A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 28 de marzo de 2022

A LENTA AGONÍA DO IMPERIALISMO DOS USA (II)

Carlos Dafonte


Dende antes de finaliza-la II ª Guerra Mundial, os USA comezan a prepara-lo seu futuro dominio diante do enorme proceso que se vai producir de acumulación de capitais, tanto no seu territorio  como no resto do centro do sistema dominado polo capital.

Debemos ter en conta que finalizaron a guerra co seu sistema produtivo intacto o que lle permitiu se-lo subministrador de mercadorías a unha parte moi importante do planeta e ter tamén unha grande capacidade para financiar a interese alto, a outras economías estragadas polo conflito.

Hudson na súa obra “Super Imperialismo” explicou como os diplomáticos estadounidenses destruíron o imperio británico e se fixeron co control da área da libre esterlina, a traveso dos onerosos termos impostos polo préstamo de 1946 que obrigaba a Grande Bretaña a abri-la Commonwealth as súas exportacións.

En 1944, cando o curso da guerra estaba decidido, se asinaron os acordos de Bretton Woods nos que se estableceu o dólar como moeda internacional de reserva respaldado polo ouro, unha onza 35 dólares, e baseados na estabilidade monetaria internacional; un ano máis tarde se constituíu o Fondo Monetario Internacional (FMI), que establecería as normas monetarias, daría asistencia financeira e asesoraría gobernos; os USA se reservaron o dereito para veta-los acordos que non lles pareceran adecuados ós seus intereses.

No mesmo ano no que se constitúe o FMI, tamén o fai o que coñecemos como Banco Mundial e en 1947 o “Acordo Xeneral sobre Aranceis de Aduanas e Comercio” (GATT) para regula-lo comercio internacional, na mesma época na que se anuncia o “Plano Marshall” de axuda  dos USA para reconstruí-la Europa capitalista. É unha curiosidade, pero aqueles países que non se acolleron ó Plano Marshall tardaron menos tempo na súa recuperación que os que si o fixeron como por exemplo os británicos.

Os USA van a ir constituíndo como vemos,  toda esta serie de estruturas que acabamos de sinalar e algunha outra, que van permiti-lo seu dominio político e económico e a configuran como a maior potencia económica mundial; non había tampouco dubida algunha de que era a maior potencia militar e para deixar constancia tamén en esta faceta, e ter subordinados ós seus aliados capitalistas, “montan” a OTAN e algúns anos despois, con carácter defensivo, aparece o Pacto de Varsovia.

Segundo o economista Juan Torres, a finais da década dos anos corenta, os USA cunha poboación de aproximadamente o 6 % da do planeta, tiña un Produto Nacional Bruto (PNB) equivalente ó 50 % do mundial, controlaba o 60 % da produción, o 32,5 % do comercio internacional, preto do 50 % do total dos investimentos directos realizados no estranxeiro e dispuña do 80 % das reservas de ouro existentes no mundo ó que axuda a que a divisa norteamericana se converta na moeda máis forte por te-lo respaldo suficiente e ser automaticamente convertible en ouro.

O inicio da crise.

Na década dos sesenta todo este sistema entra en crise; en 1964 a libra esterlina que quería ser unha moeda forte como o dólar, foi resgatada polos bancos centrais de EEUU, Francia e Alemaña; a economía británica non tiña a fortaleza como para seguir a ter unha moeda forte; en 1967 a libra tivo que ser devalada. Con anterioridade o xeral De Gaulle pediu se volvese ó patrón ouro e tomou a decisión unilateral de saldar con ouro o déficit de Francia da balanza comercial. Nesa mesma época os USA tiñan problemas ca súa balanza de pagos, a taxa de inflación se duplicaba, se incrementou o déficit fiscal, produciuse a queda da produtividade, etc, e Francia tivo que devalar tamén a súa moeda en 1969

As guerras de Corea e sobre todo a de Vietnam, van producir un déficit tan enorme e unha depreciación do dólar de tanto darlle a máquina para producilos, que hai países que queren converter os seus dólares en ouro, esta situación límite leva a que baixo a presidencia de Nixon se ten que poñer fin á convertibilidade, o dólar se vai ter que devalar en 1971 e tamén ó ano seguinte, aínda que o dólar seguiu a ser a moeda de reserva máis usada para todo tipo de transaccións, axudado pola obriga de mercar o petróleo con dólares, circunstancia que nun mundo como o de hoxe, pluripolar e cunha nova cadea imperialista, a liderada por China actuando como tal, para moitos países ten un inconvinte moi grande que se está tentando resolver. 

Hoxe calquera transacción que se efectúe en dólares ou a traveso dun banco dos USA, se debe someter automaticamente a súa lexislación, isto afecta tanto a particulares como países. O que permite ó seu goberno sancionar a bancos e reguladores doutras partes do planeta. O xeito en como se vaia resolvendo esta situación debe aguzar a agonía do imperialismo dos Usa e o seu dominio económico no planeta.

E comezan a darse algunhas realidades que non son bo agoiro para a economía dos USA e que indican fortes contradicións no planeta capitalista; tamén como resultado das guerras económicas que ten proxectado contra numerosos países ós que se lles nega o acceso ó sistema financeiro controlado por eles, o que explica que determinadas economías mundiais tentan atopar unha divisa alternativa e independizarse do SWIFT, que é unha rede de entidades financeiras que abrangue a preto de 200 países e 11.000 bancos, con sede en Bélxica, pero onde mandan os executivos da banca dos USA. 

Vistas estas circunstancias e os intentos de liberarse do grillón que os USA teñen imposto ó resto, se entende moitos dos problemas que hoxe temos no taboleiro mundial; por exemplo, Rusia e China traballan na creación dun SWIFT propio e na Unión Europea dende hai uns anos, traballan no mesmo senso, crear un sistema de transferencias financeiras interbancarias propio e un Fondo Monetario Europeo. Polo tanto todo canto os USA podan facer para bloquear estas iniciativas o consideran como ben feito.

Outro dato importante que planea sobre a economía norteamericana é que China, o principal acredor dos USA, dende hai un tempo está a reducir as súas reservas de bonos estadounidenses e tenta internacionaliza-lo yuan, para o que comezaron a acumular reservas de ouro. Establecer “contratos de futuro” de petróleo en yuanes, así como usar a súa moeda no comercio con varios países.

Pola súa parte Rusia tamén tenta elimina-lo dólar nos seus contratos de divisas (swap) con China, India e Irán e  leva transferidos máis de 100.000 millón de dólares cara o yuan, euro e yen. Por outra banda a India lle paga en rublos o armamento que lle vende Rusia e a mesma India paga en rupias o petróleo que lle vende Irán. Turquía tamén está a estudar elimina-lo dólar no comercio con China e Rusia. E despois tamén nos atopamos co grupo dos BRICS, países emerxentes formados por Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica, con toda unha serie de acordos internos , cunha enorme capacidade de mercado que, dende hai anos representan un serio perigo para os USA.

Se todo este cadro anterior se vai consolidando, o dólar non vai entrar na súa mellor etapa e iso ten que afecta-la economía dos USA, que fará todo o posible para evita-la súa decadencia. 


O papel da guerra de Ucraína neste proceso.

Xoga Ucraína algún papel neste proxecto?. Creo que como país inviable tanto a nivel económico como político e satelite dos USA, gobernado por unha oligarquía que situou a Zelenski como presidente, o das contas en Panamá, e permitiu que a ideoloxía nazi impregne a unha parte da sociedade e ocupe cargos importantes nas forzas armadas, policía, milicias paramilitares, e no Parlamento, que é gobernada por un grupo de “aventureiros” que leva oito anos masacrando a partes do seu propio pobo, lle serve ós USA como mínimo, para entorpece-las relacións entre a U.E. e Rusia, debilitar a esta en certa medida con todas as sancións económicas.  

E a cuestión do nazismo, a ultradereita, os supremacistas brancos, etc, son cuestións para os USA sen importancia; coñecemos que para a súa oligarquía o nazismo era un exemplo a seguir. Hitler tiña no seu despacho unha fotografía de Henry Ford adicada, e os Kennedy, Bush, etc fixeron negocios cos nazis e consideraban que eran a solución para derrotar ó movemento obreiro. Tampouco debemos esquecer que a Henry Ford e Thomas Watson, magnate da IBM, Hitler lles concedeu a “Grande Cruz da Aguia de Alemaña” e que Coca-Cola inventa o nome de Fanta para seguir a facer negocio ca Alemaña nazi aínda de estar en guerra co seu país.

A creba entre a UE e Rusia  xa o conseguira en parte os USA, co golpe de estado de 2014, a resolución de entrar na OTAN, a persecución dos ucraínos de fala e cultura rusa,  o que leva á  rebelión das zonas mineiras de Ucraína cun 90 % de rusos, que se autodeterminan mentres non se cumpran os acordos de Minks 2, o referendo en Crimea, tamén con máis do 90 % de rusos, onde se atopan as maiores bases navais rusas que pasa a formar parte de Rusia e o constante ataque ás zonas das repúblicas populares que declararon a súa autodeterminación, que leva, fronte ós ataques da milicias e do exército ucraíno, ó recoñecemento das mesmas como independentes por parte do Parlamento de Rusia e a intervención militar no seu favor. 

Hai que dicir que numerosos analistas que non sexan dos medios de comunicación da OTAN, aseguran que Putin opúxose a que declarasen a autodeterminación e tamén ó recoñecemento como tales, consideracións que leo en xornais de fora do territorio do estado, pero descoñezo a súa veracidade.

O balance de vítimas nestes oito anos de ataques contra o Donbass foi de máis de 10.000 mortos, preto de 20.000 feridos e un millón e medio de desprazados, así como unha enorme  destrución en materia de infraestruturas; para a UE dirixida na cuestión internacional por Borrell, non había unha guerra, “todo era normal no Donbass”.

Polo de agora a xogada sáelle moi ben ós USA pois a UE, neste enfrontamento intercapitalista, aínda que non vai beneficia-los seus intereses, disciplinadamente se alía co seu “xefe” de sempre, a oligarquía norteamericana, amosando unha vez máis que a oligarquía europea segue a ser  subsidiaria da norteamericana aínda que isto traia consigo dana-lo benestar económico nas súas nacións.

Os USA queren impedir por todos os medios que os países europeos sigan a establecer lazos económicos e políticos con Rusia e que participen nos megaproxectos de China a “Franxa e a Rota da seda”. 

Para que se ía necesita-la Otan se non hai provocación e resposta por parte de Rusia? Para que a Otan se manteña en pe ten que haber posibilidades de agresión e co que hoxe acontece en Ucraína é certo que hai posibilidades de agresión, pero sen a existencia da Otan non habería posibilidades da provocación que leva á resposta agresiva; nin a existencia do grande negocio das armas.

O presidente de Francia, Macrón ten a claridade suficiente como para entender que as políticas de USA-OTAN condenan á UE a seguir presos dos acordos comerciais cos USA, sempre desfavorabeis,  e se lles nega a posibilidade de facer negocios en eurasia; por iso tiña tanto interese en ser mediador. 

Un dato máis, a señora Victoria Nuland, que sempre que se fala de Ucraína aparece no medio, o 27 de febreiro pasado manifestou: “si Rusia invade Ucraína dun xeito ou outro, Nord Stream 2, morrerá”, e engado, o proxecto asinado por Merkel e Trump de construción dun novo porto en Alemaña para os buques gaseiros dos USA será unha realidade, aínda que o prezo a pagar sexa moito máis elevado que o do gas ruso e non haxa nunca a garantía de que cheguen ó destino; na travesía do Atlántico, se desviarán se hai un comprador, outro país que pague máis. 

Agora os USA para frear a súa queda como potencia hexemónica xa pode incia-lo segundo aspecto do seu plano; para elo xa ten asinado co Reino Unido e Australia o AUKUS, que é o inicio do acoso a China e frea-la súa incidencia nunha grande parte de Asía.


En Galicia no mes de marzo de 2022


No hay comentarios:

Publicar un comentario