A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 23 de diciembre de 2022

O TRIBUNAL CONSTITUCIONAL DEBE SER DISOLTO E DEBE DESAPARECER.

Eusebio López

Agora que o goberno quere aprobar unha lei para desbloquear a renovación do Tribunal Constitucional, a dereita reaccionaria (PP, Vox, Cs) pon o berro no ceo, e os seus portavoces no TC, co presidente do mesmo á cabeza, convocaron un pleno de urxencia para tentar abortar a lei antes de que sexa aprobada polo Congreso. Como esta decisión era delirante, aprazárona para levala a cabo antes de que a lei chegue ao Senado. Así lle meten presión aos senadores.


Por certo, non estaría de máis lembrarlle a todos os progresistas que agora se queixan da intromisión do Constitucional na vida parlamentaria, que ben calados estaban cando os cataláns quixeron facer un pleno do seu parlamento, para discutir sobre a separación do Estado e o TC declarouno inconstitucional, avalando xudicialmente a represión do 1 de outubro.


domingo, 11 de diciembre de 2022

SOBRE A COMPLEXA SITUACIÓN INTERNACIONAL (I)

Carlos Dafonte

Ao meu entender a situación internacional está dominada por dúas circunstancias de carácter xeral que se fan patentes dende hai anos e outras moitas que poden variar co paso do tempo, que analizaremos na segunda parte deste traballo.

Por unha banda a fondura da crise no sistema capitalista que se agravou a partir do ano 2007 cando, como no crac da bolsa mundial do ano 1987, deixou de ser unha crise na periferia, como foron a “crise da débeda”, a do “tequila”, a do “reis”, a do “rublo” ou a dos países ata o momento da súa creba, coñecidos como “tigres asiáticos”, que tiveron todas elas repercusións no centro do sistema capitalista, pero ningunha como a que lle afectou aos países centrais a partir de 2007, da que non deu saído, pero  agochou a pandemia. Esa era a realidade, as medidas de todo tipo que se tomaron non foron eficaces, só lle deron ao enfermo un curto tempo de tregua; a pandemia serviu para enganar á maioría das sociedades podendo asegurar, institucións, economistas, a maioría dos políticos, etc, sen poñerse vermellos, “agora que estábamos no bo camiño...” pero non, esa non era a realidade.