A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 18 de marzo de 2021

Ó "NEOFRANQUISMO" HAI QUE PARALO AGORA. DESPOIS PODE SER TARDE.

Carlos Dafonte

    Poño por diante que critiquei a entrada no Goberno de Unidas Podemos, así está escrito neste blogue e agora sigo a pensar que si daquela, Psoe e Pp tiveran levado a cabo a “grande coalición”, así é como se lle chama en Alemaña ó pacto de Merkel cos “socialdemócratas” e si UP dende a sociedade e ca representación institucional que acadou, tivera xogado o papel que non xogou por atoparse no Goberno, como é traballar co movemento cidadá e toda unha serie de organizacións de esquerdas que nin se presentan ás elección e si o fan non acadan representantes, posiblemente se tivesen acadado resultados moi parecidos ós acadados dende o goberno, pero cunha diferencia, teríamos unha sociedade máis mobilizada e o neofranquismo non tería o campo aberto para ser parte da alternativa ó “Goberno social comunista bolivariano”, como acontece por exemplo en Madrid, onde dende o goberno da comunidade se tenta ser oposición ó Goberno do estado.

Digo o anterior sempre dentro do “de omnibus dubitando” que tantas veces repetía Marx. Non creo que a situación fose moi diferente da actual; o cambio radical non é que a Ministra de Traballo se entenda cos sindicatos e patronal, eso acontece dende hai moitos anos, o que resulta ser unha novidade é que o neofranquismo, sempre existiu e se lle denominaba “franquismo sociolóxico”, hai un tempo se organizou, se presenta ás eleccións, ten un importante grupo nas Cortes e noutros parlamentos autonómicos, onde se goberna o Pp con C's, é pola razón de que eles o permiten e “corrixiron” o “centrismo” de estes dous partidos, ata levar ó segundo case á súa desaparición e ó Pp a aceptar unha parte do seu discurso, e deixar a Pablo Casado como o grande derrotado despois do seu discurso de outubro nas Cortes, con motivo da moción de censura presentada por Vox contra Pedro Sánchez..

A realidade de hoxe e que a loita de clases en Madrid se atopa nun estadio superior á do resto de territorio do estado, cando o monicreque das Faes e Aznar, e algúns máis supoño, a Sra. Díaz Ayuso, afirma con contundencia  “que ser fascista era estar no lado bo da historia”. Diante da gravidade destas verbas que é tanto como afirmar que Hitler e Mussolini tiñan razón, en exterminar á esquerda e ó movemento obreiro, hai un xeral xubilado que afirmou que habería que fusilar a 26 millóns de roxos, levar a cabo o holocausto xudeu, o hexemonismo racial e impor as súas teses sobre Europa, era o adecuado.

Nunca debemos esquecer que o franquismo do mesmo xeito que o fascismo e o nazismo, foron e son instrumentos utilizados polo capital para infrinxir derrotas ó movemento obreiro e popular, e aínda que hoxe o movemento obreiro non lle disputa o poder ó capital, pode tentar aproveita-la conxuntura para para afondar aínda máis nesa derrota. Cando unha clase retrocede, o fai a nivel social, se lle recortan dereitos e liberdades, a nivel político, cada vez teñen nas institucións menos representantes que a defendan, a nivel económico, se carga as sucesivas crises sobre as súas costas, pero tamén a nivel ideolóxico, os valores que a representan, do traballo, de producir riqueza para a sociedade, etc, desaparecen sendo substituídos polo sentido común que é o xeito de pensar da clase hexemónica e polo individualismo, o “senón chegas a máis é pola túa culpa, a sociedade te da oportunidades”, etc. Por iso que non gañen en Madrid se converte nun obxectivo de todos cantos habitamos no territorio do estado

Diante da gravidade das verbas pronunciadas, que fixeron os tertulianos, medios de comunicación e a maioría dos partidos?, botarlle a culpa a Pablo Iglesias por abandonar o seu posto de vicepresidente do Goberno e incitar á presidenta da Comunidade a expresarse, e Iglesias tentar entrar no debate ideolóxico que se ten que dar en Madrid, que parece que ninguén quere dar. ¡¡¡Manda carallo!!! Resulta que se Díaz Ayuso fai profesión de fe das súas ideas, non hai que combatelas, hai que permitir que a “peste parda posta ó día”,  sen marchas militares, sen pasos da oca, sen uniformes, aínda que algunhas ducias de persoas si que aparecen con eles, sen grandes desfiles, aínda que en Madrid xa teñen tentado disolver manifestacións, siga avanzando “porque nestas eleccións do que hai que falar é de xestión”. Vergoña debía darlles a quen repiten este mantra; hai que falar de xestión pero tamén e considero que é tan importante, da necesidade de poñer diques para que as posicións ideolóxicas, políticas e sociais dos que queren seguir a comportarse como os gañadores da guerra civil, continúen sementando e impondo as súas ideas a certos sectores d@s traballador@s que se ven orfos das ideas que durante moitos anos lles fixeron chegar determinados partidos e sindicatos; ideas de loita, de organización, de solidariedade, que axudaban a comprende-la realidade na que vivían, e os porqués de esa realidade.

Pero entre todas as respostas ó anuncio de Pablo Iglesias, a máis sorprendente foi a dos “errejonistas” da Comunidade de Madrid, por medio da súa voceira; persoa á que escoitei estes anos en intervencións moi brillantes, case sempre sobre a sanidade e algunhas outras cuestións referentes á xestión de determinados servizos. Cando afirma que non se atopan dispostos a unha candidatura unitaria, fala da chegada do “macho alfa” para desbancala do seu posto, de testosterona, de que ten ben gañado o posto de primeira na lista polos moitos anos de traballo, de que as mulleres se valen por si soas, etc. E a grande maioría dos medios lle dan a razón e esconden o que pode significar VOX no goberno de Madrid e as posicións do Pp, da súa cabeza de lista máis arriba sinaladas; non se produciron. Iglesias declarou publicamente a estar disposto a ser segundo; diso tampouco se fala.

Creo que ós “errejonistas”, ó mesmo que ó Psoe, con ese desastre de candidato, o “socialista afable e tranquilo” que espera o seu definitivo retiro como “Defensor del Pueblo” para o que necesita o consenso de Pp, a chegada de Iglesias lles modifica os seus planos de pescar no regatiño de Ciudadanos e para iso teñen que presentar un programa de xestión adecuado, sen entrar en ningunha disputa política. É dicir un programa de centro dereita no político e progresista na xestión; pero a realidade é que se van a enfrontar a un adversario moito máis duro, e aínda que non o declare abertamente, vai seguir polo camiño senón se lle “paran os pes”,  de ser a oposición do goberno central e seguir corrixindo a “deriva cara o centro(?)” de Pablo Casado. E neses planos, Vox xoga un papel moi importante.


En Galicia no mes de marzo de 2021 


No hay comentarios:

Publicar un comentario