A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 23 de diciembre de 2022

O TRIBUNAL CONSTITUCIONAL DEBE SER DISOLTO E DEBE DESAPARECER.

Eusebio López

Agora que o goberno quere aprobar unha lei para desbloquear a renovación do Tribunal Constitucional, a dereita reaccionaria (PP, Vox, Cs) pon o berro no ceo, e os seus portavoces no TC, co presidente do mesmo á cabeza, convocaron un pleno de urxencia para tentar abortar a lei antes de que sexa aprobada polo Congreso. Como esta decisión era delirante, aprazárona para levala a cabo antes de que a lei chegue ao Senado. Así lle meten presión aos senadores.


Por certo, non estaría de máis lembrarlle a todos os progresistas que agora se queixan da intromisión do Constitucional na vida parlamentaria, que ben calados estaban cando os cataláns quixeron facer un pleno do seu parlamento, para discutir sobre a separación do Estado e o TC declarouno inconstitucional, avalando xudicialmente a represión do 1 de outubro.


domingo, 11 de diciembre de 2022

SOBRE A COMPLEXA SITUACIÓN INTERNACIONAL (I)

Carlos Dafonte

Ao meu entender a situación internacional está dominada por dúas circunstancias de carácter xeral que se fan patentes dende hai anos e outras moitas que poden variar co paso do tempo, que analizaremos na segunda parte deste traballo.

Por unha banda a fondura da crise no sistema capitalista que se agravou a partir do ano 2007 cando, como no crac da bolsa mundial do ano 1987, deixou de ser unha crise na periferia, como foron a “crise da débeda”, a do “tequila”, a do “reis”, a do “rublo” ou a dos países ata o momento da súa creba, coñecidos como “tigres asiáticos”, que tiveron todas elas repercusións no centro do sistema capitalista, pero ningunha como a que lle afectou aos países centrais a partir de 2007, da que non deu saído, pero  agochou a pandemia. Esa era a realidade, as medidas de todo tipo que se tomaron non foron eficaces, só lle deron ao enfermo un curto tempo de tregua; a pandemia serviu para enganar á maioría das sociedades podendo asegurar, institucións, economistas, a maioría dos políticos, etc, sen poñerse vermellos, “agora que estábamos no bo camiño...” pero non, esa non era a realidade.

jueves, 24 de noviembre de 2022

UCRAÍNA E A ECONOMÍA DE GUERRA.

Roberto Laxe

A invasión de Ucraína por Rusia foi un golpe na mesa da geo política mundial na loita pola hexemonía entre as dúas cadeas imperialistas, a agrupada ao redor da OTAN e a que o fai ao redor da OCS (Organización de Cooperación de Shanghai), coa consecuente aceleración no que xa é un feito: o mundo entrou nunha fase de economía de guerra, onde os gastos militares crecen exponencialmente.


Unha fase xa anunciada anteriormente polo incremento do orzamento de guerra en China ao longo dos últimos anos, desde o 6.6% no 2020 até o 7.1 actual. Pola súa banda, os EEUU levaban anos esixindo aos seus socios europeos o aumento das achegas á OTAN, para “repartir” as cargas da defensa. A guerra en Ucraína foi a xustificación para que todos eles aproben incrementos, que terán como adoito o 2% do PIB nacional.


sábado, 29 de octubre de 2022

CAMBIO DE PARADIGMA: "ECONOMÍA DE GUERRA" E "PAZ SOCIAL", CARESTÍA E RACIONAMENTO.

Roberto Laxe

Hai uns días, no programa de Ferreras, A lume vivo, falando das medidas da UE para "enfrontar" a inflación, os dous xornalistas que se moven o ámbito ideolóxico do goberno de Sánchez e Díaz, fixeron senllas intervencións complementarias.


Un dixo que en tempos de "economía de guerra" eran necesarias medidas duras, e o outro o complementou, pero esas medidas tamén teñen que garantir "a paz social" interna, A lóxica desta complementariedade é esmagadora: un estado non pode gañar unha guerra se ten o seu propio país, a súa retagarda, incendiado polo rexeitamento social, por iso hai que crear “unidade nacional” fronte ao inimigo.


viernes, 16 de septiembre de 2022

A LOITA POR UNHA INTERNACIONAL REVOLUCIONARIA: CRISE OU BALEIRO DE DIRECCIÓN REVOLUCIONARIA.

Roberto Laxe

Se algo está claro desde comezara a Pandemia é que a crise social e política do capitalismo ten uns ritmos moi semellantes en todo o mundo. A globalización capitalista dos 90 foi substituída pola “globalización da crise”, con políticas económicas y sociais de todos gobernos que semellan fotocopias umha doutra: liberalización das relacións laborais, privatizacións de todo o privatizable, desde a ar ou o chan ate os servizos públicos, tendencias o autoritarismo, disolvendo os limites entre “ditadura e democracia”, etc.


Mentres os capitalistas, os seus políticos e técnicos, reunen-se por riba das fronteiras nacionais case todos os meses, para coordinar as respostas e as políticas para enfrontar a crise, o G7 ou o G20, a UE, a OTAN no caso do imperialismo euro norteamericano, o Acordo de Shangai, os BRICS, o Foro Económico Internacional de San Petersburgo, etc., no caso do emerxente imperialismo chino-ruso, a clase obreira e os pobos respostan desde dentro desas fronteiras nacionais, co nacionalismo como bandeira. Foi Stanley Kubrick quen, en Carreiros de Gloria, dixo que “o nacionalismo é o refuxio dos canallas”. A ideoloxía nacionalista, como calquera outra que rompa a unidade da clase obreira frente o seu inimigo de clase, é a mellor ferramenta que ten o capital para aplicar o lema “divide e vencerás”.


domingo, 11 de septiembre de 2022

LEMBRANDO OS TEMPOS DE GORBACHOV

Carlos Dafonte


Estes días, nos que coñecimos a morte do antigo secretario xeneral do PCUS, Mikhail Gorvachov, se están a reproducir os debates, con moita menor intensidade, que os levados a cabo no tempo da desaparición da URSS, da independencia de moitas das repúblicas que a conformaron, a volta ao capitalismo en todas elas e a liberdade para elixir o seu camiño daqueles países que pertencían o Pacto de Varsovia.

O debate entre os contrarios a actuación de Gorvachov e os partidarios do mesmo, se centraban en acusalo de traidor  ó socialismo, renderse ó imperialismo os seus detractores e os que o defendían, que tentara “renovar o socialismo”, darlle un novo pulo por medio do que se coñecía como a “perestroika” e a “glasnost” que non era outro proceso que a democratización da sociedade, o control da mesma sobre todas as actividades dos organismos gobernamentais.

miércoles, 24 de agosto de 2022

ALGUNHAS REFLEXIÓNS SOBRE O PROXECTO DE "SUMAR".

Carlos Dafonte.

    Neste verán, se está a continuar, supoño, na construción dun novo proxecto político, “ó marxe dos partidos, dos egos”, que se quere alicerzar arredor da Ministra de Traballo Iolanda Díaz, que segundo o dito por ela, atópase na etapa primixenia de escoitar á sociedade; un formulismo moi electoralista pero contraditorio, por ser presentado por alguén que ocupa un posto de relevancia nun goberno do estado que ten a obriga de coñecer o que a sociedade opina.

Sospeito que Iolanda Díaz non centra ese “escoitar” en que se lle presenten problemas sociais novos, que non coñeza, senón en ver con que forzas sociais, movementos, partidos, líderes sociais, de opinión etc, pode sumar ó proxecto que está disposta a encabezar cas condicións por ela, ou por quen sexa os que o idearon, estableceron.

miércoles, 10 de agosto de 2022

ONG's VOLUNTARIADO E TRANSFORMACIÓN SOCIAL. A ACTUALIDADE RENACIDA DO MARXISMO REVOLUCIONARIO.

Roberto Laxe

Resulta cando menos paradoxal que, neste momento histórico, as alternativas globais ao capitalismo estean reducidas á mínima expresión.

Non é que os pobos deixasen de loitar, non hai máis que asomarse aos medios polo capital controlados; non os poden ocultar: todos os meses, nun país, nun estado, nunha nación, millóns enfrontan as consecuencias dunhas relacións sociais de produción que tocaron teito na súa capacidade para resolver as necesidades máis básicas da poboación.

Tras o suposto fin da pandemia que matou a millóns de persoas pola total privatización dos medios sanitarios e farmacéuticos, en Ecuador, Ceilán, Panamá, Gran Bretaña..., levantouse a clase traballadora e os pobos contra as condicións de vida que os gobernos burgueses quérenlles impor para saír dunha crise económica e social que nunca pecharon, e que se viu agudizada pola pandemia.

viernes, 8 de julio de 2022

E A ONU ONDE ESTÁ?

Roberto Laxe

Esta pregunta xa non lla fai nin deus desde que o "trío" dos Azores pasou por riba dela para invadir Iraq, creando o precedente de que a ONU é prescindible cando os intereses das potencias están en cuestión. Nesta tónica, Rusia fixo exactamente o mesmo na invasión de Ucraína.

A ONU sirviu de aval á agresión estadounidense a Corea, despois apoiou a de Vietnam; a comezos dos 90 de século pasado apoiou a I Guerra do Golfo contra Iraq, e agora a opinión da ONU é, no mellor dos casos, consultiva e nin de lonxe pode garantir nada a través dos cascos azuis: as guerras dos anos 90 en África central e nos Balcáns son boa proba da súa inoperancia cómplice.

A ONU foi construída cando o mundo viraba ao redor dunha gran potencia capitalista, os USA, que só tiña unha relativa contestación pola URSS, que adoitaba vetar todas as resolucións que os USA impulsaba en contra dela.

miércoles, 29 de junio de 2022

FEIJOO ABANDONA GALICIA

Carlos Dafonte.

    O que foi presidente da Xunta durante doce anos, “solucionados” os problemas puntuais e estruturais que arrastraba a nosa terra, marcha agora a poñer solución os graves “problemas de España”, gobernada por comunistas, bolivarianos, sanchistas, etarras e quen quere romper a patria. E o vai facer ca axuda da presidenta da Comunidade de Madrid e dos “neofranquistas” de VOX. Ese podía ser un xeito de vela súa marcha, pero entendo que Feijoo marcha para dirixir unha operación político electoral de maior calado que é recupera-lo bipartidismo, facéndonos pensar que Feijoo é un “moderado” e que vai traer á política estatal esa moderación que se necesita para poñer fin á situación política que naceu do 15-M e do reto dos nacionalistas catalás. Agora chegou o momento da “moderación” e os “intelectuais orgánicos” da oligarquía nos queren vender ó PP, que pacta con VOX, como “moderado” e xa teñen deseñada a futura campaña electoral, vota ó moderado PP que é o único capaz de frear a VOX. Debemos preguntarnos, o frearemos con políticas de dereita que marxinan á maioría d@s traballador@s, ou con políticas de esquerda?, cas que se sintan representados. E por outra banda ó PP atópase na estratexia “marxiana”, de Groucho, “se non te gustan os meus principios, teño outros”

domingo, 12 de junio de 2022

A OTAN EXPÁNDESE CARA O SUL. A MILITARIZACIÓN DE CANARIAS.

Roberto Laxe

“Que implicacións tería para Canarias o despregamento da OTAN fronte a África que proporá o Goberno de Sánchez no próximo cume da devandita organización, que terá lugar a finais de xuño en Madrid?”. Esta é a pregunta que Manuel Domínguez, líder do PP de Canarias, vai formular no Parlamento da CCAA.


Segundo o DIARIO DE AVISOS canario, o presidente do Goberno de España e da ministra de Defensa, Margarida Robles, recoñeceron hai uns días que exporán ante ese cume un reforzo e despregamento da mesma no seu flanco sul fronte a África, a poucos meses de dar un xiro na política exterior, recoñecendo a soberanía marroquí sobre o Sahara.


martes, 31 de mayo de 2022

A GUERRA EN UCRAÍNA E O CONTEXTO HISTÓRICO NO QUE SE PRODUCE.

Carlos Dafonte.


A actual guerra en Ucraína, que foi invadida nos primeiros meses do ano, é un acontecemento que ten a  suficiente importancia como para que fagamos, dende este blog tamén, numerosos análises, das condicións obxectivas que se foron creando para que se producira o feito, que seguramente vai modifica-la correlación de forzas no planeta e sobre todo, a nivel económico, no que chamamos dun feito equivocado o “primeiro mundo”, e vai ter repercusións moi importantes que poden explica-la aceleración na decadencia da “vella Europa”.

Todos os feitos históricos son incomprensibles senón somos capaces de situalos no contexto no que se producen; tanto no político como social ou nun momento determinado, na correlación de forzas que se atopan en conflito.

domingo, 22 de mayo de 2022

A GUERRA, A ECONOMÍA, E A CLASE OBREIRA?

Roberto Laxe

As consecuencias a longo prazo dunha guerra son imprevisibles, ninguén ten unha bóla máxica que permita visualizar o seu final e, por tanto, o resultado; pero o que se é certo é que toda guerra ten consecuencias inmediatas sobre as condicións de vida das poboacións, posto que desorganiza a produción e distribución de bens e servizos, creando desabastecemento e inflación.

Como se chegou a esta situación

Unha guerra como a que se vive en Ucraína é consecuencia directa do desequilibrio nos mercados xerada pola crise que detonou no 2007 / 8 e que a pandemia precipitou. Con ela as potencias en conflito queren recuperar ese equilibrio perdido, e se para iso teñen que empobrecer máis ás poboacións, non van ter ningún problema moral en facelo.

sábado, 30 de abril de 2022

QUE É UNHA POTENCIA IMPERIALISTA?. CHINA E RUSIA.

Roberto Laxe

A guerra en Ucraína elevou as tensións entre os dous grandes bloques económicos e militares ao nivel de guerra quente, e con ela púxose á orde do día a discusión sobre o carácter da guerra. Uns din que é unha agresión dunha nación poderosa contra unha máis débil, outros o centran na loita contra o “fascismo” representado no goberno Zelenski, pero todos evitan o elemento central que define unha guerra: mais aló dos pretextos que cada un pòn, cal é o carácter social, de clase, dos contendentes; dos que actúan directamente e os que fan entre bambolinas.

Que a OTAN e os seus membros, os EEUU e a UE, son imperialistas, iso sábeo todo o mundo, por moito que coa súa propaganda disfráceno tras o veo da defensa dos “valores occidentais” contra o “déspota” ruso (nin que a 1914 volvésemos, ese foi o argumento de Alemaña para a guerra contra o zarismo). A dúbida xorde á hora de analizar que son os outros protagonistas do conflito, Rusia e principalmente China.

miércoles, 20 de abril de 2022

MARIUPOL COMO SÍMBOLO.

Carlos Dafonte


Hai uns días cando se comezaba a libra-la batalla nesta cidade, que pertence á zona máis rusófila do Donbass, no ano 2014 falaba ruso o 89,9 por cento dos seus habitantes e proclamou nese mesmo ano a súa autodeterminación cunha enorme maioría de votos a favor despois de que o goberno saído do golpe de estado de 2014, abolira o 23 de febreiro a lei Kivalov-Kolesnichenko, que facía do ruso unha lingua oficial. Dicía que hai uns días, nun faladoiro se estaba a poñer unha pequena reportaxe na que a un soldado ruso se lle acercaban un numero de veciños de Mariupol dos arrabaldos da cidade, e lle daban as grazas por telos liberado dos ucraínos. Unha periodista que participaba no faladoiro, afirmou nun ton moi alterado que era propagando pro-rusa, pois despois do que estaban a facer na cidade, pensaba que ninguén podíalle dar as grazas a un ruso. Cortei, fixen zapping e machei para outro canle; descoñezo se o resto d@s tertulian@s lle deron a razón.

viernes, 8 de abril de 2022

"ESTAMOS NUNHA GUERRA"...CONTRA QUEN?

“Estamos nunha guerra”... Contra quen?

Roberto Laxe


O pasado 28 de febreiro, en Eldiario.com, o Alto Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e vicepresidente da Comisión Europea, Josep Borrell, fixo esa afirmación, “estamos nunha guerra” e continuou, "non vou dar ningunha información que poida servir á parte á que nos enfrontamos. Non vou contar punto por punto por onde e como vai pasar a axuda que imos proporcionar a Ucraína. Estou seguro de que Rusia estaría moi contenta de sabelo". Grazas Sr Borrell, xa sabemos contra quen estamos en guerra.

En coherencia con esta declaración de guerra por parte da UE, adoptáronse medidas de “guerra”, como aumentar os gastos militares (Alemaña o 2%), o envío de máis tropas ás fronteiras con Rusia ou o peche de medios de comunicación “prorrusos”; ademais do endurecemento das sancións económicas e medidas sociais que chegan á expulsión de directores de orquestras italianas, por non condenar o ataque ruso a Ucraína.

lunes, 28 de marzo de 2022

A LENTA AGONÍA DO IMPERIALISMO DOS USA (II)

Carlos Dafonte


Dende antes de finaliza-la II ª Guerra Mundial, os USA comezan a prepara-lo seu futuro dominio diante do enorme proceso que se vai producir de acumulación de capitais, tanto no seu territorio  como no resto do centro do sistema dominado polo capital.

Debemos ter en conta que finalizaron a guerra co seu sistema produtivo intacto o que lle permitiu se-lo subministrador de mercadorías a unha parte moi importante do planeta e ter tamén unha grande capacidade para financiar a interese alto, a outras economías estragadas polo conflito.

Hudson na súa obra “Super Imperialismo” explicou como os diplomáticos estadounidenses destruíron o imperio británico e se fixeron co control da área da libre esterlina, a traveso dos onerosos termos impostos polo préstamo de 1946 que obrigaba a Grande Bretaña a abri-la Commonwealth as súas exportacións.

lunes, 21 de marzo de 2022

AUMENTO DOS GASTOS MILITARES CARA A UNS ORZAMENTOS DE GUERRA

Roberto Laxe

O presidente Sánchez anunciou un aumento do 2% no PIB dos gastos militares en consonancia coas recomendacións da OTAN, que xa se concretaron na Alemaña, que tamén os vai a incrementar nun 2% achegándose ao gasto medio a nivel mundial, que está no 2.6%.

O presidente o xustificaba da seguinte maneira: “Espertámonos dunha sorte de espellismo”, porque parecía que “ás portas de Europa non ía poder suceder unha guerra”. O sr Sánchez esquece que nos 90 houbo unhas guerras non ás portas de Europa (por certo, Ucraína, é ou non é Europa?) senón en Centro Europa e os Balcáns. E engadiu, “(...) estamos a vivila, isto non é unha película, é real” e neste sentido asegurou que se debe “reforzar a política exterior e de seguridade común” e a “complementariedade entre a OTAN e a UE” (Eldiario.é, 14 de marzo de 2022).

domingo, 13 de marzo de 2022

A REVOLUCIÓN EN TEMPOS DE DESESPERANZA

Roberto Laxe

Di Enzo Traverso no seu libro “Melancolía de esquerda”, que tras o xiro histórico que deu a humanidade coa caída do Muro de Berlín, o descubrimento que tras ele non había socialismo, senón a restauración do capitalismo. O que queda do século XX, “de ceos tomados por asalto”, “é unha montaña de ruínas e non sabemos como comezar a reconstrución ou se vale sequera a pena facelo”.

Aínda que Traverso non o diga explicitamente, referímonos á reconstrución do proxecto socialista. E si!, merece a pena, porque a pesar do que digan os apoloxistas do sistema, os conscientes e os inconscientes en forma de pos modernos, a historia non se acabou; só deu un xiro tráxico que hai que comprender en toda a súa profundidade. A reconstrución ten que partir de recoñecer expresamente que os anos 90, a contrarrevolución neoliberal e a restauración do capitalismo, significaron unha derrota en toda regra e a todos os niveis da loita polo socialismo; que unicamente deixou “ruínas” e “melancolía” polo que puido ser e non foi.

jueves, 3 de marzo de 2022

OPINIÓN SOBRE O CONFLITO E GUERRA EN UCRAÍNA

Carlos Dafonte.


En 1997 Zbigniew Brzezinski publicou “O grande taboleiro mundial”, un dos libros máis importantes de xeoestratéxia política escritos ó final da “guerra fría” e onde establecía con claridade cales eran en ese tema os intereses da nación que lle deu acollida, os EEUU de Norte América. Quen é o home con nome e apelido tan difíciles, un polaco que o foi todo en diferentes administracións, asesor de numerosos presidentes, dende Kennedy e na época da presidencia de Carter, Secretario de Estado, ministro de asuntos exteriores.

Deixa claro dende as primeiras liñas que ó longo da historia, “Eurasia foi o centro do poder mundial” e considera que despois da queda da URSS, “Eurasia segue a manter a súa importancia xeopolítica. Non só a súa periferia occidental, Europa, sigue a se-lo onde grande parte do poder político económico e mundial está localizado, senón que a súa rexión oriental,  Asia, converteuse recentemente nun centro de crecemento económico vital e con crecente influencia política. por iso é polo que a cuestión de como deben enfrontarse uns Estados Unidos con compromisos globais ás complexas relacións de poder euroasiáticas, e particularmente se iso impide a emerxencia dunha potencia euroasiática dominante e antagónica, segue sendo fundamental en termos da capacidade estadounidense de exercer a primacía global”. Máis claro auga.

martes, 1 de marzo de 2022

A LOITA DAS MULLERES TRABALLADORAS EN GALICIA

Xulia Mirón


O 19 de febreiro estiven en Boiro na manifestación apoiando ás traballadoras/é da Conserva, que a pesar de ser desconvocada por CIG e UXT porque asinaran un preacordo coa patronal o xoves pasado, CCOO mantívoa porque non o asinou.

Despois dun longo percorrido polas rúas céntricas de Boiro, finalizou onde comezou, na praza do Concello. Alí puxémonos os meus compañeiros e eu á beira dunha pancarta portada por mulleres de diferentes idades que dicía “POR UN CONVENIO DIGNO NO SECTOR DÁ CONSERVA XA”, cunhas latas de conserva toda pintada a man. Non podía deixar de pensar a que empresa pertencerían, mentres as escoitaba falar, das súas cousas, das súas quendas de traballo, comentaban o preacordo e algunha delas comentou que para a semana entraba de noite. Outras escoitaban aos dirixentes de CCOO falando e acirrando que non aceptarían a 4 quenda, que o preacordo non acababa coa fenda salarial, aplaudían e gritaban que, elas tampouco o ían a aceptar; e mesmo había unha nena duns 6 ou 7 anos nos ombreiros da súa nai aplaudindo (cousa no que sempre me fixo, desde que son avoa).

sábado, 26 de febrero de 2022

CRISE NO PP. UN CHANZO MÁIS NA CRISE DO RÉXIME.

Carlos Dafonte


O que está a acontecer no PP ademais de se-lo resultado, entendo, da pouca madurez persoal e a falla de preparación política de moit@s d@s dirixentes, así como ausencia dun xeito de pensar coherente asentado no tempo, capaz de configurarse como a alternancia fronte a quen goberna, forma parte, que ninguén se leve a engano, do deterioro do réxime nado en 1978. Aqueles alicerces nos que se asentaba sufriron un desgaste moi importante, atópanse en cuestión: a monarquía, o bipartidismo imperfecto, o nacionlismo catalán hoxe moi deteriorado e ata as propias organizacións novas que axudaron a poñer fin ó bipartidismo sofren un grao de deterioro importante, todo se atopa en crise, como o PP un dos restos daqueles alicerces que parecían firmes.

viernes, 18 de febrero de 2022

UCRAÍNA, TAIWAN...EN DERIVA DUNHA GUERRA MUNDIAL?


Roberto Laxe

Ten unha lóxica esmagadora que ante os acontecementos da actualidade formulen-se máis preguntas que certezas, posto que o mundo que está a saír da pandemia é unha pregunta en si mesmo. O Covid puxo en dúbida o papel do capital para resolver as necesidades sociais diante dunha crise sanitaria que matou a millóns de persoas en todo o mundo, sen que este vexa unha alternativa.


Un sistema, o capitalismo, que converteu nun “mercado persa” todos os sistemas de prevención e loita contra a pandemia, desde a “crise das máscaras” até a fabricación das vacinas, que resultou no negocio do século das farmacéuticas sobre a base da “ditadura” dos técnicos e epidemiólogos. Nos países imperialistas, que pagan relixiosamente, levan xa tres vacúas, mentres se negan a liberar as patentes para que se poida vacinar todo o mundo.


lunes, 14 de febrero de 2022

ANÁLISE "URXENTE" DOS RESULTADOS DAS ELECCIÓNS DE CASTELA E LEÓN

Carlos Dafonte.

    Celebradas as eleccións en Castela e León, coñecidos os resultados, teño a impresión que hai catro perdedores, o Psoe que aínda que leva 35 anos sen gobernar-la comunidade era o primeiro partido e perdeu 7 deputados ficando no segundo posto, o Pp que convocounas para sacar maioría absoluta, as enquisas así o indicaban no seu momento, e gañou pero só subiu dos deputados e depende doutros grupos para poder gobernar, Ciudadanos que estaba comodamente instalado no goberno e perdeu 11 deputados e Unidas Podemos, que retrocedeu e dun resultado malo nas anteriores, 2 deputados, agora perdeu  un deles.

Todos os demais se pode dicir que son gañadores, os neofranquistas de Vox que acadan 13 escanos, “Unión del Pueblo Leonés”, que hai moitos anos pintaban as paredes con “Martín Villa León no es Castilla” e que loitaban, non sei se manteñen esa reivindicación, por separarse e crear unha comunidade uniprovincial; ¡Soria Ya! que de 5 escanos en xogo acadan 3 e unha candidatura por Avila que repite escano e procedían do Pp; xa se sabe lios de familia.

miércoles, 26 de enero de 2022

O QUE FAI A ARMADA ESPAÑOLA NO MAR NEGRO?. FORA AS TROPAS ESPAÑOLAS

Eusebio López

O goberno aprobou enviar unha fragata, a “Blas de Lezo”, ao Mar Negro, para unirse ao dragaminas “Meteoro” que xa está alí despregado. Ademais, ofreceu máis cazas de combate á OTAN que se engadirán aos que o exército do Aire xa ten no Báltico. Todas estas forzas incorporaranse ao despregamento que a Alianza Atlántica ten ao redor de Rusia, desde o Ártico até o Mar Negro, pasando polo Báltico, Polonia e a mesma Ucraína.

martes, 18 de enero de 2022

É NECESARIA HOXE UNHA ORGANIZACIÓN INTERNACIONAL?


Roberto Laxe

Desde o famoso 15 de outubro do 2011, unha acción de loita que implicou a convocatória de manifestacións en 980 cidades de todo o mundo, até as máis recentes mobilizacións do movemento de mulleres o 8M polos seus direitos ou as realizadas contra o cambio climático, pasando pola folga xeral europea de novembro do 2012, está claro que hai unha tendencia obxectiva a responder de maneira internacional á situación de “emerxencia social” que vive a sociedade baixo o capitalismo.

Esta tendencia a internacionalizar a resposta social ve-se freada por dúas vías, unha, os aparellos políticos, sociais e sindicais, atados ás estruturas dos estados nacionais que, como bos representantes da ideoloxía pequeno burguesa, non ven máis alo dos límites das súas fronteiras e non van fomentar accións que poidan cuestionar a orixe dos seus privilexios, os estados; e dous, pola mesma propaganda dos medios burgueses, que reducen estas propostas a visionarios, á sensibilidade de “ativistas” individuais que non responden a unha realidade obxectiva -o capitalismo é capitalismo, aquí e na China-, senón á súa especial personalidade.

domingo, 9 de enero de 2022

UN NOVO PROXECTO POLÍTICO EN MARCHA?

Carlos Dafonte


Pablo Iglesias un dos que fundaron Podemos, na hora da súa despedida como dirixente da organización, considerou oportuno sinalar que Iolanda Díaz podía substituílo como candidata á presidencia do goberno nas próximas eleccións a Cortes. Expresou en público unha opinión, a súa, que non ten forza algunha para obrigar a Unidas Podemos a asumila.

Supoño que terá ser discutida a tres niveis, Podemos, Izquierda Unida e o Partido Comunista de España, con independencia de que Iolanda Díaz pertenza ou non a algunha das devanditas organizacións que son as que configuran U.P.