A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 27 de febrero de 2026

OS USA NON ACEPTAN DEIXAR DE SER O HEXEMÓN E ACTÚAN PARA IMPEDILO (III)

Carlos Dafonte

O chamado “arco de crise ou de conflitos” que os USA promoven contra Rusia e China.

As diferentes administracións dos USA consideraron sempre que teñen dereito a intervir en calquera parte do planeta e teñen establecido o que o antigo xefe de gabinete do secretario de Estado Collin Powell, Lawrence Wilkerson, definiu como “arco de crise” que eu prefiro chamarlle de “conflictos”, que están dispostas a crear aos seus inimigos e que abrangue un conxunto de territorios, que de crebar a súa estabilidade nos eidos da política e sociedade, representan importantes problemas para a Federación Rusa e China, aínda que máis para a primeira aínda que un obxectivo moi importante sexa tamén frear a “franxa e o roteiro”, promovido por China e na que participan máis de 60 países. Os dous países fundamentais nesta xeopolítica de crise, son Ucraína e Irán. O primeiro por onde debían pasar parte dos subministros de enerxía a Europa e o segundo, a entrada desde China do camiño de ferro. Non debemos esquecer que este xa chegou dende Beijin a Teherán e este país é un punto nodal no seu desenvolvemento.


O arco vai dende o Ártico a Siria, pasando por Kaliningrado, Ucraína, Xeorxia, Armenia, Azerbaián, Chechenia, Iraq, Irán, Afganistán para acabar en Siria onde os rusos tiñan bases e as administracións dos USA, con tal de crearlle conflito, foron capaces coa axuda da UE, de situar no poder a membros de Al Qaeda, fundadores do Isis, Al Nursa e calquera islamita radical a quen sempre consideraron terroristas e inimigos dos “occidentais”, é dicir os USA, Canadá, Australia, Grande Bretaña e a UE. ¡¡Vivir para ver!!. ¡¡E a UE afirma ser defensora dos dereitos humanos!!.


A alguén pódelle estrañar que apareza Kaliningrado, un pequeno territorio no Mar Báltico parte da Federación Rusa illado entre Lituania e Polonia, que traio a colación pois un xeneral moi próximo a Trump e comandante militar do exército dos USA en Europa e África, Christopher Donahue, entusiasta defensor da expansión da OTAN cara ao leste, ameazou aos rusos con ocupalo.


Comecemos pola parte de arriba do arco, temos o tema da xestión do Ártico, espazo onde funciona a chamada xenericamente “comunidade ártica” estruturada a partires  da constitución do Consello Ártico nado coa declaración de Ottawa de 1996 con países con costas ao mesmo, ou interesados en abrir rotas que axuden a axilizar o comercio. Foron invitados como observadores Francia, Alemaña e Grande Bretaña. España foi admitida como tal no 2006 e China, Xapón e Corea do Sul no 2013. Pois ben, tentan por todos os medios botar fora á Federación Rusa que é quen ten a maior costa ao mesmo, e impedir que China participe. Sábese que co problema da perda de xeo vai ser ao Ártico un roteiro fundamental para o comercio.


Do conflito en Ucraína, ata Trump ten claro que a “Operación Militar Especial” foi a resposta da Federación Rusa a unha provocación da OTAN-UE. 


O caso de Afganistán é interesante para comprender ben o interese dos USA en crearlle aos rusos problemas nas súas fronteiras; este país foi o primeiro en recoñecer ao goberno bolxevique cando a revolución do ano 1917 e o primeiro lugar onde comezaron a traballar técnicos agrícolas soviéticos; dende o primeiro momento do trunfo da revolución as relacións foron moi boas e o Partido Comunista era no país unha forza importante,  partido por outra banda con divisións internas moi fortes. Considérase a intervención rusa en 1979 como un intento de poñer no poder aos comunistas, nada máis afastado da realidade. 


Os USA ata ese momento, nunca consideraron a Afganistán como un territorio estratéxico fundamental para a defensa de occidente, así o amosan numerosos informes, aínda que tiña fronteira coa URSS. En 1973 prodúcese unha revolta, segundo os arquivos norteamericanos do Centro Woodrow Wilson pulada polos USA como resposta da axuda soviética aos vietnamitas, e inicia unha etapa de desestabilización que culmina en 1978 cun golpe, e a chegada ao poder dos comunistas do PDPA seguidores de Jafizulá Amín en contra dos intereses estratéxicos da URSS, que consideraba que o país non estaba preparado para o socialismo e prefería un Afganistán neutral. As medidas do goberno Amin chocan radicalmente coa maioría islámica e rural da poboación; unidades do exército confraternizan cos chamados muhaidines opositores ao novo réxime, que abranguían a diversos grupos. O 3 de xullo de 1979 o presidente Carter asina unha orde “secreta”, pero non tanto, para que os USA interveñan apoiando aos opositores ao goberno e a URSS intervén no mes de decembro do mesmo ano, elimina a Amín e poñen ao fronte do goberno a Babrak Karmal. Pero si entrar foi fácil saír e moi difícil si os norteamericanos comezan a considerar agora o territorio, como un núcleo estratéxico fundamental para evitar que os soviéticos se apoderen de todo oriente próximo e medio. Despois de numerosos acontecementos, guerras contra soviéticos e civís, nacemento de Al Qaeda co apoio dos USA,  retirada soviética, acaban enviando tropas posiblemente con dúas intencións, seguir co cerco de bases militares, primeiro á URSS e despois á Federación Rusa e segundo, posto que Afganistán ten fronteira con China, e precisamente cunha rexión, a dos iugures, aproximadamente 20 millóns de relixión musulmana, que reivindica diferentes cuestións, como a independencia  ao goberno de Beijin, axudar a desestabilizar este territorio, que é desestabilizar China. A operación saíulles mal e despois de vinte anos de ocupación, fuxiron derrotados de Afganistán e todos aqueles obxectivos de reconstruír o país, defender as mulleres e implantar a democracia, ficou en nada, non eran obxectivos, só argumentos para facer pasar a invasión como axuda humanitaria.


E sigamos co “arco de conflitos”; en Xeorxia, CIA, MI-6 e Mossad tiveron como obxectivo poñer fin a neutralidade do país, obrigarlle a que entrara na OTAN e na UE e para acadalo financiaron dúas “revoltas laranxa” que non tiveron éxito. Tamén propician os enfrontamentos entre Azerbaixán e Armenia onde teñen os USA unha base, cuxo territorio divide en dous o territorio do primeiro que se comunican polo corredor de carácter comercial de Zangezur, que aínda que a maioría dos habitantes dos USA, nin o propio Trump saiban onde está, empéñanse en abrir unha autovía que leve por nome algo así como “autovía Trump da liberdade”, cando o acordo de 2020 asinado polos presidentes Vladimir Putin da Federación Rusa, Ilham Aliev de Azerbaixán e Nikol Pashinián de Armenia, despois da segunda guerra do Karabaj, deixaba claro : “Desbloquearanse todas as conexións económicas e de transporte da rexión. A República de Armenia garantirá a seguridade das conexións de transporte entre as rexións occidentais da República de Acerbaixán e a República Autónoma de Najicheván a fin de organizar o movemento sen obstáculos de persoas, vehículos e carga en ambas as direccións. O Servizo de Fronteiras do Servizo Federal de Seguridade da Federación de Rusia será responsable de supervisar as conexións de transporte”. 

Por outra banda, aos azeríes hai a certeza de que “alguén” lles regale os oídos falándolles da posibilidade de apoderarse de Armenia.


E chegamos ao centro neurálxico do arco: Irán. Hai que sinalar o que di o periodista norteamericano e autor dun libro sobre as intervencións dos USA noutros países, Stephen Kinzer no senso das distintas apreciacións que ianquis e iranios, teñen sobre as súas relacións ao longo da historia. Para os primeiros, con moi poucos coñecementos de historia, tampouco axuda a actitude da “prensa libre” do seu país que nunca informou, a relación entre os dous países comeza co asalto a embaixada en Teherán, e a toma de reféns no ano 1979 na época da presidencia de Carter.

Pero os iranios teñen gravada na memoria outra data 1953, cando a CIA consegue derrubar cun golpe de estado a democracia en Irán presidida por Mohammad Mosadeq, que en 1951 nacionalizara o petróleo en mans da compañía británica e os condena a unha cruel ditadura de moitos anos, que destrúe os partidos políticos, as organizacións sociais, etc, só respecta ás mesquitas, razón pola que a oposición ao réxime ditatorial, tivo un marcado carácter relixioso.

Dende a queda do ditador, Israel e o seu aliado e protector os USA, iniciaron unha intensa campaña co obxectivo de non permitir que Irán convertérase no que hoxe é, unha potencia rexional recorrendo a todo tipo de intervencións ilegais, asasinatos de militares, de políticos, de científicos, bombardeos de instalacións de diferentes tipos, sobre todo aquelas nas que consideraban estaban en disposición de fabricar a bomba atómica, a pesares de que Teherán sempre permitiu foran fiscalizadas pola Organización Internacional da Enerxía Atómica, pois os avances neste campo nunca serían aplicados ao militar. Hai ademais unha “fatua” dos ayatolás prohibindo a produción da bomba atómica, pois o Corán non permite a fabricación de armas de destrución masivas. Os iranios tamén consideran que moitos dos fiscalizadores actuaban ao servizo do Mossad israelí subministrándolle datos sobre os científicos nucleares máis destacados que sufrían atentados, a maioría dos mesmos mortais.

O 13 de xuño de 2025, Israel ataca Irán na denominada guerra da “ducia de días” na que Irán amosou a debilidade de Israel que viu como bases militares, importantes infraestruturas e edificios oficiais, eran destruídos e a famosa “cúpula de ferro” era superada polos mísiles iranios, diante desta situación catastrófica os USA interveñen. 


Como sempre nestes tempos de presidencia de Trump, un narcisista patolóxico iracundo, declarou que todo o relacionado co programa nuclear de Irán fora destruído, pero a realidade e que a finais deste mes de febreiro volven a producirse conversas entre Irán e os USA para abrir negociacións sobre o programa nuclear  do primeiro. E unha curiosidade, na visita de Netanyahu a Mar a Lago para entrevistarse con Trump, segundo o ex diplomático británico e experto en conflictos Alistair Crooke, opúxose que as conversas foran sobre o programa nuclear, tentando que foran sobre o desmantelamento dos mísiles que tanta eficacia amosaron na guerra da “ducia de dias”.


A finais de decembro produciuse un novo intento de cambiar o réxime de Irán, unha nova revolta cun modelo moi determinado, o “modelo Maidán” de Ucraína de 2013. Sobre a base dun malestar xeneralizado pola crise económica producida polo queda da moeda fronte ao dólar, inducida polos USA, manifestacións sobre todo de comerciantes que non podían renovar as mercadorías pola manipulación exterior da moeda, prodúcese a infiltración de elementos armados moitos entrados e organizados dende o exterior, que cunha violencia tremenda e coordinados polo “starlink”, un servizo de alto rendimento operado por espace X de Elon Mask, disparan contra policías e manifestantes, queiman automóbiles, casas e centros comerciais e a persoas que transitaban polas rúas, o mesmo que fixo o ISIS cando en Iraq entrou en Mosul.

Quen era esta xente infiltrada? Algúns, segundo o ex diplomático británico máis arriba mencionado, foran entrenados na base que teñen os USA en Armenia, xente dos  “Muhayidines do pobo de Irán”, tamén habia kurdos e baluches; respecto aos kurdos, Turquía subministrou os roteiros de entrada e moitos foron detidos e asasinados antes de chegar a cidade de Kermansha; outros foron entrenados tamén polos USA no noroeste de Siria.

Irán, ou os rusos, ou os chinos, conseguiron cortar as comunicacións por “starlink” e puideron deteren a la maioría dos que utilizaban ese instrumento, moitos do Mossad israelí, que tivo un importante papel, non esquezamos as verbas do antigo director da CIA e Secretario de Estado no primeiro mandato de Trump  Michael R. Pompeo, que na súa conta de X escribiu, “Feliz ano novo a todos os iranios que atópanse nas rúas. Tamén a todos os axentes de Mossad que camiñan con eles”.


En canto a crise económica producida pola queda da moeda de Irán fronte ao dólar, que creou un grande malestar no país, as verbas  do secretario do Tesouro dos USA Scott Bessent na entrevista que lle fixo a cadea FOX NEWS afirmou “O presidente Trump ordenou ao Tesouro e a nosa división OFAC poñer a máxima presión en Irán. E ten funcionado; en decembro a súa economía colapsou. Vimos como caeu un grande banco. Produciuse unha retirada masiva de depósitos e o Banco Central comezou a imprimir diñeiro. Hai escaseza de dólares. Non poden obter impostos. E é por iso que a xente saíu ás rúas. Así que isto é presión económica”. O resto fixérono os servizos secretos, dos USA, de Israel e de Grande Bretaña, pero neste caso non acadaron o obxectivo programado.


No hay comentarios:

Publicar un comentario