A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 26 de octubre de 2008

A REUNIÓN DO 15 DE NOVEMBRO EN WASHINGTON: A CUME DOS LADROS

Roberto Laxe

 


O 15 de novembro vanse xuntar na “capital do mundo ata agora” representantes dos países que por un motivo ou outro –poderio económico, militar, de matérias primas ou ambos- son os donos do mundo; e vanse xuntar, din eles, para “refundar” o capitalismo. E o goberno Español non quere perderse o reparto do mundo que ali pode facerse.


O capitalismo na súa decadencia atopou outro tope ao desenvolvemento das forzas produtivas, como foi o que sucedeu na do 29; que se resumiu na frase do Programa de Transicion “o capitalismo deixou de desenvolver as forzas produtivas…” e necesitou unha guerra de exterminio para liberalas do corse e provocar un desenvolvemento coñecido como o boom da posguerra.


Hoxe o capitalismo esta en as mesmas circunstancias. Da mesma maneira que os desenvolvementos tecnolóxicos que foron a base do boom dos 60, a TV, os médios de comunicación, a enerxía nuclear, a informática, etc., etc., xa estaban descubertos e co potencial do desenvolvemento nos anos 20/30; hoxe as precondicions para o socialismo, para un desenvolvemento exponencial da sociedade, para a resolución da maioría das secuelas coñecidas tamén están na recamara. O desenvolvemento até niveis inconcibibles da informática/internet, a nanotecnoloxía, a produción sen necesidade da explotación do ser humano, etc., existen. Coa decima parte do que van gastar en resgatar bancos rematarían coa fame no mundo.


Non son ciencia ficción… salvo porque as relacións sociais de produción capitalistas impídeno.


Ben. Pois da mesma maneira que só unha devastadora guerra permitiu ao capitalismo un novo modelo de acumulación que se traduciu, en termos políticos, nunha nova correlación de forzas sobre a base de Bretton Woods, os acordos de Yalta e Potsdam e a ONU, onde unha potencia, os EE UU, exerceron de xendarmes e salvagardas do sistema durante case 70 anos.


Os EE UU exerceron todos estes anos de garantes do sistema porque eran a primeira potencia mundial e ao tempo, como dixo Trotski, substituíron a Gran Bretaña como os banqueiros do mundo.


Este mundo é o que se foi ao garete. Bretton Woods -paridade dólar ouro- hai tempo que só existe nos libros de história, a ONU vai de fracaso en fracaso até o fracaso final; Yalta e Postdam saltaron en pedazos coa restauración do capitalismo nos estados obreiros, e hoxe EE UU pasaron de ser acredores -banqueiros do mundo- a ser debedores: a sua debeda publica e privada é a máis grande do mundo e xa non teñen a posilidade de financialo. Eso pon aos EE UU ao borde da quiebra.


Hoxe a máquina de engrasar a economía mundial, é dicir, a de facer dólares, esta avariada. Ninguén confía nunha moeda que se basea nunha economía en despezamento -a primeira potencia do mundo non foi capaz de reconstruír Nova Orleans, e non é por racismo, é por algo moi pouco “ideolóxico”, é porque non teñen diñeiro para facelo, ben que reconstruiron Os Angeles despois do terremoto nos 90-, unha economía que depende de que as burguesías “emerxentes”, en concreto, a China non poña en circulación os miles de millóns de dólares que ten nos seus reservas.


E ao revés. Esta avariada porque á burguesía chinesa non lle faría ningunha graza que esas reservas se visen devaluadas porque a burguesía ianqui necesita darlle á “maquinita” de facer diñeiro para engrasar a economía.


 


O silêncio sobre China


Resulta sorprendente o silencio que hai en toda esta crise sobre o país “emerxente” máis importante, China. Pode que moitos subestimen ou interesadamente agachem o contido profundo desta crise.


Cando se compara coa do 29 omitese un dos elementos centrais desa crise: a brutal competencia antiimperialista que a acompañou, e que desembocou na II Guerra Mundial, segundo acto dunha traxedia comezada en 1914; cando Alemaña puxo as súas cartas sobre a mesa da repartición do mundo.


É un feito que en períodos de crise económica, os estados reforzan as súas fronteiras como unha medida de garantía do seu mercado, é dicir, do marco no que se produce a acumulación de capital, que é o dos estados nacionais (por iso non desaparecen, a pesar das Unións Europeas e demais).


Refórzanse as tendencias autárquicas da burguesía. Pero ao tempo, modifícanse as relacións entre os capitalistas, nacionais e internacionais; desaparecen sectores e empresas, unhas cómense a outras. As que antes dominaban un sector da economía caen como castelos de naipes; mais, como non existe a nada, o espazo é cuberto por outra máis produtiva que permitiría explicar o novo papel de China.


As leis do capitalismo son automáticas, escapan á planificación humana, e o capital nunca fica quieto. Sempre busca a rendibilidade.


