Carlos Dafonte
Fago estas reflexións
despois de asistir a unha charla de ANOVA, un dos alicerces de AGE,
na que interveu Xosé Manuel Beiras. Na súa intervención un tanto
“soreliana” fixo constantes invocacións á necesidade da
autoorganización da xente a redor dos seus problemas cotiás,
económicos, laborais, etc, e que AGE actuaría como interlocutor e
intermediario diante do Parlamento; explicou a súa evolución que o
levou a pactar cunha forza antaño “españolista”, pero
partidaria do dereito de autodeterminación, en función do que
significa esta crise da que fixo unha caracterización, polo que a
contradición principal era máis de clase, que entre
“nacionalismo-españolismo”; fixo unha diferencia clara entre a
autoorganización a redor dos problemas económicos e a política,
que se debe realizar en ANOVA, e ratificouse con moita forza na
posición de que AGE non é máis que un grupo parlamentar.
Antes de entrar nos
contidos da miña curta intervención na asemblea, a primeira das que
se produciron, quero dicir que o tema AGE ocupoume moito tempo en
discusións con xente de Galicia e de fora, e sobre todo con xente
que a votou e que esperaba que eu fora algo máis flexible nas miñas
posicións, pola época do proceso electoral. As declaracións dos
seus líderes levaban ó equívoco; dicíase que AGE sería un grupo
parlamentar, pero tamén que eran unha forza política
anticapitalista o que é contraditorio se o analizamos en
profundidade ou unha Fronte Popular.
A miña posición antes
do proceso electoral era de que AGE ía ser, no caso de obter
deputados, só un grupo parlamentar, fronte a posición de diferentes
persoas que atopábanse esperanzados de que AGE, ademais dun grupo
parlamentar combativo que establecera unha política de oposición
radicalmente distinta a levada por PSOE e BNG, fose o inicio, o
alicerce, da necesaria reconstrución da esquerda en Galicia. Que
lles facía pensar así?, pois as verbas dos dirixentes de AGE,
comezando por Beiras que o 25 de xullo, cando lanzou a proposta falou
dunha “fronte popular” ou de Yolanda que dixo de construi-la
“Syriza galega” e esta formación grega non é só un grupo
parlamentar, é unha organización que traballa na sociedade grega,
organizando á xente, que teñen un programa anticapitalista, etc. Eu
moito máis cauto, pensaba que era unha alianza de “comenencia”,
para tapa-los previsibles malos resultados electorais de EU, nun
momento moi favorable, co descrédito dos partidos maioritarios, a
crise do BNG, etc e ANOVA, Beiras, que quizais tentaba facerlle
paga-lo Bloque os seus desencontros.

Por iso decidinme a
intervir, foi a primeira que se fixo e cunha certa ironía dinlle as
grazas polas súas verbas, que confirmaban as miñas previsións
sobre o que ía ser AGE, pero tamén lle fixen a consideración que o
número extraordinario de votos recibidos, debíalles levar a
analizar que AGE debe xogar outro papel máis salientable, organizar
politicamente a numerosos sectores e ser o xermolo da reconstrución
da esquerda en Galicia, que era o que moitos dos seus votantes
esperaban. Non actuar así era unha fraude non só para quen os
votou, senón para todos aqueles outros que estaban a espera de que
AGE dera pasos adiante.
Contestoume cunha verdade
de Perogrullo, que nunca a partires dun grupo parlamentar se podía
levar a cabo o que eu esixía, cousa que é certo e por iso lles
pedía que cambiasen o rumbo da Alianza Galega de Esquerdas. Do que
se trata é de construír unha alternativa, desde o anticapitalismo
que din profesar, e superar o papel de intermediario entre unha
sociedade que sofre os efectos das políticas neoliberais e as
institucións. Facer anticapitalismo desde o parlamento é un
exercicio moi limitado, tendo en conta que hai unha forza
conservadora que ten a maioría absoluta e outras dúas que nos
últimos anos actuaron perfectamente integradas no sistema. A
alternativa anticapitalista hai que elaborala na sociedade, ó tempo
que organizas politicamente á xente.
Despois da miña
intervención producíronse varias máis de colectivos afectados por
problemas específicos, e polo menos dúas máis que esixían a
creación dunha Fronte Popular ou Fronte de Esquerdas, na mesma liña
dos que como eu, ven necesario, urxente, que AGE entre no debate de
supera-lo institucionalismo e de xoga-lo papel que a historia deste
país lle ten hoxe adxudicado.
En Galicia no mes de
abril de 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario