Carlos Dafonte
Como estaba previsto o PSOE é derrotado e o PP acada a maioría absoluta. Certifícase nas urnas o que as enquisas dicían antes da campaña, e se pon en evidencia que cada vez menos estas teñen influenza na opinión dos futuros votantes.
Pensaba que visto que nestes últimos anos quedou claro que quen goberna, sobre todo no referente ós temas económicos son os mercados, os burócratas da Unión Europea, o Fondo Monetario Internacional e Alemaña e Francia, que a abstención e o voto en branco ou nulo subirían bastante; pero non foi así; a suba da abstención en dous puntos e dos votos en branco e nulos, non reflicten as verdadeiras circunstancias de crise e deslixitimación das organizacións políticas, que hai poucos meses afirmábase nas rúas. Os resultados indican que para unha parte importante do corpo electoral, dos votantes, o exercicio do voto aínda o seguen a vincular a soluciona-los seus problemas. Neste senso, un dos aspectos do xeito de exerce-la hexemonía a clase dominante, o consenso e neste campo, o dereito a voto, a pesares da crise e das evidencias que esta descubriu, aínda non sufriu unha degradación importante.
Pero o que considero máis grave, é a ausencia de programa dos dous partidos que configuran o bipartidismo, este feito parece indicar que están a gaña-la batalla de conseguir que se vote a “un liderado”, alguén que ofreza confianza, independentemente do que queira facer, das medidas que vaia tomar; esta é unha característica moi propia da dereita no seu conxunto e das democracias enfermas. Fronte a un programa e o compromiso de cumprilo, programa e cumprimento que lexitima a quen o presenta, a postura da dereita de que se vote a un líder, que xa resolverá os problemas como lle pareza; e claro sempre o fai en contra dos intereses da maioría. Este feito, que se pon en evidencia nestas eleccións, amosa a perda de madurez do corpo electoral quizais pola situación de necesidade, de “perda da esperanza”, que lles leva a buscar máis un “salvador”, que a utiliza-la razón, que a esixir e discutir un programa, bastante máis custoso a nivel intelectual.

E hai que recoñecer que para acadalos, aplicouse moito, coa colaboración inestimable do grande emporio mediático de PRISA e todas as súas ramificacións internacionais. Unha enorme máquina de desinformación que dirixiu durante anos a política do PSOE, e a puxo o servizo dos seus intereses. Pero tamén co da IIª Internacional e a súa poderosa máquina, pois como dixo un representante da fundación alemá Ebert, no Congreso dos Deputados, “había que facer todo o posible para que a transición española non fose como a portuguesa, cun importante partido comunista”. Cartos abundantes, medios de información e a lei electoral, hoxe tan deostada, configuraron o actual sistema “de bipartidismo imperfecto”, que temos no estado español.
O PP é a dereita maioritariamente conservadora, na que cohabitan tamén sectores neoliberais, reaccionarios, progresistas, moi cativo e sen peso político, e franquistas. Todos conviven dentro do PP e as veces non moi perfilados, porque por enriba de todo o fundamental para este conxunto é que o sistema sexa unha máquina de explotación de man de obra, posta ó servizo nestes momentos de forte crise económica, non do conxunto da clase burguesa, senón dun reducido grupo que aproveita o período de crise para eliminar competidores, conseguir novos mercados e as migallas que por se-lo estado español un elo feble dentro da cadea imperialista, lle corresponden no concerto internacional.

Outro aspecto salientable é o avance nacionalista en Cataluña e País Vasco; na primeira vai ser sen dúbida un apoio aínda que non o precise, das políticas antisociais do PP e no segundo, o avance de Amaiur, se algunha vez se deciden a loitar por unha sociedade distinta, aínda que non esquezan as súas reivindicacións independentistas, un atranco a esas políticas.
Tamén é salientable o retroceso en número de votos do BNG en Galicia, cando se produce unha importante sangría dos do PSOE. Espero que o análise que leve a cabo esa organización, sexa a fondo, pero penso que as causas teñen bastante que ver co abandono do espazo da esquerda e o traballo na sociedade, centrando todo o seu quefacer na vida institucional e ademais dun xeito moi burocrático, administrativista.
Sempre dixen, aínda que a moit@s lles parecía excesivo, que a reconstrución da esquerda no estado español, se cimentaría sobre a derrota do PSOE. IU que estivo a punto de desaparecer despois de anos de actuar como o seu “monaguillo”, recupera agora unha parte dos votos e espero que os utilice para axudar á recomposición da esquerda, xunto con outras organizacións que se reclaman do socialismo.
Pero para que este obxectivo chegue a bo porto é necesario que as organizacións de esquerdas máis beneficiados pola derrota electoral do PSOE, agora na época na que se mellora, reflexionen e sexan capaces de analizar en profundidade as razóns da febleza da esquerda no estado español.
Creo que estamos nun momento de reflexión e de tentar abandonar o sectarismo estéril, cuestión que non debemos confundir co abandono dos principios. A hora actual esixe organización e unir aquelo que sexa posible. A guerra non se perdeu, só algunhas batallas.
En Galicia no mes de novembro de 2011.
No hay comentarios:
Publicar un comentario