Robero Laxe
Podería parecer que todo o rebumbio levantado polas
reformas electorais propostas polo goberno e a Xunta é unha cortina
de fume, coa que tratarían de evitar o importante, as consecuencias
sociais e económicas das súas políticas para a poboación... Nada
máis lonxe da realidade, o PP con estas reformas electorais
-elección directa de alcaldes, redución de parlamentarios
autonómicos, etc.- esta remodelando o réxime do 78, blindando as
institucións fronte a cambios de calado que se anuncian.
Mesturando a Lenin con von Clausewitz, “a
política é a economía por outros medios”, e todos os recortes,
axustes e rescates só poden garantise a través dun retroceso
tremendo nas conquistas políticas, democráticas. É de caixón, de
aí por exemplo a disolución das brigadas antirroubos da Policía
Nacional e o reforzo dos antidisturbios para previr levantamentos
sociais.
Pero vaiamos por partes: primeiro, a reforma
electoral de face ás municipais -elección directa dos alcaldes-
arguméntana sobre a base de que é máis democrático unha lei
electoral como a que eles propoñen, que a actual, e ademais garante
a “gobernabilidade” dos concellos. Esta claro que o primeiro
argumento se é unha cortina de fume, o máis democrático non é que
se elixa directamente ao alcalde, é dicir, quen vai a mangonear
catro anos, senón que o pobo decida sobre todos os aspectos do seu
futuro: nun estado democrático a lei non está por encima da
decisión do pobo, senón ao seu servizo, porque a lei é emanación
do pobo. Mentres, nos estados non democráticos, absolutistas ou
ditaduras, é a lei, arbitraria ou non, a que se sitúa por encima da
vontade popular, encorsetándola.
O “xene” franquista asoma o seu nariz por
esta vía de que a lei sitúa-se por cima do pobo: as leis do
franquismo xa se situaban por cima do pobo, e non por iso era
democrático. Pero ese “xene” saca todo o seu corpo co segundo
argumento: garantir a “gobernabilidade”.
Por favor, que se deixen de monsergas, o que
realmente queren é o goberno dunha persoa e “brazos de Madeira”
(parlamentarios, concelleiros, etc.) como os do franquismo, que a
cambio dunhas prebendas e patentes de corso, votaban todo o que a
“autoridade competente” propuña. Son uns nostálxicos da
ditadura, na que os “políticos” non tiñan que pasar “o grolo”
dunhas eleccións cada catro anos, de enfrontar programas, para logo
incumprilos; e sobre todo arriscarse a perder o poder, é dicir o
control das subvencións estatais, desde o goberno central até o
ultimo concello. Garantir este control é o que esconden tras a
palabra “gobernabilidade”, porque a burguesía española
caracterízase pola súa dependencia total desas subvenciones /
concesións.
Se realmente queren achegar “a política”
e as institucións ao pobo, que establezan a revocabilidade de todos
os cargos electos, derroguen a antidemocrática lei D’Hont, que a
través da “enxeñaría” electoral favorece aos partidos
maioritarios, e os límites do 5% dos votos para ser elixido, poñan
os medios de comunicación desas institucións ao servizo das
organizacións obreiras e populares, das asembleas populares, de
maneira que todos poidan concorrer en termos de igualdade; neste
momento os únicos que teñen acceso a eses medios, públicos e
privados, son as organizacións burguesas e as que se lles concede
graciosamente ese “privilexio”.
Estas e outras medidas son os oposto polo
vértice á proposta polo PP neofranquista, polo que só a través da
loita vanse a conseguir.
Unidos a estes argumentos “políticos”,
explican que as medidas de reforma electoral que propoñen, supoñen
un “aforro” en custos parlamentarios ou nos concellos. Novamente
sae o “xene” franquista, presupondo que o goberno dunha persoa é
máis barato que unha democracia. Falso até a medula, porque ese
goberno supón un alto grao de arbitrariedade á hora da utilización,
sen control, dos orzamentos públicos.