A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 28 de mayo de 2021

O "CASO" PABLO IGLESIAS

Carlos Dafonte.


Non teño a intención de poñer a Pablo Iglesias a altura do capitán francés Dreyfus, acusado inxustamente de traizón por ser xudeu, que foi a causa de que o escritor Emil Zola escribira o célebre artigo titulado “Eu acuso”, nin ó do matrimonio Rosemberg, en plena efervescencia da  denominada “guerra fría”, cando nos países capitalistas onde os comunistas que foran quen con máis vigor loitaran contra a invasión da Alemaña nazi e pola liberdade, foron expulsados dos gobernos, e este matrimonio acusados de pertencer ó Partido Comunista dos Usa, tamén o foron de traizón, condenados e  asasinados na “cadeira eléctrica.

Non, non teño a intención de comparar ó que lle ten acontecido a Pablo Iglesias nos curtos anos da súa vida política despois do 15 de maio de 2011, cando ducias de milleiros de persoas tomaron as prazas de moitas cidades e vilas no territorio do estado, para proclamar, berrar, que estaban fartos da política levada a cabo polo bipartidismo rampante, que a crise seguira a caer sobre as costas d@s traballador@s, dos xubilados, das clases populares, dos que en verbas moi utilizadas en Galicia “sofrían a historia”; movemento que se concretou nunha frase, ó marxe doutras moitas que se acuñaron por esa época, “non nos representades”. Non teño dicía intención de comparalo con nada acontecido con anterioridade, pero penso que é un síntoma que debe preocupar.

Tamén quero matizar, que para unha persoa como eu, que militei dende novo nas fileiras do comunismo e polo tanto do marxismo, formulacións de Podemos como “non somos de esquerda nin de dereita”, a cuestión da cidadanía loitando contra un reducido número que eran a “casta”, tampouco me pereceu correcta, pola razón de que a “casta” existe, pero dentro do concepto de cidadanía hai moitos intereses encontrados, algúns antagónicos polo que eu sempre preferín facer o análise da sociedade dende o punto de vista da división, na sociedade capitalista, en clases e analizar nos momentos concretos, que intereses defende cada unha das que conforman a sociedade. Nin tampouco estou moi de acordo co “institucionalismo”, o abandono da mobilización e cifralo todo a acción das institucións para consegui-las reformas e os cambios. 

Pero a traxectoria de Pablo Iglesias ata a súa dimisión o 4 de maio, tamén é un “caso” de estudo e debémolo facer, porque aínda que pareza mentira, se o facemos a fondo e segundo que conclusións saquemos, coñeceremos se nos atopamos nunha sociedade cuxos diferentes intereses se enfrontan a nivel político de acordo ó seu sistema democrático-burgués, ou non, se alguén fai trampas. O que debemos evitar, por moi corrupta que sexa a sociedade política, que ten bastante que ver ca corrupción imperante na sociedade civil, e que o “caso” de Pablo Iglesias se volva a repetir e menos que conte co apoio na tarefa de liquidar a un político, de case todos os medios de comunicación, ós que se lles considera o “cuarto poder”, das “cloacas do estado”, e unha parte importante das organizacións políticas, máis ultras e de moit@s militantes cun peso considerable en determinadas organizacións. 

Todo este inmenso conglomerado de intereses de todo tipo, de poderes, son tan febles, tan mesquinos, tan incapaces de ter unha visón democrática da realidade, como para considerar que unha persoa por moi dialéctica que sexa, por moitos coñecementos que teña, podía facerlles fracasar, podía derrubar un réxime asentado dun xeito tan firme con din que está, o réxime nado na constitución do ano 1978?.

E senón é así, cales son as razóns para a persecución constante deste político, incluída a súa familia? Dos “escraches”, que verba máis fea, durante ano e medio diante da súa casa?

A xente digamos normal, sen moita preparación política, esgrime dous argumentos que seguro escoitou a determinados políticos ou en algún medio de comunicación en mans de grandes empresas; o primeiro é que “Pablo Iglesias divide á sociedade”, afirmación dende o meu punto de vista completamente trabucada. 

A sociedade se divide pola constancia que hai nunha parte da mesma, de que os máis ricos son cada vez máis ricos e os pobres cada vez máis pobres, cando a riqueza que se produce é cada vez maior; polos baixos salarios que impide os mozos e mozas vivir fora do fogar onde naceron e teñen que emigrar; polo paro enorme e a perda de perspectiva de atopar traballo para moit@s que se atopan en condicións óptimas de seguir traballando; polas cifras que dan as estatísticas europeas sobre a pobreza infantil e a cantidade de persoas que aquí, se atopan no limiar da pobreza; por rescata-la banca e os banqueiros, moitos tiñan que se sentar no banco diante dos xuíces para clarexar a súa xestión e que cada pouco tempo dun xeito provocador se suben os salarios; divide a sociedade a corrupción de numerosos políticos e que existan leis que unha vez coñecido o delito, as condenas son mínimas; ou a creación durante estes anos de bipartidismo, do que o sociólogo Pareto chamaba “casta”, a fusión de dirixentes de determinadas organización políticas cos intereses das grandes empresas e o premio que reciben con postos nas mesmas, o que aquí chamamos “portas xiratorias”; ou cando as grandes empresas multinacionais pagan cantidades ridículas en comparación co que pagan na UE e por enriba funcionan toda unha serie de paraísos fiscais onde poden acubillar beneficios; ou que se manteña a discriminación da muller en moitos eidos da vida cotiá e no traballo...e podíamos seguir a falar das circunstancias que crispan á sociedade e da que ese señor non ten culpa algunha, como non sexa a de acusar ós responsables das mesmas.

Pablo Iglesias non crea as desigualdades, en todo caso mentres unha parte dos políticos calaban, el sacaba a luz todos estes temas que tiñan crispada á sociedade, que a dividían, pero el non a crispaba nin a dividiu. O que se fixo con Pablo foi “mata-lo mensaxeiro”. A xente se crispa cando nas familias cada vez hai máis membros sen traballo, cando os que traballan cada vez cobran menos e os servizos públicos cada vez funcionan peor pola razón de que cada vez se inviste menos en eles e os privados cada vez reciben máis cartos dos impostos de tod@s. Quen aumenta a crispación social son aqueles partidos políticos que tentan sacar tallada da mesma facendo chegar á sociedade unha axenda que significa un retroceso político importante e dividen con posturas xenófobas, racistas e incitan á persecución ás organizacións progresistas e de esquerda.

Outro argumento que se ten sinalado é o de que Iglesias apoiou os “escraches” a persoas do Goberno de M. Rajoy e agora sofre o que sementou. Un punto de vista tamén completamente trabucado. En momentos de crise, en momentos que moita xente son expulsados dos seus fogares con apoio da Policía Nacional ou a Guardia Civil, 70.000 desafiunzamentos en 2018, o normal é que a xente golpeada pola crise, que perdeu o traballo e que por enriba a votan da casa por non poder paga-lo alugueiro, proteste e considere que se debe actuar contra quen podendo tomar resolucións para evitar a súa situación, non fan absolutamente nada, permanezan insensibles ós padecementos dos demais. Por iso se fixeron determinados “escraches”, que poden entrar dentro do dereito de protesta que se garante constitucionalmente. 

Pero o que lle fixeron a P.I. nada ten que ver co anterior, se lle perseguiu e se lle seguirá perseguindo, polas súas ideas, por pensar dun xeito determinado e o que é aínda máis grave, dende a fiscalía non se actuou de oficio contra quen o facía que estaba a conculcar a “sacrosanta” Constitución onde se establece que ninguén pode ser perseguido polas súas ideas, relixión, etc. A partires do “caso Iglesias” xa non se pode repetir, e iso é o grave, aquelo de que na nosa democracia, non se persigue a ninguén polo xeito de pensar; ou seu “caso” amosa que si. 

¡Vaia  democracia que temos na que non existe liberdade de pensamento cando ademais non se conculcan nin os dereitos humanos nin os que establece a propia Constitución.!

Hai meses escribín sobre a xenreira de clase e a nova ondada anticomunista que se espallaba polo estado; os comunistas que foron o piar fundamental na loita polas liberdades na época da ditadura e fixeron todo o posible unha vez morto Franco, para consolidar unha democracia que, sen gustarlles moito, se consideraba un avance importante. Estas campañas as levan a cabo os que nunca condenaron o franquismo e os que queren rescatar aspectos do propio franquismo, facéndonos ver que Pablo Iglesias, que sempre dixo que eles non eran, como xa dixen “nin de esquerdas nin de dereitas”, é un perigoso comunista e algún me chegou a dicir, o escoitaría nalgún faladoiro, que actúa do mesmo xeito que actuaba Stalin.

Tivera acontecido o mesmo se Felipe González, cando o seu goberno desarmado pola corrupción perdeu a maioría absoluta e en vez de pactar con Pujol, o tivera feito con IU, onde se atopaba o PCE? Creo que non. Preferiu, naquel caso, seguir encubrindo a corrupción propia e a de CiU, a facer unha política máis social. Pero o importante é que González no suposto de ter pactado con IU e o PCE, non tería recibido o trato que recibiu Pablo Iglesias e que recibe Pedro Sánchez. 

O que debemos aceptar neste territorio que se lle chama España, é que ó longo destes últimos anos se ten producido un retroceso ideolóxico do pensamento progresista e de esquerdas moi considerable e o “caso Pablo Iglesias” o pon de manifesto, é un síntoma dun proceso ó que debemos darlle a importancia que se merece: o avance do pensamento ultraconservador e neofranquista; cometeríamos un erro se o consideramos unha sinxela anécdota. 


En Galicia no mes de maio de 2021

No hay comentarios:

Publicar un comentario