A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 29 de octubre de 2022

CAMBIO DE PARADIGMA: "ECONOMÍA DE GUERRA" E "PAZ SOCIAL", CARESTÍA E RACIONAMENTO.

Roberto Laxe

Hai uns días, no programa de Ferreras, A lume vivo, falando das medidas da UE para "enfrontar" a inflación, os dous xornalistas que se moven o ámbito ideolóxico do goberno de Sánchez e Díaz, fixeron senllas intervencións complementarias.


Un dixo que en tempos de "economía de guerra" eran necesarias medidas duras, e o outro o complementou, pero esas medidas tamén teñen que garantir "a paz social" interna, A lóxica desta complementariedade é esmagadora: un estado non pode gañar unha guerra se ten o seu propio país, a súa retagarda, incendiado polo rexeitamento social, por iso hai que crear “unidade nacional” fronte ao inimigo.


Cal é o cambio de paradigma?


Ao longo de moitos anos, desde o colapso da URSS en 1991, e coa declaración de Bush I “o pai” do “século americano”, os únicos que tiñan dereito a invadir países eran eles: a lista é interminable. A agresión rusa a Ucraína, co respaldo aberto de China, rompeu esta paradigma, dinamitouno.


É por isto que todo Occidente sintiu-se agredido: xa non son os “marines” nin os “contratistas” (eufemismo de mercenarios paramilitares) de Blackwater, os “nosos”; agora son soldados rusos e os seus “contratistas” do Grupo Wagner. Dito para que se entenda segundo a imaxineira dos filmes de Hollywood, xa non hai un só “shériff” o mundo, agora hai, polo menos, dous; un en inglés e o outro en ruso. É por isto que todos os gobernos de Occidente, e en concreto a UE, abandonaron a súa retórica negociadora, de buscar saídas diplomáticas aos conflitos.


Neste terreo, é o Ministro de Asuntos Exteriores europeo, Josep Borrell, o máis belixerante: "Non estamos a loitar contra Rusia. Estamos a defender a Ucraína. E defender a Ucraína significa defender a orde internacional baseado en regras. Pola contra, será a lei da selva"; aclarando que falan de acabar con Putin, que “non teñen nada contra o pobo ruso”.


E continua, contradicíndose, "A tentación de abandonar está, pero non podemos fraquear, hai que manter o apoio a Ucraína" porque "Rusia non se vai a render". Á pasada, porque non é o obxectivo deste artigo polemizar co representante dos burgueses imperialistas europeos, estamos ou non estamos a loitar contra Rusia”. Porque na primeira frase di, que “non”; con todo, o 15 de setembro, di que “Rusia -non Putin- non se vai a render”.


Pero no que non se contradí é en definir os obxectivos que teñen, “defender a orde internacional”; é dicir, o que saíu do colapso da URSS e a restauración do capitalismo, cos EEUU de “shériff” e a UE de axudante. Rusia, coa súa intervención en Ucraína, e o seu aliado, China, puxeron patas para arriba esta paradigma e isto é o que leva ao Sr Borrell a afirmar con rotundidade: "As guerras gáñanse con armas"


Estamos, entón, nunha situación na que a máxima do filósofo grego Parménides de Elea, de que “a política é a guerra con palabras” (a diplomacia) deixou paso á de von Clausewitz, cando afirmou que a “guerra é a política con outros medios”. Se no primeiro caso os medios son os tratados, as leis e os acordos, no segundo, son as “armas” as que falan. Neste marco enténdense as palabras do xornalista da Sexta cando di que estamos ante medidas de “economía de guerra”.


Hai unha terceira máxima que pode axudar a entender a retórica belicista que se utiliza constantemente desde os medios, esta é de Lenin, “a política é economía concentrada”. Non hai máis que facer unha ecuación entre Parménides, Von Clausewitz e Lenin para comprender que a defensa do “orde internacional” do Sr Borrell, é a defensa da orde IMPERIALISTA internacional coñecido até agora, e cuestionado pola intervención rusa.


Unha aclaración para stalinistas nostálxicos e similares, a intervención rusa non cuestiona a orde imperialista en xeral, só a orde imperialista ao redor dos EEUU; e o obxectivo de Putin é tan mentireiro como o de Borrell. Se para este a defensa do “orde” relaciónase coas democracias capitalistas occidentais, o de Putin, o seu “desnazificación” e “apoio ao Donbass”, é en realidade para esixir para a súa cadea imperialista (a que lle asocia a China) o seu parte do pastel do mercado mundial. Non teñen nada de antiimperialistas, só chocaron cun “orde internacional” que lles frea no seu crecemento como potencias.


Paz social, carestía e cartillas de racionamento


A lóxica da procura da “paz social” en tempos de guerra é a que aplicaron nos EEUU ante a folga do 100 mil ferroviarios que ía comezar estes días. Ante a presión do Congreso e o Senado, do propio Biden, pechouse temporalmente con concesións aos traballadores. A importancia política desta folga é indubidable, o 40% das mercadorías nos EEUU móvese por tren e era imprescindible a “paz social” para enfrontar os retos internacionais que teñen.


En Gran Bretaña, pola súa banda, que vivía unha onda de folgas sen precedentes en décadas, a morte e os funerais da raíña Isabel II -que, como dixo a actriz Anabel Alonso, "están a facerse máis longos que o seu reinado"- serviron para paralizar as loitas, en nome da mesma "paz social".


A Unión Europea enfrontada a un inverno coas sancións impostas a Rusia en plan búmerang, é dicir, volvéndose contra ela, ten que adoptar, como decia o xornalista da lume vivo, medidas de “economía de guerra” que teñen que ocultar tras eufemismos.


Por exemplo, aos limítes legais no uso do gas e a electricidade polas familias nos seus fogares, á posibilidade de que en casos “excepcionais” as cadeas de distribución poidan limitar a venda de produtos (x litros de leite por persoa, de azucar ou o que sexa) ou a medida de establecer unha cesta básica da compra a un prezo taxado (30 produtos por 30 euros) para combater a carestía, non se lle chama polo seu nome: “cartillas de racionamento”.


Como na Europa do século XXI, a que di defender o estado do benestar, vai haber cartillas de racionamento?... Iso é cousa de Cuba, de paises “comunistas” ou en guerra!. Aquí son “limites legais” ao consumo por parte da poboación, que non é o mesmo; pero teñen o mesmo contido, os gobernos burgueses limitan o acceso a bens de consumo por “causas excepcionais”.


Iso si, no recente Cume da OTAN acordaron que no caso dos gastos militares estes limites desaparecen. A poboación vese privada do acceso a bens básicos, pero os estados se rearman como poseidos. Como se lle chama a unha situación así, senon “economía de guerra”?.


A “paz social”, á que gustosamente vanse a sumar as cúpulas dos partidos e sindicatos institucionais, está ao servizo de manter o engano e os eufemismos, e para convencelos das súas boas intencións xa se descolgaron cunha medida aparentemente progresista -calquera cidadán pode pensar, “por fin van pagar os ricos”-, o imposto sobre os beneficios da industria enerxética para combater a inflación sen tocar o centro do problema, a propiedade privada das empresas e a súa lóxica destrutiva de procura do beneficio.


Unha inflación que non nace coa guerra, nin coa pandemia, nin coas sancións e a ruptura das canles de subministración, senón que enraíza nos desequilibrios internos entre a oferta e a demanda, coa caída da produtividade do traballo que constitúe a esencia do sistema capitalista. A guerra ou a pandemia alimentan esta espiral inflacionista pero non a causan, é a baixa a produtividade laboral (produción por empregado) que nos “EEUU sufriu unha gran caída na primeira metade de 2022, un 3% menos en dous trimestres” (Michael Roberts Conterase a inflación mundial?, 25/08/22).


Desequilibra-se o mercado polo lado da oferta que os capitalistas suplen coas subidas de prezos e a especulación coas mercadorías. Porque non é un exceso de demanda o que está a xerar a carestía da vida (o crecemento dos salarios vai moi atrasado respecto dos prezos), as políticas para reducir a capacidade de compra ou establecer limites ao consumo (cartillas de racionamento que garantan un mínimo á poboación, subidas dos tipos de interese, etc.) non só non vai evitar a crise, senón que a vai agudizar abrindo a porta aos infernos da “estanflación”. En realidade, son medidas políticas para evitar a conflitividade social e buscar a “unidade nacional” nun belicismo que veu para quedar.


Gastos militares para gastos sociais


Esta foi unha das esixencias máis gritadas nas manifestacións dos anos 80 contra a OTAN, a instalación de bases de mísiles en Europa ou a guerra do Vietnam. A 30 anos vista volve estar na orde do dia, pois as poboacións asisten á destrución definitiva de todos os servizos públicos -esta foi unha das causas da mortalidade na pandemia do Covid, máis grave que o propio virus-, mentres o rearmamento é a norma en todos os estados.


Vexamos os números. Din que co imposto á industria enerxética anunciado pola Comisión Europea van recadar 140 mil millóns. Moi ben, pero o plan de reconstrución tras a pandemia e contra o cambio climático coñecido como o “NextGenerationEU” vai custar 150 mil millóns só no Estado Español; 750 mil millóns en toda a UE ... Se temos en conta que moitos deste 750 mil millóns van ir a financiar a industria enerxética na súa suposta “transición ecolóxica”, o que van pagar en impostos, váiselles a devolver en forma de subvencións.


Se a iso engadímos-lle o acordo dos membros da OTAN, moitos deles parte da Unión Europea, de aumentar os seus gastos militares até o 2% do seu PIB, está clara a lóxica das “cartillas de racionamento” e os recortes que seguen sufrindo os servizos públicos: a desvalorización do nivel de vida da clase obreira para conseguir fondos que financien o rearmamento, permitindo enfrontar os retos internacionais con solidez financeira.


Foi Trotski o que dixo que unha guerra non a gañaban os exércitos, senón a economía; por iso chámaselle “economía de guerra”, porque todos os recursos do estado ponse no mesmo cesto: gañar a guerra para na reconstrución sacar beneficios, prometendo ás masas traballadoras que os sufrimentos actuais veranse recompensados con fartura. A “destrución creativa” de Schumpeter.


Alguén podería dicir, “pero non estamos en guerra”, que iso é unha boutade de Borrell. Pode ser; pero se fose así, porque non o fixeron dimitir xa, por linguateiros, pois leva meses co mesmo tema?. Se fose asi, a Presidenta do Consello de Europa non estaría a anunciar medidas de limites ao consumo -eufemismo de cartilla de racionamento-?.


Se non fóra así, porque o goberno español aprobou unha Lei de Seguridade Nacional en decembro de 2021 dous meses antes do comezo da guerra?, onde se di claramente que se dota á administración dunhas “lineas de acción estratéxica” fronte aos “riscos e ameazas” (sic) que ten o Estado Español. Dito sen eufemismos, esa lei anunciaba que viñan tempos de “guerra”, pois os conflitos podrian agravarse con “situacións de migracións masivas, inestabilidade rexional e mesmo producirse novos conflitos armados”.


Este é o cambio de paradigma nas relacións entre as potencias imperialistas que ha descolocado á maioría das organizacións da esquerda, ancoradas na teoría dos campos que as dominou durante os anos da Guerra Fria, impedindo unha resposta independente da clase obreira ao novo reordenamento das xerarquias entre os estados a nivel mundial.


Para levantar unha política da clase obreira frente ás medidas que empurran cara a “unidade nacional” para garantir o rearme, e manter a sua independencia ante as diferentes fraccións do capital em conflito é necesario comprender a novo paradigma baseado no belicismo “multipolar” manifestado en conflitos e/ou tensións militares entre Turquia e Grecia, Siria e Israel, Sahara e Marrocos, o Sahel e Mali, etc., alem da ocupación de Ucrania por Rusia, como vía de solución para os problemas.


Ou a clase obreira e os pobos teñen umha política independente frente aos interese de cada estado, ou a deriva belicista do sistema vai quedar por tempo.


Galiza no mes de outubro 2022




 

No hay comentarios:

Publicar un comentario