Carlos Dafonte
Unha cuestión
fundamental á hora de examinar un proceso de mobilización como o
que se está a producir no norte de África, é a de estudar a
natureza socio-económica-política do mesmo. Se nos centramos en
Exipto, onde as mobilizacións dunha parte importante da sociedade
contra do goberno dos “Irmáns Musulmáns” foi a coartada para
un golpe de estado do exército o 3 de xullo pasado, podémonos
preguntar se nos atopamos diante dunha revolución, como afirman
moitos titulares e algunhas organizacións políticas, se a
mobilización de importantes sectores da sociedade exipcia ten ese
carácter, e dicir, faise a favor dun cambio de estruturas no sistema
produtivo, que vai tamén a transformar as relacións sociais de
produción, e dar paso a unha nova hexemonía na sociedade ou pola
contra as reivindicacións atinxen só ó aspecto político, quérese
maior liberdade, defensa do laicismo, pero sen poñer en cuestión o
sistema produtivo e a hexemonía da burguesía; se cumprida unha
primeira etapa, de poñer fin a un estado de excepción permanente
exercido por unha ditadura militar, avanzouse cas mobilizacións de
maio e xuño cara a un estadio superior ou estase en vías de
consolidación ca intervención militar, dunha seudodemocracia
burguesa moi limitada, unha especie de “bonapartismo”.
É polo tanto preciso unha análise de clase do proceso, o que nos debe levar a estudar as reivindicacións que se atopan na rúa, quen dirixe o proceso e todo outro tipo de consideracións antes de falar se estase a dar un proceso revolucionario ou non.
E hai que dicir que temos
certas dificultades para facer esta análise, cas informacións
transmitidas polas axencias e os medios en mans das grandes empresas
que configuran o poder económico mundial. Tanto desde o comezo do
proceso que leva á caída da ditadura de Mubarak en febreiro do ano
2011, como na actualidade, fálase dunha mobilización dirixida pola
“clase media”, concepto abstracto, que non indica absolutamente
nada e que tenta, a maioría das veces, oculta-lo verdadeiro suxeito
revolucionario, que clase actúa como motor do proceso.
Hai uns días lin un
artigo sobre o concepto de “clase media” que teñen por exemplo
no Banco Mundial e o seu organismo rexional, Banco Interamericano de
Desenvolvemento (BID), referíndose a América Latina, organismos
dominados polo imperialismo, e consideran que pertence a ese grupo,
toda persoa que teña máis de 10 dólares ó dia para vivir. Un
individuo con 12 dólares, e dicir 360 ó mes xa se lle considera
“clase media”, é para o imperialismo unha cuestión matemática,
sen entrar a analiza-lo rol que xoga cada grupo social no sistema
produtivo, e toda outra consideración. Fan desaparecer dunha plumada
a clase obreira, o proletariado, que é o obxectivo último da
creación do concepto por parte da socioloxía burguesa.
Analicemos previamente
algunha das revolucións máis coñecidas; todas pasaron por
diferentes etapas, a inglesa, a francesa a rusa, e a traveso das
mesmas as clases sociais presentes, expresaron os diferentes
intereses que se atopan en xogo e, como non podía ser doutro xeito,
en conflito. Moi distinta sería a revolución inglesa, que lle
cortou a cabeza o rei Carlos, se os “levellers”, niveladores,
procedentes da pequena burguesía e os “diggers”, os cavadores,
máis tarde, que agrupaba á sectores do campesiños sen terra,
proletariado urbano e pobres, houberan trunfado e imposto, no caso
dos segundos, o seu comunismo colectivista sen propiedade privada; ou
se o trunfo fose dos “sans-culottes” ou da pequena burguesía
dirixida por Robespierre, na revolución francesa; pero en ámbalas
dúas estes movementos populares foron derrotados pola burguesía,
unha clase social moi minoritaria que utilizou estes movementos
contra a aristocracia e máis tarde as estruturas do novo estado para
impoñerse sobre os antigos aliados, e facer trunfar os seus
criterios e interese de clase. Por iso á revolución inglesa e
francesa, considéranse revolucións burguesas; ó final de todo o
proceso que se desenvolveu en diferentes etapas, foi a burguesía a
que acadou a hexemonía; é dicir contaba co consenso dunha parte da
sociedade e os instrumentos para exerce-la coerción sobre aquela
outra que se le enfrontaba.
Na revolución rusa tamén
se produciron diferentes etapas, cunha primeira, febreiro de 1917,
onde as masas derrocan o tsar pero se fai a burguesía co poder por
falla de dirección política revolucionaria, e unha segunda, outubro
polo vello calendario ruso, novembro polo moderno, onde os soviets
toman o poder e inician a construción, dirixidos polos bolxeviques,
do socialismo.
Vexamos algúns conceptos
que poden axudar a clarexa-la situación. Refírome a conceptos que
se manexan no marxismo. En primeiro lugar o de “situación
revolucionaria”, o momento no que existen condicións para o
derrocamento do poder establecido e a implantación dun novo poder
que faga avanza-la sociedade no camiño do socialismo.
O segundo e o de “crise
revolucionaria”, cando a toma do poder pódese facer efectiva; é a
culminación da “situación revolucionaria”, cando chega o
estoupido final despois de numerosas loitas e diferentes procesos de
loita de clases.
Entre o inicio da
“situación” e a culminación en “crise”, transcorre un
período que será maior ou menor, segundo as características
concretas de cada país. Pero na crise revolucionaria o pobo pode
toma-lo poder se previamente foi construíndo órganos de poder
revolucionario que coexistan co da burguesía; se a clase
revolucionaria e os seus aliados se organizan e teñen como obxectivo
a creación do dobre poder
En Exipto hai dous anos o
pobo, pero non un pobo amorfo, a "clase media”, un pobo no que
hai diferentes clases sociais, algunha con sectores organizados e moi
combativos, conseguiu poñer fin a unha ditadura ó servizo do
imperialismo e dos intereses xeoestratéxicos do mesmo na zona, onde
o estado de Israel xoga un importante papel. En beneficio da
“estabilidade”, verba que se repite estes días de novo ata a
saciedade, as masas desorganizadas e sen dirección política
revolucionaria, permitiron que se impuxeran unhas eleccións que
deron a vitoria, como non podía ser doutro xeito dado o grao de
desorganización das masas, á coalición dirixida polos “Irmáns
Musulmáns”, vella organización creada na década dos anos vinte
do século pasado, case sempre actuando nunha especie de
clandestinidade permitida, que soubo suplir nestas últimas décadas,
grazas a financiación de monarquías reaccionarias, cunha importante
rede de asistencia social nas zonas do país, case todas, onde o
estado non cobre as necesidades da poboación. Organización que
contou tamén ó seu favor, co proceso de oposición ó imperialismo,
desde supostos moitas veces reaccionarios, que certos movementos
islámicos levan a cabo. Eran os únicos que estaban estruturados
organicamente e polo tanto trunfaron. Pero para dicilo todo, non
participaron nas mobilizacións contra da ditadura, esperaron o seu
momento.
Non debemos esquecer
tampouco un dato que serve para clarexa-la situación, na primeira
volta das eleccións, o presidente Mursi, agora deposto, acadou un
cativo 19%, o que lle levou a enfrontarse a un representante do
réxime ditatorial, o que explica que acadase o 51% na segunda; só
un sistema electoral como o exipcio, a desorganización das forzas
populares que forzaron a renuncia de Mubarak e a presa de
determinadas embaixadas e o exército, por iniciar un “proceso
democrático”, que tiña moi pouco de democrático, pero que dera
“estabilidade” á zona, permitiu á coalición liderada polos
“irmáns musulmáns” gaña-las eleccións e “pechar en falso”
esta primeira etapa do proceso.
Outro aspecto que hai que
ter en conta é que o anuncio dunha folga xeral e a paralización do
canal de Suez, a principios do ano 2011, foi o acicate para que o
exército esixira a renuncia ó ditador; porque nos di a importancia
da clase traballadora que parou numerosas fábricas e núcleos
industriais con anterioridade a febreiro de 2011 e que segue a ser,
aínda que moi desorganizada e fraccionada politicamente, a única
clase capaz de presentar un programa alternativo que verdadeiramente
se lle poda chamar revolucionario. Non foi só a praza Tahrir, aínda
que hai que recoñecer que era periodisticamente moi salientable o
que dentro dela acontecía, o motor do proceso mobilizatorio. Non
debemos esquecer tampouco as grandes folgas dos anos 2006 e 2008
sobre todo no sector téxtil que representa un 48% da forza laboral
exipcia. Polo tanto hai que coñecer que a clase obreira exipcia é
numerosa e combativa, e desde a queda de Mubarak, capaz de
organizarse sindical e politicamente, aínda que con moitos
problemas. Moi golpeada na ditadura pero tamén nos poucos meses da
presidencia de Mursi polo seu programa neoliberal
Por outra banda atópanse
os Irmáns Musulmáns, un movemento interclasista, que agrupa a
sectores moi diversos da sociedade exipcia, lumpen, sectores
burgueses, clase obreira con traballo e en paro, pero sobre todo o
que se chama o “bazar”, pequena burguesía, artesáns. Movemento
do que se atopa en discusión o carácter do seu programa, para
algúns destacable só polo seu carácter “islamista”, mentres
que para outros comentaristas destacaría polo contido social do
mesmo. Hai que subliñar que controlan aproximadamente a redor dun 5%
da economía do país e tiñan pouco peso nas institucións da
ditadura.
