A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 16 de septiembre de 2022

A LOITA POR UNHA INTERNACIONAL REVOLUCIONARIA: CRISE OU BALEIRO DE DIRECCIÓN REVOLUCIONARIA.

Roberto Laxe

Se algo está claro desde comezara a Pandemia é que a crise social e política do capitalismo ten uns ritmos moi semellantes en todo o mundo. A globalización capitalista dos 90 foi substituída pola “globalización da crise”, con políticas económicas y sociais de todos gobernos que semellan fotocopias umha doutra: liberalización das relacións laborais, privatizacións de todo o privatizable, desde a ar ou o chan ate os servizos públicos, tendencias o autoritarismo, disolvendo os limites entre “ditadura e democracia”, etc.


Mentres os capitalistas, os seus políticos e técnicos, reunen-se por riba das fronteiras nacionais case todos os meses, para coordinar as respostas e as políticas para enfrontar a crise, o G7 ou o G20, a UE, a OTAN no caso do imperialismo euro norteamericano, o Acordo de Shangai, os BRICS, o Foro Económico Internacional de San Petersburgo, etc., no caso do emerxente imperialismo chino-ruso, a clase obreira e os pobos respostan desde dentro desas fronteiras nacionais, co nacionalismo como bandeira. Foi Stanley Kubrick quen, en Carreiros de Gloria, dixo que “o nacionalismo é o refuxio dos canallas”. A ideoloxía nacionalista, como calquera outra que rompa a unidade da clase obreira frente o seu inimigo de clase, é a mellor ferramenta que ten o capital para aplicar o lema “divide e vencerás”.


Trotski dicia que a sua verdadeira gran obra foi a construción das IV Internacional, afirmación que foi confirmada por la negativa pola burocracia soviética cando disolveran a III como “agasallo” os imperialismos “democráticos” na II Guerra mundial. Esta foi a maior traizón da caste dirixente da URSS, pois alimentou dentro da clase obreira o nacionalismo pequeno burgués que tomou a dirección dos partidos comunistas en todo o mundo.


Na loita contra o imperialismo capitalista, a alternativa é clara, ou internacionalismo proletario cristalizado numha internacional revolucionaria ou estreito nacionalismo pequeno burgués. E esta foi a opción que todos os que despois da II Guerra dirixiron revolucións na China, Cuba ou Vietnam, o non avanzar na construción dumha internacional revolucionaria que encadrara a suas revolucións no único marco posible, o da revolución mundial. O final é de todos coñecido; o capitalismo impuxo-se e xa non se pode falar de estados “socialistas”, son todos capitalistas, ou ben semicoloniais (a maioría deles) ou imperialistas emerxentes (China e Rusia).


¿Baleiro ou crise?


No texto falase do “baleiro” e non da “crise” da Internacional porque cando Trotski escribía, consideraba que a IIIª, antes da derrota da clase obreira alemá ante o nazismo, era rescatable cunha revolución interna que expulsase aos elementos burocráticos. Por iso fala de “crise” da dirección revolucionaria, porque a que existía, a III non desaparecera, entrara en crise pola traizón da súa dirección. Só cando ve que os cadros fundamentais da Internacional non reaccionan ante a política do PC alemán no ascenso do nazismo, é que propón a construción dunha nova internacional.


A IV Internacional foi fundada en 1938, na Conferencia de París, co obxectivo de retomar as bandeiras que desen orixe á revolución de Outubro e á III Internacional. Con todo, as condicións na que unha e outra se fundaron eran radicalmente distintas; a III xurdiu da vitoria da revolución de Outubro nun marco abertamente revolucionario co proletariado alemán en plena efervescencia.


A sua orixe, que marcará o seu futuro, é froito de dúas derrotas, unha a do proletariado europeo na Alemaña, Francia e o Estado Español, co dominio fascista no continente; dous, a da contrarrevolución stalinista, cando a burocracia afiánzase no seu poder polo illamento internacional da nacente URSS e os relativos éxitos económicos da planificación da economía, así fose burocrática, fronte a un capitalismo en crise desde 1929.


A esencia defensiva da IV


As derrotas dos anos 30 determinan o ascenso en paralelo do fascismo e o stalinismo, que se certifica co asasinato de Trotski, xunto coa represión e desaparición da vella garda bolxevique nos Procesos de Moscova. Con eles rompe o cordón umbilical da xeración que se forxou no gran proceso revolucionario co que acabou a I Guerra Mundial e que dirixise a revolución de Outubro.


Estes elementos determinan a esencia da IV como unha organización defensiva, cuxo gran obxectivo na historia é salvagardar as tradicións revolucionarias ante os embates da burguesía imperialista e, sobre todo, da dexeneración do marxismo pola burocracia soviética, que o converte nunha ideoloxía relixiosa ao servizo de lexitimar o seu poder totalitario.


Aínda que a vontade da IV é a de loitar pola revolución socialista mundial, o contexto histórico non é favorable. A burocracia stalinista, nas súas máis diversas formas, soviética, maiosta, vietnamita, ... vai cumprindo inconscientemente a “variante menos probable” que Trotski sinalase no Programa de Transición; que froito do gran ascenso revolucionario xerado tras a II guerra mundial, organizacións non bolxeviques encabezasen revolucións triunfantes.


Isto é o que se deu ao longo de todos estes anos, e se nos anos 30 o muro entre o marxismo revolucionario e a clase traballadora era a burocracia da URSS e os partidos comunistas, despois da II guerra e o triunfo da revolución chinesa, iugoslava e posteriormente cubana, novos “ismos” convertéronse en novas barreiras.


O maoísmo, o titismo e o castrismo uníronse, como variantes máis ou menos dogmáticas, ao stalinismo como “forzas que encabezan revolucións”, o que lles fai aparecer como “revolucionarios”. O titismo é o que menos éxito ten, pero o maoísmo convértese, con base ao estado chinés, nun serio competidor ao stalinismo de orixe rusa que se traduce en guerras entre a URSS e China, mentres o castrismo arrastra a todo un sector da vangarda latinoamericana e en menor medida europea, tras as pegadas do guerrillerismo e o foquismo.


Fronte ao trotskismo, todos eles teñen a lexitimidade que lles dá encabezar revolucións. Seguindo a “hipotesis menos probable” de Trotski, son “revolucionarios” obxectivos, pois enfrontaron e derrotaron ao imperialismo e ao capitalismo; embora, son contrarrevolucionarios nos feitos, posto que ningún aproveitaba a súa vitoria para desenvolver a revolución mundial, chegando a guerras entre eles. A diferenza dunha dirección revolucionaria, neles predominaba a defensa dos seus intereses burocráticos nacionais e a usurpación do poder do estado obreiro, co que se convertían en freos á revolución mundial.


Ao non basearse nunha política revolucionaria consciente, senón ser froito da tremenda presión social esta obrígalles a ir máis aló dos seus programas políticos: desde Tito até Castro, pasando por Ho chi Ming, a tarefa que se asignaban non era a expropiación do capitalismo, senón a conquista de réximes democrático burgueses independentes do imperialismo. É a dinámica da revolución que encabezan a que lles obriga a expropiar ao capitalismo, non o seu programa de revolución democrática.


O caso paradigmático é o de Fidel Castro en 1959, afirmando rotundamente que el “non é comunista” e só tres anos despois, en 1962, Cuba declarábase socialista con el á fronte. Esta contradición entre a vontade de Fidel Castro e a realidade só explícase porque a revolución era unha necesidade obxectiva tan poderosa que tiñan que cabalgala para evitar ser desbordados.


O trotskismo, neste marco e salvo excepcións (Ceilan, Bolivia), aparecía á defensiva e o máis que facía era “explicar” o que pasara. Pero como dicía W Reich, “todas as nosas explicacións non anulan as nosas derrotas”; e desta maneira profundábase a esencia defensiva do trotskismo, nacido de dúas derrotas históricas e que non era capaz de romper o seu illamento respecto da amplas capas da poboación traballadora.


Con todo Trotski tiña razón


En 1989 / 90 todo este aparello stalinista é dinamitado polas revoltas populares nos países do chamado “socialismo realmente existente” que non concluíron coa instauración da ditadura revolucionaria do proletariado. Como todo o que non avanza, retrocede; esta derrota acelera o proceso de restauración do capitalismo en todos eles, espindo o verdadeiro carácter desas burocracias. Non só coa sua “planificación burocrática” da economía sentaron as bases para o colapso das súas sociedades non capitalistas, senón que aos primeiros síntomas do desastre, moitos deles pasáronse con armas e bagaxes ao capitalismo.


Ficou claro que non lles era moi difícil pasar de ser un burócrata que usufrutuaba os recursos do estado a ser os seus propietarios; vendéronse a eles mesmos e ás potencias imperialistas o que xa usufrutuaban, a propiedade das empresas estatais. Pola negativa confirmaron a xenial anticipación que Trotski fixera en 1938, na Revolución Traizoada, cando escribiu: “Sen economía planificada, a URSS retrocederá décadas. Ao manter esta economía, a burocracia continúa desempeñando unha función necesaria. Pero faio de tal maneira, que prepara unha explosión de todo o sistema que pode varrer completamente os resultados da revolución. Os obreiros son realistas”.


E di, noutro lugar, que a “(...) caída do réxime soviético provocaría infaliblemente a da economía planificada e, por tanto, a liquidación da propiedade estatalizada. O lazo obrigado entre os trusts e as fábricas, no seo dos primeiros, rompería. As empresas máis favorecidas serían abandonadas a si mesmas. Poderían transformarse en sociedades por accións ou adoptar calquera outra forma transitoria de propiedade, tal como a participación dos obreiros nos beneficios. Os koljoses se disgregarían ao mesmo tempo, e con maior facilidade. A caída da ditadura burocrática actual, sen que fose substituída por un novo poder socialista, anunciaría, tamén, o regreso ao sistema capitalista cunha baixa catastrófica da economía e da cultura”. Desgraciadamente isto é o que en 1989 / 90 sucedeu, e a “baixa catastrófica da economía e a cultura”, supuxo tamén un tremendo retroceso na conciencia das masas, que asociou réxime burocrático a socialismo.


Para o marxismo revolucionarios era evidente que tras o Muro de Berlín non había socialismo, pero ante as poboacións si aparecía como tal, alimentado, primeiro, pola política stalinista de falar no nome dese proxecto social e da clase obreira, asi como pola propia burguesía, tamén interesada en facer aparecer ante a clase obreira o carácter represivo do réxime burocrático stalinista ao socialismo e así matar dous paxaros dun tiro, á URSS e ao socialismo como alternativa ao capitalismo.


Como toda gran mentira tiña un elemento de verdade senón é incrible; a asociación entre “socialismo e réxime burocrático” outorgou verosimilitude á campaña dos anos 90 “o socialismo e o marxismo morreron”, que calou fortemente na conciencia das masas. Mesmo agora, cando xa non quedan estados non capitalistas, tanto os medios de propaganda burguesa como stalinistas nostálxicos seguen asociando a China, Rusia, Cuba ou Venezuela ao “comunismo”. Teñen que seguir alimentando esta falsa conciencia para desviar ao pantano da democracia capitalista todas as loitas que se seguen, e seguirán, dando, desde Chile até Ceilán.


A necesidade da reorganización


Tras a caída do Muro de Berlín, e as revolucións e/ou revoltas que produciron-se fronte ao proceso de restauración do capitalismo que conduciron ao colapso da URSS, significaron a desaparición das bases materiais da dirección política da clase obreira a nivel mundial, o stalinismo en calquera das súas variantes.


Debería abrirse un proceso de reorganización política e sindical do movemento obreiro e de masas como sucedese tras a derrota da Comuna de Paris e a disolución da I Internacional ou coa bancarrota da II, tras a traizón ante a Ia guerra mundial; con todo, o calado da derrota que supuxo a restauración do capitalismo, a “baixa catastrófica da economía e da cultura” que supuxo, fai ilusorio pensar que a reorganización das forzas revolucionarias ía seguir un camiño tan lineal como o dos seus predecesores.


