A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 3 de marzo de 2021

ÁS VOLTAS CO 23 F: CONSOLIDACIÓN DA DEMOCRACIA OU DO RÉXIME

Roberto Laxe

Todos os anos por estas datas de febreiro os medios de comunicación énchense de artigos, de opinións e reportaxes sobre o 23F, onde o mantra maioritario é o de que grazas ao “rei á fuga”, evitouse unha nova ditadura e consolidouse a democracia.


Dado que os documentos do 23 F que poderían desmentir, ou confirmar, esa interpretación son secretos até o dia do xuízo final, caben todas as interpretacións posibles; desde a oficial da consolidación da democracia até a que sostén unha xornalista non acusable de rupturista, Pilar Urbano, quen, citando a Suárez, opina que “o rei foi a alma” do 23F. Dito en prata, que o rei promocionou un autogolpe para consolidarse no poder.


Como marxistas, temos a obrigación de ir da aparencia das cousas ao seu contido, saír das palabras para ir aos feitos que definen unha situación, e ver se o que en realidade se consolidou foi “a democracia” en abstracto, ou un réxime como o do 78, unha “democracia vixiada”.


Os resultados do golpe


Di Conan Doyle a través do seu personaxe, Sherlock Holmes, “se queres saber quen é o criminal, busca primeiro ao que se beneficia do crime”; e seguindo este sabio consello, vexamos os resultados políticos e sociais do 23F.


Despois do golpe, en 1982, o PSOE de González e Guerra gañaron goleada as eleccións, cun resultado de escándalo. En palabras de Alfonso Guerra, iso ía permitir que tras o seu paso polo goberno a “España non a ía recoñecer nin a súa nai”, e baixo a lema do “cambio” levaron a cabo unha serie de medidas con ese obxectivo:


un, a entrada na CEE (actual UE), que cristalizou en 1986, coas consecuencias de todos e todas coñecida, a desindustrialización e a conversión do Estado Español na zona de “vacacións” europeas a través das reconversións industriais en todos os sectores


dous, a resolución da crise económica que se arrastraba desde os anos 70, con medidas como a reforma das pensións publicas no 86 ou de sucesivas reformas laborais que desenvolvían os establecido no Estatuto dos Traballadores, “a dualidade do mercado laboral” hoxe coñecida como “precariedade laboral”. Nese Estatuto rompe a unidade do mercado laboral, introducindo a posibilidade de contratos eventuais en todos os sectores


tres, a resolución do “conflito” territorial. Coa aprobación en xullo de 1982 da Lei Orgánica de Armonización do Proceso Autonómico (LOAPA), que é o eixo fundamental dos pactos autonómicos subscritos por UCD e PSOE, desenvolvíase a idea do “cafe para todos” que a Constitución establecía a medias, esta recoñece a diferenza entre nacionalidades e rexións que podería abrir a porta a exercer o dereito a decidir. O artigo 2 da LOAPA dá ao poder central a capacidade de interferencia na actuación normativa das comunidades autónomas


catro, a entrada na OTAN que xunto coas loitas contra a reconversión industrial foi o punto de maior oposición ás políticas do PSOE. De feito, a nivel político pola extensión territorial que tivo, a loita pola convocatoria do referendo e o igualado resultado do mesmo -as enquisas poucos meses antes daban unha vitoria do NON- foi un dos momentos craves dos 80. Se o NON triunfase, a crise política do réxime sería descomunal. A entrada na OTAN, como na CEE era un proxecto estratéxico, non só das burguesias españolas, senón do imperialismo norteamericano e alemán.


Tras o paso do PSOE polo goberno, a clase obreira retrocedeu non só nas súas conquistas laborais e políticas, co aumento exponencial da precariedade, senón que perdeu a sectores craves da industria desde Barakaldo até Ferrol, desde Cádiz até Cartaxena, desde Xetafe até o Baix Llobregat, pasando por Asturias e a minería; os sectores da clase obreira que enfrontaran ao franquismo e construído as CCOO, ou desapareceran ou estaban moi debilitados.


Política de goberno ou de réxime


Presenta-se esas medidas dos anos 80 como resultado da política do goberno do PSOE, e é relativamente certo. O PSOE fixo o que a UCD non podería sen provocar unha resposta social contundente, pero lembremos que os decretos de reconversión industrial, a política de entrada na OTAN e a CEE e pechar o conflito nacional non era programa do PSOE, eran os obxectivos do goberno da UCD. Tan é así que moitos dos decretos de reconversión xa estaban aprobados por Suárez, e a entrada na OTAN foi unha medida de Calvo Sotelo.


A entrada na CEE e a OTAN era unha vella aspiración da burguesía desde os anos 60, só impedida pola presión dos pobos europeos sobre os seus gobernos, que derrotaran ao fascismo nos 40 e non entenderían que entrase neses organismos unha ditadura que formara parte do “triunvirato” fascista con Hitler e Mussollini. Só un boton de mostra para entender a forza desta presión social: en 1975, cando o regimen fusila a 5 antifranquistas, máis de 1 000 000 de persoas maniféstan-se en Paris, en Lisboa a embaixada española é asaltada por centos de manifestantes, os estibadores noruegueses e británicos boicotean os produtos españois, etc.: é de masas o rexeitamento ao franquismo en toda Europa.


O que detona o 23 F é a necesidade do capital de dar un golpe de temón que sen perder o camiño da restauración dunha monarquía parlamentaria, abrisse-lles a porta da CEE e a OTAN. Para iso tiñan que derrotar definitivamente á clase obreira e os pobos do estado sen un derramamamiento masivo de sangue que lles volvería a pechar as portas de Europa.


O 23 F é a concreción práctica do “ruído de sabres” que acompañou toda a transición pechando a incerteza na que o réxime aínda vivía. Todo o que veu despois, dos sucesivos gobernos, non son máis que os desenvolvementos na consolidación do réxime do 78, que habería que chamar do “23F”. Isto é o que se lles coou nos actos que estes días fixeron no Congreso dos Deputados, cando lles chamaron “conmemoración do 23F”. O subconsciente traizooulles.


Tras o intento de golpe de estado as políticas de retroceso sistemático sucedéronse, gobernase quen gobernase; porque o 23 F demostrou unha cousa, o verdadeiro partido da burguesía española non é nin o PSOE nin o PP que, por certo, non existía en 1981, ou ben era a UCD de Suárez ou a Alianza Popular de Fraga; o seu verdadeiro “partido” son as institucións herdadas do franquismo, a Casa Real, o exército e a Xudicatura. Os partidos no goberno son “xestores” dos intereses das diferentes fraccións da burguesía que se unifican ao redor das institucións do réxime.


Esta é a clave do bonapartismo do réxime do 78; non son as institucións democráticas as que o definen, o parlamento ou as comunidades autonomas, senón as que ninguén elixe e son herdanza do franquismo. Ponderase derrubar todos os gobernos que se queira, e haberá que facelo porque son os xestores cotiáns da política burguesa, pero non será un golpe central ao dominio do capital porque mentres o réxime subsista, a súa política seguirá tendo unha cabeza visible: é o peso das institucións na dominación da sociedade o que marca a diferenza entre un réxime parlamentario, aínda con tendencias bonapartistas (Francia!), e un bonapartista con trazos democráticos.


Por iso, o 23 F non consolidaron ningunha democracia, senón que cun golpe de man pecharon definitivamente a Transición e legimitaron aos herdeiros de Franco como “democratas” e administradores do novo réxime.

Galiza no mes de marzo de 2021

No hay comentarios:

Publicar un comentario