A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 11 de septiembre de 2022

LEMBRANDO OS TEMPOS DE GORBACHOV

Carlos Dafonte


Estes días, nos que coñecimos a morte do antigo secretario xeneral do PCUS, Mikhail Gorvachov, se están a reproducir os debates, con moita menor intensidade, que os levados a cabo no tempo da desaparición da URSS, da independencia de moitas das repúblicas que a conformaron, a volta ao capitalismo en todas elas e a liberdade para elixir o seu camiño daqueles países que pertencían o Pacto de Varsovia.

O debate entre os contrarios a actuación de Gorvachov e os partidarios do mesmo, se centraban en acusalo de traidor  ó socialismo, renderse ó imperialismo os seus detractores e os que o defendían, que tentara “renovar o socialismo”, darlle un novo pulo por medio do que se coñecía como a “perestroika” e a “glasnost” que non era outro proceso que a democratización da sociedade, o control da mesma sobre todas as actividades dos organismos gobernamentais.

Ámbalas dúas posicións a contraria e a favorable a Gorbachov, non entraban no debate central que a min sempre me pareceu fundamental, a natureza da sociedade e do réxime soviético. Ámbalas dúas partían da mesma base, de que había socialismo, coincidindo co imperialismo que considerou a queda da URSS como froito da súa actividade e o seu trunfo definitivo, contra o socialismo e o comunismo e a demostración de que a “democracia americana” era superior.

Diferentes críticas ó que acontecía na URSS

Pódense reducir a tres, as críticas do que acontecía na URSS analizadas dende o método marxista ou próximo ao mesmo; a primeira, a posición do trotskismo que recolleu unha afirmación de Lenin do ano 1920 que cualificou ó estado soviético, como “estado obreiro con deformacións burocráticas”; o trotskismo exacerbando a súa critica despois dos acontecementos que se producen na URSS, unha vez morto Lenín, afirman que é un estado obreiro dexenerado, que non permite a transición do capitalismo ó socialismo.

Unha segunda interpretación é a de que nos atopamos diante dunha sociedade socialista autoritaria, posición esta que fixa a súa atención nas relacións entre a base económica e a superestrutura política; a primeira sería socialista e a segunda tería adoptado un xeito autoritario, non democrático, afastada do que debe ser no socialismo.

A terceira afirma que é unha sociedade capitalista particular, unha especie de capitalismo de estado con dúas clases en litixio, a burocracia estatal, ou burguesía estatal,  e o proletariado.

Se estas son as interpretacións básicas das que se falaba nos anos 60 e 70, como resumo a non aceptar ningunha delas, algúns teóricos e estudosos da URSS, chegaron á conclusión de que nos atopábamos diante dunha formación social específica, nin socialista nin capitalista, resultado do desenvolvemento histórico, nunhas condicións concretas nas que se desenvolveu o proceso de transición despois da revolución.

Os que pensabamos que na URSS e nos países por ela controlados, non había socialismo e moito menos comunismo como se afirmou no ano 1936, cando se proclamou con solemnidade a desaparición da loita de clases e a existencia do “estado de todo o pobo”, levabamos tempo estudando a economistas que reflexionaban sobre o carácter da economía e as institucións da URSS, para dar resposta a varias preguntas que nos empezamos a facer, eu en particular, a partires de 1968 cando o Pacto de Varsovia invadiu Checoslovaquia poñendo fin a un proceso, dirixido polo Partido Comunista, que o levou a ter que celebrar o seu congreso na clandestinidade, e pouco despois caer de novo baixo o dominio de quen debía ser de pular ese tipo de iniciativas, en vez de abortalas.

As preguntas eran moi sinxelas: a riqueza producida pol@s traballador@s soviéticos era administrada por eles?. O estado estaba ó servizo da clase traballadora ou ó servizo da burocracia estatal e partidaria?. A planificación económica era democrática, contaba ca participación d@s obreir@s, ou burocrática, establecida de arriba a baixo sen contar coas necesidades da maioría da sociedade?. Os sindicatos, quen os controlaba, @s traballador@s ou esa mesma burocracia que usufrutuaba a riqueza producida?. 

Ninguén de esquerdas podía negar  que a URSS representara un avance importante: a burguesía fora expropiada e como tal clase capitalista non existía, non contaba cos medios de produción, pero estes non se atopaban nas mans da sociedade; tamén era evidente que un país moi atrasado acadara unha mellora importante no proceso de industrialización, da técnica e a ciencia, asi como a importancia que tivo a mobilidade social nunha sociedade parecida á estamental e o papel xogado na derrota do nazismo; pero todo este conglomerado de medidas e acertos non nos definen unha sociedade socialista e polo tanto, partindo desta premisa, coido que Gorbachov, quería levar adiante, unha democratización da sociedade, que houbera maior participación, que fora máis transparente e dar solución ós devezos de diferentes repúblicas sen utilizar ó exército para opoñerse; me parecía unha idea correcta.

Despois de Jruchev o “socialismo desenvolvido”

Dubido moito que Gorbachov estivera de acordo con considerar, como se estableceu na etapa de Brezhnev que a URSS entrara nun estado superior do socialismo, o “socialismo desenvolvido”, etapa moi próxima á sociedade comunista como teorizaron Ponomariov e sobre todo Semionov na súa obra “A doutrina do socialismo desenvolvido e da súa transformación en comunismo”. Segundo esta teoría a URSS se atopaba na “sociedade socialista desenvolvida”, pero a realidade e hai estudos económicos que consideraban, que a situación económica cando Gorbachov chega ó poder, se atopaba como sinalou Taibo no seu tempo, nunha situación crítica.

Axiña, calquera se podía decatar que os inimigos que o novo secretario xeral do PCUS tiña dentro da URSS eran moi importantes; por unha banda, os que querían que todo seguira igual e os que estaban dispostos a dar o “grande salto”, de pasar de usufrutuar a riqueza producida pol@s traballador@s, a posuíla en propiedade e pular a volta ao capitalismo,  e entre ámbalas dúas correntes, inimigas entre si pero aliadas en poñer fin á “perestroika”, puxeron termo ó proceso que Gorbachov tentou abrir.

O primeiro paso foi o golpe de estado levado a cabo polos sectores inmobilistas en agosto de 1991; o segundo paso o dado por Boris Yeltsin, como presidente da Federación Rusa, de ilegalizar o Partido Comunista en Rusia que foi o golpe definitivo á existencia da URSS. Despois o bombardeo ao Parlamento Ruso, apoiado por todas as “democracias”, onde se estaba a producir un enfrontamento entre o poder persoal do presidente e o poder colectivo duns votantes que despois de moitos anos depositaran o seu voto e elixiran entre as numerosas forzas políticas presentadas.

Foi culpable Gorbachov do que aconteceu na URSS?, todos os dirixentes foron culpables, uns por acción e outros por omisión, pero non creo que o recen falecido o fora máis ou menos que quen dirixiu a URSS dende 1936-38, datas críticas, ata a súa disolución.


En Galicia no mes de setembro de 2022.


No hay comentarios:

Publicar un comentario