A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 28 de mayo de 2011

DESPOIS DAS ELECCIÓNS DO 22 DE MAIO


Carlos Dafonte


Comezou o proceso de alternancia entre PSOE e PP, proceso que debe culminar nas próximas eleccións xerais do mes de marzo, se non hai un adianto das mesmas.
Ningunha novidade para os asalariados e a clase obreira. As políticas neoliberais van continuar, polo tanto as agresións ós que crean riqueza; os especuladores, grandes empresarios, banqueiros e demais grupos da oligarquía española poden estar tranquilos; foi unha importante vitoria duns contra a súa figura reflectida no espello.
Cando un dos dous partidos maioritarios comeza a perde-lo consenso da sociedade, tócalle ocupa-los postos de responsabilidade ó outro, e así esta a pasar desde 1982. Un sistema moi parecido ó da “primeira restauración borbónica”, pero máis perfeccionado, é máis crible.
Hai algunha razón para que estes dous partidos, PSOE e PP, sexan os maioritarios?. 
Son varias:
En primeiro lugar unha lei electoral que os favorece.
En segundo uns medios de comunicación ó seu servizo; xogan un papel fundamental na creación da “mentalidade sometida”, trátase de convence-la maioría da cidadanía que PSOE e PP, representan á esquerda e a dereita, nun sistema moderno, e que a existencia destes dous partidos, a súa alternancia institucional, satisfai todas as necesidades políticas e programáticas.
En terceiro por recibir financiamento dos bancos, a fondo perdido, inversión que lles obriga a levar adiante políticas que favorecen ós principais grupos económicos, pero lles permite ter unha actividade que non pode ter outras organizacións con menos medios.
En cuarto, o sectarismo existente nos sectores da esquerda anticapitalista, que non permite avanzar cara a configuración dunha Fronte de Esquerdas. Pero tamén se beneficia o partido socialista, da actuación da forza política que ocupa hoxe o espazo da socialdemocracia, IU, empeñada desde hai anos en dúas tarefas: unha imposible, “facer virar-lo PSOE á esquerda”, a segunda, moi ligada coa primeira, que lle fai perder réditos constantemente, ser a muleta das políticas antisociais do PSOE nas institucións. Actuación que leva ós sectores máis radicais dos seus votantes á abstención ou voto nulo e branco, e os votos “máis centrados” a votar directamente ó PSOE, segundo as conxunturas. Os compadreos institucionais co PSOE e a cativa belixerancia cas cúpulas burocratizadas dos sindicatos maioritarios, non lle permitiu a IU, capitaliza-la enorme sangría de votos que fuxiron do partido do goberno nestas eleccións, nin os da esquerda que non presenta candidaturas. Sendo certa a afirmación anterior, tamén hai que dicir que IU recibe votos de “castigo” de votantes socialista. Pois ben, ó día seguinte, os seus principais dirixentes afirman a necesidade de apoiar a formalización de “candidaturas de esquerda” en Autonomías e Municipios, co PSOE. Que opinarán aqueles votantes que o fixeron por IU como castigo ó PSOE, e ven como o seu voto serve para reforza-lo partido do goberno? Como se lle vai dar apoio a quen leva adiante políticas antisociais e fala da necesidade de seguir afondando neste tipo de políticas?. De seguir por ese camiño, comeza a prepara-la súa próxima derrota ben axiña.
Hai uns anos, cando era coordinador de IU Julio Anguita, se definiu a política das “dúas orelas”; hoxe é tanto ou máis válida, que entón.
Dos resultado do pasado 22 de maio, saco as seguintes conclusións:
a) non apareceu unha alternativa clara, nidia, que actuara como “reclamo” para moit@s votantes, ás políticas neoliberais de saída á crise.
b) o PP está en mellores condicións para gañar as próximas eleccións xerais
c) a “grande vitoria” do PP, estudados ben os votos finais, indican que de 100 posibles votantes, só 24 o fixeron por eles, o que os debe situar diante da realidade. Pero só 17 o fixeron polo PSOE.
d) unha parte d@s votantes o fixo pensando máis nas eleccións xerais, que na especificidade para a que foi convocado.
e) excepto no País Vasco, onde se produce a grande vitoria de Bildu, conseguiu máis concelleiros que ninguén, o nacionalismo, chamémoslle progresista, sofre unha caída importante respecto ás anteriores, o que podemos analizar como un castigo ós apoios prestados ó goberno nestes anos de políticas antisociais. Deixou de funcionar ser “conseguidores”; @s votantes non aceptan esa chantaxe.
f) os resultados de Bildu podémolos considerar como un avance importante na “vía pacífica”.
g) hai que mirar con preocupación e deben ser cortadas de raíz, toda manifestación de racismo e xenofobia presente en determinadas candidaturas. Se non hai lexislación ó respecto, hai que facela.
h) a pesares do espectacular do acontecemento, a ocupación de numerosas prazas e espazos públicos, non creo que tiveran grande repercusión nos resultados finais. Posiblemente nas xerais do 2012, se muda algunha das súas posicións e se fai máis homoxéneo.

En Galicia no mes de maio de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario