Carlos Dafonte.
O PP revalidou a maioría
absoluta; é unha mala noticia para a maior parte da poboación,
sobre todo para @s asalariad@s, non
só de Galicia, polo que pode significar de reafirmar unha política
de recortes de dereitos sociais, políticos, laborais, que se está
a impor desde a administración central do estado español, pero
sobre todo para @s galeg@s, que temos
que seguir a sufrir, catro anos máis, a inoperancia dun partido
fronte a crise, que a esconde cunha “contabilidade creativa”;
falando en prata, “maquillou” as súas “contas de resultados”
para poderse presentar diante do electorado como a Comunidade
Autónoma que mellor fixo os deberes, a que primeiro vai saír da
crise, e toda outra serie de falsidades que poden servir para enganar
ó electorado nunha campaña electoral, pero que non aprobaría un
exame fondo da realidade económica galega.
Do que non se dan conta
os do PP, e se son conscientes de elo aínda é peor, que as
economías dependentes, como a galega, entran máis tarde na crise,
pero tamén saen máis tarde dela, e co que esta por vir a nivel de
estado, falar de que para 2013 estaremos en condicións de crear
emprego, penso, é unha estulticia.
Pero falemos con
seriedade, alguén puido pensar que ca oposición que se fixo nestes
anos, nas institucións e na rúa, cas constantes liortas internas
das dúas forzas que se dicían opositoras no Parlamento, ca
corrupción que as salpicou, ca lembranza do goberno bipartito aínda
moi presente, repito, alguén puido pensar que había os vimbios
necesarios para conforma-lo cesto dunha nova maioría?.
E Esquerda Unida, tamén
ten a súa responsabilidade, polo abandono da mobilización, da loita
social, en momentos nos que era necesaria a súa presencia, pero
tamén por non ser capaz de abrir un proceso de loita ideolóxica,
organizada, constante, contra a liña de flotación do neoliberalismo
e por non vertebrar unha alternativa, que non sexa lavarlle a cara o
capitalismo, buscarlle unha face máis humana. E non foron capaces en
momento de debilidade ideolóxica e política do sistema, que aparece
diante dos electores como o que é, un sistema baseado na explotación
do traballo, co obxectivo de que uns poucos acaden os maiores
beneficios.
O PP, aínda que se
oculte, e non aparecera o dato nos comentarios da noite electoral,
recibiu un severo castigo nestas eleccións, perdeu máis do 17% do
seu electorado respecto ó 2009, 135.797 votantes para ser exactos, e
50.000 nas 9 cidades de Galicia con maior número de elector@s.
@s galeg@s castigaron ó PP polas súas
políticas, pola súa ineficacia e pola súa incapacidade para facer
fronte a crise Salvárono da perda da maioría absoluta, tres
elementos, unha maior abstención, unha lei electoral deturpadora
dos resultados, que os amaña e premia a quen saca máis votos,
rachando ca proporcionalidade, pero sobre todo o afundimento do PSOE
que perdeu, respecto ás eleccións autonómicas anteriores, 230.958
votos e o Bloque que o fixo en 125.341. Entre os dous perderon,
grazas á “estupenda política de oposición”, 356.299 votos.
Polo tanto non hai un premio ó PP, senón un castigo á oposición
parlamentar. Feijoo non debe sacar peito por estes resultados, aínda
que renovara a súa maioría absoluta. As tres forzas ata o de agora
parlamentarias, perderon 492.096 votos; pódese traducir isto como
nunha perda de confianza na autonomía?
O panorama que se debulla
despois do día 21, é de retroceso das forzas neoliberais, PP, PSOE,
que perden un importante número de votos, exactamente 366.755,
co-xestoras da crise, con medidas, tanto nos gobernos de Rodriguez
Zapatero como de Rajoy, contra @s traballador@s,
por medio das reformas laborais, conxelacións de salarios, aumento
da idade de xubilación, conxelación das pensións, os que chamaron
a aproba-la Constitución Europea, reformas fiscais en beneficio dos
máis ricos e poderosos, etc.; e aínda que poda parecer anecdótico
non o é, indica unha tendencia que é necesario que se consolide. Os
labores de oposición nas institucións, pero sobre todo as
mobilizacións, poden facela avanzar.
Por outra banda a campaña
electoral e o período anterior, foron moi esclarecedores; fronte a
política neoliberal non se abriu paso, con claridade, cun proxecto
estratéxico e cun discurso apropiado, unha verdadeira alternativa.
Como sempre, foi unha campaña de lemas electorais máis que de
argumentos, de acusacións mutuas que non van a ningures e fronte a
unha situación de crise como a actual, o máis que puiden albiscar
foi algunhas receitas keynesianas, que nunha época de globalización,
dominada polo neoliberalismo, son de moi difícil concreción.
Quen acadou un importante
trunfo foi a Alianza Galega de Esquerdas (AGE); os seus máis de
douscentos mil votos a sitúan como a terceira forza en Galicia, a
segunda en cidades importantes e con posibilidades de acadar bos
resultados nas próximas municipais; recolleu moito voto de PSOE e
BNG, tamén conseguiu que lle votasen persoas da esquerda que non
votaban ou escollían outras opcións de voto, e hai que recoñecer,
que aínda que as perspectivas de Esquerda Unida xa tiñan mellorado
antes do pacto, en todo o estado acontece, a inclusión de ANOVA e o
seu promotor máis coñecido, Xosé Manuel Beiras, foi un elemento
decisivo para a concreción deste importante avance. Pero non deben
esquecer que tamén se pode “morrer de éxito”. Presentáronse
como unha alternativa á sociedade capitalista, agora que recibiron
un importante apoio a unha formulación moi abstracta, teñen
responsabilidades que cumprir.
En primeiro lugar
concretar a alternativa anticapitalista, que se ofertou na campaña
dun xeito moi vago, quizais por falla de tempo, para que poda ser
discutida e asumida por amplas capas da sociedade galega, que a
liguen ás correstes estatais e internacionais de loita contra a
crise e o capitalismo.
Un segundo aspecto e a
responsabilidade que vai a sumir, de ser a única forza de oposición
no Parlamento e na rúa, pola ausencia dos que debían compartir esa
actividade; explícome, é posible unha certa paralización tanto do
BNG como do PSOE cando comecen o seu debate interno, as reflexións
sobre o sucedido na campaña e a súa derrota, o que levará
posiblemente a enfrontamentos, que non propiciarán manter unha
axeitada política de oposición. O que será moi importante, de
darse estas circunstancias, para imprimir, por parte de AGE, carácter
a un novo xeito de facer oposición.
Un terceiro aspecto no
que AGE ten responsabilidade a partires deste momento, é o que
podemos chamar xenericamente “de avanzar na reconstrución da
esquerda galega”, a creación dun amplo movemento político
cultural, froito da confluencia das esquerdas anticapitalistas, a
internacionalista e a nacionalista.
En cuarto a
responsabilidade de non deixarse engulir pola institución, hai que
prima-lo traballo na sociedade, cos sindicatos, cas asociacións de
veciños, cos gandeiros e o pequeno comercio, cas xentes da cidades e
das vilas, etc..
Podemos dicir que unha
esquerda emerxente aparece no panorama galego, mentres outra declina
vítima dos seus propios erros. Pero iso non é certo en toda a súa
dimensión; Esquerda Unida é herdeira dunha tradición de loita que
entronca ca aparición das primeiras organizacións comunistas, aló
polos anos vinte do século pasado; sempre presentes nas loitas
sociais e políticas d@s traballador@s
galeg@s, o 21 de outubro se deu a
conxuntura que permitiu o cambio de ciclo, pero esta pode cambiar; e
do mesmo xeito que se debe reflexionar a fondo e tentar non
trabucarse nos momentos das derrotas, é necesario administrar ben os
momentos dos avances. Trabucarse, pode deixar en “augas de fregar”
todo o conseguido.
En Galicia no mes de
outubro de 2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario