Carlos Dafonte
O primeiro asalto para ter un goberno para os próximos anos finalizou sen que as perspectivas sociais, políticas, económicas, para os traballadores e traballadoras do país foran clarexadas. Coñecemos hoxe que o único que lle interesa a PP e VOX é a “unidade de España”, que segundo estes dous partidos atópase en grave perigo diante da ameaza dunha posible lei de amnistía, non para Puigdemont e algúns outros dirixentes do “process”, como sinalan eles, senón para centenares de persoas que participaron no referendo e que terán que ir aos xulgados para dar conta da súa actividade eses días. Tamén lles interesa moito se Bildu vai darlle a posibilidade de conseguir a investidura a Pedro Sánchez, pois “con terroristas e asasinos” non se pode ter pacto algún, agás si o beneficiado vai ser o PP, e sirva de exemplo os pactos coa forza independentista vasca no Concello de Vitoria cando o PP tiña a alcaldía.
Nas sociedades divididas en clases, cando os tempos de bonanza son lembranzas do pasado e os países do centro do sistema capitalista atópanse inmersos nunha fonda crise que non hai perspectivas de superar, PP e VOX preferiron que a sesión de investidura de Núñez Feijoo se convertera nun sainete, nunha “astrakanada”, nunha crítica constante ao goberno en funcións, antes que facer o que debe facer calquera candidato que enfronte un acto institucional da importancia do que Núñez Feijoo se enfrontou: crítica aos anos do anterior goberno esgrimindo datos obxectivos, e propostas de solucións aos problemas que resaltaches como as eivas máis importantes que ten a sociedade que queres gobernar.