A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 31 de marzo de 2012

ÉXITO DA FOLGA XERAL DO 29 DE MARZO


Carlos Dafonte

Hai que dicilo sen paliativos, a pesares das circunstancias que a rodearon , a resposta á convocatoria do día 29 foi un trunfo d@s traballador@s asalariad@s e da clase obreira en particular, pois unha vez mais, nas industrias foi onde máis incidencia tivo.
E as circunstancias que rodearon a convocatoria non axudaban ó seu éxito. Un maior número de parados respecto, por exemplo, ó ano 2010; unha maior capacidade de coerción e presión da patronal que agora conta cos elementos da reforma laboral do PP, para exercer maior violencia e brutalidade contra d@s traballador@s; a enorme presión exercida por unha grande parte dos medios que repetían ata a saciedade o argumento mentireiro do PP, de que a reforma laboral beneficia ós parados e permitirá á economía española supera-la situación na que se atopa, e que a folga daba unha “mala imaxe” á Unión Europea e ós “mercados” sobre o estado español e a súa capacidade para cumpli-los seus compromisos; a campaña de desprestixio dos sindicatos orquestrada por numerosos medios, desde hai meses, que ten como finalidade deixar á clase sen un elemento decisivo para defende-los seus dereitos laborais, que son recollidos por sectores de asalariad@s, desclasados e sen conciencia, os que se autodenominan “clases medias”; a isto hai que engadir, e nótase moito en certo sectores de asalariad@s, a derrota ideolóxica da esquerda e polo tanto do movemento obreiro no seu conxunto, que lle fai permeable a toda unha serie de teorías liberais, permeabilidade á que o PSOE ten contribuído dun xeito moi importante; en determinadas comunidades, Galicia e Euskadi, por exemplo, a carencia de unidade entre as forzas sindicais que nun momento tan importante como é unha convocatoria de folga xeral, non foron capaces de acercar posicións; pódense manter as diferencias estratéxicas e polo tanto as tácticas que as leven adiante, pero en momentos como os do día 29, a clase debe aparecer amosando a súa forza tamén coa unidade e non facelo así, amosa unha incompetencia grande para comprende-la situación.
Pois ben a pesares de todos estes atrancos, e algúns máis que non subliño, os paros e as mobilizacións superaron á folga xeral do ano 2010 e amosan unha firme vontade de loitar.
Agora hai que conseguir que esa marea humana que conquistou as rúas do estado, non se paralice, non se vexa frustrada por posicións burocráticas de determinadas cúpulas sindicais e por negociacións que leven a rebaixar dereitos que hoxe temos. Todas as mobilizacións destes días e a do día 29, deben ter como obxectivo paralizar a reforma do PP e obrigar a rectificar os acordos do consello de ministros do día 30, que significan máis impostos para a maioría da sociedade, recortes en servizos sociais básicos, sanidade, educación, dependencia, emprego, etc e amnistía fiscal para os “delincuentes- defraudadores”, permitíndolles “branquear” o seu diñeiro negro pagando un 10% mentres os demais pagamos moi por enriba dese tanto por cento.
Alguén segue aínda sen decatarse que os gobernos son os comités centrais da burguesía?

En Galicia no mes de marzo de 2012

lunes, 26 de marzo de 2012

AS ELECIÓNS EN ASTURIAS E ANDALUCÍA E A FOLGA XERAL DO DÍA 29


Carlos Dafonte

Celebradas as eleccións autonómicas nestas dúas comunidades, hai varios elementos na análise dos resultados que destacan sobre todos os demais. En primeiro lugar o fracaso do PP en acada-los obxectivos establecidos para ámbalas dúas autonomías, que non eran outros que ter a capacidade de formar goberno, co PP como elemento central.
En Andalucía, a pesares da perda de votos e deputados do PSOE, máis de 600.0000 con relación ás anteriores autonómicas e 9 deputados, o PP queda moi lonxe da maioría absoluta, perde ademais cerca de 200.000 votos e só consegue atraer cara o seu grupo 3 deputados; os seis restantes foron para IU que dobra o seu número.
En Asturias, Foro que retrocede e PP que non avanza, aínda que xuntándose poden formar goberno, a espera do escrutinio do voto emigrante, son os grande perdedores da xornada no “principado”.
No conxunto o PP sae da xornada electoral do día 25 de marzo, por moito que o disimulen, e sempre se poden atopar argumentos favorables, co sabor amargo da derrota.
En segundo lugar débese destacar a enorme abstención; aumentou en máis de dez puntos en ámbalas dúas comunidades, o que amosa o esgotamento dun electorado farto de enganos, corrupción e o afastamento das institucións respecto do cidadán. Tamén é preciso destacar o amplo número de votos en branco en Asturias.
En terceiro, que o panorama que se debulla despois do 25 de marzo, non muda en beneficio dos traballadores. Excepto IU, cuxo programa e claramente socialdemócrata, o resto das forzas políticas que acadaron escano, son partidarias dunha “saída da crise” neoliberal; de aplica-las receitas da Unión Europea, Fondo Monetario Internacional e Banco Mundial. Polo tanto nin desde Andalucía nin Asturias se vai producir un proceso de enfrontamento contra este tipo de políticas.
En cuarto lugar, hai que destacar os bos resultados de IU en Andalucía, dobrar o número de deputados non é fácil, e a modesta suba de Asturias. A pesar de todo na primeira IU, atópase lonxe do número de deputados acadados nos anos 86 e 94 que foron 19 e 20 respectivamente.
IU atópase diante dunha situación, que debe resolver ben para non comezar de novo a sentalos alicerces da súa próxima derrota; os militantes e non a dirección, algunhas veces ansiosos de ocupar postos, é a miña opinión, deben decidir sobre tres posicións.
Facilitar que o PSOE forme goberno e pasar á oposición, terá como consecuencia ser inmediatamente acusada por todo un sector dos medios de comunicación de “facela pinza” co PP. Formar goberno co PSOE, un partido neoliberal, trufado de corrupción, estou convencido que o que se coñece é unha parte pequena da realidade, sen autonomía para levar adiante un programa distinto ó que aplicou, durante oito anos desde o goberno do presidente Rodríguez Zapatero. As experiencias deste tipo se converteron sempre nun “abrazo do oso” para quen entrou nesa dinámica, e ata o de agora, só beneficiou ó partido máis forte. Non debemos esquecer tampouco que moitos votantes que o fixeron por IU, son antigos votantes PSOE e non entenderán que o seu voto “premie” ó PSOE e non sirva para castigalo; estou seguro que esta opción posiblemente creará problemas internos cos sectores máis a esquerda.
Outra opción é que diante de dous partidos, un liberal conservador e outro liberal progresista, IU se absteña e goberne o que acadou a maioría simple. Non fai falla ser moi intelixente para comprender, despois da experiencia de Estremadura, que os afíns ó PSOE denunciarían esta situación como de “pacto secreto” entre IU e o PP. Estes sectores de “palmeiros” do PSOE, nunca aceptarán unha IU que non sexa un apéndice subordinado ó mesmo.
En último termo, hai que interpreta-los resultados do PP, insatisfactorios para os conservadores, como de castigo ás políticas que desde que asumiu o goberno do estado leva aprobando; suba dos impostos, reforma laboral e medidas orzamentarias que pronto imos coñecer, son un ataque contra os asalariad@s que merecen unha resposta contundente. Os resultados das eleccións autonómicas son parte desa resposta; o día 29, convocatoria da folga xeral, debe ser aínda máis contundente. A preparación da mesma debe servir de camiño para a construción da alternativa cun programa de avance cara o socialismo que unifique ós sectores máis combativos da clase obreira e asalariad@s, único xeito de derrota-lo capital e abrir unha perspectiva de loita que se poida manter no tempo.

En Galicia no mes de marzo de 2012.

martes, 20 de marzo de 2012

UNHA FOLGA XERAL NECESARIA


Carlos Dafonte.


Os sindicatos convocan para o día 29 do presente mes, unha folga xeral contra as medidas do goberno do PP. E creo interpretar ben o que pensan moit@s dos que van participar, que o van facer non só pola reforma laboral, un atentado contra os dereitos da maioría da poboación, senón tamén contra outras medidas como a suba dos impostos e sobre todo pola necesidade de amosarlle ó goberno, a vontade de loita para frea-las medidas que seguirá a tomar, despois das eleccións asturianas e andaluzas. Medidas que se van reflectir nos orzamentos para este ano, que contan co beneplácito da U.E., aínda que no estado non os coñezamos, que con toda seguridade conteñen toda unha serie de recortes orzamentarios en servizos, novas subas de impostos, máis recortes ós soldos dos funcionarios, etc.. Cada vez debe estar para tod@s máis claro que todas estas medidas de axuste, nos levan a recesións máis fondas e a aumentar por conseguinte o número de parad@s. A oligarquía española tenta por enriba de todo recupera-la taxa de ganancia.
Na campaña de desinformación que algúns medios afíns ó goberno, case todos o son e os que non, son firmes defensores do capitalismo e das políticas neoliberais, levan a cabo contra a folga e os convocantes, acúsanlles entre outras cousas, de non permitirlle ó partido do goberno gozar dos “cen días “ que por cortesía se lle conceden, no parlamentarismo burgués, antes de comezar a facer política de oposición e lanzarse a unha campaña de mobilizacións, un de cuxos elementos fundamentais é a folga xeral do día 29.
O PP, como era previsible continúa pola senda iniciada polo PSOE cas reformas de 2006 e 2010, de, falando dun xeito sinxelo, trasfegar das rendas do traballo ás do capital mediante toda unha serie de reformas que posibiliten este proceso; téntase cargar sobre as costas dos que hoxe traballan, os xubilados e os parados o peso da crise, para favorecer a quen a provocou e que saian sen perdas, da mesma.
E nesta dinámica modifican toda unha serie de dereitos dos asalariados, acadados despois de numerosas loitas, que ca súa desaparición van reforza-la patronal e permitirán eleva-la taxa de explotación, nun estado onde se traballan máis horas, se cobran salarios máis baixos e se teñen menos dereitos e as prestacións sociais son moi inferiores, as da Unión Europea do euro.
Entre burgueses poden ter “cortesía” aínda que as guerras mundiais do século XX, guerras intercapitalistas, indican que as burguesías, cando esta en xogo acapara-la plusvalía e a explotación de territorios teñen pouca. Na loita de clases, e estamos nun momento álxido da mesma, os asalariados desde o momento que se lles agrede, e no capitalismo sempre se lles agrede, a pesares de que escoitei con certo rubor a un sindicalista dicir nunha das mobilizacións destes días que a reforma laboral do PP rachaba co equilibrio existente entre patronal e traballadores, nunca no capitalismo existirá ese equilibrio, os asalariad@s deben utilizar, con intelixencia, todos os instrumentos que teñan na súa man para frear a agresión; neste caso as medidas acordadas polo PP, incluída entre estes instrumentos, a folga xeral. Se o fixeran con contundencia contra as políticas do PSOE, o goberno actual posiblemente faría o mesmo, pero atoparíase cunha clase obreira máis organizada e combativa.
E se falamos de cortesía, o goberno non tivo ningunha ó non explicar na campaña electoral do mes de novembro, as medidas que ía tomar. E se non explica ós cidadáns cal é o seu programa no período electoral, o único que o pode lexitimar, estas medidas son ilexítimas e, nunha sociedade organizada e con conciencia, debíase levantar un gran movemento civil en contra da súa imposición. Polo tanto deixémonos de falar de cortesía, que de iso a loita de clases non entende, e fagamos tod@s un esforzo para organizar ben a mobilización, non deixando só nas mans das cúpulas sindicais, convertidas en aparellos burocráticos, a preparación da mesma; debémonos implicar tod@s para que sexa un éxito.
Neste camiño atoparémonos con numeros@s derrotistas que nos argumentarán, que non se conseguirá nada; que nos fixemos en Grecia, que levan varias folgas xerais e as cousas para os asalariados cada día están peor; algúns o farán de boa fe, ou por ignorancia, outros non, tentan dobregar a vontade de loita; en calquera caso debemos lembrarlles ese vello aforismo de que “sempre se perden as loitas que non se dan”. De seguir aceptando sen loitar, todas as medidas que a oligarquía española, hoxe por medio de PP quere impor, despois destas virán outras e despois das próximas outras novas, ata rematar ca maioría dos dereitos que despois de anos e anos de loita, conquistamos @s traballador@s asalariad@s.
Pero en Grecia as mobilizacións da grande maioría da sociedade conseguiron transformar unha situación de hexemonía absoluta das forzas neoliberais, nunha situación “prerrevolucionaria”, onde as forzas populares atópanse á ofensiva e os capitalistas só exercen a hexemonía grazas a coerción, perderon o consenso da maioría da poboación. Para que este proceso avance, fai falla que as clases populares gregas se mobilicen co obxectivo dunha nova sociedade, da sociedade socialista. A condición necesaria é que da mobilización tamén ten que saír a organización que abra esa perspectiva. Porque unha situación prerrevolucionaria, en xeral, se transformará en revolucionaria na medida na que o sexan os partidos d@s traballador@s.
Se as forzas produtivas seguen en mans privadas avanzaremos cada vez máis cara a barbarie; é necesario poñelas ó servizo da sociedade.
E esta é a situación que temos no estado español, avanzamos cara a barbarie cando o desenvolvemento das forzas produtivas, de estar ó servizo da sociedade e non en mans privadas, debe levarnos en dirección contraria, avanzar cara a unha sociedade do benestar. Hoxe é mais manifesta a contradición entre forzas produtivas e formas de propiedade e nestas circunstancias o normal é o que ocorre, que retrocedamos, o sistema capitalista fainos retroceder; nas crises é cando apréciase dun xeito máis nidio. O sistema capitalista nos fai retroceder como sociedade, como seres humanos, condena a grandes áreas do planeta á pobreza, incluso no centro do sistema.
Todas estas cuestións débense formular nas mobilizacións de cara o día 29 e as posteriores a esa data. Porque hai que continuar cas mobilizacións despois do 29 e conseguir que todas elas sirvan para acadar un grado maior de conciencia e de organización, que nos leve a non permitir que sirvan de moeda de cambio para negociacións cuxos obxectivos descoñecemos.
Mobilizarnos para paraliza-la reforma laboral, para botala abaixo, non para negociar retrocesos nos nosos dereitos, nas nosas condicións de vida e de traballo.

En Galicia no mes de marzo de 2012

viernes, 16 de marzo de 2012

O FONDO REAL DA REFORMA LABORAL: ACABAR CO PACTO SOCIAL



Roberto Laxe

O réxime da Transición atopou estabilidade social, trás os primeiros anos rengueantes produto da crise do 72-73 e que levaron á reconversión de case toda a industria pesada do estado, co desenvolvemento do Estado do Ben estar. Sobre el desenvolveuse unha clase media asalariada, con estabilidade no emprego e certo poder adquisitivo favorecido polo crédito fácil.
Os pactos da Transición foron un acordo de paz social entre as organizacións da clase obreira e do pobo -o PSOE, o PCE, CCOO- e a burguesía quen, dentro dunha freada ás loitas e conquistas do movemento de masas, procuraba a implicación desos aparellos no control dese movemento.
A burguesía pactaba coas cupulas políticas e sindicais a xestión dos fondos necesarios para manter eses pactos, desenvolvendo así uns aparellos burocráticos descomunais respecto dunha base social que retrocedía. A columna vertebral do réxime era, por unha banda, todo o aparello procedente do franquismo (xudicial, policial, militar e a xefatura do estado) e por outro, os aparellos políticos e sindicais do movemento obreiro. Á fronte de todos eles colocaron ao Bonaparte Juan Carlos, que foi lexitimado como demócrata nese golpe zarzuelero do 23 F.
Isto supuñan certas conquistas e concesións políticas e sociais, sobre todo no que facía ao control administrativo da negociación entre as clases, como os convenios colectivos, os despedimentos colectivos, etc. etc., mentres as condicións materiais da clase obreira, salarios, horarios, etc., íanse negociando entre eses aparellos -cada vez máis conservadores- e os representantes da patronal e os seus sucesivos gobernos, cun empeoramento sistemático, pero non cualitativo das súas condicións.
Puntualmente foi preciso convocar folgas xerais, como a histórica do 14D do 88, ou a do 20J do 2002, contra medidas especialmente lesivas dos gobernos contra a clase traballadora.
As institucións do réxime, mentres tanto, non sufrían en demasia as consecuencias da loita de clases, reducida a respostas puntuais e sindicais aos intentos da burguesía. A paz social, só rota en Euskadi e parcialmente na Galiza, era a nota dominante, posto que o capitalismo aínda tiña marxe de manobra para soster os privilexios desas clases medias que daban estabilidade ao réxime.
A crise desatada no 2007, a máis dura do capitalismo desde o 29, esta levando por diante o Estado do Ben estar, e con ele a base social que daba estabilidade ao réxime, ás súas organizacións políticas, sindicais e sociais. O 15M foi a rebelión desta base social, da aristocracia obreira, da mocidade educada na expansión económica, de sectores da pequena burguesía empobrecida e arruinada polos grandes bancos.
Hoxe todas as organizacións da chamada esquerda ou “progresismo”, están en crise aberta, desde o PSOE até o BNG, pasando por EU. No momento en que un amplísimo sector social xira á esquerda, e comeza a romper co réxime, incluídos sectores da pequena burguesía, as organizacións que din representalos dedícan-lle ao rei un aplauso xeneralizado. Desta maneira, a pesar de repuntes electorais como o caso de EU, entran en crise e divídense.
Evidentemente isto é expresión dun feito fundamental: a crise é tan profunda, a necesidade do capital de recuperar os benefícios é tan grande, que hoxe non hai sector no mundo que se poida quedar á marxe do seu afán privatizador.
Din Marx que unha das forzas contrarrestantes da caída da taxa de ganancia é a ampliación da base produtiva do sistema. A incapacidade deste para desenvolver novos sectores produtivos que permitan un novo ciclo de acumulación de capital, lle esta levando ampliar esa base estendendo a man aos servizos públicos para polos no mercado, e convertelos en xeradores de plusvalía e lucros. Da mesma maneira que a reconversión, privatización e desmantelamento da industria estatal pesada nos 80 permitiu esa ampliación, agora pretenden facer o mesmo cos servizos públicos (sanidade, educación, servizos sociais).
Como son conscientes de que esta privatización non os aumenta cunha marxe suficiente que permita unha nova fase de acumulación e expansión, a burguesía desatou unha verdadeira guerra social contra os salarios e as condicións laborais, o capital aposta pola sua redución pura e simple e a ampliación da xornada. Para conseguilo, o goberno deu un novo xiro na porca contra as condicións laborais da clase traballadora, e impoen a Reforma Laboral aprobada hai uns días.
Pero non é unha Reforma Laboral calquera, é a ruptura do pacto da Transición cos aparellos sindicais entregando o mando absoluto das relacións laborais á patronal, tan é así que sente o suficientemente forte para ameazar a arma de loita da clase obreira, o dereito de folga. O papel sindical de mediación queda relegado, desaparece a súa función dentro das relacións laborais, tanto nos despedimentos colectivos como na negociación colectiva, ao darlle prioridade a descólguelos, ás decisións patronais en función de “perdas”, “causas obxectivas”, etc.
As burocracias construídas como xestoras desta “intermediación” entre as clases perden o seu sentido de ser, da mesma maneira que sucede cos/as traballadores /as da función pública, ante a privatización dos servizos. A base social que permitía a existencia dos PSOEs, BNGs, IUs, CCOOs, polo desaugadoiro da crise, e con ela a estabilidade do réxime
Pero non quedan quietos, ao redor dun sector do neoreformismo de EU e  ATTAC, da Plataforma “quen debe a quen”, en Galicia da corrente ligada a Beiras, que acaba de abandonar o BNG, e dun amplo sector do 15M se esta dando un proceso de reagrupamiento de forzas da socialdemocracia para ocupar ese espazo social (dentro do 15M esta aberta a discusión da súa constitución como Partido Político), vista a deserción total do PSOE, que hai anos xa abandonase o programa da socialdemocracia polo neoliberalismo.

O 29 M e despois

Nestas condicions, temos por diante a folga xeral do 29M. A clase traballadora esta na obriga de loitar, pero faino con dous problemas craves, un, a existencia de 5 millóns de parados fai que a retagarda este serveramente golpeada e dividida, e dous os "xenerais", é dicir, a "estraña parella" Toxo-Mendez.
Enfronte temos a unha burguesia, española e europea, decidida a destruír todas as conquistas, firmes nas súas posicións, e con moi poucas -por non dicir ningunhas- diverxencias entre elas. O goberno sentese apoiado pola súa clase, mentres que os traballadores e as traballadoras desconfian profundamente dos seus "dirixentes", que todo o máis que aspiran é a que o goberno "rectifique", é dicir, non lles quite o pan e o sal, e déixelles polo menos o pan (os cursos de formacion, que esta Reforma laboral redúcelles á metade).
Por este motivo, na nosa opinión é central incorporar aos parados á loita com propostas que unifique a todos os traballadores/as, activos e desempregados, com propostas como "pola repartición de traballo, traballar menos para traballar todos"; porque hoxe o problema fundamental da clase obreira española é que a burguesia entendeu perfectamente a Marx con iso da concorrencia entre os traballadores e traballadoras, creando un gran exercito de reserva industrial cos 5 millóns de parados, para presionar á baixa as condicións dos activos
Neste cadro, “ten razon" o goberno cando di que "unha folga xeral non é a solucion", e, moito menos, con esa consigna tan melíflua das cúpulas sindicais como é a de "sentar a negociar" para "rectificar".
Non há nada que “rectificar”, como vimos a Reforma Laboral é un salto cualitativo nos ataques á clase traballadora; xa non é só ao Estado do Benestar e aos servizos públicos e sociais, senón ás estruturas actuais das relacións de traballo, un retroceso de cen anos, rematando com esa “anomalia histórica” que é para o capital a negociacion colectiva dos direitos da clase traballadora. É à volta á aparente relacion de igual a igual, individual, entre o empresário e os traballadores.
Poren, a CIG fala de que esta Reforma é "un golpe de estado", e na nosa opinion, non vai desencamiñada; da mesma maneira que os Pactos da Moncloa foron uns acordos politicos, que ían máis alo do sindical, cambiaban a correlacion de forzas nas empresas, esta Reforma Laboral ten o mesmo sentido politico.
Por iso é irreformable, pois fai a unha estratexia da burguesia, e pon o liston da resposta moi alto. Hoxe, para evitar a Reforma, hai que derrubar este goberno. Non é un Plan de Emprego Xuvenil como o 14 D do 88, non é unha reforma como a de Aznar dle 2002; é un cambio estrutural, estrategico, nunhas condicións de crises economica que non habia no 88 nin o 2002.
Por isto é central ter claro, un, de que aínda que esta folga xeral non saia ben, non é máis que unha batalla dunha longa guerra, dous, que por iso é preciso un plan de mobilizacións democraticamente decidido en asembleas até derrubar este goberno, inimigo polo vertice da clase obreira e os pobos.
Neste sentido, e para non quedar atrapados nos zigzags á esquerda das cupulas sindicais é imprescindible a exixencia de democracia obreira. Unha Folga Xeral gáñase o dia da folga, pero prepárase votando a folga. Os traballadores e as traballadoras teñen dereito e deber de votar, non só as cupulas burocraticas. Esa é a verdadeira acumulacion de forzas que prepare o exito o dia da folga, e da loita que tem que seguila.

Galiza, a 15 de marzo do 2012

domingo, 4 de marzo de 2012

OS DEREITOS QUE NON SE DEFENDEN DÍA A DÍA PÉRDENSE


Xulia Mirón

O que parecía o ministro de “centro” no goberno do PP ponse á “vangarda” nos recortes dos dereitos das mulleres; á privatización das vodas e os divorcios -ante notario, previo pago-, súmalle o control ao dereito das mulleres novas a dispor do seu propio corpo. Pero Gallardón non é máis que a punta de lanza dun ataque máis profundo das políticas do Goberno de Rajoy.
Se partindo do nivel que partimos, onde as mulleres traballadoras teñen inferiores salarios e peores condicións xerais, con dobre carga de traballo, como afectará a nova contra reforma laboral, as privatizacións dos servizos públicos,... aos seus dereitos.

ama de casa forges 

A política do PP, cunha carga ideolóxica claramente reaccionaria en defensa da familia patriarcal, ataca ás mulleres traballadoras en todos seus frentes, e en concreto ás mulleres inmigrantes, que son as máis vulnerables aos efectos dos plans de austeridade, pois son victimas dunha política xenófoba e racista.