Roberto Laxe
A Xunta do PP e Feijoo é o noso inimigo
A 11 meses do comezo da pandemia provocada polo COVID é obvio que o prioritario para a sociedade é rematar, XA, con ela.
Para iso non serve facer o que a Xunta e o goberno central fan a tempo pasado, actuando “cando os contaxios prodúcense”, senon anticiparse con medidas activas e volcando todos os recursos necesarios desde os gobernos, vacinando XA á poboación e fortalecendo os sistemas de saúde publica como a sanidade, as residencias de maiores ou a dependencia.
Tampouco é umha solución adia-la cada 15 días ate a seguinte onda, é un parche que vai na lóxica de Feijoo, “actuar cando prodúcense os contaxios”, non antes; iso non é mais que a “crónica dumha morte anunciada”. Levan 11 meses facendo o mesmo, esperando un resultado distinto; e iso é a definición de loucura.
O urxente non pode tapar o importante; baixo a pandemia existe unha sociedade que ten que traballar, que vive, que precisa da socialización entre as persoas nos centros de traballo, de ocio, ... e non so na célula nuclear da sociedade capitalista, a familia patriarcal. Diso o capital e os seus gobernos son perfectamente conscientes, e eles non deixaron de actuar lexislando, adoptando medidas e favorecendo que os ricos, nestes 11 meses de pandemia, fixéranse mais ricos; mentres o empobrecemento social aumenta de maneira exponencial por moitos ERTEs que aproven.
A situación de Galiza tras a pandemia, que polas boas ou polas malas rematará, vai ser a dun deserto social. O sistema de saúde publico (sanidade, residencias de maiores, ....), baixo a tapadeira da loita contra a pandemia e ao non fortalecelo, está a recibir o golpe definitivo no seu desmantelamento; as derivacións á privada aumentaron un 40%, reducindo a sanidade publica á atención pola Covid.
A industria pesada “electro intensiva” está a ser desmantelada (Alcoa, Endesa, Gamesa, ...), empobrecendo comarcas enteiras obrigadas á “condena histórica do pobo galego”, a emigración. Nin a Xunta nin o Goberno central moven un dedo para evitar a sangría de miles de postos de traballos; o invés, deixan facer ás multinacionais o que lles pete.
O sistema de transporte colectivo ferroviario recibiu, baixo a pandemia, o seu golpe final co peche directo de liñas en Ferrol, Lugo, Ourense e a redución de frecuencias no Eixo do Atlántico, A Coruña-Vigo. Dirán o que queiran da “transición ecolóxica”, mas isto so favorece o uso do medio de comunicación mais caro e contaminante, o coche particular a maior beneficio da AP9, que de novo sube as peaxes.
É, en fin, o vello plan do estado e o rexime para Galiza a través dos seus partidos nos gobernos, o turismo a redor do gran “invento” do Xacobeo, a exportación de man de obra (emigración) e materias primas (vento, peixe, leite,...), e a importación de productos industriais.
O non combater a pandemia con medidas activas, senon descargando na poboación traballadora as que se adoptaron, como os confinamentos, só resultou nun empobrecemento social brutal e a pantasma de que tras a pandemia, cando rematen as pequenas axudas aprovadas (ERTEs, autónomos, etc.), a pobreza da poboación traballadora vai-se estender de maneira exponencial.
Por iso é a clase traballadora e o maioría da poboación a primeira interesada en que a pandemia remate XA; primeiro por un motivo de saúde e sobre todo, para poder organizarse e loitar para evitar que a crise que a pandemia detonou, volva a cair sobre as súas vidas, sobre o seu traballo.
Os gobernos, comezando pola Xunta, non confinaron as súas políticas, eran, son e serán os servos do ricos e inimigos da clase traballadora e o pobo. Hai 12 años que o PP desde Xunta ten como obxectivo des industrializar, privatizar os servizos públicos e re centralizar o estado desgaleguizando á Galiza, e iso non deixou de facelo mentres a poboación estaba nas suas casas confinada e con limitacións dos direitos políticos.
Converteron o “estado de alarma” nun verdadeiro “estado de excepción encuberto”: non proiben politicamente as reunións, mas cando establecen un máximo de 4 persoas numha xuntanza por motivos sanitarios, nos feitos están limitando os direitos políticos da poboación.
Nestas circunstancias, a Xunta do PP aproveitou para profundar neste obxectivo, que non encontraron resposta social salvo excepcións (mobilizacións da sanidade en Pontevedra, Alcoa, Gamesa,...) porque as organizacións políticas e sociais dimitiron como “oposición”, e limitáronse a criticar á PP pola direita ou que tomaba medidas erradas, esquecendo que a pandemia non parou a loita de clases.
Esta continuou baixo as formas da Pandemia, e a Xunta do PP sabe perfectamente que a poboación traballadora sen direito de reunión, expresión e manifestación é umha suma individual de persoas sen posibilidade de resposta colectiva, ás que aplicar as leis que eles aprovan sistematicamente, e que veñen inspiradas polos donos dos hospitais e residencias privadas, polas multinacionais que queren pechar ou montar parques eólicos, pola industria do téxtil que quere ser parte da “transición ecolóxica”, etc., etc.
A desaparición das organizacións políticas e sociais da clase traballadora e o pobo como oposición na ´rua, limitadas a “criticar” como “erros” ou “ineptitude” as políticas do PP, que nin son “erros” nin son “ineptas”, senon ben conscientes, deixou á poboación orfa frente a Xunta. Feijoo sabe que enfrente non ten a ninguen que propoña un proxecto alternativo ás suas medidas tanto contra a pandemia como contra a suas políticas antiobreiras e antipopulares, por iso, e co control absoluto dos medios de comunicación, actúa coa soberbia co que fai.
Para acabar coa pandemia é preciso adoptar medidas activas, de VACINACIÓN XA de todos e todas!, FORTALECER E RENACIONALIZAR OS SERVIZOS PUBLICOS PRIVATIZADOS comezando polo sistema de saúde publica!.
Para evitar o deserto social e industrial da Galiza que supón á destrución de miles de postos de traballo, e necesario NACIONALIZAR A INDUSTRIA EN CRISE E DA INDUSTRIA FARMACEUTICA BAIXO CONTROL OBREIRO! E FACER UN PLAN DE TRANSPORTE COLECTIVO, QUE INCLÚA A NACIONALIZACIÓN DA AP9!.
Se algo demonstran estes 11 meses de pandemia é a absoluta incapacidade do capitalismo e os seus gobernos ou réximes para resolver co menor coste social posible umha emerxencia sanitaria. Non estamos no seculo XV e a peste negra, cando non existían os medios técnicos e científicos actuais; estamos numha época no que o capitalismo desenvolveu dun xeito tremendo eses medios... Mas é o proprio capitalismo, as súas estruturas económicas e políticas as que impiden que eses medios cheguen ao conxunto da sociedade.
Se non se fai vacinación a toda a poboación, que foi presentada durante todos estos meses como “a solución”, é porque as multinacionais que investigaron con diñeiro publico, non queren ter perdas. A Pfizer está negociando coa UE as vacinas, e como medio de presión racanea a sua entrega utilizando o medo da poboación para que a UE e os gobernos admitan a suas pretensións. Esta é a lóxica do capital! A vacinación masiva non vai ser posible salvo que os gobernos, ou sexa, toda a poboación a través dos impostos, paguen ás multinacionais o que estas queren e punto.
É o capitalismo, a propriedade privada dos medios de produción, neste caso as farmacéuticas, os freos para que remate XA a pandemia. A loita contra a propriedade privada dos medios de produción como as industrias en crise, as farmacéuticas e todos os medios para facer chegar á poboación vacinas, tratamentos, etc., é a loita POLO SOCIALISMO; umha sociedade que planifique democraticamente a economía, non “actúe cando se producen os contaxios” e poña as necesidades sociais no centro frente aos beneficios capitalistas.
Traballar neste sentido implica denunciar e enfrentar as políticas dos gobernos e do rexime coa mobilización na rúa; que son a garantía institucional dos planes para que capital saia da crise, así sexa a costa da saúde publica e dum empobrecemento social brutal.
Para avanzar neste camiño faise imprescindible a construción dumha organización política e de organismos sociais e sindicais que fuxan como da peste do cortopracismo electoralista. A Feijoo e ás políticas do PP, como ás do goberno central, non se van derrotar dentro dos marcos do réxime do 78, senon enfrentado-o e rompendo con ele; manterse dentro deles é manter a loxica capitalista que trouxo a situación actual.
Temos que nos preparar e organizar para loitar, pois coa pandemia non acaba o mundo.
En Galiza no mes de febreiro de 2021
No hay comentarios:
Publicar un comentario