E os estados expresan esta loita constante. Por utilizar o símil de Hobbes cando dixo que “o home é un lobo para o home”. Hobbes, filosofo do capitalismo nacente, estaba a definir ao “home capitalista” e o “estado capitalista”. E así funciona. Como vexan síntomas de debilidade nalgún, lánzanse como “lobos”.


Pois ben, percibiron que o até hoxe capitalismo hexemónico, os EEUU, está ferido de morte: a súa moeda o dólar xa non é o único refuxio nin a única graxa para o sistema, o seu control do mercado mundial vai en tendencia decreciente -de controlar máis do 80% do mercado pasou a controlar o 60%-. Militarmente, aínda que conserva o exército máis poderoso do mundo, está estancado en dúas guerras que non vai gañar. É un lobo ferido, que busca non perder máis cota de poder -de aí, por exemplo, o rotundo rexeitamento á presenza do Estado Español no Cume do 15 de novembro, a EE foi o que máis competencia lle fixo no seu antigo patio traseiro, America Latina-.


E China? Pois iso, se nos anos 20 os EE UU convertéronse nos banqueiros de Gran Bretaña, hoxe China é o banqueiro dos EE UU: tiña no 2007 1.4 billons de dólares nas suas reservas. E non o dubidemos, como o xudeu de Venecia, vai a querer cobrar a sua parte en diñeiro contante e sonante.


 


Cara a unha nova repartición do mundo: refundar o capitalismo


Nun antigo texto dicía que o fracaso do Cume da OMC de Seattle no 99 expresaba a incapacidade do sistema para establecer unha repartición do mundo entre as potencias imperialistas tras a restauración do capitalismo, e sinalaba que mesmo potencias secundarias como China ou Rusia, apoiadas no seu indiscutible poderío militar (o poder esta en a punta do fusil), pedirían o seu parte na torta.


Esta contradición marcou moitos dos acontecementos destes anos, pero os EE UU, sobre a base da incapacidade da UE para ir máis ala dun acordo entre bandidos, e sobre todo da súa hexemonía militar e política, foron sorteando os problemas.


Pero o estancamento en Iraq e Afganistan, as derrotas do seu enclave sionista a mans de Hezbola e, como remate, o estalido nos USA da crise, puxo sobre a mesa que en realidade son como os vellos “fidalgos” casteláns, que co chapeu de á ancha e grandes capas tapaban as súas misérias.


A profundidade desta crise -que non é a primeira que se dá nos USA nos últimos anos, a das “. Com” detonou tamén en Norteamerica e a dos “bonos lixo” dos 80 tamen- só destapa esas misérias e demostra ante o mundo o que os medios de propaganda conseguiran ocultar, a gravidade da decadencia da que foi a primeira potencia mundial.


Por este motivo todos falan de “refundar o capitalismo”. Non van acabar coa explotación da clase obreira, non van acabar co saqueo do mundo, só van “repartirllo de novo”. A crise vai establecer novas correlacións de forzas, novas alianzas -coa xa existente entre China, Rusia, e India como observadora, con varios estados da ex URSS, chamado acordo de Xangai-.


A reunión do 15 de novembro en Washington non vai resolver a crise, só vai pór de manifesto que as potencias capitalistas buscan unha nova repartición sobre a base a nova correlacion de forzas, na que o binomio PIB armamento vai ser decisivo.


Uns, como o Estado Español alardean de PIB cun exercito de andar por casa, outros como Rusia ten un PIB deprimido, pero conta co segundo exército do mundo e eficaz, como demostrou destruíndo o exercito xeorxiano -con asesores ianquis e sionistas- nun día. Outros como China, xuntan PIB con armamento. Sarkozi quere exercer dun novo “Napoleon”, á fronte da vella Europa. E os USA a defender o que todos estes anos dominam.


 


A perspectiva


Evidentemente nada bo sae destes cumes: reúnense os bandidos para ver quen queda coa parte do león da explotación dos traballadores e traballadoras.


Entre eles están moi divididos, a crise divídeos; pero a loita de clases úneos. A crise, a apropiación dos beneficios xerados polos traballadores, pode conducilos á guerra -que non é máis que outra manifestación da barbarie capitalista, pois a súa existencia enraíza na loita constante polos beneficios e os mercados-, aínda que neste momento non sexa a hipótese máis probable, aínda que non descartable que a curto prazo haxa guerras parciais como a do Caucaso ou agresións a países como foi Iraq.


Pero o que se vai acordar é como aumentar a explotación dos traballadores, como extraer máis plusvalía ampliando xornadas laborais, desregulando, privatizando o rendible e estatizando as perdas, etc.


Para os traballadores e os pobos, a perspectiva da reunión do 15 de novembro só é organizanse para loitar por unha sociedade o servizo da sociedade, polo socialismo; ou o capital só vai crear as condicións para un aumento da explotación.


 


Oleiros, 24 de Outubro de 2008


Roberto Laxe


 


 





No hay comentarios:

Publicar un comentario