que son instrumentos dunha burguesía decimonónica que foi incapaz de facer a súa revolución burguesa. A transformación do Estado Español nun estado burgués foi un longo proceso de pacto entre unhas burguesías (incluídas a vasca, catalá e galega) incapaces de facer a revolución cunha aristocracia e unha igrexa decrépitas, concretado na pervivencia da dinastía borbónica e os sucesivos Concordatos coa Igrexa católica, que lles garante uns privilexios medievais.

O “nacionalcatolicismo”, as institucións represivas con mentalidades inquisitoriales -nin tan sequera democrático burguesas-, son froito desa incapacidade que se manifestou dunha maneira brutal na guerra civil e a ditadura franquista; por iso, non basta con limpar o aparello xudicial de xuíces reaccionarios, hai que romper con todo ese pasado que pesa como unha laxa sobre a sociedade española.

Desde disolver a Audiencia Nacional até establecer criterios democráticos de control sobre xuíces e fiscais, hai que remover todo o aparello xudicial pondo a política no posto de mando. Isto só pódese facer no marco dunha loita pola ruptura co réxime do que é unha das patas fundamentais, o do 78, e a apertura dun proceso constituínte que acabe co pasado franquista no Estado Español.

Na Galiza no mes de marzo de 2021

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario