Carlos Dafonte
Día 1.
1946. Edítase o
último número de “O Guerrilleiro”, periódico da Federación de
Guerrillas de León Galicia.
Día 3.
1920. Folga xeral en
Turín en defensa dos Consellos de Fábrica. Desde
o outono do ano anterior se foran constituíndo en Turín toda unha
serie de Consellos de Fábrica que levaron a cabo unha grande
mobilización o día 3 de decembro. Esta nova organización dentro
dos centros de traballo preocupaba moito os empresarios polo que
buscaron o enfrontamento cos traballadores, que xurdiu a finais do
mes de marzo de ano seguinte, con motivo do debate sobre a hora
legal, para tenta-la súa derrota. A discrepancia xurdida foi o
motivo para que os patróns pecharas as fábricas e no curso da
negociación, introduciron o tema da necesidade da desaparición dos
Consellos. A paralización da industria turinesa foi total. Sobre
estes acontecementos, nos que o PSI e os sindicatos mantiveron unha
posición de pasividade, redactou Gramsci un importante informe, que
foi defendido por Lenin no Congreso da Internacional de agosto do
mesmo ano, fronte a posición de Bordiga. Gramsci non formaba parte
da delegación italiana.
Día 4.
1920. Fúndase o
Partido Comunista Obreiro Alemán(KAPD). Foi
unha escisión “pola esquerda” do Partido Comunista de Alemaña
(KPD), tras aprobarse no Congreso de Heilderberg a liña de Paul
Levi, que se considerou “centrista”. Tamén influiu na decisión
de separarse a aceptación do desarme do Exército Vermello do Rurh.
Tivo os seus principais núcleos organizativos en Hamburgo, Berlín,
Bremen e o leste de Saxonia. Contaba con preto de 80.000 membros.
Tentaba
implanta-la “ditadura do proletariado”, pero criticando ó modelo
soviético ó que cualificaban como “ditadura do partido”,
rexeitaban a participación electoral e nos sindicatos reformistas,
así como o modelo leninista de partido. Participou xunto co KPD nas
xornadas fracasadas de marzo de1921, e foi modelo para a fundación
por parte de Pannekoek e Gorter, do Partido Comunista Obreiro de
Holanda
1968. Asasinato do
dirixente negro estadounidense Martin Luther King, en Menphis, estado
de Tennesse. Os intereses do
complexo industrial-militar, medorento dun cambio de rumbo e da
importancia que estaban a tomar os movementos pacifistas contra a
guerra de Vietnam, dos negros polos dereitos civís e o avance
revolucionario en América Latina, van levar a cabo toda unha serie
de asasinatos no período no que destacan os dos irmáns Kennedy, de
Luther King, Malcolm X e numerosos dirixentes dos “Panteras
Negras”. En todos os casos, os asasinos non actuaron, ese foi o
veredicto das comisións investigadoras correspondentes, dentro
dunha conspiración; foron accións individuais. Esperemos que cando
pasen os anos en que se consideran secretas, se poida coñecer a
realidade de todos estes feitos.
Día 5.
1923. Nace Ernets
Mandel. En Alemaña, fillo de
Henri Mandel compañeiro de Rosa Luxemburg e Karl Liebnecht,
fundadores do Partido Comunista de Alemaña. Desde moi neno tivo
contacto cas loitas sociais e o marxismo e viviu en Bélxica onde se
exiliaran os seus país por ser xudeus. Ca entrada dos nazis no país,
abandonou os estudos universitarios e integrouse na loita da
resistencia contra a ocupación, sendo membro da IV Internacional
fundada por León Trotski; foi detido xunto con Abrahan León e
encarcerado no campo de concentración de Dora, un anexo do de
Buchenwal, do que conseguiu escapar. Despois da guerra converteuse no
líder dos trotskistas belgas e un dos membros máis novos da
dirección da IV Internacional xunto con Michel Pablo, quen foi nos
primeiros anos o seu mentor político, ata a ruptura a primeiros dos
anos 60. A discrepancia foi a loita de liberación alxerina. Aínda
que correndo o risco de ser esquemático, podemos dicir que Mandel
consideraba á clase traballadora como o suxeito revolucionario e
Pablo os movementos anticoloniais, a loita contra as metrópolis.
Despois do debate o primeiro se converteu no principal dirixente da
IV Internacional.
Con
anterioridade incorporárase ó Partido Socialista Belga, fundando o
periódico La Gauche e dirixindo un grupo marxista dentro do mesmo.
Foron expulsados do partido despois da folga xeral de 1960, convocada
pola Confederación do Traballo de Bélxica contra o pacto entre
socialistas e democratascristiáns, pula-lo control obreiro nas
empresas e loitar contra a lei de folga. Desde o final da guerra ata
os anos 60, foi colaborador en numerosos periódicos e revistas
escribindo centos de artigos. En 1967 se graduou en París na Escola
Práctica de Altos Estudios e nos anos setenta completa os seus
estudos obtendo un doutoramento en 1972, na Universidade Libre de
Berlín. Desde mediados dos anos sesenta comeza a etapa de
conferenciante marxista en numerosos países, universidades e todo
tipo de foros, sendo tamén numerosos os países capitalistas que
vetaban a súa entrada para participar nestes eventos.
A
partires de mediados dos anos sesenta conseguiu reagrupar a
diferentes grupos trotskistas formando o Secretariado Unificado da IV
Internacional. Ata a súa morte en 1995 seguiu a ser o membro máis
destacado da organización así como da súa sección belga, o
Partido Obreiro Socialista. O longo da súa vida utilizo diferentes
alcumes para asinar artigos, Ernets Germain, Pierre Gousset, Henri
Vallint ou Walter.
Tamén
é autor de máis de trinta libros entre os que destacan : “Tratado
de economía marxista”, “A formación do pensamento económico de
Karl Marx”, “Resposta socialista ó desafío americano”,
“Leccións de maio de 1968”, “O fascismo”, “Consellos
obreiros, control obreiro e autoxestión”, “Construi-lo partido”,
“O capitalismo serodio”, “A concentración económica nos
Estados Unidos”, “A recesión xeneralizada”, “As ondadas
longas do desenvolvemento capitalista: unha interpretación
marxista”, “A crise 1974-1980”, “O Capital: cen anos de
controversias o redor da obra de Karl Marx”, “O poder e o
diñeiro”.
Día 7.
1962. Comezo da folga
mineira en Asturias. Nos anos
1957-58, producíronse importantes mobilizacións nas concas
mineiras, aparecendo as primeiras “comisións obreiras” na mina A
Camocha, movemento que se estendeu por outros lugares e que contou co
apoio e a dirección do PCE. Os cambios introducidos no réxime, o
retroceso da familia “falanxista” en beneficio da “opusdeista”,
os contactos ca Comunidade Económica, a posta en marcha do Plano de
Estabilización, ca conxelación salarial e a suba dos prezos, o xiro
na política de oposición aprobado no Partido Comunista, foron
elementos, entre outros, que permiten entender as razóns da
magnitude desta folga que derrotou ó franquismo. As sancións a sete
picadores do Pozo Nicolasa, a consecuencia dunha reivindicación
sobre horarios e outras melloras, trouxo consigo a
solidariedade dos
compañeiros do pozo o 7 de abril, e despois de toda a conca do
Caudal e máis tarde do resto das concas en Asturias e noutros
lugares do estado; en 27 provincias houbo actos e folgas de
solidariedade, recibindo tamén do estranxeiro numerosas mostras de
apoio. Ás detencións de centos de mineiros, ás malleiras e
torturas, á declaración do “estado de excepción” responderon
as mulleres e unha grande parte da sociedade asturiana ca loita, como
peches de comercios, cortes nas estradas, etc, que obrigaron a
negociar cos mineiros ó Secretario Xeral do Movemento José Solís
Ruiz, tendo que aceptar a xerarquía franquista a maioría das
reivindicacións.
Día 9.
1948. Asasinato en
Colombia de Jorge Eliecer Gaitán. Líder
liberal antiimperialista e defensor das clases explotadas, exerceu
como avogado en numerosas ocasións en defensa dos sectores obreiros
e campesiños o que lle valeu o aprecio dos sectores
populares;posiblemente o mellor orador e axitador de masas de
Colombia e América Latina, que actuaba ó marxe da oligarquía que
controlaba os dous partidos tradicionais o Liberal e o Conservador. A
enorme popularidade que estaba a conseguir amedrentou á clase
hexemónica que o asasinou ás 12 do mediodía cando saía do Hotel
Continental de Bogotá, fronte o café “O Gato Negro”, en tempos
do goberno conservador de Mariano Ospina. O suposto asasino Juan Rosa
Sierra, foi detido e linchado pola multitude. Ó coñecerse o
asasinato millóns de colombianos saen as rúas a manifesta-la súa
reprobación producíndose o que se coñece como “Bogotazo” e
tamén o “Colombiazo”, unha insurrección popular, que se fai co
control da capital e de outras numerosas poboacións e zonas
campesiña; mobilización espontánea que é reprimida moi duramente
polas forzas represivas. Segundo numerosos observadores este feito
tivo un antes e un despois na historia de Colombia considerándose
como o inicio da guerra civil que dura ata os nosos días. Formáronse
moitas guerrillas de grupos de liberais, enfrontados ó Partido
Conservador, ata que entrou en escena ó Partido Comunista que máis
adiante constituirá as FARC, como organización capaz de defender ós
sectores máis febles da sociedade, creando as “republiquetas”,
territorios liberados, o que fai que os liberais poñan fin á loita
guerrilleira diante da ameaza que significa para o sistema o novo
actor que entrou en escena.
Este
día 9 de abril, en Bogotá as masas asaltaron o Palacio San Carlos,
a Nunciatura apostólica, e varios edificios de diferentes
institucións e contaron ca axuda da policía que se uniu ós
sublevados. Estábase a celebrar en Bogotá o Congreso
Latinoamericano de Estudantes; na delegación cubana participaba
Fidel Castro, que se entrevistara con Gaitán días antes, e se sumou
desde os primeiros momentos ó movemento insurreccional e terminou o
día mandando un pequeno grupo de homes armados e de axudante dun
xefe da policía sublevada.
Gaitán
fora alcalde de Bogotá, parlamentario e ministro de Educación e
Traballo e quizais o maior dirixente popular da historia de Colombia,
convocante da “marcha do silencia” do 7 de febreiro de 1948, un
desfile de duelo polas vítimas da violencia oficial, no que
participaron decenas de miles de colombianos e convenceu ós sectores
oligárquicos que a elección de Gaitán como presidente era
imparable..
1952. Trunfo
da sublevación popular en Bolivia. O
país vivía nunha ditadura oligárquica imposta polas tres
“familias” que eran propietarias do estaño, Patiño, Aramayo e
Hoschild, cuxos axentes, avogados e socios, monopolizaban os
gobernos e institucións da nación, e tamén lles pertencía a
maioría das fabricas, ferrocarrís, bancos, servizos de todo tipo,
fornezos eléctrico, de auga, telefonía, etc. A grande maioría da
poboación atopábase completamente marxinada da actividade política
e na miseria, aínda que contase cunha vangarda obreira, os mineiros,
moi combativa e cas ideas moi claras como se puxo en evidencia nas
chamadas “Teses de Pulacayo” elaboradas por Guillermo Lora en
1946, inspiradas no Programa de Transición e na Revolución
Permanente de Trotski, que serviron de guía non só ó movemento
obreiro boliviano, tamén ó de outros países de América Latina.
O
sistema oligárquico entra en crise ca grande depresión mundial de
1929 e ca chamada “guerra do Chaco”, que enfronta ó pais con
Paraguay e poñen en evidencia as limitacións do estado burgués e
da súa economía, abrindo un período de grandes loitas políticas,
no que destaca a guerra civil de 1949, as constantes matanzas de
traballadores e o asasinato do presidente Villaroel, aforcado nunha
praza pública. En 1951 gaña as eleccións o Movemento Nacionalista
Revolucionario, liderado por Víctor Paz Estensoro e Hernán Siles
Zuazo, partido reformista, nacionalista pequenoburgués. A reacción
oligárquica foi a de formar unha Xunta Militar para impedir a
chegada ó goberno do MNR, o que vai producir unha revolta que
comezou na Paz polas milicias nacionalistas, pero o que é
determinante é a entrada no escenario das milicias mineiras na
capital e en Oruro, ó día seguinte, onde derrotan completamente ó
exército da oligarquía e se estende a revolta por todo o país.
Nestas xornadas púxose en evidencia a fortaleza da clase obreira que
funda o 17 de abril, ó calor da revolución, a Central Obreira
Boliviana (COB), dirixida por Juan Lechín do MNR.
Un
dos problemas da revolución foi a inexistencia dun partido da clase
obreira forte, o POR non quixo xogar o papel dirixente que lle
correspondía, polo que se fixo co poder o MNR, que pulado pol@s
traballador@s e campesiñ@s tivo que tomar algunhas medidas como a
aprobación do sufraxio universal, a nacionalización das minas, a
disolución do exército derrotado polo pobo e a súa substitución
por milicias populares. Pero o MNR, unha vez no poder e pasados os
primeiros momentos de pulo revolucionario, adicouse a reconstrui-lo
estado burgués, e como non podía suceder doutro xeito, levou a un
exército reconstruído a dar un golpe de estado no ano 1962 en favor
dos sectores oligárquicos.
Día 10.
1919. Asasinato de
Emiliano Zapata. A revolución
mexicana contou con dous líderes populares por enriba de outros,
Pancho Villa xefe dos exércitos do norte e Emiliano Zapata que
asinaba como xeral en xefe das forzas do sur. De orixe campesiño,
apoiou o latifundista Francisco Madero fronte a ditadura de Porfirio
Díaz, pero pronto abandonou ó novo presidente cando se decatou que
as súas reformas non ían soluciona-lo problema campesiño; Zapata
presentou o Plano Ayala, redactado por Otilio Montaño, que
establecía que a terra fose de quen a traballaba; unha vez asasinado
Madero loitou contra a ditadura de Victoriano Huerta a quen apoiaba
os EEUU, e contra o presidente constitucional Venustiano Carranza
cuxos axentes tendéronlle unha trampa en Morelos, onde foi
asasinado.
Día 12.
1927. Masacre de
comunistas en Sanghai. (Ver
efemérides do mes de marzo).
Día 13.
1873. Matanza de
Colfax en EEUU. Produciuse como
consecuencia das eleccións a Gobernador do estado de Luisiana, que
nestes tempos e neste estado, sempre deron lugar a enfrontamentos
violentos entre os republicanos e os demócratas. Neste ano, os dous
candidatos consideráronse vencedores e diferentes organismos
electorais deron vencedor a un e outro. Naqueles tempos, rematara a
guerra civil facía pouco, os republicanos representaban ós sectores
menos favorecidos da sociedade ó contrario que os demócratas que se
nutrían fundamentalmente de brancos racistas, contrarios ó norte e
que non aceptaban a existencia de negros liberados, moitos armados
pois loitaran na guerra cos abolicionistas. Pois ben na disputa
electoral, un grupo de brancos armados atacou ós afroamericanos
libertos e da milicia, asasinando a máis de 150 de eles. Non hai que
esquecer que neses tempos creárase o KKK, unha organización
partidaria da supremacía branca.
1919. Masacre de
Jallianwala Bagh na India. Tamén
coñecida como masacre de Amristar, cometida polas tropas británicas
cando dispararon contra unha multitude desarmada formada por sijs,
hinduistas e mahometanos que celebraban un festival relixioso
cultural ó tempo que desafiaban a prórroga do estado de excepción
decretado polo goberno británico, amparándose na existencia de
actividades subversivas na zona. As tropas, que estaban mandadas polo
xeral Reginald Dyer pecharon as saídas do enorme patio rodeado de
murallas onde se xuntaran, e dispararon contra a multitude producindo
máis de 1800 mortos e miles de feridos. Este suceso vai ter enorme
influenza nas relacións entre India e Gran Bretaña e será causa do
inicio da campaña de desobediencia encabezada por Gandhi a partires
de 1920. O premio Nobel de Literatura Rabindranath Tagore, renunciará
ó seu título de “sir” e no caso contrario o escritor
colonialista Rudyard Kipling, apoiou a Dyer e iniciou unha recadación
pública de cartos para axudalo.
Día 14.
1931. Proclamación da
II ª República no estado español. Unha
vez que a monarquía considerou que a persistencia da ditadura do
xeral Primo de Rivera, podía poñer en perigo a existencia da
institución, pola cantidade de inimigos que a súa política
concitaba, Alfonso XIII destituíu o ditador iniciándose un período
de transición que se coñece como a “ditablanda” que conta con
dous presidentes de goberno, o xeral Berenguer e despois da dimisión
deste, o almirante Aznar, que tenta desvia-la atención posta na
dicotomía monarquía ou república, convocando unhas eleccións
municipais para o 12 de abril de 1931, como paso previo a unhas a
Cortes de carácter constituinte. Tentábase esquecer os oito anos de
ditadura e a complicidade e o apoio entusiasta da monarquía á
mesma.
Con
anterioridade ás eleccións vanse producir entre outros, dous
acontecementos salientables, a sublevación dos capitáns de
afiliación comunista Galán e García Hernandez en Jaca, en decembro
e o seu fusilamento, e a xuntanza de todas as forzas republicanas do
estado, incluídas as galegas, que asinan o chamado “Pacto de San
Sebastián” en agosto, no que se comprometían a dar unha
alternativa á monarquía e formouse un “comité revolucionario”
que debíase converter no futuro goberno provisorio da futura
república.
En
Galicia asinárase o Pacto de Lestrove” resultado da asemblea
celebrada o 26 de marzo de 1930, promovida pola ORGA e o Partido
Radical, que contou ca presencia doutras organizacións, ata
completar unha asistencia de preto de 60 participantes.
Nas
eleccións municipais do 12 de abril, aínda que os monárquicos
acadaron maior número de concelleiros, as listas republicanas
gañaron en todas as capitais de provincia agás Ourense, na maioría
das cidades e nas zonas industriais e de maior nivel económico.
Redondela foi o primeiro municipio en proclama-la república, seguido
por Eibar e a partires dese momento proclamouse en numerosas cidades
e pobos. O rei tenta recurri-lo exército para manterse no trono,
pero cando non conta co apoio unánime do mesmo abandona o país
proclamándose, entre o entusiasmo popular, a II ª República. En
Cataluña proclamouse a República Catalá. A república vai vir
nunhas circunstancias políticas e económicas moi difíciles, no
medio da grande depresión iniciada en 1929 e do ascenso do fascismo
e o nazismo e a postura vacilante das chamadas “democracias”
fronte ó mesmo.
Día 15.
1938. Morre en París
Cesar Vallejo, comunista e poeta peruano. Moi
enfermo desde principios do ano, ten que deixar de traballar como
profesor de literatura. O 24 de marzo foi ingresado nun hospital
falecendo o día 15 do seguinte mes. No seu enterro o eloxio fúnebre
correu a cargo do poeta e camarada Louis Aragón. Entre setembro e
novembro do ano anterior escribira as súas últimas composicións
líricas para os poemarios “Poemas humanos” e “España, aparta
de mi este cáliz”.
Día 16.
1930. Morre José
Carlos Mariátegui. (Ver
efemérides mes de xuño)
Día 17.
1961. Invasión de
Cuba por “Bahia de Cochinos”. Desde
o trunfo da Revolución Cubana o presidente Einsenhower, tento
frustra-los devezos do pobo que saía de ducias de anos de ditaduras
impostas polos EEUU. Desde finais do ano 1959, grupos de cubanos que
non aceptaban a nova realidade foron captados pola CIA que recibiu,
en marzo de 1960 o encargo de crear unha unidade paramilitar co
obxectivo de derruba-lo proceso revolucionario. Formouse así un
grupo chamado Brigada 2506 no que había numerosos exmilitares das
forzas de Batista, sobre todos pilotos, que loitaran contra a
guerrilla revolucionaria. O plano era desembarcar, crear unha zona
controlada e establecer un goberno que fose recoñecido polos EEUU,
que inmediatamente enviaría tropas na súa axuda. Un primeiro plano,
chamado “Plano Bisell”, foi modificado despois do trunfo de
Kennedy nas eleccións presidenciais, e o desembarco agora sería en
“praia Girón”, na “Badía de Cochinos”, previo ataque contra
a forza aérea revolucionaria. De madrugada, desembarca a Brigrada
2506 e aínda que avanza varios quilómetros o espacio aéreo é
dominado pola forza aérea revolucionaria e os barcos de apoio son
afundidos polo que numeroso material non pode ser desembarcado. O día
19 a derrota da invasión é total. Fidel Castro e o comandante
revolucionario Xosé Ramón Fernández, “Gallego”, participan na
ofensiva final que se salda con máis dun centenar de mortos e 1189
capturados. Algúns oficiais do exército de Batista foron xulgados e
executados; no ano 62, o resto dos detidos foron liberados a cambio
de 53 millóns de dólares que os EEUU, pagaron en alimentos,
menciñas e tractores.
Día 19.
1919. Motín en barcos
franceses que atacaban á Rusia soviética. Os
acorazados Jean Bart e France foron enviados polo goberno francés ó
Mar Negro para apoia-los “rusos brancos” na súa loita contra a
revolución soviética. Liderados polo xefe de maquinas do primeiro,
André Marty, que máis tarde será un dirixente do Partido Comunista
Francés, os dous barcos se van sublevar. As condenas ós sublevados
será moi importantes.
Día 21.
1907. Nace Enrique
Lister, en Ameneiro, A Coruña. Foi
o terceiro de sete irmáns, cinco varóns e canteiros como o seu pai
e dúas mulleres. Moi novo marcha a Habana reclamado polo seu pai e
traballa en diferentes oficios ó tempo que estuda no Centro galego.
En 1924, cando se funda o sindicato de canteiros foi elixido
delegado. Cando volve a Galicia tenta poñer en marcha o sindicato de
canteiros de Teo-Ames e foi detido dúas veces por enfrontamentos ca
Garda Civil. En 1927 atópase de novo en Cuba e ingresa no Partido
Comunista Cubano no mes de abril, marchando para Nova Iorque a causa
da persecución de ditadura de Machado, pero ó non poder
desembarcar, chega a Coruña onde é detido. Posto en liberdade en
1929, xa como militante do PCE, traballa a nivel sindical o que lle
leva a novos enfrontamentos cas forzas represivas que o levan de novo
á cadea sendo liberado en maio de 1931. Elixido presidente do
sindicato tamén o é como delegado ó IV Congreso do PCE. Os graves
enfrontamentos con membros dun sindicato amarelo dirixido pola igrexa
o levan escapar a Madrid, París e Berlín e máis tarde á URSS
entrando a estudar na Academia Político-Militar Lenin, especializada
na formación política dos cadros militares e na Academia Frunze do
Exército Vermello. Durante o período de estudante formou parte
dunha brigada que traballaba nas obras do metro de Moscova. Unha vez
de volta, o PCE encárgalle a organización das Milicias
Antifascistas Obreiras e Campesiñas, xunto a Juan Modesto e Juan
Fernández.
No
momento da sublevación fascista en 1936, incorpórase ás milicias
populares e intervén na derrota da sublevación nos cuarteis de
Madrid, tivo un destacado papel na creación do Vº Rexemento e foi
nomeado responsable dunha das columnas que se dirixen á serra do
Guadarrama, intervindo na batalla do Alto dos Leóns co grao de
tenente e co de capitán manda dúas compañías do V Rexemento
creado polo PCE e máis tarde comandante do mesmo.
Cando
se crea o Exercito Popular regular, Enrique Lister é nomeado xefe da
1ª Brigada Mixta formada por diferentes batallóns entre o que se
atopaba o das “Milicias Populares Galegas”, participando na
defensa de Madrid e na batalla do Jarama. Máis tarde como comandante
en xefe da 11 ª Divisións, a unidade mellor preparada do exército
republicano, combate nas batallas de Guadalajara, Brunete e Aragón.
Foi encargado persoalmente polo ministro de defensa, o socialista
Indalecio Prieto da disolución do “Consello Rexional de Defensa de
Aragón”, que estaba en mans anarquistas. Despois da vitoria en
Teruel se lle ascende a Tenente Coronel e máis tarde como coronel
intervén na batalla do Ebro. Tra-la queda de Cataluña pasa a
Francia e o pouco tempo atópase en Madrid para poñerse ás ordes do
goberno de Negrín, que o nomea xefe do Exército de Estremadura.
Tra-la derrota marcha a URSS estudando na Academia Frunze e na guerra
mundial participa co grao de xeral do exército vermello en varias
batallas na zona de Ucraína. Tamén foi nomeado xeral do exército
polaco e iugoslavo
A
partires de 1945 o PCE encárgalle a responsabilidade do movemento
guerrilleiro, e cando é perseguido en Francia, marcha a Praga onde
leva a responsabilidade da emigración e a relación cos partidos da
Europa supostamente socialista. En 1956 volve a París e como membro
da dirección do PCE, mantén toda unha serie de discrepancias ca
maioría da mesma sobre o desenvolvemento político nos países da
Europa de Leste, sobre todo despois da entrada do exército do Pacto
de Varsovia en Checoslovaquia en agosto de 1968, e das posicións de
Santiago Carrillo asumidas pola maioría do PCE, que o levan a
abandona-lo partido en 1970 e fundar en 1973 o Partido Comunista
Obrero Español do que foi secretario xeral. Unha vez Carrillo foi
expulsado volveu ó PCE en abril de 1986. Faleceu o 8 de decembro de
1994 en Madrid. Deixou escritas varias obras: “A nosa guerra”,
“Lembranzas dun loitador”, “¡Basta!” e “Así estragou
Carrillo o PCE”
1947. Morre Manuel
Ponte Pedreira, “Fontao”. Xastre
de profesión, unha vez finalizada a guerra, penou cárcere nas
prisións de Santiago e Coruña onde comezou a militar no Partido
Comunista. Posto en liberdade en 1943, incorporouse á guerrilla que
actuaba nas comarcas de Oredes -As Mariñas, sendo elixido no verán
de 1946 xefe da IV Agrupación Guerrilleira de Galicia, iniciando o
movemento guerrilleiro unha forte actividade contra as forzas
represivas, os falanxistas e publicando o periódico “O
Guerrilleiro” que se espallaba por numerosas zonas da xeografía
galega. A finais de 1946 fixo chegar unha carta o embaixador
británico no estado español, onde denunciaba o cinismo das
potencias que se dicían democráticas, apuntalando ó réxime
franquista o tempo que denunciaba a miseria e a represión do pobo
galego. A actividade das forzas represivas aumentou considerablemente
a partires de 1947 e Ponte e outros guerrilleiros foron cercados por
numerosas forzas da Garda Civil en Frades. Ponte e dous compañeiros
morreron na acción e outro guerrilleiro conseguiu fuxir.
Día 22.
1870. Nace Vladimir
Ilicht Ulianov, “Lenin”. Neste
blog hai unha cronoloxía sobre a súa vida.
Día 24.
1916. Conferencia de
grupos de esquerda da Internacional en Kienthal. O
Manifesto da Conferencia celebrada en Zimmerwald era letra morta,
polo que a Comisión por ela creada vai convocar unha nova
Conferencia en Kienthal, para continua-la loita contra a guerra.
Houbo 43 delegados e a esquerda da conferencia de Zimmerwald, os
partidarios de Lenin, aumentaran. A orde do día estaba formado por
1º Acción a desenvolver para conseguir poñer fin á guerra. 2º.
Actitude do proletariado fronte a paz. 3. Axitación e propaganda
entre as masas e nos Parlamentos. 4. Convocatoria do Buró Socialista
Internacional. O último punto foi o que provocou máis discusión,
pois no fondo do que se trataba era se a II Internacional debía
seguir existindo ou si unha ruptura debía provoca-la súa
desaparición. Para prepara-lo proxecto de resolución elixiuse unha
comisión de sete membros, entre os que estaba Lenin e contra do seu
parecer, se aprobou que o Buró sería convocado, se lle daría un
voto de censura, o Comité Executivo debía ser substituído por
outro e os socialistas que houbesen entrado nos gobernos ,
expulsados. A resolución redactada por Lenin non foi aprobada, pero
a á esquerda saíu reforzada da Conferencia.
1924. Nace Hugo Miguel
Bressano, máis coñecido polo seu alcume de Nahuel Moreno. Dirixente
trotskista arxentino naceu en Ribadavia, provincia de Bos Aires, no
seo dunha familia acomodada politicamente ligada á Unión Cívica
Radical. A súa infancia transcorre no que se chama na Arxentina, a
“década ominosa”, toda a dos anos 30, marcada pola depresión de
1929, falla de liberdades, corrupción xeneralizada, persecución dos
opositores e constantes fraudes electorais. Aínda que a Miguel
Bressano non lle gustaba a política, vai ser un traballador
marítimo, apelidado Faraldo, quen o vai a iniciar ingresando no
Partido Obreiro da Revolución Socialista, de ideas trotskistas, en
1942. Esta organización tentaba unificar as diferentes correntes
trotskistas arxentinas, pero vai fracasar e Bressano será expulsado
do mesmo. Esta primeira experiencia política a recollerá no folleto
“Tres meses de mi vida en el confusionismo”. Despois militou na
LOR, grupo dirixido por Liborio Justo que vai ser que lle poña o
alcume que utilizará toda a súa vida, “Nahuel Moreno”. Unha vez
abandonada a LOR vai fundar, en 1944 o “Grupo Obreiro Marxista”,
cuxo documento fundacional “O Partido” foi redactado por Moreno,
cun obxectivo claro, integrarse no movemento obreiro de Avellaneda, o
que vai conseguir pero con serias dificultades pola súa crítica ó
peronismo ó que caracterizaba como “a vangarda da ofensiva
capitalista contra as conquistas obreiras”. En 1948 cambiará o
nome da organización polo de
Partido Obreiro Revolucionario e
participará no II Congreso da IV Internacional. En 1953, prodúcese
un xiro estratéxico na organización comandada por Moreno e inicia a
practica-lo “entrismo” na organización peronista Partido
Socialista da Revolución Nacional, o que lle leva a dominar a
organización de Bos Aires. Pero o POR se vai transformando primeiro
en Movemento de Asembleas Obreiras (MAO) e despois en Palabra Obreira
co periódico homónimo. Crítico ó principio ca revolución cubana,
unha vez vitoriosa, conflúe co FRIP creado por Santucho e xuntos
fundan, en maio de 1965, o Partido Revolucionario dos Traballadores
(PRT), que se escindirá nas correntes A Verdade, partidaria da loita
de masas dirixida por Moreno e O Combatente, partidaria da loita
armada dirixida por Santucho. En 1972 fundou o Partido Socialista dos
Traballadores (PST), capaz de xogar na legalidade e formará con
outros o “bloque dos 8” en defensa da democracia e evitar un
golpe militar. Na ditadura tivo que exiliarse e a organización
sufriu a desaparición de varios centos de militantes.
A
cuestión da revolución nicaragüense e o envío da Brigada Simón
Bolivar, foi motivo de ruptura ca IV Internacional e con Mandel.
Máis
tarde fundou o MAS e a nivel internacional da LIT-CI. Morreu no ano
1987.
Entre
as súas obras destacan “O marco histórico da revolución
húngara”, “A revolución permanente na potsguerra”, “Teses
sobre a Fronte Única Revolucionaria”, “Dous métodos fronte á
revolución latinoamericana”, “Lóxica marxista e ciencias
modernas”, “Actualización do Programa de Transición”,
“Revolución e contrarrevolución en Portugal”.
1942. Creación en
Ferradillos, preto de Ponferrada, da Federación de Guerrillas
León-Galicia. 24 guerrilleiros
de todas as tendencias políticas xuntábanse, constituíndo unha
organizacións na que participaban combatentes do sueste de Lugo,
leste de Ourense e oeste de León. Foi xermolo doutras organizacións
guerrilleiras que xurdiron máis tarde. Nela había comunistas,
socialistas, anarquistas e antifranquistas sen apelidos. Tentaron
agrupar tamén os que actuaban en Asturias, pero estes crearían ó
ano seguinte o chamado Comité de Milicias Antifascistas. Un aspecto
esencial do grupo foi a creación dos apoios de xente non combatente,
que se denominou Servizo de Información Republicano (SIR). Foron
tamén estruturadas diversas “zonas de acción”: O Bierzo, A
Cabrera, o norte da provincia de León e as limítrofes de Lugo e
Ourense. Un dos seus máximos dirixentes foi Manuel Girón
1965.
Sublevación popular na república Dominicana que derruba á
ditadura. Despois do asasinato
do ditador Leónidas Trujillo en 1961, un moneco sanguinario ó
servizo do imperialismo norteamericano que mantivo unha brutal
ditadura de varias decenas de anos, nas primeiras eleccións para
elixir presidente celebradas no país en 1962, trunfa Juan Bosch, un
intelectual reformista, que pula a aprobación dunha constitución,
estimulou a participación de todos os sectores sociais na vida
política iniciándose unha mobilización das clases populares,
obreiros, campesiños e marxinais, o que vai crear numerosos
conflitos sociais como non podía ser doutro xeito, pois a loita de
clases faise patente. Diante desta situación política de existencia
dunha democracia, os EEUU non queren que o exemplo da Cuba
revolucionaria poida estenderse, e promoven un golpe de estado por
parte de militares “neotrujillistas” en 1963, que se atopan cunha
forte resistencia popular que culmina en abril de 1965 ca sublevación
de oficiais novos partidarios de Bosch, liderados polo comandante
Francisco Caamaño, partidarios da implantación de novo da
Constitución de 1963. Cando os militares golpistas atacan as
gornicións constitucionalistas, estes entregan armas ó pobo que
inclina a vitoria para o seu bando. Diante desta situación os EEUU
desembarcan unha forza de preto de 40.000 militares de diferentes
armas. O 3 de maio Caamaño e nomeado presidente da República.
Despois de numerosos enfrontamentos cas tropas norteamericanas estas
van inclinando a balanza ó seu favor, producen numerosas masacres
entre a poboación civil, chegándose a unha negociación en
setembro, que devolve o poder á oligarquía e disolve as estruturas
de poder popular. Caamaño marchará cara a Gran Bretaña a ocupar un
posto diplomático. Máis tarde marchará a Cuba clandestinamente e
será asasinado a súa volta á República Dominicana para poñer en
marcha a acción guerrilleira contra do réxime importo polos EEUU.
Día 25.
1936. Nace o poeta
guatemalteco Otto René Castillo. En
Quetzaltenango. Desde moi novo comezou a militar no Partido
Guatemalteco do Traballo. En 1953 co goberno de Jacobo Arbenz foi
elixido Presidente da Asociación de Estudantes. Ó ano seguinte con
motivo do golpe de estado contra o goberno democrático, exiliouse en
O Salvador continuando a loita nas filas do Partido Comunista e
traballando en diferentes oficios. Foi moi amigo do tamén poeta e
comunista salvadoreño Roque Dalton. De regreso a Guatemala comeza a
estudar Dereito e Ciencias Sociais. En 1958 concedéronlle unha beca
para estudar na República Democrática de Alemaña onde estudou en
Leipzig Lingua e Literatura. En 1962 ingresa na Brigada Joris Ivens,
configurada por un grupo de cineastas que tentaba filmar as loitas
revolucionarias dos pobos latinoamericanos. Regresou a Guatemala en
1964 compaxinando a loita revolucionaria cas actividades culturais e
a dirección do Teatro de Municipalidade de Guatemala. Foi detido en
1965 e enviado ó exilio, nomeado membro do Comité Organizador do
Festival Mundial da Mocidade a celebrar en Alxeria, o que lle permite
percorrer numerosos países e Cuba, onde permanece varios meses. En
1966 regresa clandestinamente ó seu país e integrase como
responsable de propaganda na Fronte Edgar Ibarra, das Forzas Armadas
rebeldes. Ferido en combate en marzo de 1967, falece como resultado
da tortura. O longo da súa vida recibiu varios premios pola súa
obra poética, o Centroamericano de Poesía de 1955, o internacional
de Poesía de Budapest, o Filadelfio Salazar, etc. A obra poética
dos seus últimos anos foi recollida no “Vámonos patria a
caminar”; Casa das Américas de Cuba, fixo unha Antoloxía baixo o
título de “Poemas”
1974. Comezo da
sublevación militar en Portugal que pon fin á ditadura. A
sublevación militar dunha parte do exército portugués pon fin á
ditadura máis longa de Europa iniciada en 1926 co profesor Oliveira
Salazar como Presidente. Esta acción trouxo consigo a queda do
chamado “Estado Novo”, o enxendro de carácter ditatorial
fascista que había en Portugal, alicerzado na represión e na
conculcación de todo tipo de dereitos. O presidente da transición
foi o xeneral Spínola, un amigo de Franco, pero que fora destituído
polo Presidente da República Marcelo Caetano por non estar de acordo
co curso seguido pola guerra nas colonias. En 1973 nace o “Movimento
das Forças Armadas”, constituído por unha serie de oficiais que
tentan un levantamento militar en Caldas da Rainha en marzo de 1974;
o fracaso trae consigo detencións e traslados forzosos entre os
militares implicados, o que acelera os planos para o golpe de estado
que se produce a partires das cero horas do día 25 de abril. A
canción de Xosé Afonso “Grándola vila morena” transmitida pola
radio é a consigna para poñer en marcha o operativo que coordina o
maior Otelo Saraiva de Carvalho.
En poucas horas a ditadura se ven
abaixo, os militares sublevados toman as rúas e millóns de
portugues@s lles acompañan a
pesares dos chamados a quedar nas casas, a revolución está en
marcha. O único grupo do réxime que tentou resistir foi a PIDE, a
brutal policía política o que produciu algúns mortos entre os
manifestantes. O día seguinte o MFA controlaba todo o pais, e comeza
un proceso de loita de clases, que vai pasar por diferentes estadios
e no que interveñen as potencias imperialistas, ata que se consolida
o trunfo das forzas máis moderadas favorables o capitalismo.
Día 27.
1937. Falece Antonio
Gramsci. Moi enfermo desde
1934, foi trasladado, a diferentes clínicas, a última foi a
“Quissisana” de Roma, onde ingresou en agosto de 1935, sempre
cunha enorme vixilancia policial. Padecía mal de Pott, tuberculose
pulmonar, unha hipertensión moi elevada, ataques de gota e outros
problemas.
Día 29.
1965. Tropas dos EEUU
invaden a República Dominicana para poñer fin o proceso
revolucionario.
1992. Insurrección
popular na cidade de Los Angeles, EEUU. Os
balbordos estalaron cando un xurado composto por membros de raza
branca absolveron a catro policías que lle deran unha brutal
malleira a un negro, Rodney King, que foi gravada por un
vídeoaficionado. Pero as causas reais foron a crise económica que
golpeaba as zonas de residentes negros, o racismo da policía e os
xuíces, que poucos días antes deixaran cunha leve condena a un
tendeiro que matara a unha moza negra, que lle roubara unha
larpeiradas. Os balbordo duraron varias xornadas, que foron
televisadas en directo por diferentes cadeas, producíndose nos
enfrontamentos ca policía e a Garda Nacional, decenas de mortos,
miles de feridos e máis de dez milleiro de detidos. 1100 edificios
estragados e os danos calculáronse en máis e 900 millóns de
dólares.
Día 30.
1937. Nace en
Cochabamba, Bolivia, “Inti” Peredo. Fillo
do escritor e periodista director do diario católico “El
Imparcial”, Rómulo Peredo. De moi neno vai vivir a Trinidad,
departamento do Beni, onde pronto mostra grande atención ós
numerosos problemas sociais e vai destacar no seo da Xuventude
Comunista chegando a ser o seu secretario. Foi tamén un dos
organizadores do Partido Comunista Boliviano en el departamento,
xunto con Rodolfo Saldaña, Jorge“Loro” Vazquez Viana e o seu
irmán menor “Coco” Peredo. Viaxa a Chile e Moscova para cursos
de formación. Cando era membro do Comité Central do partido racha
ca liña do secretario xeral Mario Monje e presta axuda á
constitución do Exército de Liberación Nacional de Perú e á
guerrilla de Salta, Arxentina, liderada polo periodista Ricardo
Masetti, que formaban parte do plano ideado polo Che Guevara.
Integrouse na guerrilla do Che en Bolivia e a morte deste, xogou un
importante papel que permitiu a saída dos sobreviventes e
reorganiza-lo exercito guerrilleiro. En 1969 regresou a Bolivia
clandestinamente e fixo público o manifesto “Volveremos a la
Montaña” no que manifestaba o reinicio da loita guerrilleira.
Descuberto nunha casa de La Paz é feito prisioneiro, despois dun
combate cas forzas represivas, e asasinado o 9 de setembro.
1926. Fundación da
Liga Antiimperialista das Américas. Descoñezo
o día da súa fundación, sei que foi en abril. Creouse nunha
quincena de países americanos incluíndo os EEUU, onde se foran
creando Ligas con anterioridade a súa coordinación. Na mesma
tentábanse conxugar, aínda que non foi fácil, posicións
comunistas de organizacións obreiras e campesiñas, cas
reivindicacións antiimperialistas de sectores burgueses e liberais.
Segundo os meus datos, a primeira dirección estaba formada por Luis
G. Monzón, Juan Antonio Mella, Diego Rivera e Hernán Laborde. A
primeira campaña internacional levada a cabo pola Liga, foi a de
Mans Fora de Nicaragua de apoio ó xeral Sandino na súa loita por
expulsa-los norteamericanos do país.