A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 19 de mayo de 2010

UN GOBERNO Ó SERVIZO DO GRAN CAPITAL

Carlos Dafonte
O goberno presentou en sede parlamentaria e actuando como voceiro o presidente Rodriguez, as medidas para atalla-lo deficit público; dúas son as que destacan sobre as demais, a conxelación das pensións e a rebaixa dun 5% de media dos salarios dos funcionarios públicos e a súa conxelación para o ano 2011; conxelación que quere dicir como no caso das pensións, unha nova perda de poder adquisitivo, xa que o índice de prezos o consumo vai subir para o 2011, xa o esta a facer este 2010 e a partires de xullo, vaise aumenta-lo IVE en dous puntos. Este goberno que se considera “tan social”, sinala claramente quen son os culpables do déficit, os xubilados e os funcionarios, e nesta lóxica, deben ser quen paguen as súas consecuencias.
Aínda que poden estar relacionados, déficit público e a crise tan fonda que padece a economía, son dúas cousas distintas. En momentos en que gran número de “analistas económicos” e sesudos economistas aseveraban que nos atopábamos nun momento de expansión económica, había un importante déficit público. Economías con grandes déficit son consideradas moitas veces como a “locomotora da economía” mundial. O problema é cando hai déficit en momentos de contracción da economía e se tenta soluciona-lo primeiro con medidas neoliberais, características dos sectores máis conservadores. Os resultados son demoledores para a propia economía.
As consecuencias da crise no estado son moi nidias, máis de catro millóns e medio de traballador@s no paro, peches constantes no pequeno comercio, dificultades na pequena empresa, falla de creto, desaloxo de decenas de miles de familias que perden a súa vivenda por non poder facer fronte ás hipotecas, e un longo etc de situacións que golpean @s asalariad@s preferentemente. E nesta perspectiva de crise fonda, que vai continuar durante un tempo, medidas como as anunciadas por Rodriguez, non axudan a paliar en parte as secuelas da crise, pois vai, entre outras consecuencias, retrae-la demanda agregada. Se a isto lle engadimos a queda da inversión pública, podemos dicir que entre poñer algúns parches ás consecuencias da crise e cumprir coas esixencias da U.E. relativas ó déficit público, o goberno escolle o segundo. Pero, a U.E. non lle esixe un tipo de medidas, as que se anuncian son responsabilidade absoluta do goberno e de quen o apoia, o PSOE.
Pode haber algún/a estúpid@, e emprego este termo na afección de confuso, persoa que non ten moitas luces para analizar unha determinada situación, que lle este agradecid@ ó goberno por aguantar os embates do principal partido da oposición e numerosos medios de comunicación, sen tomar antes estas medidas. Pensar así quere dicir que se consideran as únicas que se podían haber tomado, o cal aumenta esa situación de estupidez. O goberno tivo un marxe de varios anos para tomar medidas verdadeiramente eficaces para corrixir o déficit e facer cargar co peso fundamental da crise a aqueles que a promoveron, á parte máis poderosa da sociedade, especuladores, banqueiros, negociantes e axiotistas. Pero non, o que fixo nestes anos foi facerlles regalo tras regalo, con medidas fiscais que adelgazaban os orzamentos, como facer desaparece-lo imposto de patrimonio, rebaixando a contribución das grandes fortunas no IRPF, mantendo as SICAV, un xeito de evadir impostos e non participar no esforzo común dun país, sen combati-lo fraude fiscal a fondo, que os propios inspectores de facenda cifran en 280.000 millóns de euros, nin a economía somerxida, nin “entrar a saco” nas contratacións de obra pública, nin poñendo freo ós gastos clientelares de moitas autonomías, mentres aumentaban o gasto militar en numerosas aventuras bélicas de carácter imperialista para, parece, ser perdoados polos EEUU, da retirada das nosos tropas de Iraq.
A cuestión estaba clara, se non tomou medidas contra os poderosos, culpables da actual situación, para tentar saír da crise, tampouco o vai facer para combate-lo déficit.
Pódese loitar contra da crise económica sen combati-lo déficit público?. Pódese e fíxose por exemplo, nos EEUU para capea-la crise dos anos 30 do século pasado, cando o presidente Roosvelt levou adiante a política do New Deal, de fortes inversións públicas e aumento dos impostos ós máis poderosos. E iso e o que se lle debe esixir a un goberno que se di de esquerdas e progresista
Aínda que nas circunstancias actuais, considero que esa política tampouco é eficaz, pero menos eficaz é a neoliberal, a da dereita, que facendo cargar ca solución do déficit a funcionarios e xubilados, vai a agravar e atrasar a posible saída desta crise, ata que entremos na seguinte, que como teño repetido moitas veces, vai ser máis fonda que a anterior, e con períodos de recuperación máis curtos.
Xa antes do inicio desta longa e fonda crise económica que asola ós principais países capitalistas, o tema das pensións era obxecto de numerosos comentarios e debates no estado español.
Varios millóns de cotizantes son un bocado moi substancioso para o montón de especuladores e banqueiros que están dispostos a sacar beneficios aínda que sexa correndo o risco, non para eles, de deixar sen futuro estable, que non digno, ós millóns de persoas que finalizaron a súa vida laboral.
Estes e os seus voceiros, que se atopan en todas partes, tamén no goberno actual, ó calor da crise están a premer para que se modifique o actual sistema, que ten o seu inicio no chamado Pacto de Toledo, con argumentos de que é insostible, e que no horizonte de 20 anos, atoparase na creba.
Algúns intelectuais orgánicos da oligarquía tamén, falan de rebaixalas, ou que pasemos máis anos traballando para poder cobrala. Os defensores de formulacións máis extremas, falan de que non debían existir pensións públicas, que o que queira cobrar despois de fina-la súa vida laboral, que subscriba un fondo privado. Estes últimos son unha pequena minoría, pero haber, como as meigas, hailos.
Quen chegue a idade de xubilación se convirte en pensionista, para acadar este obxectivo, retíransenos determinadas cantidades da nómina, e dicir do noso salario, mentres tes vida laboral Pero nos últimos anos os capitalistas e quen están o seu servizo, transformaron este dereito inalienable nun concepto distinto; pagamos hoxe, nos din, para que os pensionistas actuais podan cobra-la súa pensión, do mesmo xeito que cando nos xubilemos, pagarán a nosa pensión os que traballen naquel intre.
Este razoamento, implícito no Pacto de Toledo e aceptado acriticamente pola sociedade civil no seu momento, é un arma moi poderosa ó servizo das clases dominantes, pois introduce ós explotados nun horizonte de temores e deixa o seu futuro como xubilados en mans dos explotadores do traballo alleo. NINGUÉN TEN GARANTIDA A SÚA PENSIÓN. Esta dependerá da situación do mercado laboral e este, das necesidades dos capitalistas, da variación da taxa de ganancia dos mesmos.
Polo tanto mentres @s asalariad@s, que somos a grande maioría da sociedade, non sexamos capaces de dar a batalla, de loitar pola modificación deste alicerce fundamental da nosa explotación, os “donos do sistema” téñennos no seu puño e xa coñecemos como se comportan ó longo da historia.
Cal debe se-lo obxectivo desta loita? Que a Seguridade Social por ser tamén estado, se financie pola vía dos Orzamentos Xerais e non por un sistema de cotas.
A actual rebaixa das pensión, o presidente Rodriguez chamoulle conxelación, ten dous obxectivos fundamentais. En primeiro lugar facer recaer sobre a parte máis feble da sociedade a loita contra o déficit do estado, pero tamén ten un labor pedagóxico, é unha volta máis de parafusa, para ir creando na conciencia dos asalariados a necesidade, como diciamos antes, de aceptar un sistema de pensións moi parecido ó de Chile, posto en práctica na época da ditadura de Pinochet; un modelo sometido ós vaivéns da especulación financeira internacional e incontrolable por parte de quen é o seu dono: os traballador@s. Ademais, como dicía hai xa máis de sete anos o Financial Times, o “guru” da burguesía mundial, referíndose ós fondos de pensións privados británicos, “Os fondos de pensións privados non están máis protexidos que a xubilación prometida polo estado. Esto é así tanto para os esquemas de contribución definida, como para os “planos de ouro” de contribucións definidas ocupacionais” e di máis adiante neste mesmo informe do mes de marzo de 2003, “que os xubilados privados ingleses se están quedando sen xubilación e que xa é moi tarde para que Inglaterra poda impedir os problemas creados por esta clase de sistema xubilatorio”. A perda das xubilacións é unha parte do problema xa que tamén están indo a creba as empresas que tiñan planos de xubilación asociados; os aportes dos traballadores foron investidos en accións, bonos, e outros “produtos”que “perderon gran parte do seu valor”, polo que “cada ano faise maior a brecha entre o que se lle debe pagar ós xubilados e pensionistas e o valor das inversións dos fondos de pensións”. Máis claro auga. Con estas experiencias, máis as dos EEUU ou Chile, non se entende que se siga tentando avanzar cara a privatización do sistema.
