A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 11 de febrero de 2011

REVOLTAS NO NORTE DE ÁFRICA E NO MUNDO ÁRABE


Carlos Dafonte

En algúns estados do norte de África e oriente próximo e medio, a dureza da crise e as súas secuelas de paro, que se ceiba sobre todo cos máis novos, o aumento da miseria, a falla de perspectivas vitais, a suba dos prezos dos produtos de primeira necesidade, unhas estruturas ditatoriais e o monopolio das riquezas do país por parte dunha minoría, están a producir desde hai cerca dun mes importantes movementos populares nesa ampla e estratéxica zona. En Tunez o ditador e a súa familia fuxiron do país; é vergoñento que o partido do ditador pertenza á Internacional Socialista; en Xordania o sátrapa-rei, cambiou axiña o goberno; no Iemen o presidente decida non presentarse ás próximas eleccións; en Exipto, un dos países con máis peso, a todos os niveis da zona, enormes mobilizacións populares non conseguiron facer dimitir ó presidente Mubarak.
Nela atópanse importantes reservas de petróleo e desde o ano de 1948, constitúese un estado dun xeito irregular, o de Israel, que conculca sistematicamente o dereito internacional e se converteu nun perigo manifesto para a independencia e a autodeterminación dos pobos que o rodean.
Unha zona que desde hai moitos anos os gobernos norteamericano e israelita, coa axuda de Francia e Gran Bretaña, tentan controlar, recorrendo á implantación de férreas e sanguentas ditaduras e desbaratando, desde a súa independencia, proxectos dun capitalismo autóctono e todos aqueles outros que tentaban iniciar unha vía socialista, así como todo proceso de avance cara a unidade do mundo árabe.
Como se pode apreciar polas mobilizacións actuais, espontáneas, desorganizadas, sen un proxecto político alternativo e de sociedade ó das ditaduras, estas fixeron moi ben ó labor encomendado por quen as axudou a iniciarse e lles prestou apoio durante longos anos: esnaquizaron o movemento obreiro, eliminaron á vangarda política e toda organización que se puidera considerar de esquerdas. Eses son os obxectivos de toda ditadura ó servizo do capitalismo. Destruír as direccións políticas e sindicais, que no caso de Exipto hai tempo, foron poderosas.
Nos últimos anos tanto a Unión Europea como o resto da “comunidade democrática”, escondían a realidade da maioría destes países, ou xustificaban as súas ditaduras, por ser un muro de contención, dicían, ó avance do islamismo radical. Islamismo radical que recibe un pulo moi importante a consecuencia das estruturas creadas, do financiamento recibido e do apoio de todo tipo prestado, polos servizos secretos norteamericano, británico e paquistaní despois da entrada, solicitada polo goberno lexítimo de Afganistán, do exército soviético no país, para combater os numerosos radicais musulmáns chegados desde numerosos países do mundo. Esa é a base orgánica de Al Quaeda, da que perderon o control e que agora serve para xustificar por parte dos países imperialistas, o apoio a sanguentas ditaduras. Pero a realidade indica, por exemplo en Exipto, que a única forza que esta verdadeiramente organizada son os Irmáns Musulmanes, unha vella estrutura política nada no ano 1928, que se extendeu por outros países, e a quen a maior parte dos pouco instruidos e malévolos periodistas do estado, serve de xustificación para manter unha postura de defensa da marcha de Mubarak, pero non avanzar moito máis aló. Porque para os imperialistas, incluido o noso goberno, do que se trata é de construí-lo novo Exipto cas estruturas da vella ditadura sen o ditador. E dicir que siga cunha venda nos ollos para non ver o campo de exterminio de Gaza e o lento xenocidio palestino; que xustifique a política de Israel na zona; que manteña unha política de enorme gasto militar; que unha grande parte da poboación viva na pobreza e na iñorancia, que non existan dereitos individuais nin colectivos; que algo cambie, moi pouco, para que todo siga igual.
Pero todo movemento produce cambios e toda mobilización ensinanzas; as masas exipcias non parecen estar dispostas a que oportunistas como Al Baradei o Musa, os sindicatos oficiais, a ala dereita dos Irmáns Musulmáns ou o partido colaboracionista CO RÉXIME Tagammu, lles rouben a posibilidade de cambios fondos nas estruturas políticas e sociais do país. E teñen claro que Suleiman, o vicepresidente actual, non é alternativa, é a continuidade. Foi o máximo responsable, desde 1993 dos temibles Servizos de Intelixencia e un dos homes clave da CIA. Moi dilixente no “programa de achegas extraordinarias” mediante o cal a CIA secuestraba a quen lle molestara en diferentes países e os entregaban en Exipto, onde eran interrogados en condicións de total secreto; todos podemos sospeitar dos métodos empregados. O devandito Omar Suleiman non é o home indicado, por moito que se empeñen Obama e Hillary Clinton, para pilotar transición algunha.
E se van dando os primeiros pasos; créase un sindicato independente que tenta crebar o dominio dos sindicatos do réxime; constitúese unha coalición de forzas de esquerdas nas que estan presentes o Partido Comunista de Exipto, o Partido Socialista do Pobo, a Organización dos Revolucionarios Socialistas, un partido de carácter nasserista, Al Karama, e algún outro que chaman á folga xeral en todo o territorio, no que parece unha incorporación do movemento obreiro, na insurrección, motín, pois evito chamarlle revolución na espera de coñecer como se desenvolven os acontecementos.
Algúns a quen considero ilusos, observando a actitude “pasiva” do exército, pensan que, como no caso da “revolución dos caraveis” en Portugal, van xogar un papel de garante das reivindicacións populares. Remóntanse tamén ó ano 1952 cando o exército seguiu ó grupo do “oficiais libres”, con Naguib e Nasser a cabeza, e abriu unha etapa nova na historia de Exipto.
As circunstancias son outras; o exército foi a columna vertebral da ditadura e o instrumento do que se serviu o imperialismo, tanto europeo como norteamericano, para mantela durante trinta anos. @s eipci@s non deben depositar moitas esperanzas na actuación do exército, e non esquecer o que Lenin dicía: “ás veces é o propio inimigo o que cede unha determinada posición co fin de dividir os atacantes para batelos mellor. Non esquecerán xamais que, só se se ten sempre presente o obxectivo final, só se cada paso do movemento e cada reforma parcial son valorados illadamente, dende o punto de vista xeral da loita revolucionaria, poderase librar ao movemento de pasos en falso e erros ignominiosos” e tamén “que o que distingue un cambio reformista de un que non o é, e que no primeiro caso o poder queda en mans da antiga clase dominante e, no segundo, o poder pasa das mans desta clase ás de outra nova” .

En Galicia nos mes de febreiro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario