A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 10 de febrero de 2015

AS TAREFAS POLÍTICAS RELACIONADAS CA PROLONGADA CAMPAÑA ELECTORAL DO ANO 2015




 Carlos Dafonte

A campaña de “todas as campañas”, así considerada polo volume de eleccións que se van celebrar neste ano e os importantes cambios que  poden producir no panorama político do estado, xa esta en marcha. Como analicei nun anterior artigo, vamos a escoitar por parte de determinados grupos políticos numerosas consignas e formulacións sobre diferentes aspectos, que atinxen á situación política e social, moi variadas e de votalos como nos solicitarán, axiña seremos tod@s felices. Propostas ben argumentadas poucas, consignas moitas, elaboradas en caros gabinetes de especialistas  e todas orientadas para que agraden ós oídos d@s que teñan que votar. Aínda que nunha grande parte sexan mentiras. Ou non se cumpra nada unha vez que se chega ás institucións. Tamén se van producir duros enfrontamentos sobre receitas políticas a aplicar neste momento de grave crise económica, polo que nos poden chegar a parecer que son forzas  políticas moi diferentes, as que se enfrontan nas próximas contendas electorais; o voceiro do PP no Congreso dicía que eles e o PSOE eran forzas antagónicas, utilizando un termo que os marxistas aplicamos á burguesía e o proletariado para definir  aquelas clases sociais que nunca chegarán a acordos;  incluso se intercambiarán insultos entre dirixentes que a partir do día seguinte  de coñecidos os resultados, van a seguir coincidindo en case todas as políticas que tanto dano fan á maioría dos traballadores asalariados e outras clases sociais, nestes tempos de fonda crise, que o capitalismo non consigue remontar. Hai uns días o presidente do Banco Central Europeo anunciaba unha serie de medidas para evitar que a Unión Europea entrara nunha terceira recesión; “darlle á máquina” para poñer a disposición dos máis ricos 1 billón de euros; se ve que a milagrosa recuperación anunciada por Rajoy e o PP da nosa economía, non chega para facer de locomotora da economía europea.