O que parece unha broma, se é que algo do que estamos a falar o parece, é que desde o goberno, vicepresidentas, ministros e ata o fiscal xeral do estado, alertánnos estes días ata a saciedade, da existencia de especuladores que poñen en perigo as economías de determinados países e a estabilidade do euro. Parece que “caen do guindo” e descobren, que o capitalismo é especulación, como si a de hoxe fora unha situación excepcional, cando no sistema capitalista é o habitual. Non teñen máis que estudar as ultimas crises, desde a chamada do tequila en México, ata a dos antano “tigres asiáticos”, pasando polo crash das bolsas de 1987, a de Rusia e Brasil de finais da década dos 90 do século pasado.
E chámanlles a estes grupos de especuladores eufemisticamente “os mercados”; en realidade son grupos de inversión que xestionan enormes cantidades de capital ficticio, sen respaldo en algún proceso produtivo, utilizando as modernas tecnoloxías da comunicación, procedente nalgúns casos da economía produtiva, empresas que pechan a consecuencia da queda da taxa de lucro, en outros das grandes fortunas “refuxiadas” nos paraísos fiscais, ou ben do narcotráfico e venda ilegal de armamento, ou de fondos de pensións de países imperialistas. Estes capitais percorren o mundo, todos os días máis dun billón de dólares o fai, buscando aqueles lugares onde podan acada-la maior rendibilidade. Mercan accións, débeda soberana e foxen en tempos de crise dos eslabóns máis febles da cadea imperialista; na actualidade de Grecia, España, Irlanda, Portugal, curiosamente os catro países da U.E.-15 que teñen un menor gasto público por habitante.
Estes especuladores poñen condicións draconianas para merca-la débeda que emite un país para pagar o seu déficit, intereses máis altos, por exemplo. Buscan, a cambio de menos seguridade, pensan que o país ten dificultade para pagar as súas débedas, maior beneficio para os seus investimentos. E esíxenlle os gobernos que tomen medidas internas, como as que tomou o goberno do estado español, que lles garantan o cobro do seu investimento máis os intereses. Se non, non invisten. O normal no sistema capitalista.
O que había que esixirlle ó goberno do PSOE e a oposición do PP, que entre os dous levan gobernando este país os últimos 28 anos, son responsabilidades porque, a pesares do enorme esforzo e a inxente cantidade de riqueza creada en este país pol@s traballador@ asalariad@s, nos atopemos na cola da Unión Europea a 15 en canto a servizos, e teñan aceptado unha construción da mesma, que permite a libre circulación dos capitais sen que paguen algún tipo de imposto e que a actividade destes especuladores, protexida polos estados e organismos supranacionais, que pertencen a asociacións secretas que gobernan o mundo, sen ser elixidos, como o Club Bilderberg ou a Comisión Trilateral, determinen as políticas económicas que sufrimos os habitantes do planeta.
A ofensiva contra dos asalariad@s non fixo máis que comezar neste país. Se a loita contra o déficit público se carga sobre unha parte dos mesmos, a chamada “saída da crise” que o goberno anuncia, ten como peza fundamental unha nova reforma laboral que tenta rebaixar dereitos e entregar ós traballador@s “atados de pes e mans”á CEOE; do que se trata é de que se recupere a taxa de lucro, e isto se consigue, como xa deixou moi claro Marx no libro terceiro do Capital, aumentando o grao de explotación do traballo, reducindo o salario por debaixo do seu valor, por medio da superpoboación relativa, o comercio exterior ou o aumento do capital en accións.
Dúas breves consideracións finais. A primeira, o fracaso da U.E. No xeito de enfrontarse á crise e “os mercados”. Este tema merece unha fonda reflexión sobre o que é verdadeiramente esta UE capitalista, ultraliberal, que crea unha moeda única sen unha política fiscal adecuada, etc. En segundo lugar, Grecia marca o camiño para facer avanzar unha proposta popular alternativa que só sairá da loita. Unha enquisa realizada nese país en estes días de forte mobilización indicaba que o 60% dos entrevistad@s consideraban prioritaria a existencia dun “partido xenuíno da esquerda”
Todo o que esta a pasar esta inmerso na loita de clases, e forma parte do trasvasamento das rendas do traballo ás do capital. Expresouno con moita claridade no ano 2006, o que se di é o home máis rico do mundo, no The New York Times do día 26 de novembro, o chamado “oráculo de Omaha”, Warren Buffet, cando dixo: “Hai loita de clases, de acordo, pero é a miña clase, a dos ricos, a que esta facendo a guerra, e estamos a gañar”. Nas mans d@s asalariad@s, na súa loita, esta que este grupo que non chega ó 1% da poboación do planeta acade os seus obxectivos.

En Galicia no mes de Maio de 2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario