A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 25 de enero de 2021

OS USA DESPOIS DAS ELECCIÓNS

Carlos Dafonte

Para os que afirmamos dende hai moitos anos que a “democracia” establecida pola oligarquía americana é unha “ditadura perfecta”, os acontecementos que se sucederon despois das últimas eleccións, co intento de golpe de estado levado a cabo por miles de partidarios de Donald Trump, tamén nos indica que algo está a pasar nesta ditadura para que se teña chegado a eses extremos.

Ninguén me pode quitar do pensamento que o asalto a un Capitolio sen defensa, cando se coñecía o que ía acontecer, unha manifestación de partidarios do perdedor, forma parte dunha conxura, que comezou negando antes de celebrarse as eleccións os resultados das mesmas, continuou negando o resultado a pesares de máis de sesenta sentencias xudiciais contra das reclamacións interpostas e numerosos recontos dos votos e culmina cunha concentración convocada en apoio das teses de Trump e o espectáculo por todos coñecido: “o templo da democracia mundial” asaltado por turbas variopintas, moit@s dos participantes consideran que o fraude electoral foi unha realidade incontestable e que a súa actuación se leva a cabo en defensa dos “valores” que a oligarquía impuxo dende a creación do pais, sen decatarse que esa oligarquía, unha parte da mesma é contra a quen agora se enfrontan. Moi mal ten que ir ese país a todos os niveis, para atoparnos con ese enfrontamento. A todos os niveis, politico, ideolóxico, social, cultural, económico, etc. Posiblemente como país que sufriu unha guerra civil, aínda non teña superado os efectos da derrota dunha das partes e quen teña ganas, si indaga onde Trump conseguiu máis votos, e que estados formaron parte da Confederación sudista, posiblemente teñamos un mapa moi exacto.. Na guerra civil nos EEUU se enfrontaron dúas oligarquías, a dos ricos empresarios cuxo proceso de acumulación estaba orientado ó mercado de produtos do campo cunha man de obra moi barata e a dalgúns estados do norte nun proceso de industrialización desbocado. Reducir isa fenda, o paso dos anos o amosa, vai ser moi difícil. E cantas maiores contradicións haxa no interior do elo máis forte do imperialismo, entendo que mellor.

Para non establece-los termos no seu punto xusto, os teóricos du “trumpismo” establecen que o país e os seus valores atópanse en perigo pola conxura dunha esquerda, que no país é inexistente; chamarlle esquerda ó partido demócrata, ademais de “indixencia teórica” é un insulto para todas as xentes que a esquerda se vinculan, pero tamén axuda a que cando chegan as eleccións nos USA, os sectores máis mornos desa esquerda mundial, tomen partido polos demócratas. Grave erro.

Trump nin é o teórico do que se denomina “trumpismo”, nin un estratego, non é mais que un pión en mans dun grupo cuxos obxectivos non están moi claros e que consigue aglutinar a redor dun pensamento moi primitivo, pouco elaborado, a todo un conxunto formado por numerosos grupos de carácter relixioso, fraccións da clase obreira, media, e ata multimillonarios, que non creo que lles una máis que pensar que a Trump lle fixeron trampa, pero que todos xuntos dentro da súa heteroxeneidade se teñen convertido nunha poderosa forza de choque, ameazante en diferentes estados ata para aqueles que pertencendo ó Partido Republicano non comungaban con moitas das políticas que se expresaban por boca de Trump.

Únelles o supremacismo branco, a xenreira ós emigrantes, a loita contra o intento de ir minando por parte do movemento feminista a sociedade patriarcal existente, un radicalismo relixioso extremo e a idea de que os USA son tratados no planeta pola maioría dos estados e polas organizacións que eles mesmos crearon e durante moitos anos dominaron, dun xeito inconsecuente diante da tarefa que eles levan adiante de defensores da democracia, a liberdade, a relixións etc..

Parten pois os seus ideólogos dunha base falsa, pero que polo que se aprecia da certos resultados, que sendo os benefactores das sociedades do planeta e como pago pola súa acción humanitaria que lles produce enormes gastos e pobreza dentro do país, nembargantes non se lle recoñece o seu labor filantrópico, polo que se plantean o “American Ferts”, “América o primeiro”, refuxiándose nun certo illacionismo que foi moi patente noutras épocas da historia do país.

O “Tea Party” un antecedente da era Trump.

Un antecedente próximo, a nivel ideolóxico foi o “Tea Party”, un movemento que xorde por internet dende sectores republicanos moi conservadores que reaccionan diante da política económica de axudas do presidente Barak Houssein Obaba, así co nome completo como a Cadea Fox, a cadea que levou a Tremp á presidencia, gustáballe nomealo cando se refería ó primeiro presidente negro, pra destacar que o seu paso pola presidencia entranaba un enorme perigo para os brancos cristiáns e que de seguir por ese camiño pronto serían despoxados do poder.

O “Tea Party” tomou posición clara contra as políticas de estímulo para facer fronte á crise, que representaba un enorme paquete de gasto e moitos norteamericanos preguntáronse ¿por qué temos que pagar todos os erros duns poucos? E se comezaron a convocar Tea Partys por numerosos condados de diferentes estados e axiña a cadea FOX veu no movemento un xeito de enfrontarse con Obama e influír na política do país, e para o “Tax day”, o último día que se ten para paga-los impostos, se convocou unha marcha en todo o país na que participaron centos de miles de persoas a favor da redución das competencias do goberno federal e a Fox introduciu contra o aborto e a inmigración. Os dous lemas fundamentais eran “Constitución” e “Mercado”. Segundo o primeiro a 10 enmenda non permite a creación dun Banco Central nin un sistema de Seguridade Social: “Os poderes non outorgados pola Constitución dos EEUU ó Goberno Federal nin prohibidos ós estados, están reservados ós estados e o pobo” desa posición á de “volver ó país dos pais fundadores” hai un pequeno espazo, pero que choca con todas as minorías, polo que o Tea Party se converte nun movemento para brancos; as minorías na época dos país fundadores ou os exterminaban ou eran escravos.

O “tea party” e o “trumpismo”, os considero un movemento de carácter interno, de tentar “poñer en orde” o pais dende unha visión ultraconservadora e racista.

Pensamento pouco elaborado dicía máis arriba, pois Obama seguiu defendendo e con moito ardor a axenda política do imperialismo que é a que permite ós partidarios de Trump, algúns facerse inmensamente ricos e outros ter a esperanza en unha intervención no exterior que lles permita acadar migallas e saír do marasmo no que a oligarquía do seu país os ten metido, nun período prolongado de decadencia os ten sumido; decadencia que as políticas de Trump ten aguzado cas súas medidas internacionais no eido económico, pero que teñen a súa orixe nas presidencias doutros, tanto republicanos como demócratas. A realidade é que dous presidentes demócratas, Clinton e Obama, durante 16 anos non foron quen de solucionar algúns dos problemas estruturais do país e este novo presidente axiña se dará conta, é un dicir, penso que xa o coñece, que unha cousa é desfacerse de Trump e outra amañalos problemas, a maioría anteriores a que Trump chegara á presidencia.

Por exemplo se tomamos un tema como o racismo e a discriminación das familias negras, o centro de estudos Pew Research Center estimou que nos oito anos da presidencia de Obama, a diferencia de riqueza media entre os fogares brancos e negros aumentara ó máximo quedando en 171.000 dólares para os brancos e 17.000 nos fogares negros.

Outro problema importante é a lei electoral, que permite que os últimos presidentes republicanos gañen as elección con menos votos populares que os demócratas, pero é un elemento que non se quere tocar. Do que se trata é que entre demócratas e republicanos, os dous partidos da oligarquía, monopolicen a política do país.

O analista Ezra Klein, establece que seguindo o ritmo actual de desprazamento da poboación, dentro duns poucos anos, o 70 % da mesma vivirá en 15 estados que contarán con 30 senadores mentres o 30 % da poboación restante estará representada no Senado por 70 senadores. E o senado na “ditadura perfecta” norteamericana ten un papel fundamental, non é como no estado español; pois ben un estado como California que ten aproximadamente 40 millóns de habitantes, onde os brancos representan ó 37 % da poboación elixe 2 senadores, e Wyoming un estado no que viven 570.000 habitantes, o 97 % brancos, tamén elixe outros dous. Entendemos perfectamente en que consiste a democracia americana e como afirma o propio Ezra Klein “un dos maiores problemas da democracia estadounidense é que non é democrática”.

O “trumpismo” veu reforzar ideoloxicamente a aqueles que renegan da loita de clase como motor da historia e consideran que hoxe a democracia burguesa existente é un atranco á verdadeira loita, que é a que se libra entre as razas, as relixións e as culturas e do que se trata é de impor a supremacía branca e o cristianismo. Un xeito de acubillar a realidade, que os EEUU de Norteamérica teñen entrado nun período de decadencia dende hai uns anos que cada vez se fai máis evidente e que se atopa cheo de contradicións internas e como non podía ser doutro xeito, se fan sentir no resto do planeta.

Eu espero que unha vez pasados estes catro anos, a agresividade do imperialismo se faga máis evidente a nivel mundial, se trata de recuperar o espazo perdido, pola política errática de Trump e debemos ser conscentes do que pode significar.

Polo tanto é urxente a nivel mundial, comezando pola UE, agrupar as forzas da esquerda, se algo queda que así se poda denominar, e pular a loita contra o imperialismo e pola soberanía dos pobos.

En Galicia no mes de xaneiro de 2021

No hay comentarios:

Publicar un comentario