A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 28 de mayo de 2011

DESPOIS DAS ELECCIÓNS DO 22 DE MAIO


Carlos Dafonte


Comezou o proceso de alternancia entre PSOE e PP, proceso que debe culminar nas próximas eleccións xerais do mes de marzo, se non hai un adianto das mesmas.
Ningunha novidade para os asalariados e a clase obreira. As políticas neoliberais van continuar, polo tanto as agresións ós que crean riqueza; os especuladores, grandes empresarios, banqueiros e demais grupos da oligarquía española poden estar tranquilos; foi unha importante vitoria duns contra a súa figura reflectida no espello.

domingo, 22 de mayo de 2011

SOBRE O CHAMADO MOVEMENTO DO 15 DE MAIO, OU POR UNHA VERDADEIRA DEMOCRACIA XA!


Carlos Dafonte

Hai máis dunha ducia de anos, apareceron toda unha serie de movementos, o redor do debate sobre o proceso que se deu en chamar globalización, que non era outra cousa máis que unha nova etapa do imperialismo, unha vez desaparecida a URSS e o inicio da reconstrución do capitalismo naqueles países que tentaran avanzar cara a superación dese sistema. Foron moi activos nas loitas contra a globalización, contra a guerra de Iraq, na súa participación en diversos Foros Sociais, e animaron unha etapa de retroceso das loitas sociais, como resultado da derrota momentánea, da chamada esquerda tradicional, aquela que se basea no marxismo e considera á clase traballadora asalariada, como o suxeito revolucionario.
Podémolo definir como un movemento interclasista que se alimenta dunha situación de crise xeneralizada e da baixa consideración, que a sociedade ten de aqueles que a propia cidadanía elixe para representalos: @s polític@s.

miércoles, 18 de mayo de 2011

A CRISE MOTOR DUNHA SITUACIÓN POLÍTICA MOI COMPLEXA


Carlos Dafonte

Desde Carlos Marx coñecemos que a estrutura económica determina a superestrutura política, ideolóxica, etc. Por iso non nos pode estrañar que a actual crise económica sexa determinante en calquera análise que fagamos da situación política, tanto nun análise global, como individualizado para diferentes países, e que a ela fagamos referencia constantemente; ela da explicación a feitos que doutro xeito non terían explicación algunha.

lunes, 9 de mayo de 2011

A LEI DE FAMILIA DA XUNTA, UN PERIGO PARA AS MULLERES

 Xulia Mirón e Adela Valdovir

A 80 anos da proclamacion da II República, con umha morea de actos lembrando os direitos democráticos conquistados daquela, e no concreto os das mulleres, a Xunta do PP vem de enviar ao Parlamento, para o seu debate e aprobación, o Proxecto de Lei da Apoio á Familia e á Convivencia, cun contido que fai pensar o pior para os direitos da Muller.

miércoles, 4 de mayo de 2011

CARLOS MARX. UNHA VIDA Ó SERVIZO DOS EXPLOTADOS.

Carlos Dafonte

O 5 de Maio de 1818 naceu en Tréveris a cidade máis antiga de Alemaña, Carlos Marx. Sen dúbida a súas ideas, a súa obra, sexan as de maior influenza sobre o pensamento mundial e a práctica política, desde mediados do século XIX ata a actualidade.
O marxismo, como conxunto de elaboracións tanto de Marx como de tod@s @s seus seguidores, se ten convertido co paso dos anos, na ferramenta que maioritariamente teñen utilizado os pobos e as clases oprimidas na loita pola súa liberación. O seu pensamento no só permite coñecer mellor a realidade, tamén é unha guía para a acción revolucionaria, pois como dicía o propio Marx, na tese XI sobre Feuerbach, “os filósofos non fixeron máis que interpretar de diversos modos o mundo, pero do que se trata é de transformalo” .
Lenin afirmou que “ a doutrina de Marx é (...) completa e harmónica, e brinda ós homes unha concepción integral do mundo, intransixente con toda superstición, con toda reacción e con toda defensa da opresión burguesa. O marxismo é o herdeiro lexítimo do mellor que a humanidade creou no século XIX: a filosofía alemá, a economía política inglesa e o socialismo francés”.
Hoxe a Marx e o seu pensamento, tentan presentalo os inimigos dos traballadores asalariados, os seus explotadores, como algo anticuado, incapaz de servir nunha nova era e nun capitalismo moi distinto no que Marx viviu e sobre o que traballou incansablemente toda a súa vida.
Tamén algúns que se autotitulan marxistas, facendo gala dun pensamento e un discurso feble, sinalan as dificultades para que aspectos da vida cotiá, podan ser enfrontados desde un punto de vista marxista. Esquecen que todo programa revolucionario, anticapitalista, non pode obviar, o elemento fundamental que Marx estableceu, como as clases dominantes explotan ás oprimidas o que non ten variado nin un chisco desde que o capitalismo existe, e que a crise actual, teimudamente pon de novo en evidencia. A solución a esa contradición antagónica, Marx a establece desde 1848, ano no que publica, xunto con Federico Engels o “Manifesto Comunista”: a revolución proletaria que poña fin ó sistema capitalista explotador. E non hai solución ó marxe do marxismo.
Pero Marx, ademais dun pensador, foi un revolucionario e un organizador d@s traballador@s, que participou con intensidade en todo canto acontecemento, que puxera en cuestión a explotación capitalista.
Non se lle pode facer maior homenaxe a Marx que lelo, a el e os seus máis fieis seguidores, Engels, Lenin, Trotski, Rosa Luxemburgo, Gramsci, Lúckas..., imita-la súa vida adicada á causa dos explotados, dos que sofren a historia, e coñece-la vida e a obra de numerosos revolucionarios marxistas que grazas as súas loitas, os seus sacrificios, a sociedade, a pesares do capitalismo, seguiu progresando.


1818. 5 de maio nace en Tréveris, Prusia renana. Fillo do avogado Henrich Marx, de ideas liberais e volteriano e de Henrietta. Era neto de rabinos e o terceiro de nove irmáns. O seu pai converteuse ó protestantismo en 1817.

1835. En agosto aproba o exame que lle da acceso ós estudos de dereito na universidade de Bonn. Escrebe un comentario titulado “Meditación dun mozo fronte a elección dunha profesión”.

1836. No verán comprometese en segredo con Jenny von Westphalen, filla dun pequeno aristócrata de pensamento saint-simoniano. En outubro continúa os seus estudos en Berlín e comeza unha novela e unha obra de teatro, que non finalizará.

1837. Sen abandonar os estudos de dereito, comeza a estudar filosofía e entra en relación cos irmáns Bauer e os círculos dos “hegelianos de esquerda”.

1838. Pertence ó “Club dos Doutores”, onde comeza a esboza-los seus pensamentos sobre a filosofía e a sociedade. A atención dos seus membros centrábase principalmente na filosofía hegeliana. Entre os seus amigos no Club, destaca o profesor de xeografía Rutenberg, o de historia Köpen que lle adica a súa obra “Federico o grande e os seus opoñentes”. Köpen chamou a Marx “verdadeiro arsenal de pensamentos, unha auténtica fábrica de ideas”.

1839. Traballa todo o ano na súa tese doutoral, baixo o título “A filosofía epicúrea” coa intención de acceder a unha cátedra. Le a Hegel, Aristóteles, Leibniz, Hume e Kant.

1841. Aparece a súa primeira publicación “Cantos Salvaxes”. Finaliza a súa tese doutoral contra o determinismo de Demócrito. Na mesma amósase partidario do principio epicúreo de liberdade de conciencia e da posibilidade para o home de actuar sobre a natureza. Obtén o título de doutor na Facultade de Filosofía de Jena o día 15 de abril. Máis tarde trasládase a Bonn onde con B. Bauer e Feuerbach pensaban publicar unha revista. Publica na revista berlinesa “Atheneu”, dous poemas.
Polas súas doutrinas heterodoxas, B. Bauer é despoxado da cátedra o que fai a Marx renuncia-lo ensino, dadas as condicións tan reaccionarias do estado prusiano.

1842. Envía o seu primeiro artigo ós “Anais Alemás” que non é publicado a causa da censura. En abril instálase en Bonn e comeza a súa colaboración ca revista “Gaceta do Rhin”. Por primeira vez escrebe sobre asuntos económicos, en artigos relacionados ca lei que prohibía a recollida de leña e outro sobre a miseria na que vivían os vendimadores do Mosela. No mes de outubro instálase en Colonia e asume a dirección da revista “Gaceta de Colonia”, en cuxa redacción coñece a Federico Engels. Contacta ca oposición liberal o que lle afasta dos “mozos hegelianos” e entra no “Círculo de Colonia”.

1843. Marx dimite da dirección da revista diante do pouco apoio que recibe dos accionistas fronte a actitude do goberno que a quere pechar. O último número sae o 31 de marzo. En xuño cásase con Jenny von Westphal. O goberno ofrécelle a dirección do periódico oficial do estado prusiano pero non acepta. No outono traballa nunha crítica da filosofía política de Hegel, rachando definitivamente coa idea do estado como unha institución racional e formula a tese do estado como instrumento de dominio de clase. Nesta obra e en “A cuestión xudía” que comeza a redactar, concreta a súa adhesión á causa do proletariado. A finais de ano abandona Alemaña e instálase en París.

1844. Aparece o primeiro e único número da revista “Anais franco-alemás”, na que tamén colabora F. Engels, onde Marx publica “Esbozo dunha crítica de economía política”. Por esa época estuda economía política enchendo varios cadernos con comentarios. Entra en contacto ca “Liga dos Xustos” sociedade comunista secreta; tamén cos redactores de “Volwärts” (Adiante) semanario alemán que se edita en París. Periodicamente xúntase con Proudhon e Bakunin. Pasa por París F. Engels que acaba de finaliza-lo seu traballo “A situación das clases traballadoras en Inglaterra”. Inician a súa grande amizade publicando conxuntamente o panfleto contra B. Bauer e o seu círculo, “A sagrada familia”, redactado na súa maior parte por Marx .

1845. A principios de ano a causa da presión do goberno prusiano, son expulsados de Francia os máis importantes colaboradores da revista “Volwärts”, entre eles Marx, que se instala en Bruxelas e comeza de novo os estudos económicos. Na capital belga encontrase con Engels que se trasladou a vivir á mesma, a quen mostra as súas “Teses sobre Feuerbach”, nas que ten resumido o “seu xeito de pensar materialista”. A finais de ano os dous amigos viaxan a Londres onde toman contacto con Weitling e a “Liga dos Xustos”. En decembro Marx renuncia a súa nacionalidade prusiana.

1846. Marx e Engels toman a iniciativa de formar unha rede de comités de correspondencia comunista que se estenderá por diversas rexións de Alemaña, París e Londres. Invitan a Prudhom a sumarse á mesma. Marx ataca nunha xuntanza celebrada en Bruxelas, o sectarismo de Weitling. Engels desde París envíalle unha crítica do libro de Proudhon, “Sistema de contradicións o filosofías da miseria”. Escreben conxuntamente o libro “A ideoloxía alemá” pero non atopan editor.


1847. Comeza a redacta-la crítica do libro de Proudhon; levará por título “Miseria da Filosofía” Celébrase en Londres o Iº Congreso da Liga dos Comunistas, Marx non asiste, vive en Bruxelas, por falta de medios, si o fai Engels. É elixido presidente da comuna de Bruxelas da Liga de los Comunistas. Xunto con Engels funda a Sociedade de Obreiros Alemás de Bruxelas. En una seria de artigos afirma que “a alternativa non esta entre monarquía ou república, senón entre dominación da clase obreira ou dominación da clase burguesa”. Viaxa a Londres para asistir ó IIº Congreso da Liga de los Comunistas e se lles encarga tanto a el como a Engels que redacten un programa para o partido. Na Sociedade de Obreiros Alemás imparte un ciclo de charlas sobre o traballo asalariado.

1848. No mes de febreiro finalizan a redacción do “Manifesto Comunista”, ó tempo que trunfa a revolución en Francia e se instaura a república. O goberno provisorio francés invítalle a que regrese a Francia; o día seguinte desta invitación é detido xunto ca súa familia e expulsado de Bélxica, instálase en París. Crea o Club de Obreiros Alemás e reorganiza o Comité Central da Liga dos Comunistas con membros chegados de Inglaterra e Alemaña. Conflitos na Liga dos Comunistas a levan a súa desaparición a partires do mes de maio. Oponse a que os obreiros alemás exiliados, formen unha lexión e entren en Alemaña para iniciar a revolución; opina que a revolución de febreiro non é máis que o inicio dun movemento europeo e que da inminente loita entre o proletariado e a burguesía en Francia ía depende-la sorte da Europa revolucionaria. Os obreiros alemás, polo tanto debían prepararse para participar neste combate. A Lexión Alemá, cruza o Rhin e é aniquilada. Despois das revolucións de marzo e abril en Viena e Berlín, en Prusia hai un goberno liberal, Marx e Engels van a Colonia, zona industrial, con numerosas mobilizacións obreiras, onde publican o diario “Nova Gaceta do Rhin” no que Marx ocupa o posto de redactor-xefe. Participará activamente en todas as mobilizacións de Colonia, xunto con outros membros da redacción da revista; Marx será membro do Comité de Seguridade Pública que convocará unha asemblea popular en apoio das posición da asemblea de Frankfurt contra o goberno Prusiano. Escribirá máis de oitenta artigos. En setembro imparte unha Charla en Viena sobre “Traballo asalariado e capital”.

1849. En febreiro Marx é levado diante dos tribunais e declarado inocente de incitación á revolta; no mes de maio é expulsado de Prusia. O día 18 publícase o último número da “Nova Gaceta do Rhin”, impresa en tinta vermella. En agosto marcha a París onde entra en contacto con organizacións obreiras secretas. Unha orde do novo goberno francés dominado pola burguesía, lle obriga a vivir no pobo de Morbihan, na Bretaña. Lassalle fai unha subscrición entre os amigos de Renania para conseguir medios para a familia de Marx. O 24 de agosto se establece en Londres e constitúese de novo o Comité Central da Liga de Comunistas. A finais de ano asiste a unha comida organizada pola ala esquerda do movemento cartista, onde coñece a membros exiliados do partido de Blanqui.


1850. En xaneiro inicia a redacción de varios artigos sobre o acontecido en Francia no período 1848-49 que serán publicados na “Nova Gaceta”; máis tarde Engels os imprime baixo o título de “A loita de clases en Francia”. Inicia no seu domicilio charlas sobre economía política. Entre marzo e abril, inicia xunto con Engels, a reorganización das comunas do partido, para darlle un carácter proletario e autónomo. A principios de abril sae en Hamburgo o primeiro número da Nova Gaceta Renana-Revista económica-política. Constitúese no mes de abril a “Sociedade Universal dos Revolucionarios Comunistas”; asinan Marx, Engels e Willich, polos alemás, o lider cartista Harney polos ingleses e Vidil e Adam polos franceses. É un anticipo do que será anos máis tarde a Internacional; nos seus estatutos pódese ler: “O obxectivo da sociedade é o derrocamento de todas as clases privilexiadas, e a submisión de todas estas clases á ditadura do proletariado mediante o mantemento da revolución permanente ata a realización do comunismo, que será o último xeito organizativo da familia humana.” No mes de xullo comeza o estudo sistemático da historia económica dos últimos dez anos. En setembro volve a comezar unha obra sobre economía, que tiña proxectada desde 1844 e comeza a utiliza-la Biblioteca do Museo Británico. No congreso da Liga dos Comunistas se producen grandes diferencias o que a deixa ferida de morte; a Liga disólvese a proposta de Marx. Engels parte para Manchester e publica “A guerra dos campesiños en Alemaña”

1851. En xaneiro Marx mándalle a Engels unha crítica á teoría de Ricardo sobre a renda. En abril Marx expresa estar en condicións para comezar o seu libro sobre Economía. A mediados de ano son detidos en Alemaña membros da Liga dos Comunistas e se publican nos periódicos, as circulares e os estatutos atopados nos domicilios dos detidos. As dificultades económicas aumentan e Engels escribirá 18 artigos sobre Revolución e contrarrevolución en Alemaña que asina Marx e son publicados na New York Tribune. En novembro comeza a redactar “O 18 Brumario de Luis Bonaparte”, unha serie de artigos que o seu amigo Weydemeyer consegue se publiquen nun periódico de Nova Iorque, sobre a consolidación da reacción que seguiu á revolución de 1848. Ademais, durante todo o ano Marx estudou en profundidade e encheu, 14 cadernos con temas moi diversos, sobre feudalismo e as cidades feudais; problemas industriais e obreiros; historia das civilizacións; a moeda; agricultura e renda de bens raíces; química agrícola e poboación; historia do colonialismo; etc.

1852. A causa de estar enfermo e sen recursos, non pode traballar no seu libro sobre “Economía” os primeiros meses do ano. Entre marzo e abril, en carta a Weydemeyer define a súa achega á teoría das clases sociais e reivindica a paternidade do concepto de “ditadura do proletariado”, fase de transición necesaria para acadar unha sociedade sen clases. Entre os meses de maio e xuño finaliza o ciclo de artigo de“O 18 Brumario de Luis Bonaparte” e escribe con Engels un folleto onde caracteriza criticamente ós máis eminentes representantes dos exiliados alemás, en Londres. Despois das detencións na Liga dos Comunistas en Alemaña, os editores alemás néganse, por temor, a publicar traballos de Marx o que aumenta o estado de necesidade da familia onde xa naceran varios fillos. Decide redactar un folleto sobre o proceso ós comunistas de Colonia e fai declaracións na prensa inglesa sobre as infamias da policía prusiana. Propón a disolución da Liga dos Comunistas.

1853. A causa do proceso de Colonia, Marx comeza a ser considerado o xefe dunha organización internacional que ten como obxectivo derrubar todo-los tronos europeos polo que a pesar da súa capacidade intelectual recoñecida, non atopa onde publica-los seus traballos. Só a Tribune lle acepta artigos que están adicados á actualidade política e económica, onde pon ó descuberto a entraña do capitalismo, a explotación e a sede de poder dos gobernantes. Abandona o seu proxecto de “Economía”, que reiniciará catro anos máis tarde, pero segue acumulando notas e realizando novos estudos.

1854. A correspondencia con Engels e Lasalle, así como os artigos publicados na Tribune, no primeiro semestre do ano, xiran sobre a guerra de Crimea. A súa posición sobre o conflito é crítica tanto para Inglaterra e Francia que combaten con Rusia, non para loitar contra o absolutismo, senón para poñer freo os intentos de expansión, como ca autocracia rusa a quen denomina xendarme de Europa polo que é necesario eliminala para que trunfe a revolución. Na segunda parte do ano interésase polos acontecementos españois, que permiten inicia-lo período coñecido como “bienio progresista”, presaxio para Marx, dunha revolución comparable á de 1848; tamén estuda outros aspectos da historia de España. En decembro convértese en correspondente da New Oder-Zeitung, un periódico de carácter liberal que se publica en Breslau; cobra pola súa colaboración unhas 50 libras ó ano.

1855. Amosa como o salario relativo descendeu entre os anos de 1849 e 1854 e que do 1849 a 1852 as ganancias aumentaron respecto ós salarios que permanecen estacionarios. En marzo falece o único fillo varón, Edgar. Nos artigos publicados na New Oder-Zeitung, destacan dous temas sobre os demais, o análise da estrutura política de Inglaterra e a denuncia das “verdadeiras ideas napoleónicas”. Diante das dificultades económicas da revista, propón renuncia-los seus honorarios. Nun celebre artigo denuncia a corrupción no Almirantazgo británico posta ó descuberto nas operacións navais da guerra de Crimea.

1856. Mantén varias xuntanzas con B. Bauer, quen desconfía dos obreiros e da loita de clases, xúntase con obreiros de Dusseldorf que lle informan sobre a situación revolucionaria que existe entre os traballadores renanos e escribe artigos sobre Sardeña e a casa de Savoia e trata con ironía o desenvolvemento do constitucionalismo no Piamonte. Redacta un ensaio sobre unha serie de documentos do século XVIII, que versan sobre as relacións anglo-rusas. Comeza a estudar o papel das sociedades anónimas no desenvolvemento industrial. Censúranlle na Tribune varios artigos sobre o paneslavismo e lle publican outros sobre os acontecementos en España, onde considera que a burguesía, aínda que contraria ó despotismo, refúxiase nel por medo ós obreiros. Publica tamén artigos sobre a crise financeiras e comercial que afecta a Europa e interésase polo creto mobiliario cuxo principal obxectivo é a especulación. Prosegue o estudo da historia de diferentes países e no caso de Polonia defende o seu dereito a constituírse como nación

1857. Cada vez ten maiores dificultades para publicar na Tribune pero non pode deixar as colaboracións pois é o único ingreso co que conta. Reinicia as lecturas sobre economía e redacta unha “Introdución xeral” da obra que tiña proxectada anos antes baixo o título de “Economía”, pero non a publica. Escrebe artigos sobre Turquía e as rebelións dos hindús contra os ingleses. Redacta dous capítulos, un sobre o diñeiro e comeza outro sobre o capital do que se perfila como unha obra teórica ambiciosa. Segue a estudar a crise económica europea.

1858. Todo o ano vai ter dificultades económica e sofre o acoso dos acredores. A pesares desta circunstancia traballa sen descanso, de día redactando artigos, de noite nos seus principios económicos. Para solucionar problemas, ten que estudar álxebra. Comeza de novo a correspondencia con Lasalle e pídelle busque un editor para a obra que prepara. En correspondencia con Engels examinan os problemas da amortización da maquinaria en relación co ciclo de produción industrial. Tamén lle concreta o contido do primeiro libro da obra na que traballa, que terá catro seccións: a) o capital en xeral b) a concorrencia c) creto d) o capital por accións. Escrebe sobre a emancipación dos servos en Rusia, a Compañía das Indias, o aumento do número de enfermos mentais, o tráfico de opio, etc. Escrebe en total para diversos medios, máis de 90 artigos

1859. Nos primeiros meses do ano continúa analizando a emancipación dos servos en Rusia e finaliza o primeiro caderno da “Contribución á Crítica da Economía Política”, pero non o envía ó editor por falla de medios. Con Lassalle intercambia puntos de vista sobre unha posible guerra entre Francia e Austria, pois a situación económica da primeira, pode levar o emperador a unha aventura militar para buscar a súa salvación. Ten unha controversia con Lassalle a quen acusa de apoloxía de Napoleón III e dos medios reaccionarios prusianos. Comeza xunto con Engels a colaborar en “Das Volk” órgano da Asociación Cultural dos obreiros alemás en Londres. En total escribiu neste ano, máis de setenta artigos.

1860. Con motivo do folleto difamatorio escrito por Karl Vogt, contra os integrantes da antiga Liga dos Comunistas, que aínda seguían xuntándose dun xeito informal, baixo unha hipotética presidencia de Marx e Engels, pasa a maior parte do ano recollendo probas e buscando testemuñas para levar a Vogt a xuízo por difamación. Os tribunais alemás non consideran que existira, e Marx redactará un folleto titulado “Herr Vogt”. A finais de ano le “A Orixe das Especies” de Darwin e coméntalle a Engels que a obra “conten os fundamentos naturalistas das nosas concepcións”. Escrebe vinte artigos en Tribune e varios máis en outros periódicos.

1861. Viaxa a Alemaña e xúntase con Lassalle; pide recobra-la cidadanía prusiana que non lle conceden e participa activamente en actos de solidariedade con Blanqui, detido en Francia e vivindo en moi malas condicións na prisión. Adica numerosos artigos na Tribune á guerra de secesión norteamericana e as súas consecuencias sobre o téxtil inglés. Agúzaselle a enfermidade biliar que padecía e comeza a ter carbúnculos e furúnculos moi dolorosos. Publicou en total doce artigos en Tribune e quince en “Die Presse”, periódico vienés.

1862. Segue a traballar desde primeiros de ano nas ideas que máis tarde constituirán o libro IIIº de “O Capital”, as teorías da “maisvalía”; traballo levado a cabo con moitas dificultades pola enfermidade e a falla de diñeiro. Engels que lle pasaba unha cantidade periodicamente ten que minguala pola crise do téxtil pola guerra de secesión. Marx expresa a súa admiración en diversos artigos polos obreiros ingleses que a pesares de sufrir co bloqueo dos estados do norte para que o sur no poda exportar algodón, proclaman o seu apoio á loita contra a escravitude e por medio de multitudinarias mobilizacións obrigan ó goberno británico a abandonar toda idea de intervir no conflito, para desbloquear a chegada de algodón. Crébase a súa colaboración con Tribune sen que se coñezan as causas. A partir de mediados de ano, agora con máis tempo, finaliza o estudo da “renda de bens raíces” e descobre o erro de Ricardo; en dúas cartas explícalle a Engels en que consiste: “O único que debo demostrar desde o punto de vista teórico é a posibilidade da renda absoluta sen viola-la lei do valor(...) Ricardo nega esta posibilidade, eu non. Ó mesmo tempo afirmo que a súa posición basease nun dogma teórico falso, herdado de A. Smith, a pretendida identidade entre prezos de costo e valores das mercadorías”. Lassalle o visita en Londres e afóndanse as diferencias entre ambos. Vivindo case na indixencia, solicita un emprego nunha oficina de ferrocarrís pero non o aceptan pola súa mala letra. A finais de ano interrompe a correspondencia con Lassalle.

1863. A morte de Mary Burns, compañeira de Engels, os problemas cotiás e a falla de sensibilidade de Marx diante do feito, producen unha breve separación afectiva entre os dous amigos; Engels xunta cen libras que lle envía a Marx, para saír do paso. Na rebelión polaca ven a posibilidade dun novo “48” e deciden sacar un manifesto que non acada a súa redacción definitiva a causa da enfermidade hepática de Marx. Desde mediados de ano traballa na redacción definitiva de “O Capital” para entregala a imprenta. Dado o volume das teorías da “maisvalía”, leva a cabo unha reestruturación da obra. Falece a súa nai que lle deixa unha pequena herdanza.

1864. A principios de ano trasládase a unha vivenda máis confortable. Recibe despois da morte de Wulhem Wolff, un legado de 800 libras que lle permiten afronta-la redacción definitiva de “O Capital” cunha certa estabilidade económica. Neste mesmo ano, Engels que xa é socio da empresa, comeza a pasarlle a Marx, unha cantidade fixa para o seu sustento. A partires deste momento deixará de vivir na miseria no que o fixo todos estes anos. A medidos de ano morre Lassalle como resultado dun duelo. Aínda que Marx pola falla de medios, a enfermidade e o tempo adicado a súa obra teórica, non lle prestou moita atención ós aspectos organizativos do movemento obreiro, este se foi configurando nas liñas establecidas por Marx, de ser partidos proletarios, de acción, de masas, autónomos con respecto ós partidos da burguesía democrática. A Asociación de obreiros alemás lle fai a proposta de que presida a organización e nun acto público que xunta a diversas organizacións obreiras, no St. Martins Hall de Londres, é aprobada a Asociación Internacional de Traballadores, coñecida como Iª Internacional. Marx non asiste ás dúas primeiras sesións por enfermidade e na terceira fai unha crítica ós Estatutos que considera están influídos polos seguidores de Owen e Mazzini. O día 1 de novembro presenta a súa proposta de Memoria e Estatutos, que son aprobados por unanimidade.

1865. Marx adica a maior parte do tempo á A.I.T. Xuntanzas do Consello, elaboración de documentos e a polemizar cos seguidores de Lassalle que eran partidarios de que os sindicatos contasen coa colaboración do estado prusiano. Utiliza tamén un traballo sobre Proudhom, “Miseria da Filosofía”, que acaba de falecer, para desenmascaralo como de traxectoria pequenoburguesa e para atacar determinados postulados lassallanos. Deixan, Engels máis el, de colaborar co períodico “O social-demócrata” por levar adiante unha política de compromiso co goberno de Bismarck. Un editor de Hamburgo acepta publicar “O Capital” e irritado co discurso de John Weston, owenista, e membro do Consello Xeral da A.I.T. , segundo o cal o aumentos de salario é inútil e a acción sindical ineficaz, Marx, prepara un estudo sobre “Salario, prezo e maisvalía”; é a primeira divulgación dalgunhas teses contidas en “O Capital”. É elixido membro do comité preparatorio do Congreso da Internacional.

1866. Adica moito tempo á Internacional e ó debate cos seguidores de Mazzini; no mes de setembro e proposto como presidente do Consello Xeral cargo que non acepta, por pensar que debe estar ocupado por un traballador manual, sendo elixido Odger. Continúa polemizando con algúns membros do partido de Lassalle, a quen denomina “o Richelieu do proletariado” a Unión Xeral de Traballadores Alemás, e desconfía do sucesor, Schweitzer. Engels aludiu a Wilhem Liebknecht, como”o único contacto fiable que temos en Alemaña”. Volverá a colaborar no “Sozial-Democrat”.

1867. A pesares das dificultades para introducir a Internacional en Alemaña, Marx sempre tivo unha fe extraordinaria no seu proletariado, do que fixo un eloxio no celebre discurso de febreiro, onde destaca a súa superioridade revolucionaria.. Celebrase a Conferencia da Internacional en Lausana, pero Marx adícalle pouco tempo, pois segue traballando en “O Capital” cuxo primeiro volume se publica ese ano.

1869. Escrebe o prefacio á 2ª edición de “O 18 Brumario de Luis Bonaparte”. Engels abandona a firma Ermen&Engels. Na preparación do Congreso da Internacional que se vai celebrar en Basilea, critica as concepcións mutualistas dos poudhonianos e cooperativistas. Defende a propiedade colectiva das minas, dos bosques e das terras en xeral e a nacionalización do ensino. O balanzo de Basilea é positivo, a Internacional medra en todas partes e a burguesía a acusa de estar detrás de todos os movementos de folga, que son reprimidos brutalmente, sen diferencias entre gobernos absolutistas e liberais. O congreso de Basilea vai acercando cada vez máis á Internacional a teses comunistas. Bakunin que vive en Xenebra, polemiza con Marx e afirma que hai maior espírito revolucionario nos pequenos obradoiros que nas grandes fábricas.

1870. Redacta unha circular, en nome do Consello Xeral da Internacional destinada a opoñerse ás manobras dos partidarios de Bakunin que disolveran a Alianza Internacional da Democracia Socialista e se integraran individualmente. Nela tamén se destaca a importancia da actividade política dentro da loita social e define a posición da A.I.T. na cuestión irlandesa. A campaña en contra dos xuízos contra os patriotas irlandeses e a denuncia das condicións nas que se atopan na cadea, obriga ás autoridades inglesas a liberalos. No congreso da Federación Latina da A.I.T., os bakuninistas poñen as bases para unha futura escisión. Os deputados Liebknecht e Babel se absteñen na votación no parlamento prusiano dos cretos de guerra, diante da tensión entre Prusia e Francia; os lassallianos votan a favor. Marx aproba a actitude dos primeiros. A batalla de Sedan fai caer o Imperio e proclámase en Francia a República. Marx insta ó partido socialdemócrata alemán a que se opoña á anexión por parte de Prusia, da Alsacia e a Lorena. Liebknecht e Babel son acusados de alta traizón e encadeados.

1871. Nos primeiros meses Marx denuncia publicamente a Bisnmarck e Gladstone; ó primeiro polo encadeamento dos seus camaradas e o segundo por non recoñece-la república francesa; esixe tamén ós traballadores ingleses que presionen para obter ese obxectivo. Proclamada en París a Comuna, solicitan de Marx que os oriente sobre as reformas sociais que deben levar a cabo. As autoridades da Comuna descobren documentos que indican que Vogt, que calumniara a Marx en 1860, recibira cartos de Napoleón III. Escribe diversas cartas e unha “Memoria da Guerra Civil en Francia” co tema da Comuna. Esta memoria é aprobada polo Consello Xeral. Marx recibe a delegados da Comuna. Derrotada, e iniciada unha feroz represión, os gobernos burgueses acusan á A.I.T. de se-la instigadora tentando prohibila; Marx en declaracións á prensa nega o papel que lle atribúe á Internacional pero admite que membros da Comuna eran internacionalistas e aproveita para explica-los obxectivos da organización obreira. Os últimos meses do ano os pasa, enfermo, preparando, xunto con Engels, a Conferencia da A.I.T.

1872. Desde principios de ano prepara a segunda edición de “O Capital” así como a súa tradución ó francés. Edítase en San Petersburgo unha edición en ruso. A campaña contra a Internacional continúa e todos os gobernos burgueses a acusan das maiores atrocidades, reprimindo a súa actividade na maioría dos países, o que leva a Marx a exclamar : “o raro e que non nos atribúan o furacán que asolou as Indias Occidentais”. Tamén tentarán provocar escisións cos grupos bakuninistas e outros de tendencia anarquista, utilizando os medios de comunicación; para saír ó paso destas especulacións xunto con Engels, redactará unha circular confidencial, “As presuntas escisións na Internacional”, onde da conta dun xeito cronolóxico das discusións con Bakunin e os seus partidarios desde 1868. Escribe un novo prefacio para “O Manifesto Comunista” no que evoca os sucesos da Comuna. No Congreso de La Haya se aproba a expulsión de Bakunin, e o traslado do Consello de Londres a Nova Iorque

1873. A partires de este ano a saúde de Marx vai a estar moi quebrantada, necesitando longos períodos de descanso; é atacado por unha cefalaxia aguda e a partires dese momento limitará a súa actividade e dará longos paseos por Hampstead. Aínda que a súa produción intelectual vai ser máis reducida, ata a súa morte vai encher decenas de cadernos con notas e comentarios e sosterá unha copiosa correspondencia. Escribe no “Almanacco Republicano” “A indiferenza en materia política” onde ataca ós anarquistas. Discute co tradutor de “O Capital” ó inglés sobre a posibilidade de determinar matematicamente as “principais leis da crise” a partires do movemento dos prezos, taxas de desconto, etc. Envía a Liebknecht un proxecto de programa para a unidade entre o Partido Social-demócrata Obreiro Alemá e o grupo de lassallanos, Asociación Xeral de Obreiros Alemás. Xunto con Engels desenténdense do Congreso da AIT de Xenebra, onde os anarquistas non poden enviar ningún delegado e celebran outro paralelo. Na práctica este Congreso foi o último efectivo ata a súa disolución no ano 1876, en Filadelfia.

1874. Traballa sobre os materiais para o Libro IIIº de “O Capital”. Este ano viaxará por dúas veces a Karlsbad para tratar a súa enfermidade. Foi o doutor Gumpert, o médico de Engels quen lle recomendou a visita ó balneario. Revisa a tradución francesa de “O Capital” e solicita ser naturalizado inglés, pois temía ter problemas fora de Inglaterra, recibindo unha resposta negativa do Ministerio do Interior; o informe de Scotland Yard dicía que o solicitante era o “coñecido axitador alemá”. Mantén unha entrevista con Liebknecht e é informado xunto a Engels das negociacións entre os partidos seguidores de Lassalle e os Social-demócratas para a súa unificación.. Le o libro de Bakunin “O Estado e a Anarquía”, no que as teorías de Marx ocupan un lugar destacado. Fai numerosas anotacións críticas que lle serven para precisar as ideas sobre as revolucións nos países de maioría campesiña e a ditadura do proletariado nos industrializados. En carta a Sorge, ve a guerra como o catalizador da revolución.

1875. Escribe un prefacio para unha nova edición de “Revelacións sobre o proceso dos comunistas de Colonia”. Recibe os documentos cos que se vai levar a cabo a unificación das dúas correntes do movemento obreiro en Alemaña e fai unhas precisións o Programa do Partido Obreiro Socialdemócrata Alemá que se coñecen como “Crítica ó Programa de Gotha” e foi publicado en 1891. Novo viaxe a Karlsbad; de volta comeza de novo os estudos sobre Rusia e expresa, que unha vez rematado “O Capital”, desexa escribir sobre dialéctica.

1876. Intervén nunha festa que conmemora a fundación da Asociación Cultural do Obreiros Alemás en Londres e relata na mesma a historia da Liga dos Comunistas ata a Liga dos Xustos, cuxo carácter internacional pon de manifesto. Solicítalle a Sorge que lle envíe todos os catálogos de libraría norteamericanos, desde 1843, para ter coñecemento de todo o publicado sobre agricultura, propiedade agrícola, etc; tamén solicita os de Hungría. Polemiza xunto a Engels, con Most e Dühring, para evitar que as súas ideas progresaran dentro do partido en Alemaña. Escríbelle a Liebknecht desaprobando os intentos da socialdemocracia de acercarse ós anarquistas e da necesidade dunha política antirusa xa que o imperio do tsar segue a ser o xendarme da reacción

1877. Estuda as condicións da agricultura rusa despois da abolición da servidume. A guerra ruso-turca lle fai renace-la esperanza de que unha vitoria turca favoreza a revolución en Rusia e leva a cabo unha campaña contra o primeiro ministro Gladstone pola política pro-rusa. Escribe un capítulo referente ás opinións económicas de Dührig, para o “Anti-Dühring” de Engels. Inicia unha nova redacción para o Libro II de “O Capital”. Redacta “O futuro social de Rusia”, resposta ó populista ruso Mikhailovski, quen lle atribuiu a tese de que, para chega-lo socialismo en Rusia era necesario pasar por unha etapa capitalista e facer desaparece-la comuna rural.

1878. Desde primeiros de ano, tanto en Francia como en Alemaña se inicia unha forte persecución das ideas socialistas. No primeiro dos países se estaban reorganizando baixo a dirección de Guesde e Malon, que desde o anarquismo van evolucionando cara a un marxismo “sui géneris”, que proclamaban no seu periódico”L'Egalité”. En Alemaña dous atentados contra Guillermo II, se atribúen ós socialistas o que permite a Bismarck prohibir todas as organizacións, mítines e publicacións socialdemócratas. Marx conmina a Lothar Bucher, antigo membro da Internacional e agora colaborador de Bismarck, para que explique publicamente que as doutrinas da organización obreira non teñen nada que ver cos atentados. Escribe “A historia da AIT segundo M. Howell” como resposta a un escrito de Howell, antigo membro do Consello, onde falaba negativamente da AIT e do papel desempeñado por Marx na mesma.

1879. A principios de ano celébrase unha comida curiosa, pois a filla maior da raíña Vitoria quere coñecer cousas de Marx e encarga a un parlamentario liberal que fale con el, e lle explique como é, o que pensa, etc A comida celebrouse na Devonshire Club e despois o parlamentario, Grant Duff, pasou un informe por escrito É un ano moi marcado pola enfermidade de Jenny e do propio Marx que limita a súa capacidade de traballo. Xunto con Engels adícase á tarefa de crear un órgano clandestino da socialdemocracia alemá. Envían unha “Carta circular dirixida ós dirixentes do Partido Socialdemócrata alemá”, denunciando os contidos dun periódico deste partido, dirixido por intelectuais burgueses, Bernstein, entre outros. Segue preocupándolle as cuestións rusas e as posibilidades dunha revolución nese Imperio, que segundo Marx, arrastraría ó Imperio Alemán. En outubro se constitúe en Francia, a Federación do Partido dos Traballadores Socialistas, dirixido por Guesde.

1880. Traballa nos Libros II e III de “O Capital”, tarefa que lle ocupa case todo o ano. Jules Guesde, lider do Partido dos Traballadores vai a Londres para entrevistarse con Marx e Engels e xunto co xenro do primeiro, Lafargue, discuten un programa electoral. Escribirá o seu limiar, e unha especie de enquisa dirixida ós obreiros franceses. En Francia se aprobara unha lei de amnistía, que reforzaba ós socialistas ó permitir a volta dos exiliados. Tamén escribe o limiar para o “Socialismo utópico e Socialismo Científico” de Engels. Liebknecht visita a Marx para darlle conta da situación do partido en Alemaña e rectifica-las tendencias oportunistas. Mantén unha intensa relación co revolucionario ruso Danielson e grupos revolucionarios do país. Narodnaia Volia ríndelle homenaxe pola súa obra. Con Engels e Lafargue intervén en Xenebra nun mitin no que se conmemora a revolución polaca de 1830 e lembra que a sublevación polaca de 1863, foi un elemento importante para constitui-la Internacional.

1881. Vera Zassulich, membro do grupo “Reparto Negro” do que en 1883 nacería a “Emancipación do Traballo”, un grupo marxista, solicita de Marx que expoña as súas opinións sobre o futuro da revolución en Rusia, dada a ampla discusión que había naqueles anos sobre se desde a Comuna Rural se podía pasa-lo comunismo, sen un proceso de industrialización capitalista. Moi enfermo, non pode contestar como pensaba debía facer. Ten o primeiro encontro con Karl Kautsky. A mediados de ano Jenny, esta gravemente enferma e morre o 2 de decembro. O médico recoméndalle non asisti-lo enterro dado o deterioro da súa saúde.

1882. Conxuntamente con Engels escribe o limiar da edición rusa do “Manifesto Comunista”. Marcha a Arxel en busca dun clima seco para trata-la súa pleura hipertrofiada. Ó pasar por París se entrevista cos dirixentes do Partido dos Traballadores. En Arxel o mal tempo non é solución ós problemas e marcha a Montecarlo e despois toma uns baños sulfurosos en Enghien. Máis tarde en Lausanne, Xenebra, xunto Laura, a súa filla, e Vevey. De volta a Londres da longos paseos xunto a Engels e segue con atención as experiencias de Deprez sobre a transmisión da electricidade a longa distancia. Critica con dureza os erros tácticos dos seus xenros Longuet e Lafargue; “¡Que se vaian ó demo Longuet o último proudhoniano, e Lafargue o último bakuninista!” nestas discusións cos xenros é cando di que “el non é marxista”, que se ten utilizado de modos moi diversos e para xustificar posturas oportunistas.

1883. O 11 de xaneiro morre dun xeito inesperado a súa filla Jenny. O estado de Marx agrávase; perde a voz. Ten un abceso no pulmón. O 14 de marzo morre.

Engels fixo o discurso fúnebre: “ O 14 de marzo, as tres menos cuarto da tarde, deixou de pensar o máis grande pensador dos nosos días(…)
(…)descubriu a lei do desenvolvemento da historia humana: o feito, tan sinxelo pero oculto baixo a matogueira ideolóxica, de que o home necesita, en primeiro lugar, comer, beber, ter un teito e vestirse, antes de facer política, ciencia, arte, relixión, etc., polo tanto a produción dos medios de vida inmediatos, materiais, e por conseguinte, a correspondente fase económica do desenvolvemento dun pobo ou dunha época é a base a partir da cal se teñen desenvolvido as institucións políticas, as concepcións xurídicas, as ideas artísticas e incluso as ideas relixiosas dos homes e con respecto a cal deben, por tanto explicarse, e non ó revés, como ata entón se viña facendo (…)
(…) Descubriu tamén a lei específica que move o modo de produción capitalista e a sociedade burguesa. O descubrimento da “plusvalía” iluminou estes problemas, mentres todas as investigación anteriores, tanto as dos economistas burgueses como as dos críticos socialistas, movíanse nas tebras (…)
(…) ata que naceu, como remate de todo, a grande Asociación Internacional dos Traballadores, que era, en verdade, unha obra da que o seu autor podía estar orgulloso, aínda que non crease ningunha outra cousa.
Por iso Marx, era o home máis odiado e calumniado do seu tempo (…) E morreu venerado, querido, chorado por obreiros da causa revolucionaria, como el, diseminados por toda Europa e América, desde as minas de Siberia ata California. E  atrévome a dicir que si puido ter moitos adversarios, apenas tivo un só inimigo persoal.
O seu nome vivirá a traveso dos séculos e con el a súa obra”.

En Galicia no mes de Maio de 2011