A III foi disolta como “agasallo” da burocracia soviética que garantiu ao capitalismo a fase de crecemento económico que se deu en coñecer como os “trinta gloriosos”. A súa disolución foi unha das columnas do pacto social entre a burocracia soviética e o imperialismo que hexemonizou a situación política mundial até finais dos 80; un pacto social que, de non producirse unha revolución política que expulsase aos burócratas do poder que retomase o camiño da revolución mundial, sentaba as bases para a derrota dos estados obreiros certificando o carácter contrarrevolucionario da teoría do “Socialismo nun só pais”


O socialismo só pode ter un carácter, internacional; sen ese carácter afógase na súa propia salsa incapaz de superar a fase do “repartición da miseria”, concepción oposta polo vértice ao que debe ser unha sociedade socialista. A hexemonía capitalista do imperialismo na procura de novos mercados e de recuperar a explotación dos sectores obreiros que escápanse-lles, non abandonará en ningún momento o obxectivo de restaurar o capitalismo neses estados. Ambos os elementos confluíron para o colapso da URSS e a restauración do capitalismo en todos eles.


O mecanicismo de pensar de que caese o muro que impedía avanzar na revolución, todo ía ser un camiño de rosas foi nefasto para multitude de correntes marxistas revolucionarias. Até a data os únicos que se reorganizaron son os pos marxistas, os antimarxistas e a extrema dereita, que ante o baleiro de dirección entran en sectores oprimidos e explotados da sociedade.


Hoxe o inimigo da clase obreira non é o stalinismo, reducido a umha ideoloxía nostálxica e fanaticamente antitrotskista, senón as falsas conciencias e as organizacións construídas sobre o seu colapso: a pos modernidade, o pos marxismo, o seudo anarquismo, é dicir, o “teito de cristal democrático” construído ao longo de todos estes anos.


Romper o “teito de cristal”


Neste cadro do “teito de cristal democrático” hai que sinalar un elemento crave para o futuro, o esgotamento dos “experimentos” políticos con gasosa que foron o pos marxismo e a posmodernidade, expresado en dúas dos seus principais exemplos, o PSOL e Podemos. Ambos entraron de cheo no campo gravitacional dos partidos “demócratas” adornados de nomes “obreiristas”, a PT e o PSOE.


Se temos en conta o que todo o mundo sabe, que baixo o capitalismo o futuro ten máis aspecto dunha distopía que dunha sociedade desenvolvida e humana, é obvio que a desaparición desas organizacións do espectro político vai liberar forzas, que ante o baleiro de dirección revolucionaria, están a se orientar no mellor dos casos ao que Walter Benjamin dixese, explosións sociais como “medios sen fin”, e no peor a caer baixo a batuta de elementos neofascistas, co rexurdimento das teorías negacionistas, terraplanistas e deístas (o “deseño intelixente”).


O marxismo revolucionario ten que deixar de ser un “interprete” da realidade, recuperando un concepto perdido, pero que era a definición da III Internacional, e recuperando o seu espírito critico e polemista, unir a todas aquelas persoas que tiver como eixo estratéxico a loita polo poder na transformación socialista da sociedade.


Na III conviviron correntes das máis diversas e con profundas diferenzas entre eles; as que atravesaban a Rosa Luxemburgo con Lenin, a Trotski con Gramsci, por pór algúns exemplos significativos eran, de lonxe, máis profundas que as que hoxe existen en moitas correntes do marxismo revolucionario (exceptuando aquelas que abertamente romperon co marxismo, como o SU).


Hai que situarse nesta realidade marcada por catro elementos, un, a crise social e económica do capitalismo, dous, a crise de “gobernanza” entre as potencias imperialistas, tres, o atraso na conciencia das masas marcado por “o teito de cristal democrático”, catro, o baleiro que non crise de dirección revolucionaria.


A III Internacional, o ser froito da vitoria de Outubro, tiña como cemento a sua forza expansiva , que era un exemplo vivo para millóns de persoas: era un polo de atracción político que demonstraba que era posible acabar co capitalismo.


Hoxe, pola contra, partimos da confirmación pola negativa de que o capitalismo só conduce á barbarie. O gran reto é transformar esta negatividade nun elemento positivo que reagrupe ás forzas que apostan polo programa da revolución socialista, sen a lexitimidade que tiñan os Bolxeviques, a de encabezar ningunha revolución.


Isto obriga a unha combinación moi delicada de firmeza no principio de que só o socialismo salvará á humanidade da barbarie, e a humildade de quen non dirixiu ningunha revolución; que “só” pretende construír o partido que sexa capaz de encabezala cos retos do século XXI, sen Muro de Berlin nin revolución política, soamente a revolución socialista.


Galiza no mes de setembro de 2022



No hay comentarios:

Publicar un comentario