A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 2 de junio de 2026

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE O CICLO ELECTORAL AUTONÓMICO RECÉN FINALIZADO

Carlos Dafonte.

As eleccións en Andalucía pecharon este ciclo electoral autonómico celebrado en catro Comunidades Autónomas, Estremadura, Castela-León, Aragón e Andalucía. No conxunto o Pp perdeu 4 deputados, o Psoe 15, os mesmos que gañou Vox e a esquerda, se consideramos á Chunta de Aragón como esquerda, gañou 11, acadando 27 deputados en total, un número ridículo que debe servir para abrir un fondo debate nestes sectores.

Se o que tentaba o PP era deixar a Vox ao marxe dos gobernos e conseguir maiorías absolutas que lle permitiran gobernar en solitario, hai que recoñecer que o partido que dirixe Feijoo ten fracasado e sobre todo este fracaso faise máis evidente cando a maioría absoluta que tiña en Andalucía perdeuna. 

Polo tanto o grande triunfador destas catro xornadas é o partido neofranquista Vox  que a pesares das divisións, das purgas internas e non ter un programa, resiste e vai seguir influenciando, non so as políticas nesas catro comunidades, senón seguir exercendo un control ideolóxico sobre o Pp a nivel de todo o estado, pois estes resultados indican que en caso de derrotar ao Psoe, cando sexan as próximas eleccións xenerais e non acadar unha maioría para gobernar como a que hai na actualidade, con toda seguridade haberá un goberno Pp-Vox; hai que recoñecer que esta situación é resultado da torpe política do Pp que foi asumindo ao longo destes últimos anos non só aspectos salientables das propostas, poucas, dos neofranquistas, senón permitíndolles entrar nos gobernos de Comunidades e dándolles postos de relevancia.

É posible que Feijoo non analizara ben o que ía atopar dentro do Pp estatal e a influenza de Faes sobre o Pp madrileño, pero debía ter moi claro o que aconteceu co seu antecesor no cargo, cando denunciou os casos de corrupción da presidenta madrileña e polo tanto preferiu conservar o posto, aceptar a liña ideolóxica que Madrid marca e tentar chegar á presidencia do Goberno. Coa boca pequena penso, é a miña opinión, Feijoo atópase máis cómodo na posición ideolóxica actual que defendendo “posturas de centro”.

A realidade é que o Pp vai ter que seguir cedendo a nivel ideolóxico e práctico e seguir apoiando temas que para eles son próximos pero non levados ao extremismo que os neofranquistas os levan: desmantelamento do “estado de benestar”, o que precisa seguir destruíndo a sanidade e ensino públicos, poñerlle atrancos ao avance do feminismo e as “políticas verdes”,  avance o racismo e a xenofobia, e que a política non sexa un intercambio de programas con discursos ben elaborados, senón un conxunto de insultos, mentiras e medias verdades que cada vez máis degradan a vida política e afastan a aquelas persoas para quen a política é proxecto de sociedade, programa e discurso. Hoxe dende Pp e Vox todo resúmese en “goberno criminal”, “Pedro Sánchez fillo de puta” e “sacar a Sánchez do Goberno”, a calquera prezo. 

O grave que indica o deterioro do clima social e da propia sociedade, é que con tal programa podan gañar unhas eleccións xenerais.

O PSOE retrocede en todas as Comunidades.

Retroceso previsto, supoño que doloroso pero era unha “crónica anunciada”. O que estaba por ver era se o retroceso tiña categoría de descalabro ou un “retroceso contenido”; á vista dos números indicados, penso que foi un descalabro, e as razóns non creo que a culpa a teñan completamente as políticas propostas ou aprobadas polo Goberno, senón por dúas razóns moi sinxelas. 

A primeira, tanto o progresismo como a esquerda atópanse nun momento de derrota ideolóxica a nivel mundial e moita xente que foi beneficiada  polas políticas do Goberno, polo tanto pertencentes á clase traballadora, votan convencidos que toda unha serie de mentiras que Pp-Vox ten lanzado á sociedade dende hai un tempo son realidade, como todas as referentes aos emigrantes, a ruptura de España ou as consecuencias brutais para o home do avance do empoderamento da muller, por só citar tres.

A segunda, que dentro do Psoe aínda non están pechadas as feridas da derrota que Sánchez infrinxiu  á xeración que acadaron a vitoria electoral de 1982, como constantemente nos recorda Felipe González, que leva a súa xenreira acumulada pola derrota, a aceptar algunhas das posicións que manteñen Pp-Vox.

É certo que aínda que teñas unha política de goberno aceptable, dun certo reparto da riqueza producida, que no caso de España é moi pequeno, o exercicio do poder, queima, desgasta a quen o exerce, máxime cando algúns dos teus socios están convencidos que o Goberno actual vai ser imposible de reproducir despois das próximas eleccións; polo tanto se busca unha certa distancia o que produce derrotas parlamentarias e máis desgaste do Goberno.

A pesares de isto, considero que son as outras dúas causas as responsables da baixada electoral constante do Psoe.

A desaparición da esquerda do panorama político.

Distinguiría entre a esquerda que representaba o Partido Comunista de España e os seus partidos autónomos PSUC en Catalunya, EPK no País Vasco e PCG, aquí, en Galicia, e o resto da esquerda situada, por dicilo dalgún xeito para entendernos aínda que non o considere acertado, á esquerda do PCE.

O PCE foi o grande partido de oposición á ditadura e como xa relatei en varios artigos deste blog, había dentro del unha parte importante marxista, revolucionaria, comunista, pero tamén se nutría doutra que acollía e funcionaba como unha fronte antifranquista que vai facer moito dano cando entremos no proceso democrático e sobre todo cando os resultados das primeiras eleccións celebradas no ano 1977, o PCE non acade os previstos e no interno do PC tome corpo a unidade e apoio ao Psoe.

Tamén terá un flanco aberto coa posición do PCE fronte ao post stalinismo que cifro en tres etapas, á condena a intervención do Pacto de Varsovia en Checoeslovaquia en 1968; a condena á intervención da URSS en Afganistán en 1979 e sobre todo o movemento creado polos partidos comunistas de Francia, Italia e España ao que a prensa denominou “eurocomunismo”, que concitou a condena da URSS e dos partido comunistas que se atopaban na súa órbita e creou nos partidos das tres nacións problemas internos moi importantes e divisións que en España tiveron, pola debilidade dun partido que saíra dun período de clandestinidade e aínda non estaba asentado plenamente na sociedade, graves problemas que se reflicten na catástrofe electoral de 1982.

É certo que a traizón do Psoe  no referendo sobre quedar ou non na OTAN de 1986 e a constitución de Izquierda Unida, parecía que a esquerda estaba para remontar a nivel electoral o ano 1982, pero cando o conseguiu a campaña desatada nos medios contra a organización e sobre todo contra Julio Anguita, acusándoo de pinzas co Pp contra o Psoe, e o apoio ás faccións internas partidarias de pactar cos socioliberais, volveron a afundir á organización.

Analicei, aínda que dun xeito moi sinxelo neste blog o que dignificou  a desaparición da URSS e a “derrota histórica” para a grande maioría das forzas de esquerda e polo tanto non vou repetilo; só dicir que axudou moito ao que estamos analizando.

Haberá que esperar ata 2015 co movemento de tomar as prazas públicas e o “non nos representades”, resultado da fonda crise económica que padeceu a sociedade española, para que sectores de esquerda volvan ter un importante pulo sobre todo electoral, Podemos no Goberno de coalición e hoxe comezamos a coñecer como acabou o proceso. Dende dentro, divisións internas e dende fora, prácticas mafiosas do goberno do Pp, levaron a Podemos case á desaparición, a non xogar un papel relevante e ao resto da esquerda a acompañalos no camiño.

Non se debeu ligar a esquerda, PCE-IU, nunha situación de crise económica moi fonda que golpeou @s traballador@s, ás saídas económicas do Psoe. Creo que foi unha política desacertada, a de apoio ás políticas de Zapatero, e que a esquerda diante da crise debeu plantear un programa propio. Entrar despois no Goberno tampouco pareceume adecuado.

Toda esta serie de contradicións é o que unha vez máis puxo en evidencia o ciclo electoral que rematou coas eleccións andaluzas.

Galicia no mes de xuño 2026.