A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 12 de febrero de 2021

A II ª GUERRA MUNDIAL E A TRANSFORMACIÓN DAS FORZAS PRODUTIVAS EN DESTRUTIVAS

Roberto Laxe

Se ha un exemplo histórico, presente na memoria de todos e todas, é a II guerra mundial, e como trás ela, o mundo cambiou dunha maneira que só se vería en 1989, cando os estados obreiros desaparecen e restáurase o capitalismo en todos eles.

As precondicións para a II guerra estaban en como se pechou a primeira, cunha “trégua”, a paz asinada en Versalles, que non resolvía ningún dos problemas que a xeraron; alen máis, agudizáraos até o extremo que a II guerra ía ser máis violenta e destrutiva que a I.

A orixe do I guerra mundial está na loita polo mercado mundial entre os imperialismos en ascenso, Alemaña á cabeza, contra os imperialismos en decadencia, Gran Bretaña e Francia; con dous espectadores de luxo, os EEUU e Xapón, que xa presentaran as súas credenciais como potencias rexionais derrotando a dous imperios decrépitos. O primeiro en 1898 cando axuda a “liberar” as últimas colonias españolas (Cuba, Filipinas e Guam), o segundo ao derrotar ao zarismo na guerra que os enfrontou en 1905.

A primeira guerra mundial non resolve ningunha destas contradicións, só apraza-as, posto que nin os contendentes son capaces de infligir unha derrota definitiva, a paz de Versalles é en realidade un armisticio, unha tregua, nin entraran en liza seriamente os espectadores de luxo. Apraza-as con dous elementos novos na ecuación da situación mundial, un, en 1917 prodúcese en Rusia a primeira revolución obreira triunfante, con continuidade no tempo, dous, en 1929 o mundo vai coñecer unha crise económica devastadora que vai supor un empobrecimiento masivo da poboación nas potencias imperialistas. Este empobrecimiento en Alemaña actuou como o bombeiro tolo, engadiu gasolina aos rescoldos que supuxeran a humillación da Paz de Versalles. Desta humillación estaba a xurdir a forza social e política que desencadearía a barbarie da II Guerra, o nazismo, e que se viu alimentado pola crise.

Nestas condicións, nas que o mundo parecía volverse tolo, Trotski escribiu nas primeiras frases do Programa de Transición: “As forzas produtivas da humanidade cesaron de crecer. As novas invencións e os novos progresos técnicos non conducen a un acrecentamento da riqueza material”. Estaba claro para calquera que a guerra era inevitable, primeiro, para liberar a esas forzas produtivas dos freos xurídicos e políticos que as limitaban, segundo, como derivación desta premisa, resolver o que a I deixara no aire, que aparello xurídico e político, ou sexa que estado imperialista substituía a Gran Bretaña e Francia na hexemonía do mercado mundial.

A frase de Trotski é alxebraica, hai que entendela no seu contexto histórico e co método de Marx; as forzas produtivas cesaran de crecer non en termos absolutos, iso sería admitir a teoría obxetivista do derrube do capitalismo pola súa propia inercia, senón que cesaron de crecer baixo as condicións concretas dos anos 30 do século XX. O esgotamento de Gran Bretaña e Francia como potencias hexemónicas entraba en contradición coa necesidade do sistema capitalista de revolucionar constantemente as formas de produción e das forzas produtivas; deste choque xurdían as faíscas que farían explotar a polvoreira que era o mundo e provocar a II Guerra Mundial, como a maneira de resolver esas contradicións.

Tras a II Guerra o mundo non ía ser igual, como así foi; o capitalismo liberouse do dominio das trabas xurídico políticas que o atenazaban, as potencias en decadencia, o eixo do mesmo mudou de continente e “a destrución creativa” que supuxo a destrución masiva de forzas produtivas na Guerra liberounas dos corpiños dos vellos imperios coloniais. O imperialismo ianqui, nun discurso de Rooswelt, declarouse abertamente en defensa do “dereito á autodeterminación” dos pobos, e seguindo o exemplo da guerra contra España en 1898, fomentou ese dereito... para substituílo polo dominio do capital financeiro.

Foi a forza das armas como continuación da política a que resolveu as contradicións que atenazaban ao capitalismo nos anos 30, e que provocaran que as forzas produtivas houbesen deixado de crecer. O capitalismo coñeceu nos 30 anos seguintes o maior crecemento económico e de riqueza social da historia. As bases técnicas da modificación produtiva sobre o que se basearon estaban en inventos previos á II Guerra, a informática, a TV e os medios de comunicación, a enerxía nuclear, etc., foran realizados no primeiro terzo do século XX; pero estaban estancados pola hexemonía que o capital financeiro británico e francés exercían sobre o mercado mundial. Unha vez liberado desta traba, e resolto que imperialismo ía a hexemonizar o mercado mundial, se os EEUU ou Alemaña, abríronse as comportas para un salto no desenvolvemento das forzas produtivas.

Con todo isto tampouco é un proceso lineal nin mecánico, senón concreto, histórico na transformación das forzas produtivas en forzas destrutivas; dito doutra forma, o valor de uso dos avances técnicos e da capacidade produtiva do ser humano non aumenta a riqueza social, senón que a destrúe, porque este salto non se produce no momento do ascenso da burguesía como clase revolucionaria que destrúe o pasado feudal, para liberar á sociedade do esclavismo e a servidume e as forzas produtivas contidas nelas, como diría Marx, senón todo o contrario. Prodúcese cando o capitalismo está na súa fase de decadencia, de dominio do capital financeiro, do imperialismo; e isto marca esa liberación das forzas produtivas.

A hexemonía do imperialismo ianqui baseábase na súa superioridade militar esmagadora; gañaran a guerra porque, a diferenza das guerras anteriores (só a I anticipara o peso dos procesos industriais nas vitorias militares), a capacidade de produción industrial é a que a decide, dando orixe ao que se coñece como o “complexo militar industrial”.

Nas guerras napoleónicas Gran Bretaña derrotara ao seu competidor Francia non só pola súa capacidade industrial, senón tamén polo apoio decisivo de estados feudais, o imperio austro húngaro, os zaristas rusos ou Prusia, que aínda cumprían un papel central na xeo política europea. Nas guerras previas á I, o potencial industrial deciden a superioridade ianqui ou xaponesa fronte a españois e rusos; con todo, é na I Guerra cando se introducen masivamente medios técnicos de matar de maneira industrial, as metralladoras e os comezos da aviación e os tanques; pero as tácticas militares de facer a guerra eran as do pasado. Hai un exemplo na I Guerra, tráxico porque supuxo a morte de miles de soldados ingleses, cando se dá a orde dunha carga de infantaría ao vello estilo, enfronte os soldados alemáns, armados de metralladoras, saen das trincheiras a gritarlles que non cargasen, que os ían a masacrar; pero as ordes son as ordes, e os ingleses cargaron: calcúlase que foron 20 mil os mortos.

Isto é o que introduce o capitalismo na I Guerra, e que na II será xa a única maneira de combater, unha maneira “industrial” de organizar a matanza entre seres humanos, sexa os bombardeos dos Stuckas alemáns, a “guerra lóstrego”, os bombardeos de saturación sobre as cidades alemás ou, no seu culmen, a utilización das bombas atómicas, afectando de maneira especial á poboación civil. A poboación desarmada foi a principal afectada por incursións que disolveron a vella distinción entre combatentes e civís. Soamente o 5% das vítimas da Primeira Guerra Mundial eran cidadáns non alistados. Esta cifra elevou-se ao 66% na Segunda Guerra e promedia o 80-90% nos conflitos actuais (Hobsbawm, Historia do Século XX).

Daquela até hoxe, só melloráronse as condicións para que a produtividade/destructividade na guerra vaia parello ao desenvolvemento das forzas produtivas de tal forma que a fronteira entre a paz e a guerra está a desaparecer, potenciando o sufrimento dos refuxiados. Segundo Acnur, o seu número rexistrou en 2019 un total de 79,5 millóns de persoas desprazadas dos seus fogares.

Sen necesidade, polo momento, de guerras mundiais, esta transformación das forzas produtivas en forzas destrutivas é a que está a pór ao mundo ao bordo do desastre polo cambio climático. O mundo do século XXI é un mundo altamente urbanizado, onde o crecemento da poboación foi exponencial nos últimos 100 anos produto do desenvolvemento que o capitalismo provocou.

Evolución poboación mundial: (% Crecemento)

Ano 1.700 = 700 millóns

" 1.800 = 950 " ( 35,71 % )

" 1.900 = 1.600 " ( 68,42 %)

" 2.000 = 6.000 " (275,00 %)

" 2.020 =7.700 " (28,33 % en 20 anos)

Aínda que detecta-se unha certa retardación no crecemento da poboación mundial, sobre todo nas potencias imperialistas (Europa e Xapón), o certo é que nestas condicións a presión sobre a natureza é salvaxe, non só polas consecuencias da industrialización e urbanización masiva, senón pola mesma necesidade de alimentar, vestir e dar vivenda a máis 7 000 millóns de seres humanos, e en crecemento. É, quizais, a principal manifestación de que si estamos ante o fin de toda unha era, a da prehistoria da humanidade, posto que mentres a xestión desta poboación estea limitada polas relacións sociais de produción baseadas na propiedade privada dos medios de produción, as necesidades sociais, desde a biolóxicas -comida, habitación, vestir- até as máis sofisticadas -redes virtuais, lecer, etc.- terán como limite a acumulación de capital, e, por tanto, vai ser imposible resolver a presión sobre a natureza.

A procura do beneficio por encima de calquera outra consideración converte ao Capitalismo no Groucho Marx do “máis madeira que é a guerra”, no desbocado camiño cara a unha verdadeira catástrofe ambiental e social, confirmando a tese de que as forzas produtivas transformaran-se en forzas destrutivas, non só porque a capacidade de matar seres humanos converteuse nunha industria, senón porque o mesmo desenvolvemento capitalista destrúe a outra gran fonte de riqueza xunto ao ser humano, a natureza.

Confirma-se, aínda pola negativa, a tese de Marx de que “Ningunha formación social desaparece antes que se desenvolvan todas as forzas produtivas que caben dentro dela, e xamais aparecen novas e máis elevadas relacións de produción antes que as condicións materiais para a súa existencia madurasen dentro da propia sociedade antiga. Por iso, a humanidade proponse sempre unicamente os obxectivos que pode alcanzar, porque, mirando mellor, atoparase sempre que estes obxectivos só xorden cando xa se dan ou, polo menos, están a xestarse, as condicións materiais para a súa realización” (Introdución á Contribución da Crítica da Economía Política, Marx).

A loita está en converter esta confirmación negativa na loita revolucionaria polo socialismo, posto que “as relacións burguesas de produción son a última forma antagónica do proceso social de produción; antagónica, non no sentido dun antagonismo individual, senón dun antagonismo que provén das condicións sociais de vida dos individuos. Pero as forzas produtivas que se desenvolven na sociedade burguesa brindan, ao mesmo tempo, as condicións materiais para a solución deste antagonismo. Con esta formación social péchase, por tanto, a prehistoria da sociedade humana” (op citada).

Galiza no mes de febreiro de 2021


No hay comentarios:

Publicar un comentario