A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 22 de febrero de 2021

A TRANSICIÓN POLÍTICA DA DITADURA Á DEMOCRACIA BURGUESA. ESTADO DA CUESTIÓN HOXE.

Carlos Dafonte.

Antecedentes que é necesario lembrar.

Levamos algúns anos, sobre todo dende a abdicación do anterior xefe do estado, cun prolongado debate sobre a a chamada “transición política española”, que se acentuou despois da fuga do anteriormente abdicado a causa da aparición de toda unha serie de actuacións a todas luces incorrectas. 

Pero estes feitos son un motivo para manter a discusión ou as distintas posicións ó respecto, pero non son verdadeiramente o motivo; máis importante foi a crise económica-social que comeza nos anos 2006-2007, que trouxo unha forte oposición á realidade que se estaba a vivir e a sufrir, como impactou nos diferentes sectores da sociedade, aínda que con anterioridade ó malestar co que estaba a acontecer no Estado español púxose de manifesto cando a dirección do PCE por boca do seu secretario xeral Julio Anguita, afirmou no discurso da festa do partido de 1996, que a organización se “saía do pacto constitucional”. Este feito mereceu moitas críticas e explicacións variadas por parte dos medios a cada cal máis ponzoñosa, sempre na idea de descualificar ó voceiro e a organización; despois do tumulto o silencio; ninguén quixo entrar nas razóns de por que unha organización como o PCE, que moita xente considerou un dos alicerces fundamentais da transición, tomaba esa determinación tan rupturista; non houbo na sociedade española, por parte de quen o podía facer, interese algún para abrir un debate das razóns de que a democracia burguesa española estaba a perder pulo. Con posterioridade nunha entrevista en TVE, pasados os anos declarou: "Me arrepiento del consenso de la Constitución, lo lamento todos los días. Nos equivocamos, pero veníamos de donde veníamos y salir de una dictadura es entrar en un espacio donde había un poco de oxígeno, pero lo que hubo fue un pacto donde se trajo una pobre democracia que para defenderse tiene que compararse con quien la negó. Es una democracia demediada"..

Estes días o vicepresidente segundo Pablo Iglesias, afirma problemas na nosa democracia e volve a pasar pouco máis ou menos o de hai varios anos, que si é unha estratexia electoral, si somos unha democracia plena como o indican, non se sabe moi ben quen nin de que ideoloxía participan eses “xuíces” que dan certificados de democracia, unha das democracias máis avanzadas do mundo, e o que é peor, toda a serie de insultos de descualificacións que sofre, en vez de rebatirlle con argumentos as súas afirmación, o que amosa un grao de incapacidade analítica moi preocupante na sociedade, tamén entre os “intelectuais orgánicos” do réxime, a grande maioría periodistas.

Si as verbas do vicepresidente abren unha vez máis o debate onde case ninguén quere entrar, non está mal, así o entendo eu, da necesidade de falar do marco xurídico-político-institucional no que nos desenvolvemos, pois ó longo da miña vida política-institucional que foi moi longa, e non marcada polo éxito, sempre que había eleccións, tanto municipais, como autonómicas ou xerais, nas que moitas veces fun candidato, sempre repito, falaba da necesidade de “afondar na democracia” un xeito como outro calquera de expresar que o marco no que nos movíamos, non era para a organización que representaba nin para a miña persoa o adecuado; que había que modificalo, con maior participación, cunha información que non estivera en mans de grandes empresas e onde se controlase mellor os que fosen elixidos, pois o que deben ser unhas eleccións é establecer un contrato cos votantes por medio do programa e de non cumprir este, algunha responsabilidade terá; responsabilidade que non só se debe dilucidar nas seguintes eleccións.

Lembro tamén como na campaña para as autonómicas de 2001, no que fun candidato á presidencia da Xunta por Esquerda Unida, fixemos moito fincapé na necesidade de acadar un referendo sobre monarquía ou república e a necesidade do recoñecemento do dereito de autodeterminación para as nacionalidades históricas, xunto ca presentación do noso programa.


Algunhas reflexións sobre a transición política.

Quero deixar moi claro que eu fixen campaña pedindo a votar pola Constitución. E tentando explicarlle a quen se acercaba a escoitar, que sendo conscientes que non se producira unha quebra democrática, que segundo o noso proxecto táctico debíase producir mediante a paralización do pais por medio da “folga xeral política”, e sendo a lei fundamental produto dun pacto cos sectores franquistas que non eran os que se denominaba “bunker”, pero eran franquistas convencidos e fieis servidores do franquismo, o proxecto constitucional que se aprobaba tiña que levar a pegada dos intereses dos que gobernaron cun réxime ditatorial, polo que debía  se-lo punto de partida e como expresou Julio Anguita, que nos permitira respirar un pouco de oxíxeno, pero que antes o despois tiña que sufrir importantes modificacións. 

E explicaba nos actos, entre outras modificacións, a celebración dun referendo sobre monarquía ou república, a modificación dos artigos 2 e 8 que lle da ó exército responsabilidades que só se explicaban por ser o piar fundamental da ditadura; que se lle recoñecía a Cataluña, Euskadi e Galicia un “status” diferente, ser nacionalidades históricas, pero que se debía acada-lo dereito de autodeterminación; ou ser unha democracia burguesa onde non se respectaba a división de poderes, tendo o executivo capacidade para disolve-lo lexislativo e o lexislativo facultades sobre o “poder xudicial”, que terían ser superadas, entre outras cuestións.

Esta etapa, dende a morte de Franco ata ata as eleccións de 1982, nas que o Psoe acada a maioría absoluta está chea de luces e sombras, da consolidación dos aparellos coercitivos do franquismo, policía, exército, e a xudicatura, con importantes mobilización populares que frean os intentos dos franquistas, dende o meu punto de vista e a propia coroa, de avanzar aínda dun xeito máis lento ou non avanzar, cun constante “ruído de sables” que culmina co intento de golpe de estado do 23 de febreiro de 1981, despois de que o presidente do Goberno tivera dimitido e cunha situación moi tensa pola cantidade de atentados de organizacións que consideraban que o franquismo seguía en toda a súa vixencia, e por medio da violencia se podía reverti-la situación.

Algunhas consideracións sobre o acontecido despois de 1982.

O intento de golpe de estado axudou a separar con claridade quen era o que podía levar adiante as políticas que a nivel mundial se estaban a establecer por parte do capital, e o resultado foi o período do bipartidismo, cas burguesías catalá e vasca botando unha man cando non se acadase a maioría absoluta. Co trunfo do Psoe en 1982 púxose de manifesto que o triple pacto que segundo Joan Garcés no seu libro “Soberanos e intervenidos”, levou a cabo o Psoe, e hoxe é admitido como certo, para non ter atranco algún para gañar. Co exército, cos poderes económicos e a igrexa e materializouse dun xeito moi claro; as estruturas dos instrumentos coercitivos do franquismo ficaron con todo o seu poder, continuamos na Otan, as políticas económicas foron as que a oligarquía consideraba validas, as neoliberais, e a nivel europeo aceptamos un papel subordinado en Europa, quedando relegados a ser un país de servizos relacionados co turismo e aceptar a deslocalización de empresas que se instalarían no noso territorio polas mellores condicións salariais, pero que o noso tecido industrial máis competitivo fose desmantelado e importantes empresas que producían beneficios e en mans do estado, privatizadas; e a igrexia se lle regalou en principio o ensino concertado e manter como estaba o Concordato que lle permitía non pagar impostos polas súas propiedades. Co paso dos anos outras moitas prebendas que tod@s coñecemos.

Os gobernos do PP con Aznar, afondaron neste proxecto; primeiro continuando ca segunda fase da privatización de empresas que lle permitiron sanea-lo orzamento, entraron por ese concepto preto de 40.000 millóns de euros nas arcas do estado, non houbo “milagre económico”; e aprobaron catro leis que considero fundamentais para entende-las crises e como nos afectaron: a Lei das empresas eléctricas que explica a xénese da tarifa, de 1997; nese mesmo ano a de novos xeitos de xestión que permite a privatización de servizos como a sanidade, etc  a Lei do Solo do ano seguinte que facilita a burbulla inmobiliaria; a Lei sobre as Caixas que leva á desaparición das mesmas co quebranto que produce e a Lei de Concesións de autopistas, radiais, etc. 

A partires de 1982 quedou tamén claro que a grande derrotada no proceso de transición fora a esquerda, dende o Pc ata as organizacións que se atopaban a esquerda do Pc. Esta esquerda recobrará pulo co referendo sobre a OTAN onde o Psoe defendeu a sua permanencia, ca creación de IU e todas as súas federacións, pero por pouco tempo, 11 ou 12 anos, despois dos que se póde considerar liquidada; refírome a unha esquerda capaz de entrar nas institucións e ter presenza nas mobilizacións. Seguiron producíronse mobilizacións, folgas xerais, loitas contra as medidas neoliberais aprobadas polo Psoe e o Pp que foron os únicos partidos que gobernaron en todos estes anos, sen que as medidas que tomou un deles foran modificadas polo outro cando se alternaron no poder, agás as leis de ensino, por un actor que debía atoparse ó marxe da política pero que leva séculos intervindo, a Igrexa. Á clase obreira, @s traballador@s do estado faltáballes ó proxecto estratéxico que non llo dará nunca un sindicato.

A crise que nos acompaña dende principios do novo século, e que agora afecta ó centro do imperialismo e as políticas de austeridade, produciu unha certa rebelión en diversos sectores sociais, mentres, é a miña opinión, a clase traballadora sen dirección política propia, en mans de sindicatos burocratizados e pactistas, tivo moi pouca participación nas mobilizacións que se veñen en chama-lo 15 -M, que tentou canalizar toda aquela ondada de protestas nunha organización política, que polo seu nacemento estaba chea de contradicións internas que a facían inviable. Tivo polo tanto que facer unha depuración interna, que serviu, polo tratamento dado pola prensa para enfeblece-la organización, aínda que saíra reforzada ideoloxicamente. E cando se presentou ás eleccións, europeas, autonómicas, municipais e xerais, non só apareceu como un novo proxecto político senón que tamén permitiu rachar co sistema bipartidista e apareceron novas organizacións que ocuparon espazos que o bipartidismo ocupaba e tamén novas contradicións de carácter territorial que a crise económica aguzou co proceso de centralización e concentración que o capital leva a cabo. 

A crise deu paso “ó procés” e situou nun primeiro plano un problema que a II ª República iniciara o camiño para a súa solución, que o franquismo tapou ca súa violencia e que a transición, como moitos outros problemas, só tocou pasando de puntas sobre o mesmo. Con seguridade, formaba parte do pacto.

Pero a crise e a creba do bipartidismo tamén fixo aflorar ó “neofranquismo sociolóxico”, anticonstitucional, que seguía vivo polas concesións feitas dende a transición ata hoxe polos partidos que gobernaron, e que teñen medrado o suficiente, ó carón dun proceso que se está a dar tamén en Europa, para que sexa dificil contrarrestar a súa influenza. Que ten que ver con dous problemas a inexistencia dunha esquerda forte que formule alternativas á actual situación e a canalización da desesperanza de moit@s traballador@s, sectores da mocidade e sectores da pequena burguesía, no seu afán de amosar as discrepancias co que acontece, orientan o seu voto, non hai outra alternativa, cara a estes partidos de extrema dereita que si o capital os necesitase se poderían converter no poder, en partidos de carácter nazi-fascistas.

Os retos son moi importantes; como dixo a quen todos coñecemos, “Que facer?”


En Galicia no mes de febreiro de 2021

No hay comentarios:

Publicar un comentario