Carlos Dafonte
Como estaba previsto o PSOE é derrotado e o PP acada a maioría absoluta. Certifícase nas urnas o que as enquisas dicían antes da campaña, e se pon en evidencia que cada vez menos estas teñen influenza na opinión dos futuros votantes.
Pensaba que visto que nestes últimos anos quedou claro que quen goberna, sobre todo no referente ós temas económicos son os mercados, os burócratas da Unión Europea, o Fondo Monetario Internacional e Alemaña e Francia, que a abstención e o voto en branco ou nulo subirían bastante; pero non foi así; a suba da abstención en dous puntos e dos votos en branco e nulos, non reflicten as verdadeiras circunstancias de crise e deslixitimación das organizacións políticas, que hai poucos meses afirmábase nas rúas. Os resultados indican que para unha parte importante do corpo electoral, dos votantes, o exercicio do voto aínda o seguen a vincular a soluciona-los seus problemas. Neste senso, un dos aspectos do xeito de exerce-la hexemonía a clase dominante, o consenso e neste campo, o dereito a voto, a pesares da crise e das evidencias que esta descubriu, aínda non sufriu unha degradación importante.