A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 14 de enero de 2021

A COLABORACIÓN "PÚBLICA PRIVADA", O REAL DECRETO DO 30/12/ 2020


Roberto Laxe

Na lei 15/97 sobre habilitación de “novas formas de xestión na sanidade” abriu-se a porta á privatización de todo o sistema público de saúde do Estado. A política de concesións para a realización de servizos públicos a través da xestión privada, é unha práctica xeneralizada na administración. Así, servizos básicos tanto a escala estatal ou local, están en mans de empresas, grandes, medianas e pequenas, de tal forma que a administración é en realidade unha gran fonte de beneficios privados que só alimenta a corrupción.

Para iso crean unha figura chamada pomposamente Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e a Transformación Económica (PERTES), que levarán adiante o que na economía 4.0 deuse en chamar “proxectos tractores”; é dicir, investimentos produtivos que teñan un efecto de arrastre sobre o conxunto da economía. Unha figura, que o mesmo decreto recoñece que ten “vocación de permanencia”; é dicir, que veu para quedar como núcleo fundamental da economía do futuro.

Unha política europea fronte á crise

A pandemia veu a acelerar todos os procesos económicos que estaban en forma embrionaria antes do seu estalido; o que se coñece como “industria 4.0” ou “nova revolución industrial”. A UE, como os seus competidores imperialistas, os EEUU e China, buscan facer un monto de investimentos que poñan en marcha as modificacións estruturais precisas para que o capitalismo salga da crise na que está metido desde o 2007. Os EEUU teñen comprometidos 2 billóns de dólares con ese obxectivo; China no XIX Congreso do Partido Comunista, elaborou un plan de face ao 2050 para estabilizar a nova clase media xurdida todos estes anos de crecemento, e construír así un mercado nacional 

A UE pola súa banda, e tras superar o veto de Hungría e Polonia pois o plan ligábase ao respecto dos dereitos humanos (o cinismo da UE é descomunal!), vai investir a través do Instrumento Europeo de Recuperación, nunha primeira quenda, 750 mil millóns de euros, até chegar aos 1,1 billóns nos próximos anos. Un investimento, que por primeira vez na historia, vaise a financiar con base á emisión de bonos de débeda compartidos por todos os estados europeos.

Os servizos públicos fora do plan

O decreto di que a finalidade do plan é “reparar os danos da crise ocasionada pola pandemia do SARS Covid 19”. Dito así, a poboación traballadora podería pensar que esa reparación supón o fortalecemento dos servizos de saúde na súa máis amplo sentido (sanidade, dependencia, residencias de maiores, etc.), que se viron desbordados pola enfermidade.

Nada máis lonxe da realidade; expresamente o acordo europeo exclúe que ese 750 mil millóns (140 mil millóns correspóndenlle ao estado español) vaian destinados a pagar pensións, a “reparar” os sistemas de saúde ou ao pago de intereses da débeda. Ese diñeiro é para “promover un proceso de transformación estrutural mediante o impulso do investimento público e privado e o apoio ao tecido produtivo, a aceleración da dobre transición ecolóxica e dixital”.

A definición destes obxectivos marcados no art. 1 termina con palabras para a galería como “cohesión económica, social e territorial no marco do mercado único europeo”. Estas palabras de “cohesión” son rituais; do que se trata é que a UE, e o Estado Español han acordado un novo rescate dun sector do capital. Se en 2007/8 foi “salvar ao soldado Botin” co resgate da banca, agora é “salvar ao IBEX 35 e á patronal”, insuflando-lle miles de millóns de euros.

Por iso os servizos públicos quedan fóra do plan, o seu desmantelamento e privatización son parte dese rescate; e se non, a que de que en máis de 10 de meses de pandemia a única solución que teñan son máis confinamentos e non usen nin un euro dese diñeiro para fortalecer os sistemas de saúde.

A economía española

A UE con ese Instrumento non só busca resgatar ao capital europeo, senón tamén situar-se na dura competencia inter imperialista que se viu agudizada pola pandemia. Os EEUU evidenciaron o que era un segredo a voces, é a potencia hexemónica en decadencia absoluta; pola súa banda China presentou as credenciais de ser unha alternativa viable ao vello imperialismo hexemónico. Neste cadro, a UE busca o seu lugar baixo o sol.

E que pode facer un imperialismo periférico como o español nestas circunstancias; porque ese lugar baixo o sol quen o busca son Alemaña e Francia, as dúas grandes potencias europeas e tras elas, o resto.

Sobre esta estrutura baseada na corrupción e un capitalismo altamente especulativo e financeiro, que vive maioritariamente de decisións políticas e administrativas, van cair, primeiro 70 mil millóns de euros; e nunha segunda quenda, outros 70 mil millóns, até completar o 140 mil comprometidos pola UE. Van regar de millóns a empresas como as construtoras, que están no ollo do furacán da 

No decreto non se di nada de como van canalizar ese diñeiro desde o BCE até as empresas; e tendo en conta que o estado español carece dun sistema financeiro público, xa sabemos por onde van pasar os investimentos, a través de créditos dos bancos. Pola súa banda, algunhas multinacionais non ligados directamente a este capital especulativo, como Inditex xa se apuntaron á esmorga: presentou un plan para captar máis de 280 millóns de euros cun proxecto téxtil a partir da madeira O que non corre, voa ou queda sen diñeiro! Esta é a infame lóxica do goberno de fomentar a “colaboración público-privada”, que xustifica-se sobre a suposta maior eficiencia da empresa privada.

A eficiencia da empresa privada non se mide nin pola calidade do produto nin pola prestación do servizo, senón pola conta de resultados. Son os beneficios a final de ano o que determina se unha empresa é rendible ou non; e para iso ten que aumentar os ritmos de produción e manter o que eles chaman custos de produción (salarios, materias primas, etc.) baixos. O exemplo do desastre que é a colaboración publica privada son as empresas enerxéticas: dixeron, coa competencia baixarán os prezos e mellorará a calidade do servizo: a subida do 27% da energia en plan onda de frio demostra xusto o contrario.

E a clase obreira? e os pobos?

Se alguén dubidaba do carácter burgués deste goberno este decreto déixao claro: nas súas 61 páxinas, desde a exposición de motivos até o final, a única referencia que se fai aos traballadores e traballadoras ou ás súas organizacións é o artigo 18, cando di que se constituirá un foro de participación para favorecer o diálogo social con “as organizacións empresariais e os sindicatos”.

Dos pobos, apúntase no mesmo sentido, constituíra-se unha Conferencia Sectorial coas comunidades autónomas que canalizará a súa participación nas medidas que se adopten. Para todo o demais, é dicir, para todo o serio, a Comisión que tomará as decisións estará composta por ministros do goberno central e unha comisión técnica.

Un goberno que o único que fixo é baixarse os pantalóns ante a patronal, que non derrogou ningunha das leis que prometeu derrogar (reformas laborais, reformas de pensións, etc.), que se traga a imposición patronal da conxelación do misero salario mínimo, que é incapaz de nacionalizar nin unha soa das empresas que hoxe ameazan con despedir a miles de traballadores e traballadoras (Alcoa, Indra, Airbus, Nissan, etc.).

Un goberno que de novo, e como hai xa 70 anos co Plan de Estabilización do franquismo, ten como aposta de crecemento económico o chamado “eixo do Mediterráneo”, ou o que é o mesmo, o turismo e o ladrillo ligado ao capital central, mentres a industria cae a cachos. Un goberno que permite que as eléctricas provoquen unha suba do 27% do prezo da electricidade en plena onda de frío. Ese goberno é o que vai xestionar o 140 mil millóns que vai recibir da UE.

Por certo, e á pasada, o control destes fondos é un dos principais motivos da tensión da extrema dereita, do PP e VOX co goberno. Non é que sexa un goberno “comunista”, “bolivariano” ou o que sexa, iso é para consumo das súas bases; en realidade o motivo é que os sectores da economía a eles ligado, co “palco do Bernabeu” e Florentino Perez á cabeza, están histéricos por non poder acceder libremente a ese “tesouro” de 140 mil millóns de euros como con Rajoy, e agora Ayuso en Madrid ou Feijoo en Galiza. Temen que o goberno llo de outros sectores do capital e a eles só déixenlles as migallas.

En fin, o decreto do 30 de decembro do 2020 non deixa de ser o colofón dun ano que supuxo un empobrecemento maior da sociedade; un retroceso nos niveis de vida de décadas e supón pór os cimentos dun plan de resgate das grandes empresas, que verán como unhas reciben diñeiro para máis obras faraónicas e a outras acúrtanselles os prazos administrativos para instalacións de produción de enerxía “sustentable”.

A única perspectiva é a de levantar un plan obreiro e popular fronte a este plan do capital español e europeo, en torno ao cal se reagrupen todas as forzas sindicais e sociais que rexeiten o rescate do capital que pretenden desde a UE e o goberno.

En Galiza no mes de xaneiro de 2021


No hay comentarios:

Publicar un comentario