A realidade deste ano de
goberno de Mursi, foi que tentou ir facendo perder poder a tres,
entre outros moitos, dos alicerces nos que se asentaba a ditadura de
Mubarak, o exército, relevando a numerosas altos cargos, a
xudicatura por medio dun torpe decreto que transfería poderes ó
presidente, e os medios de comunicación, pero non actuou só contra
os da ditadura. Nesta perspectiva non contou co apoio do
imperialismo, interesado en “que todo cambiase para que todo
seguise igual”, o que unido á incapacidade do seu goberno de facer
aliados, só os salafistas, esquecendo ós actores da revolta de
finais de 2010 e principios de 2011, a aplicación dun programa
neoliberal que golpeou brutalmente a unha sociedade moi empobrecida,
o boicot de países do entorno que levou o racionamento dos
combustibles e algunhas medidas contra o laicismo dunha parte da
sociedade, poden ser algunhas das claves do golpe militar que pode
levar a Exipto a unha guerra civil de consecuencias imprevistas.
E falando de golpe
militar hai que falar do exército, que en Exipto é algo mais que un
instrumento represor ó servizo da clase no poder; o cumio do mesmo é
unha capa, e moi poderosa da burguesía no poder; controla preto do
50 % da economía do país, fábricas, cooperativas de todo tipo e
recibe mais de mil millóns de dólares ó ano dos EEUU que van
directamente ás arcas do exército sen pasar polo ministerio
correspondente. Moitos dos actuais xerais foron formados nesa nación.
É quen controla o poder
desde hai moitas ducias de anos, dun xeito implacable, o que fai máis
incomprensible que os “mozos e mozas “ e a “clase media”
que conforman o movemento Tamarrod, expresións utilizadas polos
medios para referirse a quen din dirixiron as mobilizacións de xuño,
e dixeron recoller preto de 20 millóns de sinaturas contra o goberno
dos Irmáns Musulmáns, cifra imposible de acadar que non pasa de ser
unha manipulación propagandista, pactaran cun exército ditatorial e
acepten que un “xuíz de Mubarak” ocupe o posto de primeiro
ministro e Al Baradei un axente do imperialismo, apareza como o “xefe
da oposición” ó anterior goberno dos Irmáns Musulmáns e cun
cargo importante no novo goberno imposto polos militares. Esa é a
realidade, o exército e toda unha serie de magnates, como o das
comunicacións, montaron un golpe militar para recupera-lo poder
total que se atopaba afectado polo trunfo de Mursi nas presidenciais.
Pódese falar nestas
circunstancias que os acontecementos de xuño de 2013 son un avance
no proceso da revolución en Exipto?. Considero que é un paso atrás
respecto o proceso que levou ós Irmáns Musulmáns ó goberno; o
sector militar da burguesía volve a controlar todos os resortes do
poder, disfrazando a antiga ditadura militar dunha “seudodemocracia
bonapartista” máis vendible entre os que queren a toda costa a
“estabilidade” na zona, os EEUU, a Unión Europea e Israel, como
principais actores e beneficiarios. Pero xa coñecemos a que tipo de
estabilidade se refiren: a dos cemiterios.
A xogada non lles saíu
ben; o bonapartismo, que é a intervención do exército cun carácter
“neutral” cando a sociedade atópase nun estado de efervescencia
que non permite a estabilidade, perdeu o seu disfrace pola
mobilización de masas posterior ó golpe. Os acontecementos destes
últimos días cos centos ou miles de mortos, feridos e detidos,
confirman esta apreciación. Atopámonos nunha situación de ditadura
militar e o goberno civil é responsable da masacre, así como os que
apoiaron a intervención militar contra o goberno de Mursi.
Sería un erro ver nas
vítimas só islamistas radicais, e terroristas como di a propaganda
dos golpistas, estanse a matar traballadores, mozas e mozos golpeados
polo paro e a crise, estase a disparar contra a sociedade exipcia no
seu conxunto que hoxe, algúns, seguro que non todos, son seguidores
de Mursi e a súa organización, pero que había que gañar para a
loita contra a burguesía non para impoñe-la lei islámica, senón
para avanzar cara a unha sociedade sen clases onde a relixión
formara parte, o que queira crer, da esfera íntima.
O proceso en Exipto é
moi aberto; o exército tenta que non se consolide unha situación
revolucionaria e que non se transforme en crise, pero estou
convencido que o enfrontamento final, como sempre ocorre no
capitalismo, será entre a clase traballadora asalariada e a
burguesía. Todo depende que a primeira acade o grado de organización
e conciencia necesario para organizarse e dotarse da teoría
revolucionaria para resultar vencedora. De non constituír axiña
unha dirección revolucionaria, e coñecemos as dificultades que iso
entraña, que canalice as reivindicacións das masas cara a unha
acción transformadora do existente, de non ser así, as perspectivas
pódense mover entre dúas xa coñecidas: a iraniana e a alxerina. A
primeira amosou a dificultade, ata para a ditadura máis sanguinaria,
con numerosos resortes represivos e o apoio do imperialismo, para
enfrontarse a unha mobilización popular masiva con importantes
aspectos fanático-relixiosos, dirixida por aiatolás chiitas, ata a
súa derrota e a instauración do réxime do aiatolá supremo
Jomeini. Pero o resultado para as forzas de esquerda non debe ser
esquecido, foron masacradas polo novo poder. A sociedade exipcia non
é, como a iraniana, maioritariamente chiita nin os ulemas xogan o
papel que xogaban en Irán.
A experiencia de Alxeria
onde non se lle permitiu ó Fronte Islámico de Salvación (FIS)
entrar a gobernar, unha vez que gañara as eleccións
democraticamente, desembocou nunha guerra civil cuxas vítimas están
por enriba das 250.000, moitas delas “colaterais” ó propio
enfrontamento entre o estado e os seus aparellos represivos e o FIS,
e ten deixado un forte trauma na sociedade do que tardará moitos
anos en recuperarse.
En calquera destes dous
casos o exército exipcio sairía reforzado. Quizais ese sexa o
obxectivo do imperialismo e a razón da brutalidade manifestada a
partires do 14 de de agosto para con quen se manifestaba, baseándose
no dereito constitucional vixente, contra os autores do golpe do 3 de
xullo
En Galicia no mes de
agosto de 2013
o artigo gustame porque fai unha analise de clase, fora do que fan os periodistas e tertulianos que so falan dos irmans musulmans.
ResponderEliminarConsidero que dende a distancia é moi dificil profundizar sobre os que se movilizan contra o golpe que non son da organización dos irmans, porque coñecer esos datos estaría moi ben para ver si realmente a clase obreira avanza na súa organización e cun programa propio.
un saludo
xulia
Ainda que o artigo profundiza moito mais que moitas das posicions que se din "marxistas leninista", que reducen todos os acontecimentos sociais na "conspiracion" dos poderes imperialistas, e tenta ir ás verdadeiras causas deses acontecementos, penso que ten duas lagoas
ResponderEliminarunha, cando din que hai que facer un analise de clase, o que é certo, limitase aos aspectos subxectivos -reivindicacions na rua, quen dirixe, etc.-; mas umha revolución ten, primeiro uns aspectos obxectivos para definir o seu contido: cales son as tarefas que a sociedade se impon para se liberar da opresión. Dous, as libertades democráticas, a superación da pobreza e a explotación é posible facelo baixo os sistema capitalista actual. Non é mais que traducir a vella frase de Marx de que o tempo da revolucion social comeza cando "o desenvolvimento das forzas productivas chocan coa relacions sociais de producción".
O segundo aspecto é, e aquí si, subxectivo e concreto no proceso Exipcio, como árabe en xeral: as reivindicacions da clase traballadora e os pobos do mundo árabe, de liberdade, laicismo, e xustiza social, collen dentro das estructuras políticas dos reximes actuais; ou pola contra, só co seu derrubamento revolucionario é posible avanzar nese camiño. Un camiño que os enfrenta co imperialismo, contento ate fai dous anos co status quo no mundo árabe, ao que agora ten que estabilizar.
Enton, a pregunta ten unha contestación, si no mundo árabe, e en Exipto no concreto, ha umha revolución de mil caras, mas unha revolución que enfrenta o status quo que o imperialismo tiña imposto a través dos reximes concretos nesos países e que as masas populares nalgun caso tiraron pola borda.
Mas este é o comezo (a fase de "revolucion politica", onde as masas actúan baixo a dirección de politicos burgueses que buscan un acomodo na nova situacion). Onde esta o final.... a loita de clases, como ben din o artigo, decidira. As fase economica -cando as masas poen sobre a mesa con forza as súas reivindicacions- é na que estamos en Exipto (en Siria ainda non chegaron á primeira fase), e a que provocou a queda do goberno Mursi e o golpe de estado. A terceira fase, a revolución social ainda ten que madurar na conciencia da clase traballadora e o pobo.