A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 14 de febrero de 2022

ANÁLISE "URXENTE" DOS RESULTADOS DAS ELECCIÓNS DE CASTELA E LEÓN

Carlos Dafonte.

    Celebradas as eleccións en Castela e León, coñecidos os resultados, teño a impresión que hai catro perdedores, o Psoe que aínda que leva 35 anos sen gobernar-la comunidade era o primeiro partido e perdeu 7 deputados ficando no segundo posto, o Pp que convocounas para sacar maioría absoluta, as enquisas así o indicaban no seu momento, e gañou pero só subiu dos deputados e depende doutros grupos para poder gobernar, Ciudadanos que estaba comodamente instalado no goberno e perdeu 11 deputados e Unidas Podemos, que retrocedeu e dun resultado malo nas anteriores, 2 deputados, agora perdeu  un deles.

Todos os demais se pode dicir que son gañadores, os neofranquistas de Vox que acadan 13 escanos, “Unión del Pueblo Leonés”, que hai moitos anos pintaban as paredes con “Martín Villa León no es Castilla” e que loitaban, non sei se manteñen esa reivindicación, por separarse e crear unha comunidade uniprovincial; ¡Soria Ya! que de 5 escanos en xogo acadan 3 e unha candidatura por Avila que repite escano e procedían do Pp; xa se sabe lios de familia.

Escoitando nun dos faladoiros sobor dos resultados, alguén falou de estudos que indicaban que  esta comunidade é dentro do territorio do estado, a que se sinte menos identificada ca autonomía e unha parte importante da xente a quen se lle preguntou sobre esta cuestión, non ven mal volver a un estado máis centralizado; é tamén a comunidade coherentemente co anterior, onde máis se identifican como “españois”  e descoñezo como se chegou a esta valoración, onde un tanto por cento maior de persoas se consideraban de “dereitas”. Estes resultados dentro dun estudo sobre o conxunto das comunidades autonómicas.

O anterior pode axudar a comprender algúns aspectos que atinxen ós resultados do día 13, como pode ser que o Pp recuperase o primeiro posto en número de escanos, unha “vitoria pírrica” moi afastada dos seus obxectivos, ou a suba descomunal de Vox que de 1 escano pasa a 13, a baixada do Psoe e a irrelevancia institucional de UP. 

Tamén é  posible que os obxectivos políticos que se tentan acadar co discurso levado a cabo  por Pp e Vox, teñan axudado a este resultado que si se quere mirar dende o prisma goberno-oposición, a realidade é que o goberno perdeu 8 escanos e a oposición maioritaria, Pp-Vox, “Ciudadanos” nos últimos meses xirou no seu discurso aínda que de pouco lle valeu, gañou 14.

Despois do día 13 de febreiro o Pp debe decatarse de que a quen verdadeiramente beneficia ca súa actitude de utilizar un discurso bronco, incapaz de acordo algún, que sitúa na ilexitimidade ás propias institucións da democracia burguesa española, ó Goberno en primeiro lugar e hai uns días, despois da aprobación da “reforma da reforma laboral”, ás propias Cortes, non é ó seu partido, senón ós neofranquistas de Vox. De acordo cos resultados de onte, gobernará en Castela e León si Vox lle deixa, como acontece en Madrid e Murcia. Están a branquear a unha organización que en algúns países da Europa cas que se queren comparar, hai anos excluíron de calquera tipo de alianzas

Terán que comenzar a explicar tamén, no caso de chegar a un acordo con Vox, como se goberna unha autonomía cunha formación política que está a favor de poñer fin ó proxecto autonómico que establece a Constitución, pero tamén Vox terá que explicar e xa é hora de que se lle prema sobre este e noutros temas do seu programa, pero neste no concreto, para que quere un vicepresidente dun goberno autonómico, se o seu obxectivo é poñer fin ós gobernos autonómicos.

Coido que a Pablo Casado e os seus estrategos fronte a ameaza de Isabel Ayuso, non lles saíu ben a xogada; querían unha maioría absoluta para que Casado aparecera como un triunfador e coñecedores dende hai días dos resultados que indicaban as enquisas, ninguén da dirección de Génova acompañou o candidato; na responsabilidade dos resultados, queren facer ver que a dirección estatal nada ten que ver no fracaso. Alguén pode pensar que non acompañarían ó candidato Mañueco numerosos membros da dirección de Génova si se tivese a convicción de que a maioría era absoluta?. Os que apoian a Isabel Ayuso para a presidencia do Pp na Comunidade frótanse as mans. Pablo Casado sae este 13 de febreiro máis feble que antes da convocatoria.

Se atreverá o presidente de Andalucía a convocar eleccións para esta primavera como tiña previsto, ou vistos os resultados en Castela e León, prefire cavilalo mellor? O berro do presidente de Andalucía nun acto de axuda ó candidato  Mañueco non necesita hoxe moitas explicacións ¡Por dios saca maioría absoluta!.


En Galicia no mes de febreiro de 2022 


No hay comentarios:

Publicar un comentario