A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 8 de mayo de 2021

GAÑA EN MADRID O MODELO DE POPULISMO TRUMPISTA. ISE É O MODELO A EXPORTAR A TODO O ESTADO?


Carlos Dafonte.


Un modelo que ademais non lle fai ascos a pactar co “neofranquismo”, pois para sacar adiante algunhas leis, necesita a maioría absoluta e só a ten, si Vox lle apoia e coñecemos que agás en poucas ocasións, en política os apoios non se dan gratis. Pablo Casado debe clarexar a contradición entre o seu discurso cando Vox presentou unha moción de censura contra o goberno presidido por Pedro Sánchez e as posicións actuais en certas Comunidades do partido que preside.

A min gústame falar de “neofranquismo” máis que nomear a Vox como fascista ou nazi; en iso son moi conservador e dende hai moitos anos teño moi gravado como caracterizou o XIII Pleno do Executivo da Internacional Comunista ó fascismo, que recolle Jorge Dimitrov no seu informe ó Plenario da Internacional Comunista en agosto de 1935. Como “a ditadura terrorista aberta dos elementos máis reaccionarios, máis  chouvinistas e máis imperialistas do capital financeiro”. En ese mesmo informe Dimitrov cualifica ó “nazismo” como “a variedade máis reaccionaria do fascismo”. E o fascismo como o instrumento a utilizar contra o avance do movemento obreiro tanto no plano sindical como político, en momentos en que lle disputa á oligarquía o poder. 

Aquí, no estado español ó movemento obreiro non lle está a disputar á oligarquía o seu poder; en Italia nos anos vinte e en Alemaña nos anos vinte e trinta, si. Polo tanto dende o meu punto de vista, o xeito como entendo debemos caracterizar a Vox, xunto con sectores do PP, é de quen estraña aspectos determinados do franquismo, que amparados polo ascenso da extrema dereita en case todas as partes do planeta, despois da “derrota histórica” que representou a restauración capitalista nos países onde a burguesía fora expropiada, tentan introducir neste caso, partes do “catecismo ideolóxico” da ditadura franquista e defender outros que unha sociedade plenamente democratico-burguesa debe “desanoar” e que deixou a ditadura “atado e ben atado”, que se reflicte na propia Constitución. Pero Vox e os seus cómplices que lle permiten avanzar, que lle restan importancia a que participen e axuden a constituír gobernos autonómicos ou municipais, é un perigo para a nosa limitada democracia burguesa, pois aínda que non teña a forza para acabar con ela, non permite, xunto cos seus aliados, avanzar. Se suma dende posicións ultras, ó que Psoe e Pp veñen facendo en todos estes anos de gobernos do estado: non dar os pasos necesarios para poñer fin as pegadas do franquismo.


As razóns dos resultados electorais.

Creo que para poder falar dos resultados, non debemos esquecer a composición de clase da Comunidade de Madrid. Un sociólogo falaba hai uns días, quedei cos números pero non co nome, que un 20 % aproximadamente traballaban nas diferentes administracións, central, autonómica e local; outro 20% o facían nas empresas do Ibex e moitas máis, en labores de xerencia, administración etc, grande parte das mesmas asentadas na comunidade para pagar menos impostos é o resto da poboación en servizos, comercio, hostalería, grandes áreas, etc..

Como non estaba moi de acordo con esta distribución, examinei o informe elaborado pola Generalitat de Valencia, “Madrid: Capitalidad, Economía del conocimiento y competencia fiscal”, no que para o ano 2018, establece para a comunidade os sectores e actividades seguintes: agricultura, 0,1 % da poboación; industria, 9,7; construción, 5 e servizos, 85,2. Dentro da industria á de alta tecnoloxía.

Hai que supor que unha parte importante da xente que traballa en servizos son propietarios do seu modo de vida, pequena burguesía e xa coñecemos o seu comportamento en momentos de crise, sempre temerosos cos cambios e receptivos a discursos da dereita sobre todo si lles garante o seu negocio aínda que sexa por enriba da saúde e os que traballan contratados, tanto en pequenos negocios como grandes áreas, posiblemente sen seguridade no emprego, con moitas horas, baixos salarios, pois se guían por sentimentos parecidos; fronte ós que lles pechan o seu lugar de traballo e non se lles garante o salario, aínda que existan ertes, aínda que o salario sexa cativo, e os que o mantén aberto, senón tes un pensamento moi político, vai votar a quen lle garante a apertura. Con todo o anterior quero dicir que pode ser que a pandemia e o xeito distinto de xestionala, poda ter influído nunha parte dos votantes do Pp, que recolleu un importante voto de castigo ó Psoe de sectores da pequena burguesía e tamén por parte de traballador@s que nas anteriores o fixeran, posiblemente por partidos progresistas, polo partido hoxe maioritario no Goberno do Estado.

Ayuso sacou hai dous anos os peores resultados do Pp na Comunidade de Madrid; a suba do día 4 ten que ter causas múltiples, pero non creo que sexa os slogans, nin a campaña o que xerou a grande votación; ademais da xestión da pandemia como xa indiquei, a queda de Ciudadanos e o agrupamento do seu voto no Pp, por erros propios e considerar os seus votante que non era un partido fiable; fagamos un percorrido  pola súa actividade nos últimos catro anos: febreiro 2016 Psoe e C's asinan un “pacto progresista” con 200 medidas e diríxense a Podemos para que se integre no mesmo;  maio -xuño 2018 C's se opón á moción de censura contra ó Pp; 10 febreiro do 2019 manifestación en Colón con Vox e Pp, Rivera establece un novo panorama político e un veto ó Psoe; 28 de abril 2019 Ciudadanos saca os mellores resultados 57 deputados; 5 de outubro 2019 Rivera levanta o veto ó Psoe; 10 de novembro 2019, Ciudadanos se queda con 10 deputados, Rivera e parte da súa executiva dimiten; maio 2021, en Madrid pasa de estar a gobernar co Pp e o apoio de Vox a quedar fora da Asemblea. Antes un  intento de moción de censura co Psoe en Murcia e Castela e León para despraza-lo Pp. Un pouco delirante todo este camiño.

A perda por parte de Ciudadanos dun horizonte político claro é un feito; coñecemos que en tempos de crise, se necesitan certezas e da carencia de certeza para os electores á concentración do voto  no partido afín máis forte, hai un paso.

O voto do Psoe, a fuga dunha parte importante, ademais de polo xa comentado tamén é de castigo por dous anos de “vacacións” cando debía exercer de oposición na Asemblea fronte a Ayuso e a súa xestión dos servizos, pandemia, etc e fronte ó avance do neofranquismo, que despois dos 54 deputados nas Cortes, estaba anunciado. Tamén estou convencido puido ter certa influencia en algún sector por “deixar entra-los comunistas” no goberno e despois do procés, apoiarse en ERC e independentistas vascos.

Moitas das análises que hoxe se fan, sobre todo as que centran o resultado do Psoe na campaña electoral, entendo que é un intento, un máis para desgasta-lo goberno e o seu presidente; coñecemos por estudos moi fondos que as campañas en sí deciden poucos votos, entre un 1-2% .

Unidas Podemos que estaba fora do taboleiro político da Asemblea segundo as enquisas, subiu 80.000 votos, cecais máis pola súa labor no goberno, que pola participación de Pablo Iglesias, conste que non lle quero quitar mérito algún, pero o tema do salario mínimo, ERTE's como ferramenta para evitar despedimentos, prohibi-los desafiunzamentos e cortes de luz, auga, etc ás familias que a causa da crise non puideran pagar, supresión dalgúns aspectos reforma laboral, lei de eutanasia, axudas a empregadas do fogar e autónomos, ingreso mínimo vital, etc.,  que só gobernando o Psoe ou Psoe e Ciudadanos entendo non se tiveran levado a cabo; todas estas medidas puladas en grande parte por UP, posiblemente tiveran certa influenza. A propia actitude de Pablo Iglesias aparecendo nos medios e facendo propostas ou críticas ó propio goberno, facendo visible a UP. Como tamén a puido ter, pero dun xeito negativo, para algún dos seus votantes, a súa participación nun goberno cun Psoe neoliberal e suxeito ó que diga Bruxelas

Vox sofre unha freada importante, gaña 45.000 votos, poucos respecto ó avance tan grande que esperaban, despois do éxito na elección a Cortes do ano 2019 e de Cataluña de hai poucos meses.

Por último Más Madrid a quen tod@s consideran unha formación vencedora; despois de actuar dun xeito tan eficaz e responsable como din que actuou na Asemblea, da catástrofe do Psoe e Ciudadanos e ter un discurso moi “centrista”, só gañou 140.000, que no está mal, pero debe facerlles abrir un período de reflexión, habida conta que entre Ciudadanos e Psoe perderon máis de 760.000 votos.


Se enfrontaban dous bloques?

Entendo que non, aínda que a división esquerda-dereita, como a de liberdade-socialismo ou liberdade-comunismo, son dicotomías moi fáciles de reter na mente e non te obrigan a pensar; pero as tres son falsas dicotomías. En Madrid, como xa expliquei nun artigo neste blogue, non se votaba para evita-lo socialismo ou o comunismo e a favor da liberdade, se votaba seguir cun proxecto radical de carácter neoliberal, que coarta, en todas partes é asi, determinadas liberdades e dereitos, trufado con algúns aspectos propios do, chamémoslle neofranquismo; este proxecto, ó do Pp, confrontábase con outro que dentro tamén do neoliberalismo triunfante, se lle puideran poñer, ó do Pp, certos límite e certos matices; pero eses límites e matices non son suficientes para cualificar, na miña opinión, a un bloque como de “esquerda”.

O Partido Socialista como “Más Madrid” son organizacións, en algúns aspectos máis en outros menos, progresistas e Unidas Podemos, tampouco supera no seu conxunto o que eu entendo e teño todo o dereito a opinar, sobre o que se debe considerar unha alianza de esquerdas ou un partido de esquerdas, aínda que dentro do mesmo pode haber xentes de esquerdas pero non son as dominantes na organización. Estamos tan derrotados ideoloxicamente, as ideas do inimigo de clase as temos tan asumidas, como para considerar á suma do Psoe, Más Madrid e UPodemos como a esquerda? Algúns e algunhas dirán, “pois é o que hai”. Pois senón hai, debémolo crear.


O modelo que triunfou en Madrid, o de Ayuso-PP-Vox é exportable?

Posiblemente para algúns estados dos Usa que votaron a Trump e que seguen enganchados a ese modelo cheo de mentiras, que se pon de costas á realidade dos número fiables, como fai Díaz Ayuso, pois si, lles sirva, pero para o estado español, veremos dentro de pouco tempo, cando veñan as próximas eleccións, que ata o Pp vai desbotar...aínda que como Pablo Casado, politicamente é un “chiquilicuatri”, sen criterio firme en nada, capaz de facer unha intervención contra Vox como a que fixo nas Cortes e despois seguir gobernando con eles onde teñen necesidade, se dentro do partido se levantaran voces que formulen a necesidade de que sexa Díaz Ayuso a que leve adiante o “seu proxecto” nas próximas eleccións, non dubido que Casado acepte e sexa el quen o faga. Nese caso se enfrontaría a dura realidade.


En Galicia no mes de Maio de 2021

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario