A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 7 de enero de 2021

UN ANO DE GOBERNO SOCIAL COMUNISTA E BOLIVARIANO

Carlos Dafonte.


Despois dun ano de goberno de coalición, todas as calamidades previstas polos partidos da oposición, que se abatían dun xeito inequívoco sobre o territorio no que o  Estado Español exerce as súas competencias, onde cohabitamos tres nacións sen estado e unha cantas rexións e dúas cidades, todas baixo un proxecto autonómico constitucional, nada ten acontecido; a non ser que padezamos un “goberno asasino”, asi o cualificaron en varias intervencións os opositores, que se adicou a dar morte, supoño que aliado cun virus chinés, ademais de con etarras e independentistas, a cifras descoñecidas de homes e mulleres, ocultando o número dos seus actos criminais.

Un ano cunha crise económica que se nos viña enriba, as previsións feitas dende meados do ano anterior así o indicaban, previsións que se consolidaron a principios do ano 2020 e que se complicou moito ca aparición dun virus, unha especie de “gripe española” do ano 1918, que asola a case todo o planeta, que obriga a pechar empresas, a recluír á maioría da poboación nas súas casas, que produce un enorme deterioro económico e ducias de miles de mortos, que pon en evidencia como as políticas neoliberais practicadas sobre a natureza, na sanidade e outros servizos, deteriorou o sistema de protección, pero non foi quen de deteriorar a alta profesionalidade dos sanitarios en todas as escalas; nembargantes, a pesares da pandemia, da crise e do capitalismo, aquí seguimos sen que se cumpran os agoiros de moit@s.

Cun goberno moi feble, non só por ser de coalición sen maioría absoluta, senón porque forma parte do mesmo un Psoe neoliberal ata as últimas consecuencias, agora parece que con certas desavinzas internas e na outra parte sectores dun PC en claro retroceso tanto ideolóxico como social ou organizativo, e Podemos un conglomerado de ideas que nin eles mesmos se atreveron nunca a cualificarse de esquerdas; un goberno nestas condicións que grazas a responsabilidade dun conxunto de forzas políticas, que nunca asumiron responsabilidades de estado, esta vez si o fixeron e foron capaces de aporta-los seus votos para aprobar uns Orzamentos Xerais imprescindibles; se decataron, no caso dos inependentistas catalás e vascos, que por diante de afortalar ou debilitar un goberno central, estaban os intereses dos seus pobos que ían sufrir máis senón eran aprobados; pareceume un xesto de responsabilidade fronte os que autodenominándose “partidos de estado” e “constitucionalistas”, fixeron todo o posible para que o goberno descarrilara, sen valorar e sen importarlles as consecuencias que para traballador@s e resto da poboación podían ter as súas posicións; estes partidos amosaron, aínda que reciban moitos votos das clases subalternas, dos explotados polo capital, que o único que defenden son os intereses dunha cativa minoría, que pouco sofre ca situación actual.

Como podemos cualificar políticamente a este goberno?; para moitos facelo pode parecerlles unha idiotez, pero o que trato de conseguir, Marx dixo que facer política é prever, é facerme unha idea de por onde vai marchar, o camiño do Goberno nos próximos anos e gostaríame non trabucarme aínda que comprenda que un ano, e mergullado en todo este proceso  de crise económica e sanitaria, é pouco tempo para dar un “veredicto”, que sempre vai ser parcial. 

Se lle ten denominado de moitos xeitos, no título desta reflexión aparecen os cualificativos máis empregados polos conservadores do PP e os neofranquistas de VOX; Ciudadanos, sen rumbo e sen política, buscando o “centro” desesperadamente, pero aferrados a VOX como o PP, para seguir manténdose en determinados gobernos autonómicos, matiza os seus cualificativos e posicións.

Se deixamos as barbaridades aparte, dous son os que reciben con maior asiduidade, “goberno de esquerdas” e “goberno de progreso”. Son eles, os que o forman, os que deste xeito tamén se autocualifican en numerosas ocasións.

Pero eu entendo que un goberno de esquerdas é o que tenta cambia-lo réxime actual, formular cambios estruturais moi fondos, o que non quere dicir que non deba levar adiante reformas, pero todas elas enmarcadas nun horizonte de cambios estruturais que permita que no transcurso dun medio prazo se note que as maiorías sociais son parte do goberno, que a “democracia” sofreu importantes reformas, se afonda na mesma, eliminando espazos de auténtico poder que mediatizan a actividade de quen controla as institucións básicas, eliminando tamén moitos contrapesos das etapas anteriores que aínda existen, loitando dende o propio Goberno cunha cidadanía mobilizada por rescatar, para xestionalo doutro xeito parte do patrimonio que nos foi arrebatado, medios de produción esenciais, e que é estratéxico, hoxe en mans irresponsables que só lles interesa o beneficio e sobre todo, se promove unha participación activa da sociedade e se dan os pasos para a existencia dunha información que non se atope en mans das grandes empresas. Un goberno de esquerdas, en resumo é un goberno anticapitalista.

Hoxe á sociedade se lle mobiliza para que compre, para que consuma, un goberno de esquerdas debe facer o posible para que se mobilice para acadar os cambios necesarios. Porque a “reconciliación” non debe obrigarnos, despois de pasados tantos anos dende a morte do ditador e desaparecido aquel réxime nefasto, en aras da mesma, que sigamos a ter unha democracia que en moitos aspectos non satisfai os devezos de participación, información e control por parte d@s traballador@s e da sociedade actual. Un goberno de esquerdas non debe permitir que os añorantes da ditadura continúen intervindo na vida política ca forza con que o están a facer; tiveron tempo suficiente  para asimila-lo novo réxime que pouco lles esixía e si seguen a ter forza hoxe, e que algo se fixo moi mal nestes anos pasados. Si a situación política, social e institucional atópase como hoxe a vemos, é pola razón da debilidade e ausencia da esquerda no territorio do estado e a imposición das políticas neoliberais sen que se vislumbrase unha política alternativa, de esquerdas, para confrontar con ela e construír un bloque opositor.

Un goberno progresista é outra cousa, o que non tenta reforma-lo sistema político nin o réxime no seu conxunto; quere modificar algúns aspectos do mesmo pero sen chegar ata a raiz dos problemas, posto que hai aspectos para o mesmo intocables e sobre todo que non incita á participación d@s traballadores, que os prefire pasivos; que tenta convencer que os poucos cambios que se deben levar adiante, se farán dende as institucións, de acordo co que se establece na Unión Europea e polo tanto o voto é o único importante.

Despois dun ano de Goberno de coalición o cualifico como que non é nin de esquerdas nin progresistas, pero pode cambiar a isto último, aínda que o dubido; de esquerdas é imposible. 

É un “goberno protector”, que fronte a crise e a pandemia que a fai máis aguda, tenta protexer a todos por igual, empresarios, autónomos, traballadores o que nunha situación tan complexa como a actual é difícil. A moit@s empresari@s que agora reclaman do Estado protección cando sempre votaron polos partidos máis liberais, os que querían quitarlle a maioría das funcións, ata a de regulador e só desexaban que “as forzas do mercado” o organizaran todo, a eles, pero a algúns máis, habería que preguntarlles, como en todos estes anos de crecemento económico a índices máis altos que no resto de Europa, e sendo conscientes que crecemento é beneficio, onde os meteron para que este país dende o primeiro día da pandemia e de crise, todos eles reclamen axudas. Non hai nin un sector que non estea na ruína.

Un Estado protector necesita ingresos, os que veñen de fora haberá que pagalos polo que necesita que os máis ricos, os que aumentaron o seu patrimonio nos tempos de crecemento, fagan un esforzo para axudar ós que dende o ano 2006 levan soportando políticas de austeridade.


En Galicia no mes de xaneiro do ano 2021

No hay comentarios:

Publicar un comentario