A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 29 de enero de 2015

A IMPORTANTE VITORIA DE SYRIZA EN GRECIA




 Carlos Dafonte

Syriza a formación política grega que se pode considerar de esquerdas, acadou nas eleccións do domingo día 25, sen dúbida algunha un grande éxito, faltáronlle dous deputados para acada-la maioría absoluta. A pesares da fortaleza das forzas neoliberais, do apoio da “troika”, formada polo Unión Europea, o Fondo Monetario Internacional e o Banco Central Europeo, do recurso a xogar ca política do medo, augurando todo tipo de desastres que podían acontecer se os votantes se orientaban cara a esta formación, @s greg@s deberon pensar que maior que o desastre no que os sumiron Nova Democracia e o PASOK, actuando ó servizo da “troika”,  xa non era posible e que había que darlle un voto a esperanza. E puxeron fin a moitos anos dun bipartidismo ó servizo das grandes fortunas e os grandes especuladores radicados en Bruxelas. Algúns analistas políticos no estado español, atrevéronse a cualifica ós votantes de Syriza como os “electores analfabetos”, os que non souberon escolle-lo voto bo, que co seu voto se van meter en maiores problemas.

viernes, 23 de enero de 2015

DEREITOS SOCIAIS E DEREITOS LABORAIS




Roberto Laxe 
   
É un lugar común entre os comentaristas, entre os políticos institucionais, o diferenciar os dereitos sociais da poboación, dos dereitos laborais desa mesma poboación. Os primeiros son a vivenda, a sanidade, a dependencia e a educación, os segundos cínguense ao salario, xornada e condicións de traballo da clase obreira. Para os políticos institucionais progresistas, a tarefa é garantir a primeiros fronte ao neoliberalismo que os está desmantelando, mentres que os segundos déixanse á negociación entre os axentes sociais, é dicir, sindicatos e empresarios, coma se fóra entre iguais, que os políticos só teñen que “vehiculizar” a través do chamamento ao pacto social.
 A concepción teórica que subxace tras estas propostas, é que o obreiro é “libre” de negociar en termos de igualdade co patrón, e que a tarefa do estado é neutral para facilitar esa negociación. Mal que lle a pesar dos do “crepúsculo das ideoloxías” -que son moitos desde o franquista Fernández da Moura un libro con ese titulo-, esta é a quintaesencia dunha ideoloxía, a burguesa: baixo o capitalismo todos somos iguais, libres e o estado é neutral.

jueves, 15 de enero de 2015

CHARLIE HEBDO DENTRO DA ESTRATEXIA IMPERIALISTA




Carlos Dafonte

Descoñezo cando o consello de redacción da revista Charlie Hebdo decidiu levar adiante a liña editorial que considero preñada de islamofobia, e que coincidiu, descoñezo repito, se desde os primeiros momentos, co proceso iniciado hai máis dunha década no que o imperialismo por medio da violencia máis extrema, tenta a “recolonización e remodelación” dos territorios de Oriente Próximo e Medio, cuxa poboación maioritaria é musulmá. Proceso que considero un elemento máis da loita de clases que tenta substituír a unha oligarquía autóctona que facía unha distribución da riqueza máis xusta, por outra foránea que sume á maioría da poboación na pobreza máis absoluta.  A revista francesa converteuse nun axente ideolóxico dese proceso, que sementa a morte e a destrución en importantes zonas desas rexións. Teño a impresión que tentaba, cas súas sátiras sobre o islam e os musulmás, xustificar en algunha medida moito do que está a acontecer nos territorios onde se están a producir desde hai moitos anos feitos dunha violencia e brutalidade imposible de xustificar, levada a cabo polas tropas da OTAN.

domingo, 11 de enero de 2015

CUBA: O DIFÍCIL CAMIÑO DUNHA REVOLUCIÓN ACOSADA




 Carlos Dafonte

O día 1 de xaneiro pasado, cumpríronse 56 anos da entrada dos revolucionarios cubanos na cidade da Habana. Pero tamén 56 anos de loita contra o imperialismo, que nunca aceptou  que a poucos quilómetros das súas costas se consolidara unha revolución que tentou, e en certa medida conseguiu, avanzar nun modelo produtivo e social distinto do capitalismo; avanzar na procura do que se chama socialismo.
Pero a entrada na capital non significou o trunfo da revolución; o imperialismo e a ditadura durante tantos anos por el defendida, quixéronlle roubar a vitoria ó pobo cubano despois dos enormes sacrificios que tivo que sufrir e impoñer un goberno de monicreques que o pobo cubano derrubou por medio da convocatoria dunha folga xeral que acadou una resposta masiva, para impor a Fidel Castro como presidente dun goberno revolucionario.

jueves, 1 de enero de 2015

SON OS BANQUEIROS E MULTINACIONAIS ESTÚPIDOS?

Roberto Laxe

Esa é unha pregunta que xorde cada vez que se fala de que non hai "crédito" para os sectores produtivos, para as familias, para o consumo.

A banca non dá crédito, por iso a economía esta paralizada; as familias non consomen.... e a economía esta paralizada. E culpan aos banqueiros diso, coma se os banqueiros fosen uns estúpidos que queren afundir a economía, pensando que eles non son "economía".