Pero bromas e ironía aparte, todo o calendario electoral deste ano, pode e debe comezar a cambiar en principio o mapa político do estado; outra cousa distinta é que cambie a correlación de forza entre o verdadeiro poder que non se presenta ás eleccións e a capacidade dos traballadores asalariados para combatelo.
O que se atopa en xogo é un devezo que aínda non se converteu nun proceso de masas consciente: a necesidade de senta-los alicerces para poñer fin ó réxime que padecemos dende o ano 1978. Réxime asolado en primeiro lugar, pola corrupción dos dous partidos que ata agora gobernaron; corrupción que nalgúns casos é como a columna vertebral que os percorre desde o cumio dos mesmos, pasando polas súas estruturas orgánicas ata, unha parte importante dos seus cargos representativos.
En segundo polo descrédito da maioría das institucións, comezando pola monarquía, situación que obrigou á dimisión do rei, cuxa continuidade significaba seguir afondando na foxa onde a súa actuación, levara á institución; situación que se agravou ó coñecerse os “negocios” da súa filla e xenro e se reflicte na frialdade con que o pobo acolleu o  relevo polo fillo.
E como pano de fondo, que sobre todos os aspectos da vida cidadá ten influenza, a convicción da grande maioría da sociedade, que as medidas supostamente tomadas para saír da crise na que nos atopamos dende o ano 2007, son contrarias ós intereses dos traballadores asalariados e moi favorables ós intereses dunha minoría privilexiada. Bótanse das súas casas a decenas de miles de familias que non poden paga-la súa hipoteca, fanse reformas laborais que permiten despedir a millóns de traballador en condicións favorables para quen explota a forza de traballo, redúcense os orzamentos en sanidade e ensino pero rescátanse ós bancos cos cartos públicos o que fai que se dispare a débeda pública que despois temos que solucionar con políticas de austeridade, porque o di o artigo 135 da Constitución aprobado con nocturnidade e aleivosía polo PP e o PSOE, o pago da débeda ós especuladores é o prioritario; redúcense os impostos ós máis ric@s e súbense os indirectos, o IVE e outros; non se persigue nin o fraude fiscal nin a economía mergullada ca eficacia posible. Todo o anterior leva á constatación na práctica, de que o estado é un instrumento ó servizo dunha clase social e non o moderador dos diferentes intereses de clase, como nos queren facer crer. Por iso o completo descrédito institucional.
Descrédito que abrangue a todos os partidos e movementos instalados neste réxime, aínda que sexan portadores de propostas políticas moi afastadas do que representan os dous grandes partidos, pero que non souberon, ou non foron capaces de manter unha actitude crítica de quebra co que o réxime significa.
Atopámonos polo tanto nun momento político moi importante, quizais o máis importante, desde que desapareceu a ditadura, onde o poder económico comeza a perde-la súa hexemonía abafante que se traduce na perda electoral dos dous partidos que lle garanten o poder institucional, PP e PSOE; estamos en condicións de seguir afondando na derrota que o bipartidismo sufriu nas eleccións europeas. Cun calendario electoral cuxos resultados poden axudar a poñer atrancos importantes á supervivencia do réxime, comezando polas primeiras, as andaluzas, continuando polas municipais do mes de maio, en Galicia non hai autonómicas, cuxos resultados poden axudar para que nas xerais de varios meses despois o bipartidismo sexa derrotado. Sen esquecer en setembro as autonómicas catalás.
Pero non creo que a derrota do capitalismo e a implantación dun modelo produtivo que non se atope alicerzado na explotación e conseguir beneficio a calquera prezo, se poda facer dende as institucións, aínda que os concellos, como xa teño reflexionado hai un tempo, en mans de sectores sociais e políticos que propicien este cambio, poden axudar como institucións moi ligadas, moi próximas á maioría d@s traballador@s, si claramente combaten para que ese cambio se leve adiante.
Polo tanto hai que facer un esforzo para axudar a elixir Concellos que estean a favor da creba cas políticas espoliadoras neoliberais e o bipartidismo; dispostos a cubri-las necesidades dunha parte importante da sociedade golpeada pola saída imposta á crise económica; capaces de radicaliza-la democracia fronte a actuación cada vez máis autoritaria das administracións do estado; comprometidos ca loita contra a corrupción xeneralizada que impera na maioría dos mesmos; dispostos a recuperar toda unha serie de servizos privatizados, fonte de corruptelas que esquilman os cartos da veciñanza conseguidos a traveso dos impostos e as taxas, por ser máis caros e menos eficientes; Concellos dispostos a rachar co “teito de gasto” e toda outra serie de medidas aprobadas polo Ministerio de Facenda concordantes co Tratado de Estabilidade Orzamentaria da Eurozona que no estado español desenvólvese ca lei 2/2012, que ten entre outros obxectivos, a privatización de servizos, importante sector onde poderosas empresas multinacionais por medios que hai que investigar, conseguen importantes beneficios; comprometidos cos pasos que a sociedade galega leve adiante co obxectivo de abrir un proceso constituínte e a defensa do idioma e a cultura galega. Concellos que chegado o caso e segundo a forza obtida, negaríanse a participar na elección desa institución caciquil e clientelar, a Deputación, que a maioría das organización din querer eliminar do panorama político-institucional, pero que cando chegan ás mesmas reproducen todo o que aseguran combater.
Pero o máis importante neste momento, que condiciona os propios resultados electorais, é seguir avanzando na construción do “dobre poder”, que debe consolidar unha nova hexemonía na sociedade, cuxo xermolo, desde o meu punto de vista, son as chamadas “marchas”, cuxa acción máis importante foi a que se realizou sobre Madrid o 22 de marzo do pasado ano.
Como seguir a construír ese “dobre poder”? Con que proposta?. En primeiro lugar non poñendo atrancos ós procesos unitarios que se podan dar no intre de elaborar candidaturas para o amplo abano de eleccións que temos por diante, en Galicia nas municipais de maio; e para iso necesítase xenerosidade. Comprendendo que o “dobre poder” só se vai construír na loita, pero non só na loita sindical, reivindicando só melloras sociais e salariais, nas loitas por reivindicacións económicas, que son importantes e axudarán  á comprensión da situación por parte de moit@s asalariad@s, senón que dándolle pulo á loita de clases, é dicir á loita social, que todos comprendemos, pero tamén á loita política, disputándolle ó control das institucións ás organizacións que actúan ó servizo do capital; e neste senso a loita por uns concellos democráticos, participativos, de quebra co pasado. E sen esquece-lo terceiro pé, fundamental, a loita ideolóxica, amosando o “dobre poder”, as masas organizadas cun obxectivo político, que as ideas das que é portador son superiores ás de quen hoxe nos oprime, que os seus argumentos para seguir na austeridade non son válidos, que todo o que fan é para beneficiar a unha minoría. E dicir acada-la hexemonía na sociedade.
Os compoñentes que formen parte dese novo bloque histórico serán os movementos sociais, partidos e organizacións políticas, sindicatos e persoas sen afiliación algunha, unidos pola argamasa do programa, que debe ser elaborado, discutido e aprobado por unha grande parte da sociedade; unha especie de declaración de principios que configure unha verdadeira alternativa á actual situación.
Nun período electoral tan prolongado como é o do ano 2015, cando unha parte importante da poboación atópase máis atenta e receptiva ás propostas, é necesario que o programa da alternativa, dese novo bloque histórico, do bloque social que loita pola hexemonía, sexa coñecido na rúa e articule o seu redor tamén a numerosas candidaturas tanto municipais como autonómicas. Pero aínda que todo o anterior se fose concretando, faltaría o mais importante, o que permitiría dar o paso posterior, avanzar cara a un modelo de sociedade distinto do modelo capitalista: a creación do partido revolucionario.

En Galicia no mes de febreiro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario